DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 28 de novembro de 2007 Páx. 18.954

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2007 pola que se convoca o cuarto seminario permanente de seguridade pública que tratará sobre ordenación do territorio e protección do patrimonio histórico e do ambiente: aspectos administrativos, penais e sociais.

Dentro das actividades programadas para o ano 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización, en colaboración coa Universidade da Coruña, do cuarto seminario permanente de seguridade pública, que tratará sobre ordenación do territorio e protección do patrimonio histórico e do ambiente: aspectos administrativos, penais e sociais, e que se deberá desenvolver conforme as seguintes bases:

-Obxectivos xerais do seminario permanente de seguridade pública:

* Coñecer a crecente transcendencia para o sistema social actual das problemáticas relacionadas coa seguridade.

* Ver como os cambios sociais xeran unha multiplicidade de factores obxectivos de risco.

* Analizar cales son os factores ou fenómenos xeradores de inseguridade e as solucións que se achegan desde as institucións e desde os estados.

-Obxectivo específico do cuarto seminario permanente de seguridade pública, sobre ordenación do territorio e protección do patrimonio histórico e do ambiente: aspectos administrativos, penais e sociais:

Realizar un estudo e reflexión sobre a protección da ordenación do territorio en Galicia, de tal forma que se logre unha visión global desta problemática, unha comprensión das normas que a regulan e unha adecuada coordinación das autoridades encargadas de reprimir os comportamentos irregulares neste ámbito.

-Destinatarios: o seminario vai dirixido a persoal técnico das administracións e institucións públicas que teñan relación con esta materia, estudantes universitarios, persoal de seguridade e outros colectivos interesados nesta temática.

-Inscrición e admisión: a inscrición dos participantes será totalmente gratuíta. A admisión realizarase por rigorosa orde de entrada de solicitudes no rexistro do Academia Galega de Seguridade Pública.

-Prazas: 80 prazas.

-Solicitudes:

1. O persoal que desexe participar neste curso cubrirá a instancia que figura no anexo desta publicación, ou na páxina web http://agasp.xunta.es.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 11 de decembro de 2007, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-Datas: o seminario realizarase durante os días 13 e 14 de decembro.

O horario será das 9.30 ás 14.00 horas e pola tarde a partir das 16.30 horas o día 13, e o día 14 das 9.30 ás 14.00 horas, cunha duración de 12 horas lectivas.

-Contido:

1. Urbanismo e ordenación do territorio.

2. A ordenación do territorio en Galicia: competencias e conflitos.

3. Aspectos esenciais de disciplina urbanística.

4. Urbanismo e xurisdición contencioso-administrativa.

5. Urbanismo e xurisdición penal.

6. A construción en solos de especial protección e as edificacións non autorizables en solo non urbanizable.

7. A prevaricación urbanística.

-Relación de admitidos: a relación de admitidos farase publica o día 12 de decembro a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública e na páxina web http://agasp.xunta.es, ou ben poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono: 986 59 02 41.

-Lugar: o seminario desenvolverase na cidade da Coruña, e queda por concretar o seu lugar de realización, que se comunicará previamente xunto coa lista de admitidos.

-Certificado de asistencia: ao remate do seminario entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel.

-Modificacións: a Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do seminario para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 21 de novembro de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "23000D007P014.PDF"