DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 28 de novembro de 2007 Páx. 18.948

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 14 de novembro de 2007 pola que se aproba definitivamente a modificación puntual do Proxecto de ordenación do medio rural, ordenanzas en solo rústico, do concello de Calvos de Randín (Ourense).

O Concello de Calvos de Randín remite o proxecto de modificación puntual referido, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Calvos de Randín dispón na actualidade de POMR aprobado o 27-8-1999 ao abeiro da entón vixente Lei 1/1997, do 24 de marzo, de solo de Galicia

I.2. Antecedentes de tramitación:

-O Concello de Calvos de Randín aprobou inicialmente a modificación o día 29-7-2005, e a someteu a información pública mediante anuncios nos xornais La Región e La Voz de Galicia (o día 6-9-2005) así como no Diario Oficial de Galicia número 207, do 27 de outubro. Ao mesmo tempo déuselle audiencia aos concellos limítrofes de Porqueira, Baltar, Muíños e Os Blancos. Así mesmo solicitáronse informes da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e da Consellería do Medio Rural.

-Segundo consta no expediente administrativo remitido, foron emitidos os seguintes informes de carácter sectorial:

-Informe do 9-9-2005 da delegación provincial da Consellería do Medio Rural.

-Constan no expediente os informes emitidos para os efectos previstos no artigo 85.4º da Lei 9/2002: xurídico do 4-2-2006 e técnico do 2-6-2006.

-A modificación foi aprobada provisionalmente polo concello en sesión plenaria do 11-2-2006.

-O DOG número 193, do 4-10-2007 publica o anuncio do 13-9-2007 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible polo que se fai pública a decisión de non someter a modificación do Proxecto de ordenación do medio rural do concello de Calvos de Randín ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica establecida na Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Con data do 13-11-2007 a Dirección Xeral de Urbanismo eleva un informe-proposta de resolución no que se fan as seguintes consideracións:

II.1.1. A modificación é formulada polo Concello de Calvos de Randín e ten por finalidade a adaptación do artigo 72. Ordenanza 9ª. «De protección de masas e enclaves forestais» e do artigo 74. Ordenanza 11ª. «De conservación e protección de áreas de cultivo de potencialidade produtiva», á Lei 9/2002.

Neste sentido, no artigo 72. Ordenanza 9ª suprímese a prohibición de todo tipo de edificación neste ámbito pola determinación dos usos permitidos e autorizables establecidos nos artigos 33 e 37 da Lei 9/2002; e no artigo 74. Ordenanza 11ª engade aos usos permitidos as edificacións destinadas a uso residencial vinculado a unha explotación agrícola ou gandeira, nas condicións establecidas no artigo 43 da Lei 9/2002, suprimindo entre os usos non permitidos a prohibición de edificación de vivendas en todo o seu ámbito.

II.1.2. O proxecto xustifica o interese público da modificación na mellora da ordenación urbanística vixente mediante a mellora da utilización do solo, favorecendo a instalación de usos agropecuarios no solo rústico e, deste xeito, eliminando progresivamente estes usos dos núcleos rurais. Esta finalidade encaixa dentro das razóns de interese público que debe motivar calquera modificación de conformidade co artigo 94.1º da Lei 9/2002.

II.1.3. O proxecto de modificación puntual axústase ás determinacións da Lei 9/2002, non atopándose inconvenientes para a súa aprobación definitiva.

II.2. De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primerio.-De acordo co punto 5 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual do Proxecto de ordenación do medio rural, ordenanzas en solo rústico -artigo 72. Ordenanza 9ª e artigo 74. Ordenanza 11ª-, do Concello de Calvos de Randín (Ourense).

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-De conformidade co disposto no artigo 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto.-Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2007.

Mª José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes