DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Martes, 27 de novembro de 2007 Páx. 18.827

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución.

A publicación do Real decreto 289/2003, do 7 de marzo, sobre comercialización dos materiais forestais de reprodución, incorpora á nosa lexislación nacional a Directiva 1999/105/CE do Consello, do 22 de decembro de 1999, sobre a comercialización dos materiais forestais de reprodución que refunde e actualiza a normativa anterior para o efecto.

O punto 4º do artigo 12 do Real decreto 289/2003, establece que o órgano competente da respectiva comunidade autónoma deberá garantir, mediante un sistema de control oficial, que os materiais de reprodución procedentes de unidades de admisión individuais ou de lotes sexan claramente identificables durante todo o proceso desde a recolleita ata a entrega á persoa consumidora final. O dito sistema será comunicado á Dirección Xeral de Agricultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Pola súa banda, o artigo 39 da Lei 30/2006, do 26 de xullo, de sementes e plantas de viveiro e de recursos fitoxenéticos, indica que o proceso de produción e precintaxe de sementes e plantas de viveiro estará sometido a un control oficial para determinar se o material vexetal cumpre cos requisitos establecidos para cada categoría, que será levado a cabo directamente polas comunidades autónomas segundo a normativa vixente. O control oficial faino extensivo á comercialización e actividade das persoas provedoras.

Deste xeito a finalidade deste decreto é a creación dun sistema de control oficial, conforme a normativa existente no Estado español e Unión Europea, que permita asegurar que os materiais forestais de reprodución que se van empregar en silvicultura sexan fenotípica e xeneticamente de calidade, e se axeitan ás condicións do medio no que se emprega; así como, garantir ao longo dos procesos de produción e comercialización a identificación dos materiais forestais de reprodución.

En consecuencia, e no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e mais pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, e demais normativa concordante, de acordo co ditame do Consello Consultivo, por proposta da Consellería do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de novembro dous mil sete,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e fin.

1. O obxecto deste decreto é a creación e regulación do sistema oficial para o control da produción con finalidades de comercialización dos materiais forestais de reprodución e da súa comercialización.

2. A finalidade da creación do devandito sistema é dar garantías suficientes, tanto ás persoas intermediarias, como ás persoas destinatarias finais dos materiais forestais de reprodución, que a identificación destes se manteña ao longo dos procesos de produción e de comercialización, así como que a súa calidade responda a criterios legalmente establecidos.

3. Para a súa consecución establécense unha serie de normas e unha organización administrativa que asegure a trazabilidade ao longo de todo o proceso. Supletoriamente a esta norma aplicarase o Real decreto 289/2003, do 7 de marzo, sobre comercialización dos materiais forestais de reprodución.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. O sistema oficial para o control da produción con fins de comercialización e da comercialización establécese para os materiais forestais de reprodución das especies forestais e dos seus híbridos que figuran no anexo I deste decreto, conforme o establecido nos anexos I e XII do Real decreto 289/2003, do 7 de marzo.

2. O sistema oficial de control non se aplicará aos materiais forestais de reprodución que sexan destinados a terceiros países que non sexan membros da Unión Europea, ou que sexan destinados a un uso distinto ao forestal.

Artigo 3º.-Definicións.

1. Para os efectos deste decreto, defínense os seguintes termos:

1.1. Materiais forestais de reprodución: os froitos, sementes, partes de plantas e plantas que se utilizan para a multiplicación das especies forestais e dos seus híbridos artificiais.

1.2. Materiais de base para a produción de material forestal de reprodución: fonte de semente, mouteira, horto de semente, proxenitor de familia, clon e mestura de clons.

1.3. Unidade de admisión autorizada: cada unha das entradas de materiais de base no Rexistro galego de materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución, así como no Rexistro nacional de materiais de base.

1.4. Produción: o conxunto de operacións encamiñadas á transformación dos froitos en semente, á multiplicación e acondicionamento das sementes, partes de plantas e plantas para efectuar sementeiras ou plantacións.

1.5. Comercialización: a venda, a exposición con vistas á venda, a oferta de venda e toda cesión, entrega ou transmisión con fins de explotación comercial do material forestal de reprodución, incluída calquera persoa consumidora, a título oneroso ou non.

1.6. Persoa provedora: toda persoa, física ou xurídica, que exerza profesionalmente en relación cos materiais forestais de reprodución algunhas das seguintes actividades: xestión de campos de plantas nai para a obtención de materiais forestais de reprodución, recolleita, extracción e acondicionamento de sementes, produción, almacenaxe, importación e comercialización ou posta no mercado.

1.7. Campo de plantas nai: a instalación de materiais forestais de reprodución obtidos a partir dunha unidade de admisión autorizada coa finalidade de aumentar o número total de materiais forestais de reprodución aplicando técnicas de multiplicación vexetativa. Pode incluír materiais producidos a partir de sementes de colleitas diferentes.

1.8. Certificado patrón: o documento que ten como finalidade a identificación dos materiais forestais de reprodución procedentes dunha unidade de admisión autorizada.

2. As definicións contidas neste artigo estenderanse completadas coas previstas no artigo 2 do Real decreto 289/2003, do 7 de marzo.

CAPÍTULO II

Sistema oficial de control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución

Artigo 4º.-Actividades de produción e comercialización obxecto de control.

Co fin de articular os instrumentos de control cos procesos de produción e de comercialización distinguiranse as seguintes actividades:

a) Recolleita de froitos, sementes, plantas e partes de plantas.

b) Extracción e acondicionamento de sementes.

c) Xestión de campos de plantas nai para a obtención de materiais forestais de reprodución.

d) Produción de planta.

e) Comercialización de froitos e sementes, partes de planta e plantas.

Artigo 5º.-Principios do sistema de control.

1. Ao longo de todo o proceso de produción, desde a recolleita ata a entrega á persoa usuaria final, os lotes de materiais forestais de reprodución estarán identificados e separados, incluíndo en todo caso unha etiqueta con referencia á unidade de admisión autorizada.

2. Os materiais forestais de reprodución producidos e comercializados deberán proceder exclusivamente de unidades de admisión autorizadas, agás no caso de dificultades da subministración e importación de países terceiros que se atenderá ao disposto nos artigos 14 e 15 respectivamente do Real decreto 289/2003, do 7 de marzo.

Artigo 6º.-Instrumentos do sistema de control.

Son instrumentos do sistema oficial para o control da produción con vistas á comercialización e da comercialización dos materiais forestais de reprodución os seguintes:

a) Rexistro galego de materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución creado por Decreto135/2004, do 17 de xuño.

b) Rexistro oficial de persoas provedoras de materiais forestais de reprodución de Galicia.

c) Relación auxiliar de persoas provedoras de materiais forestais de reprodución non domiciliados en Galicia.

d) Rexistro de campos de plantas nai de Galicia.

e) Certificados patrón e referencias a estes durante todo o proceso de produción e de comercialización.

f) Documentos de control da produción:

1. Notificacións de recolleita de froitos, sementes e partes de plantas.

2. Notificacións de extracción e acondicionamento de sementes.

3. Notificacións de produción de planta e de mestura de lotes.

g) Documentos de control da comercialización:

1. Etiquetas e documentos da persoa provedora.

2. Libros de rexistro dos movementos dos materiais forestais de reprodución.

3. Declaracións anuais relativas aos procesos de produción e comercialización.

4. Análise da calidade exterior de sementes.

5. Avaliación da calidade exterior das partes de plantas e plantas.

CAPÍTULO III

Persoas provedoras de material forestal de reprodución

Artigo 7º.-Clasificación das persoas provedoras.

Atendendo á actividade principal que desenvolvan as persoas provedoras, para os efectos deste decreto, clasifícanse en:

a) Persoa produtora: toda persoa, física ou xurídica, que realiza a actividade de produción e pode desenvolver, ademais, calquera das sinaladas para as demais persoas provedoras.

b) Comerciante: toda persoa, física ou xurídica, que realiza as actividades de importación, almacenaxe, comercialización ou posta no mercado.

Artigo 8º.-Rexistro de persoas provedoras.

1. Créase o Rexistro oficial de persoas provedoras de materiais forestais de reprodución de Galicia coa finalidade de que estean inscritas todas as persoas provedoras de materiais forestais de reprodución que teñan o seu domicilio en Galicia ou fóra de Galicia pero con instalacións fixas nela, conforme o establecido no artigo 12.1º do Real decreto 289/2003, do 7 de marzo.

2. Dentro do Rexistro oficial créase a sección denominada Relación auxiliar de persoas provedoras de materiais forestais de reprodución non domiciliadas en Galicia, coa finalidade de que se inscriban todas as persoas provedoras de materiais forestais de reprodución con instalacións fixas en Galicia e domicilio noutra ou noutras comunidades autónomas.

3. Todas as persoas provedoras de materiais forestais de reprodución con domicilio en Galicia ou fóra de Galicia pero con instalacións fixas nela, deberán estar autorizadas pola dirección xeral competente en materia forestal e rexistradas oficialmente por esta no Rexistro oficial de persoas provedoras de materiais forestais de reprodución de Galicia.

Artigo 9º.-Solicitude de inscrición no rexistro.

1. Toda persoa provedora deberá comunicar á dirección xeral competente en materia forestal o exercicio da súa actividade para os efectos da súa inscrición no Rexistro oficial de persoas provedoras de materiais forestais de reprodución segundo a solicitude que figura no anexo II: Inscrición no Rexistro oficial de persoas provedoras de material forestal de reprodución.

2. Na solicitude a persoa provedora deberá indicar cales son as actividades que desenvolve ou se propón desenvolver e cales son as instalacións que se destinan a estas, sexa en Galicia ou noutra comunidade autónoma. Xunto á solicitude, a persoa provedora deberá achegar unha memoria asinada por unha persoa titulada universitaria forestal, na que se describan as actividades consonte a clasificación e separación por actividades disposto no artigo 4º deste decreto, así como o tipo de instalacións.

3. Toda persoa provedora con domicilio noutra ou noutras comunidades autónomas deberá comunicar á dirección xeral competente en materia forestal cales son as instalacións fixas que ten ou se propón realizar en Galicia, así como as actividades que desenvolve ou se propón desenvolver, de acordo co anexo II deste decreto. Xunto á solicitude de inscrición, a persoa provedora deberá achegar unha memoria descritiva conforme o establecido no parágrafo anterior.

Artigo 10º.-Autorización e resolución.

1. A dirección xeral competente en materia forestal, unha vez revisada a documentación presentada pola persoa provedora, resolverá a súa autorización e procederá á súa inscrición de oficio no dito rexistro, adxudicándolle unha identificación alfanumérica composta das letras maiúsculas ES e GA separadas entre si por un punto e un número asignado correlativamente a partir do 0001 pola orde de inscrición.

2. Se o devandito órgano non emite resolución expresa sobre a solicitude de inscrición no prazo de 30 días naturais, esta entenderase estimada por silencio administrativo, logo de comprobación da realización do ingreso da taxa correspondente.

3. A dirección xeral competente en materia forestal comunicaralle á Dirección Xeral de Agricultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, conforme o establecido no artigo 12.1º do Real decreto 289/2003, a relación de persoas provedoras inscritas para os efectos da súa inclusión no Rexistro nacional de provedores de materiais forestais de reprodución.

4. Calquera alteración nos datos da persoa provedora e das súas instalacións que deban trasladarse á inscrición inicial do Rexistro oficial de persoas provedoras de materiais forestais de reprodución de Galicia ou da Relación auxiliar de persoas provedoras de materiais forestais de reprodución non domiciliadas en Galicia deberá ser comunicada pola persoa provedora titular á dirección xeral competente en materia forestal, segundo a solicitude de modificación que figura no anexo II deste decreto. Do mesmo xeito, as modificacións que se produzan, de ser o caso, serán comunicadas por esta dirección xeral á Dirección Xeral de Agricultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Artigo 11º.-Obrigas.

1. As persoas provedoras responsables das actividades sinaladas no artigo 4º, estarán obrigadas a:

a) Notificar a recollida e a produción de materiais forestais de reprodución.

b) Notificar o establecemento de campos de plantas nai.

c) Utilizar os documentos de identificación e de acompañamento regulamentariamente establecidos.

d) Manter libros de rexistro de movementos de materiais forestais de reprodución.

e) Efectuar declaracións anuais de cantidades producidas e comercializadas de materiais forestais de reprodución.

2. As persoas provedoras de material forestal de reprodución estarán obrigadas a prestar toda a súa colaboración ao persoal designado pola dirección xeral competente en materia forestal, para permitir a realización dos controis e inspeccións oficiais requiridas pola normativa vixente, tanto nas zonas de recollida e instalacións, como respecto dos libros de rexistro e a documentación de control da produción e da comercialización.

CAPÍTULO IV

Campos de plantas nai

Artigo 12º.-Rexistro de campos de plantas nai.

1. Créase o Rexistro de campos de plantas nai de Galicia para os efectos de que se inscriban nel os campos de plantas nai de Galicia conforme o establecido no artigo 12.3º do Real decreto 289/2003, do 7 de marzo.

2. O material forestal de reprodución que se utilice no establecemento dun campo de plantas nai debe corresponder cun material de base autorizado que figure no Rexistro galego de materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución, así como no Rexistro nacional de materiais de base; e deberá estar amparado polo certificado patrón, documento da persoa provedora e etiquetas correspondentes, segundo o caso.

Artigo 13º.-Procedemento de inscrición.

1. Toda persoa provedora que se propoña o establecemento ou, se é o caso, variación dun campo de plantas nai para a produción de material forestal de reprodución a partir dun material de base do tipo clon, mestura de clons ou semente das categorías selecionada, cualificada e controlada, deberá comunicalo, cunha antelación mínima de quince días hábiles á dirección xeral competente en materia forestal, segundo a solicitude que figura no anexo III: Inscrición no Rexistro de campos de plantas nai de Galicia, ao fin de proceder á súa autorización.

2. Xunto á comunicación achegarase un plano xeral de situación do terreo, un plano coa situación das plantas nai a escala suficiente para identificar cada planta e permitir a súa numeración, unha relación numerada das plantas nai para implantar con identificación individualizada do seu material de base, así como un programa produtivo ou de traballo da instalación.

3. Sempre que se pretenda obter material de reprodución forestal para realizar unha propagación vexetativa ulterior, a persoa provedora deberá notificalo por escrito á dirección xeral competente en materia forestal cunha antelación mínima de quince días e facilitando a información que figura no anexo IV deste decreto: notificación de obtención de material de reprodución forestal para propagación vexetativa ulterior.

4. Concluída a implantación, a persoa titular porao en coñecemento da dirección xeral competente en materia forestal que procederá a realizar a comprobación sobre o terreo conforme a documentación presentada, e a emitir a acta correspondente.

Artigo 14º.-Requisitos na instalación de campos de plantas nai a partir de clons ou mestura de clons.

No caso da instalación de campos de plantas nai nos que os materiais forestais a reproducir vexetativamente procedan de materiais de base autorizados do tipo clon ou mestura de clons:

1. O material de reprodución poderá ser instalado directamente no campo de plantas nai ou ben previamente reproducilo vexetativamente nunha instalación auxiliar. En ambos os casos o material forestal deberá vir acompañado do certificado patrón coas etiquetas correspondentes. No caso de ser reproducido, o novo material de reprodución deberá ser obxecto dun novo certificado patrón.

2. Os campos de plantas nai implantaranse con separación física e identificación de cada grupo de plantas que pertenzan, se é o caso, ao mesmo clon.

3. O número de esgallos que se poderán producir anualmente de cada cepa ou planta nai, isto é, a taxa de multiplicación anual de cada planta nai será ilimitada; pola súa banda, o número de recepes que se poderán realizar en cada planta nai será establecido para cada clon pola norma técnica correspondente.

Artigo 15º.-Requisitos na instalación de campos de plantas nai a partir de semente.

No caso da instalación de campos de plantas nai nos que os materiais forestais para reproducir vexetativamente procedan de semente de materiais de base autorizado do tipo mouteiras, excluídas aquelas que dean lugar a material identificado, hortos de semente ou proxenitores de familia:

1. Todo o material de base para iniciar o proceso de reprodución deberá ser recibido da persoa provedora acompañado do certificado patrón coas etiquetas correspondentes. Coa planta obtida a partir da semente, ben directamente ou logo de multiplicación vexetativa, a persoa provedora poderá establecer o campo de plantas nai. En caso de utilizar no seu establecemento partes de planta, a persoa provedora deberá obter previamente para elas un novo certificado patrón.

2. As características da base xenética do campo de plantas nai, isto é, o número mínimo de xenotipos, as fases de multiplicación vexetativa a partir do material obtido de sementes, a taxa máxima de multiplicación de cada xenotipo de partida; así como o número máximo de anos de validez do campo de plantas nai dado polo número máximo de períodos vexetativos, a garantía de renovación da base xenética dos materiais multiplicados, e demais características de produción do campo de plantas nai serán establecidos para cada especie ou subespecie pola norma técnica correspondente.

Artigo 16º.-Resolución do procedemento.

1. A dirección xeral competente en materia forestal resolverá a autorización das solicitudes de campo de plantas nai e procederá, de ser o caso, á súa inscrición de oficio no Rexistro de campos de plantas nai de Galicia, e no que figurará a documentación achegada pola persoa titular e a acta correspondente.

2. Se o devandito órgano non emitise resolución expresa sobre a solicitude de inscrición no prazo de 30 días naturais, esta entenderase estimada por silencio administrativo, logo de comprobación da realización do ingreso da taxa correspondente.

3. Unha vez inscrito a nivel autonómico, a dirección xeral competente en materia forestal comunicarallo á Dirección Xeral de Conservación da Natureza do Ministerio de Medio Ambiente para a súa inclusión na listaxe de campos de plantas nai do Rexistro nacional de materiais de base.

4. Calquera alteración nos datos do campo de plantas nai deberá ser comunicada, segundo a solicitude de modificación que figura no anexo III deste decreto, pola persoa provedora titular á dirección xeral competente en materia forestal. Do mesmo xeito, as modificacións que se produzan, se é o caso, serán comunicadas por esta á Dirección Xeral de Conservación da Natureza do Ministerio de Medio Ambiente.

Artigo 17º.-Obrigas.

As persoas titulares de materiais de base e as persoas xestores de campos de plantas nais deberán mantelos nun estado silvícola e sanitario axeitado para conservar as condicións que propiciaron a súa autorización ou recoñecemento.

CAPÍTULO V

Certificados patrón

Artigo 18º.-Expedición de certificados patrón.

1. A expedición de certificados patrón realizarase con base a unha solicitude para:

a) Recolleita de materiais forestais de reprodución procedentes dun material de base admitido.

b) Mestura de lotes de materiais forestais de reprodución.

c) Obtención de material de reprodución para propagación vexetativa ulterior.

2. A emisión dos certificados patrón será realizada por persoal designado pola dirección xeral competente en materia forestal.

3. O persoal designado para realizar a emisión de certificados patrón poderá realizar cantas inspeccións estime necesarias durante os traballos de recollida e ao longo do proceso de produción e de comercialización dos materiais forestais de reprodución; as inspeccións poderá realizalas tanto en campo como nas instalacións das persoas provedoras.

Artigo 19º.-Rexistro.

1. Créase un rexistro central único no que quedarán inscritos todos os certificados patrón emitidos pola dirección xeral competente en materia forestal.

2. Os certificados patrón terán unha identificación alfanumérica única e correlativa para todo o territorio de Galicia. A identificación alfanumérica consistirá en:

-O número 34, correspondente ao código de España.

-Un guión (-).

-As letras GA (maiúsculas), correspondentes ás dúas letras iniciais de Galicia.

-Unha barra inclinada (/).

-Catro números, sendo o 0001 o que corresponde ao primeiro certificado patrón que se emita para o ano en curso.

-Unha nova barra inclinada (/).

-O ano en curso.

CAPÍTULO VI

Control da produción dos materiais forestais de reprodución

Artigo 20º.-Control de recolleita de froitos, sementes, plantas e partes de plantas.

1. Toda persoa provedora que proceda á recolleita de froitos, sementes, plantas ou partes de plantas de material de base autorizado deberá notificalo por escrito cun mínimo de quince días hábiles de antelación á dirección xeral competente en materia forestal segundo o documento que figura no anexo V (1) deste decreto: notificación previa de recolleita de froitos, sementes, plantas e partes de plantas.

2. Se a notificación se referise a materiais de base non autorizados, a dirección xeral competente en materia forestal comunicará á persoa interesada tal circunstancia antes da data prevista para o inicio da recolleita.

3. Á vista da notificación recibida, a dirección xeral competente en materia forestal establecerá, se é o caso, as condicións técnicas que hai que seguir durante a recolleita.

4. Finalizada a recolleita notificarase por escrito, á dirección xeral competente en materia forestal, a cantidade de material forestal de reprodución recollido segundo o documento que figura no anexo V (2) deste decreto: notificación posterior á recolleita de froitos, sementes, plantas e partes de plantas.

No caso de recoller partes de planta procedentes dun campo de plantas nai, poderá considerarse como recollida a cantidade comunicada na notificación previa, sempre que fose comprobado con anterioridade o seu aforo polo persoal designado pola dirección xeral competente en materia forestal; non sendo preciso, deste xeito, presentar o anexo V (2).

5. A dirección xeral competente en materia forestal, a través do persoal designado para iso, unha vez comprobado que o lote de material forestal de reprodución procede dun material de base admitido, emitirá nun prazo de dez días hábiles o oportuno certificado patrón.

Artigo 21º.-Control da extracción e acondicionamento de sementes.

1. Toda persoa provedora que se propoña extraer ou acondicionar sementes deberá notificar cun mínimo de cinco días hábiles de antelación á dirección xeral competente en materia forestal a intención de proceder á realización de devanditas actividades segundo o documento que figura no anexo VI (1) deste decreto: Notificación previa á extracción e acondicionamento de sementes.

2. Unha vez finalizados os procesos de extracción e de acondicionamento, a persoa provedora deberá informar por escrito á dirección xeral competente en materia forestal sobre a cantidade de materiais forestais de reprodución obtida segundo o documento que figura no anexo VI (2) deste decreto: notificación posterior á extracción ou acondicionamento de sementes.

Artigo 22º.-Control da produción de planta.

1. Toda persoa provedora que se propoña producir planta para a súa comercialización, deberá notificar con quince días hábiles de antelación, á dirección xeral competente en materia forestal, as características do sementado ou da propagación vexetativa que vai realizar para a produción de planta, segundo lotes consonte co documento de notificación que figura no anexo VII deste decreto: declaración de sementado/propagación vexetativa.

A persoa provedora poderá introducir cantas modificacións estime oportunas respecto ao declarado inicialmente, debendo comunicalo do mesmo xeito que o establecido no parágrafo anterior, introducindo no anexo VII os datos da modificación.

2. Unha vez finalizado o cultivo e antes da súa comercialización, a persoa provedora deberá informar por escrito á dirección xeral competente en materia forestal sobre a cantidade de planta obtida segundo o documento que figura no anexo VIII deste decreto: notificación de produción de planta.

3. Unha vez producida a planta, o persoal designado poderá efectuar os controis pertinentes co fin de garantir que a planta que se vaia comercializar reúne os requisitos establecidos no anexo VII do Real decreto 289/2003.

Artigo 23º.-Control na mestura de lotes.

1. No caso de que se pretenda realizar unha mestura de lotes conforme ao establecido no artigo 8.5º do Real decreto 289/2003, a persoa provedora deberá notificalo cun mínimo de quince días de antelación e por escrito á dirección xeral competente en materia forestal segundo o documento que figura no anexo IX deste decreto: notificación de mestura de lotes.

2. A dirección xeral competente en materia forestal, logo do control de que as referencias do rexistro dos compoñentes da mestura son identificables, emitirá á maior brevidade un novo certificado patrón correspondente ao lote resultante.

CAPÍTULO VII

Control da comercialización dos materiais forestais de reprodución

Artigo 24º.-Precintado, etiquetado e envasado dos materiais forestais de reprodución.

1. Os materiais de reprodución unicamente poderán comercializarse en lotes que cumpran o disposto no artigo 9 do Real decreto 289/2003, e vaian acompañados dunha etiqueta e dun documento da persoa provedora, documentos que conterán, polo menos, os datos que figuran no anexo IX do citado real decreto.

2. O precintado e o etiquetado dos materiais forestais de reprodución axustaranse ao disposto no artigo 10 do mencionado real decreto e ao artigo 31 da Lei 30/2006, do 26 de xullo, de sementes e plantas de viveiro e de recursos fitoxenéticos.

3. O envasado de froitos e sementes axustarase ao disposto no artigo 11 do Real decreto 289/2003.

4. No caso de que por seguridade sexan empregadas dúas etiquetas por cada envase, unha situada no interior e outra no exterior, ambas etiquetas terán a mesma numeración.

Artigo 25º.-Libros de rexistro.

1. Toda persoa provedora deberá levar un libro de rexistro, en papel ou en soporte informático, no que por lotes se reflectirán, para todo material forestal de reprodución que se adquira, produza e comercialice, de forma cronolóxica e separando as altas e baixas dos materiais, o contido que se recolle no anexo X deste decreto: libro de rexistro.

2. No libro de rexistro anotaranse tanto as persoas subministradoras como as persoas destinatarias dos materiais. Así mesmo, deberanse conservar os certificados ou documentos que acrediten a orixe dos lotes retidos e comercializados.

3. Para cada lote cabe distinguir, sen carácter de exclusividade, atendendo ao tipo de material forestal de reprodución, con indicación, se é o caso, do número de documento acreditativo correspondente, os movementos que se indican no anexo X deste decreto.

4. Farase constar cando un lote sexa creado mediante mestura doutros xa preexistentes, de conformidade coas condicións establecidas no artigo 9.3º do Real decreto 289/2003. Referenciaranse os lotes de que procede e o certificado patrón expedido para o efecto.

5. No caso das persoas produtoras de planta, os apuntes no libro de rexistro deben incluír, ademais dos movementos relativos ás plantas, os correspondentes a sementes e partes de planta, de forma que sexa posible seguir a trazabilidade e a verificación dos remanentes dos lotes de material forestal de reprodución existentes no viveiro.

Artigo 26º.-Declaración anual.

1. Toda persoa provedora deberá efectuar unha declaración anual referente ás cantidades producidas e comercializadas dos materiais forestais de reprodución, por especies e categorías, durante o ano anterior. A declaración anual será remitida pola persoa provedora á dirección xeral competente en materia forestal no último trimestre do ano, consonte co establecido no anexo XI deste decreto: Declaración anual de materiais forestais de reprodución.

2. No primeiro semestre de cada ano, a dirección xeral competente en materia forestal remitirá á Dirección Xeral de Agricultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, un resumo das citadas declaracións, relativas á campaña anterior.

3. Co fin de evitar duplicidade no dato de produción, non se declararán simultaneamente a cantidade recollida de froito e a cantidade correspondente de semente extraída e acondicionada. No caso de dispoñer de ambos os datos dentro do período considerado, declararase con carácter preferente a semente.

Artigo 27º.-Control da calidade exterior das sementes.

1. Cando se comercialicen sementes forestais, a persoa provedora deberá precisar no documento de acompañamento os datos analíticos que se indican no artigo 10.2º Real decreto 289/2003, os cales deben ser avaliados, na medida do posible, mediante técnicas internacionalmente recoñecidas.

2. As sementes comercializadas deben cumprir, ademais, cos requisitos que establece o anexo VII do real decreto antes citado en canto á pureza específica e ao estado sanitario.

3. A toma e preparación de mostras e a realización das análises deben ser realizadas por conta da persoa provedora, ben cos seus propios medios ou co concurso de laboratorios de análises de sementes. Todas as análises de sementes deben estar supervisadas por unha persoa titulada universitaria forestal, que subscribirá, se é o caso, os resultados destas.

4. A persoa provedora responsabilízase da veracidade dos datos achegados na documentación que acompaña á semente comercializada. Pola súa banda, a dirección xeral competente en materia forestal poderá comprobar, mediante análise contraditoria e logo da obtención dunha mostra oficial, a autenticidade dos datos asignados a un lote.

5. As análises contraditorias poderán realizarse nun laboratorio da Administración ou nun laboratorio independente designado por esta. A mostra obtida previamente, en presencia da persoa provedora ou da persoa representante, dividirase en tres partes: unha para a persoa provedora e dúas para a Administración. Destas dúas últimas, unha utilizarase para realizar as probas oficiais de control e a outra será conservada por ela. Tanto a mostra que se queda a persoa provedora como a segunda que queda na Administración manteranse en condicións óptimas ante a posibilidade de que se produza unha reclamación sobre os resultados obtidos.

6. Tras a comunicación á persoa provedora dos resultados obtidos das análises contraditorias, esta poderá presentar as reclamacións que considere oportunas nun prazo non superior a dous meses naturais, achegando, se é caso, os medios de proba oportunos.

De non terse presentada a reclamación en tempo, as mostras conservadas pola Administración poderán ser destruídas. Transcorrido o prazo ou, se é o caso, presentadas as reclamacións pertinentes, a dirección xeral competente en materia forestal resolverá. Se o devandito órgano non emitise resolución expresa no prazo de 30 días naturais, as reclamacións entenderanse estimadas por silencio administrativo.

Artigo 28º.-Control da calidade exterior das plantas.

1. As plantas que se comercialicen en todo o territorio da comunidade autónoma cumprirán cos requisitos aplicables para as plantas comercializadas en rexións de clima mediterráneo, reguladas no anexo VII, parte E do Real decreto 289/2003, do 7 de marzo, agás as seguintes salvidades:

a) Poderanse superar as alturas máximas establecidas, sempre que non se supere o índice de esvelteza máximo das dimensións establecidas no anexo VII, parte E do Real decreto 289/2003, e que o equilibrio entre a parte aérea e a radical sexa o axeitado.

b) No caso das coníferas deberanse utilizar contedores de máis de 120 cc, agás que sexan rexilados, podéndose nestes casos utilizar volumes ata 100 cc. Para estes efectos entenderase por contedor rexilado o que teña unha porcentaxe de superficie lateral aberta de polo menos o 20% do total da superfice lateral do alvéolo, unha lonxitude de superficie lateral pechada de non máis de 2 cm e acanaladuras interiores para evitar o reviramento das raíces.

c) O volume mínimo do contedor para betuláceas será de 200 cc, sendo para o resto de frondosas de 300 cc.

2. Só se poderán comercializar aqueles lotes de plantas nos que o 95% destas sexa de calidade cabal e comercial. A tal respecto a calidade cabal e comercial determinarase, de acordo a criterios de conformación exterior da planta e do seu estado sanitario, así como, se é o caso, a criterios de idade e de dimensións.

3. O control da calidade exterior da planta será efectuado por mostraxe de lotes polo método denominado Mostraxe progresiva. O dito método normalízase no anexo XII deste decreto.

4. A toma de mostras e a avaliación da planta mostrexada farase en presenza da persoa provedora ou da persoa representante, e segundo o tipo de planta:

a) Planta a raíz núa, a toma de mostras poderase levar a cabo, por petición da persoa produtora, en pé antes da súa arrinca ou unha vez arrincada e acondicionada xa para a súa expedición.

b) Planta en testo, a toma de mostras realizarase cando os lotes xa estean preparados para a venda.

Mentres non se aprobe a norma técnica correspondente, o persoal funcionario facultado realizará o control da calidade exterior en razón da especie, a modalidade de cultivo, se é o caso, as características do testo, da estación vexetativa, da forma de conservación e da idade da planta.

5. Logo da comunicación á persoa provedora dos resultados obtidos da mostraxe, esta poderá presentar as reclamacións que considere oportunas nun prazo non superior a dous meses naturais, achegando, se é o caso, os medios de proba pertinentes. Transcorrido o prazo ou, se é o caso, presentadas as reclamacións pertinentes, a dirección xeral competente en materia forestal resolverá. Se o devandito órgano non emitise resolución expresa no prazo de 30 días naturais, as reclamacións entenderanse estimadas por silencio administrativo.

6. No caso de planta adquirida fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a partida a implantar deberá ir provista da etiqueta e da documentación da persoa provedora, segundo o disposto no artigo 10.1º e 10.2º do Real decreto 289/2003.

Artigo 29º.-Control da calidade exterior das partes de plantas.

1. Só se poderán comercializar aqueles lotes de partes de plantas nos que o 95% das mesmas sexan de calidade cabal e comercial. A calidade cabal e comercial determinarase, de acordo ao establecido no anexo VII, parte B do Real decreto 289/2003, segundo características xerais, estado sanitario e criterios de tamaño.

2. O sistema de control da calidade exterior das partes de plantas efectuarase por mostraxe, do mesmo xeito que o establecido no artigo 28.3º deste decreto.

3. No caso de estaquiñas e varetas de Populus spp. cumpriranse os requisitos establecidos no anexo VII, parte C do Real decreto 289/2003. Para partes de planta de especies distintas a Populus spp. estarase, en canto a criterios de calidade, ao que dispoña a norma técnica correspondente.

CAPÍTULO VIII

Réxime sancionador

No caso de incumprimento das disposicións establecidas neste decreto será de aplicación o réxime sancionador previsto na Lei 30/2006, do 26 de xullo, de sementes e plantas de viveiro e de recursos fitoxenéticos e no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria.

Disposición transitoria

Única.

As persoas provedoras de material forestal de reprodución adaptaranse ao disposto neste decreto no prazo de oito meses desde a súa entrada en vigor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para ditar cantas disposicións coide necesarias en desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Muxía, quince de novembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Ambiente

Ver referencia pdf "22900D001P007.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA