DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 28 de novembro de 2007 Páx. 18.947

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 221/2007, do 31 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ames, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de travesía en Tarrío.

O Concello de Ames, en sesión do día vinte e sete de outubro de dous mil cinco, aprobou o proxecto de travesía en Tarrío e, na sesión do vinte e un de febreiro de dous mil sete, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

Que ese expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e que contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente foi tratado na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, o proxecto recolle a construción dunha travesía coas correspondentes beirarrúas, redes municipais de abastecemento, de saneamento de augas residuais e de recollida de augas pluviais, debido a que a ausencia destes servizos está a provocar un problema de contaminación do subsolo, xa que existen fosas sépticas que producen unha continua contaminación de augas subterráneas e, por conseguinte, das augas dos pozos destinados ao consumo humano que poden non reunir as garantías hixiénico-sanitarias propias das augas da traída municipal que está suxeita a uns controis públicos e periódicos que permiten garantir que estas son aptas para o consumo humano.

Sinalar ademais que estas obras permitirán solucionar un problema existente de seguridade viaria debido ás escasas dimensións, sobre todo na largura da pista, que supón elevados riscos na circulación poñendo en envidente perigo os vehículos que transitan pola vía e os propios viandantes pola inexistencia de beirarrúas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de outubro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ames, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de travesía en Tarrío, que debe, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza