DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Luns, 26 de novembro de 2007 Páx. 18.776

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 7 de novembro de 2007 pola que se establecen as bases e se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións para o cofinanciamento de proxectos de promoción de estilos de vida saudables nos concellos de Galicia.

En Galicia, o incremento da prevalencia das enfermidades crónicas relacionadas cos estilos de vida como a diabete, a obesidade, as patoloxías cardiovasculares, e algúns tipos de cancros de alta prevalencia, fai necesario o deseño de estratexias de prevención e promoción da saúde orientadas á protección da saúde fronte ao tabaco, ao fomento da alimentación equilibrada, e á práctica regular de actividade física para a mellora da saúde. Nestas estratexias faise imprescindible a participación e implicación activa da comunidade e a súa capacidade de xeración e modificación dos espazos socioculturais onde viven e aprenden os individuos, para que poidan contribuír de xeito significativo a inverter as tendencias epidemiolóxicas e niveis de risco para a saúde propios dos nosos días.

Recoñecendo o importante papel que poden xogar os concellos na promoción e protección da saúde da súa cidadanía, de acordo cos obxectivos estratéxicos da Rede Europea de Cidades e Municipios Saudables, esta orde pretende fomentar políticas municipais promotoras da saúde, que impulsen a participación comunitaria, promovan ambientes onde sexa máis fácil practicar comportamentos e estilos de vida saudables, e creen estruturas funcionais que poidan dar continuidade ás liñas estratéxicas establecidas nos programas de promoción da vida sen tabaco e de actividades saudables, exercicio e alimentación (PASEA), da Consellería de Sanidade, que faciliten o logro de obxectivos do Plan de Saúde de Galicia 2006-2010, que recolle as políticas públicas de saúde do Goberno de Galicia.

Polo exposto, e con suxeción ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo coas facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a concesión de subvencións aos concellos de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para o cofinanciamento do desenvolvemento de proxectos de promoción de estilos de vida saudables en consonancia coas áreas de actuación prioritarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, incluídas no Plan de Saúde de Galicia: promoción da vida sen tabaco, alcohol e outras drogas; dunha alimentación equilibrada, e da práctica frecuente de actividade física en todas as idades, de acordo coas bases reguladoras que se especifican nesta orde.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Os destinatarios das subvencións para o cofinanciamento de proxectos son calquera concello ou agrupación de concellos de Galicia, que cumpran cos requisitos establecidos no artigo seguinte. A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada concello. No caso de que varios concellos se presenten agrupados ou mancomunados para realizar un único proxecto común, asignarase unha única subvención para este, e dividirase de forma simple o importe da subvención entre os concellos compoñentes da agrupación. Ademais, nomearase entre os concellos integrantes un representante único do proxecto conxunto que actuará como interlocutor coa Consellería de Sanidade.

Artigo 3º.-Condicións.

Serán requisitos indispensables para solicitar unha subvención para o cofinanciamento de proxectos municipais de promoción da saúde:

3.1. A creación formal dunha unidade Concello Saudable, entendéndose esta, como un equipo humano constituído polo menos por dous profesionais: un deles deberá contar con formación académica universitaria específica en Actividade Física, que actuará como coordinador e representante técnico do proxecto, e outro con formación académica específica en Alimentación e Nutrición Humanas, coas seguintes funcións:

a) Representar un nexo local entre as distintas entidades que configuran a comunidade municipal (goberno local, centros escolares, sociais e sanitarios, asociacións e entidades de todo tipo) e a Dirección Xeral de Saúde Pública.

b) Planificar, coordinar e xestionar as actividades recollidas no proxecto de promoción de estilos de vida saudables obxecto desta orde, que se desenvolverá nos diferentes ámbitos da comunidade.

c) Dar continuidade ás liñas estratéxicas establecidas nos programas de promoción da vida sen tabaco e actividades saudables, exercicio e alimentación (PASEA) da Consellería de Sanidade, realizando un diagnóstico da condición física da comunidade. Para a realización desta tarefa, proporcionaráselles aos profesionais das unidades Concello Saudable un curso de formación, sobre métodos e instrumentos para a súa realización e manexo. Este diagnóstico municipal e os coñecementos asociados considéranse o principal instrumento de continuidade das actuacións de promoción de estilos de vida saudables.

d) Facilitar e levar a cabo as avaliacións necesarias para o correcto seguimento e avaliación do proxecto, segundo os procedementos de seguimento e auditoría que determine e aplique a Dirección Xeral de Saúde Pública.

O concello deberá facilitar a infraestrutura física necesaria para o adecuado desenvolvemento das funcións e programas de actividade e servizos da unidade Concello Saudable. No caso da agrupación de dous o máis concellos para desenvolver un único proxecto, pódese constituír unha unidade Concello Saudable cun ámbito de actuación supramunicipal, e os gastos derivados das funcións, actividades e servizos prestados pola unidade, serán por conta dos municipios que conforman a agrupación.

3.2. O deseño e presentación dun proxecto de actuación orientado á promoción de estilos de vida saudables na comunidade local, denominado xenericamente para efectos desta convocatoria proxecto Concello Saudable, que deberá seguir as pautas e indicacións recollidas no anexo II.

Trátase de promover a utilización das infraestruturas xa dispoñibles no termo municipal, quedando expresamente excluídos aqueles proxectos destinados ao financiamento de obras de construción, reforma ou reparación de instalacións de calquera tipo, ou aqueles destinados a cubrir os custos do seu mantemento.

Serán obxectivos e actividades de carácter obrigatorio dun proxecto Concello Saudable, aqueles relacionados con:

-A promoción da vida sen tabaco, alcohol e outras drogas, especialmente na protección da saúde da poboación en xeral, conforme a Lei 28/2005 sobre tabaco.

-A promoción da actividade física regular e saudable, evitando o sedentarismo en todas as idades.

-A promoción dunha alimentación equilibrada en todos os grupos poboacionais.

Serán actividades de carácter complementario e voluntario, pero igualmente valorables, aquelas propostas encamiñadas á educación para a saúde de grupos específicos, en áreas como a promoción da lactación natural, a prevención de accidentes infantís e domésticos, a educación afectivo-sexual, a promoción da saúde bucodental, os autocoidados de saúde, etc., naqueles ámbitos que mellor correspondan coas necesidades de atención de grupos poboacionais específicos como mulleres, escolares e adolescentes, persoas da terceira idade, discapacitadas ou inmigrantes, ou persoas con enfermidades crónicas, actuando nestes casos en coordinación cos profesionais sanitarios e cos centros de saúde.

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

Os criterios de valoración que serán aplicados e tidos en conta á hora de valorar os proxectos solicitados polos concellos solicitantes, e polos que fará a proposta razoada das contías do cofinanciamento, son os seguintes:

4.1. Calidade técnica e de definición dun proxecto Concello Saudable: ata 20 puntos.

a) A redacción segundo o índice recollido no anexo II: xustificación, obxectivos, definición da poboación destinataria do proxecto e das súas actividades (número de habitantes, características da zona en que se vai desenvolver o proxecto, grupos poboacionais específicos e adecuación das actividades propostas, co fin de responder ás necesidades no ámbito territorial de referencia), etc.: ata 3 puntos.

b) Grao de cualificación dos profesionais integrantes da unidade Concello Saudable: ata 7 puntos.

c) Grao de implicación e coordinación cos recursos escolares, sociais e sanitarios do ámbito municipal. Daráselles prioridade a aqueles proxectos que especifiquen a súa vinculación a programas de promoción e prevención xa existentes no eido municipal ou supramunicipal (prevención de drogodependencias, educación afectivo-sexual, fomento da actividade física, etc.), ou prevexan a continuidade futura das actividades: ata 10 puntos.

4.2. Grao de adecuación do proxecto ás prioridades sinaladas a continuación: ata 80 puntos.

a) Área de promoción da vida sen tabaco, alcohol e outras drogas na comunidade: ata 20 puntos.

-Actividades dirixidas á vixilancia do cumprimento da Lei 28/2005, de protección da saúde fronte ao tabaco no ámbito municipal, e a sinalización adecuada dos centros, locais ou instalacións públicas existentes no concello, segundo a citada lei e a normativa que a poida desenvolver en Galicia: ata 10 puntos.

-Oferta aos centros educativos da comunidade dun programa de actividades concretas e contextualizadas para a prevención do consumo de tabaco, alcohol e outras drogas: ata 10 puntos.

b) Área de promoción dunha alimentación equilibrada en todas as idades: ata 20 puntos.

-Oferta aos centros educativos da comunidade dun programa de actividades concretas e contextualizadas para a promoción dunha alimentación saudable no ámbito escolar: ata 8 puntos.

-Oferta ás familias, ou grupos específicos de todas as idades dun programa de actividades concretas e contextualizadas para a promoción dunha alimentación saudable. Nesta liña, terán cabida propostas de actividades enfocadas a informar a cidadanía e o consumidor sobre alimentación equilibrada e adquisición de hábitos alimentarios saudables, e aquelas derivadas da adquisición de coñecementos sobre selección e compra, elaboración e conservación dos alimentos: ata 6 puntos.

-Oferta de actividades relacionadas coa promoción da lactación materna, como a mellor alimentación equilibrada nos primeiros meses de vida dos neonatos na comunidade, en coordinación cos centros sanitarios e as asociacións que promoven a lactación natural que poidan xa existir ou xerarse no concello: ata 3 puntos.

-Oferta de actividades relacionadas co papel da dieta na prevención e coidado das enfermidades, demostrando e exemplificando habilidades de autocoidado. Nesta liña, terán cabida propostas de actividades enfocadas á realización de obradoiros prácticos para grupos con patoloxías específicas, en coordinación cos centros sanitarios e as asociacións de pacientes que poidan existir ou xerarse no concello: ata 3 puntos.

c) Área de promoción da actividade física frecuente para a mellora da saúde en todas as idades: ata 20 puntos.

-Oferta aos centros educativos da comunidade dun programa de actividades concretas e contextualizadas para a realización de actividade física relacionada coa saúde nas diferentes idades escolares, optimizando a utilización das instalacións dos ditos centros: ata 10 puntos.

-Oferta á poboación en xeral ou a colectivos específicos de programas de actividades concretas e contextualizadas para a realización de actividade física regular relacionada coa mellora da saúde, axeitados ás características da poboación a quen vaia dirixidos, optimizando a utilización de todo tipo de instalacións existentes no ámbito local: ata 10 puntos.

d) Outras propostas e áreas de actuación avaliables: ata 20 puntos.

-Propostas relacionadas coa promoción e apoio municipal ás iniciativas dos servizos asistenciais en temas como preparación ao parto, promoción da lactación materna e natural, coidados pediátricos ou xeriátricos, e en xeral, co impulso de liñas de intervención recollidas no Plan de Atención Integral á Saúde da Muller de Galicia, e no Plan de Saúde de Galicia: ata 8 puntos.

-Propostas concretas de actividades de educación para a saúde en distintos ámbitos, para diversos grupos e sobre diversas áreas de promoción da saúde, tales como: educación afectivo sexual, atención á saúde mental, saúde bucodental, prevención de accidentes domésticos e infantís, atención a persoas da terceira idade, ou de colectivos en risco de exclusión social: ata 12 puntos.

Artigo 5º.-Instrución e comisión de valoración.

5.1. A instrución do procedemento de concesión das subvencións corresponderalle á Dirección Xeral de Saúde Pública, que realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

5.2. Durante a instrución do procedemento constituirase, como órgano colexiado, unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo anterior, avaliará os proxectos dos concellos solicitantes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada polos proxectos presentados. Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

-O director xeral de Saúde Pública ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

-O subdirector xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables.

-O xefe do Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde.

-Tres técnicos do devandito servizo, asumindo un deles a secretaría.

-Un profesional designado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, da Consellería da Educación e Ordenación Universitaria.

5.3. O director xeral de Saúde Pública, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, elevará a proposta de resolución á conselleira de Sanidade.

Artigo 6º.-Resolución e recursos.

6.1. Unha vez elevada a proposta de resolución, a conselleira de Sanidade resolverá o procedemento. A devandita resolución deberá conter a relación de solicitantes aos cales se conceden as subvencións para o cofinanciamento dos respectivos proxectos seleccionados, e a súa correspondente contía.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de trinta días naturais desde a data en que finalice o prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as solicitudes por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga da Administración de ditar resolución expresa.

A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada, de acordo con previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, sen prexuízo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6.2. Todo incumprimento das condicións en que se basea a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6.3. Contra a resolución do procedemento, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ante a conselleira de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ao interesado, ou contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da referida notificación. De presentarse recurso potestativo de reposición, non se poderá acudir á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

Artigo 7º.-Dispoñibilidades orzamentarias.

Estas axudas por un montante total de 934.298 €, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 1302.413A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Artigo 8º.-Contía máxima das subvencións segundo os tipos de cofinanciamento previstos.

A contía das subvencións obxecto desta convocatoria consistirá nunha porcentaxe do orzamento total do proxecto presentado, podendo acadar aquela o 50% ao 80% do custo total do proxecto, en función do número de habitantes do concello ou da agrupación de concellos solicitante, segundo se especifica no artigo seguinte.

Artigo 9º.-Clases e dotación económica máxima das subvencións para o cofinanciamento dos proxectos seleccionados.

a) Para concellos individuais cunha poboación maior de 50.001 habitantes, a subvención económica do proxecto representará o 50% do custo total do proxecto, ata un máximo de 40.000 euros.

b) Para concellos individuais ou agrupacións de concellos cunha poboación maior de 10.000 e menor ou igual a 50.000 habitantes, a subvención económica representará o 70% do custo total do proxecto, ata un máximo de 50.000 euros.

c) Para concellos cunha poboación menor de 10.000 habitantes as unidades Concello Saudable terán carácter supramunicipal, polo que é obrigatorio a agrupación ou mancomunación de varios concellos para poder constituír unha unidade Concello Saudable a fin de acadar unha referencia ou cobertura poboacional mínima de 10.000 habitantes por cada unidade. A subvención económica outorgada para estas agrupacións representará o 80% do custo total do proxecto común, ata un máximo de 60.000 euros.

As diferentes contías recolleranse con detalle na proposta de resolución que se eleve para a súa aprobación pola conselleira de Sanidade, así como na publicación oficial da resolución desta orde.

Artigo 10º.-Documentación, lugar e prazo de presentación das solicitudes.

10.1. Coas solicitudes deberase presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude dirixida á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade no modelo oficial recollido no anexo I.

b) Proxecto cos obxectivos e as actividades motivo da solicitude desta subvención, redactados segundo o índice, a extensión e o soporte recollidos no anexo II.

c) Equipo de persoas que compoñen a unidade Concello Saudable, sinalando claramente cal será a coordinadora e representante técnico do proxecto, e fotocopia compulsada do título oficial que acredite o grao académico correspondente.

d) Certificación acreditativa do censo de poboación segundo o último padrón municipal. No caso de agrupación de concellos, a certificación de cada participante no proxecto conxunto.

e) Fotocopia cotexada do CIF da entidade. No caso de agrupacións de concellos, a da entidade que coordina e representa o proxecto conxunto.

f) Certificación da conta bancaria da entidade, expedida polo banco ou caixa correspondente. No caso de agrupacións de concellos, a da entidade que coordina e representa ao proxecto conxunto.

g) Declaración responsable e comprensiva do feito de non estar incurso o solicitante nas prohibicións recollidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. No caso de agrupacións de concellos, xuntaranse as declaracións de cada participante no proxecto conxunto.

h) Declaración do solicitante da subvención en que figure o conxunto de subvencións e axudas solicitadas para o proxecto que se presenta ou proxectos cos mesmos fins, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

10.2. As solicitudes, subscritas polo representante legal da entidade interesada e máis a documentación complementaria, serán dirixidas á Dirección Xeral de Saúde Pública e deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Sanidade ou nos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

10.3. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Xustificación, aboamento e xestión económica.

Unha vez rematado o desenvolvemento do proxecto, e en todo caso antes do 15 de novembro de 2008, todos os proxectos cofinanciados terán remitido á Dirección Xeral de Saúde Pública os seguintes documentos, que permitirán realizar as propostas de pagamento da totalidade da subvención concedida a cada proxecto:

a) Memoria sobre o proceso e resultados das actividades previstas no proxecto Concello Saudable cofinanciado.

b) Relación detallada dos gastos derivados del.

c) Unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou declaración de non ter solicitada ningunha outra axuda para o mesmo proxecto.

Non estarán suxeitos a esta obriga os beneficiarios das subvencións sinalados no artigo 41 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida para o cofinanciamento de proxectos Concello Saudable, realizarase en tres prazos:

a) Primeiro pagamento, equivalente ao10% da contía total da subvención outorgada: nos trinta días naturais seguintes ao da publicación oficial da resolución desta orde de subvencións, en concepto de gastos de coordinación xeral do proxecto cofinanciado.

b) Segundo pagamento, equivalente ao 50% da contía total da subvención outorgada: nos trinta días naturais seguintes ao da presentación dun informe de seguimento por parte do coordinador do proxecto, e á vista dos informes das auditorías de seguimento realizadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública, en concepto de gastos de execución e preparación de actividades.

c) Terceiro pagamento, equivalente ao 40% restante da contía total da subvención outorgada: nos trinta días naturais seguintes ao da presentación da memoria final por parte do coordinador do proxecto, e á vista dos informes das auditorías de seguimento e final realizadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública, en concepto de execución conforme das actividades do proxecto cofinanciado.

Artigo 12º.-Obrigas dos beneficiarios.

Tendo en conta o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, son obrigas dos beneficiarios:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedinte ou, se é o caso, ante a entidade colaboradora, a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou desfrute desta axuda.

c) Facilitar toda a información que lles sexa requirida e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, e as de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Comunicarlle á entidade concedente ou, se é o caso á entidade colaboradora, a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou ente público.

d) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento da actividade subvencionada, facendo constar a colaboración da Consellería de Sanidade nas actividades realizadas, na súa publicidade, e nas publicacións realizadas no desenvolvemento destas actividades.

e) Calquera outra das obrigas recollidas na normativa vixente en materia de subvencións.

Artigo 13º.-Revogación e reintegro das axudas.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social e da Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 14º.-Infraccións e sancións.

No relativo a esta materia, rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Contraprestacións dos programas de promoción de estilos de vida saudables da Consellería de Sanidade ás unidades Concello Saudable.

a) Organización de xornadas bianuais sobre cidades e concellos saudables para profesionais e responsables políticos municipais, dedicando a primeira delas no mes de novembro de 2007, ao deseño e presentación de proxectos Concello Saudable, e as seguintes á exposición e intercambio das experiencias dos concellos.

b) Cofinanciamento, segundo a valoración de criterios de calidade e poboación de referencia, dos proxectos seleccionados.

c) Organización dun curso de formación inicial para profesionais de unidades Concello Saudable: axuste técnico do proxecto, protocolos e instrumentos de diagnóstico da forma física comunitaria, baseados na actividade física e a nutrición que resulta dos hábitos alimentarios ou de exercicio físico que practican a poboación ou os seus grupos; seguimento e auditorías do proxecto. O lugar de celebración e a duración do curso será determinada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, en función do grao de cualificación ou de capacitación dos profesionais das unidades Concello Saudable.

d) Asesoramento e apoio técnico continuado durante o período de desenvolvemento do proxecto, por parte do persoal técnico designado pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

e) Distribución de materiais gratuítos solicitados para a sinalización de espazos, de acordo coa Lei 28/2005, de protección da saúde fronte ao tabaco e as disposicións autonómicas que a desenvolvan.

f) Creación dunha rede de comunicación telemática que contribúa ao seguimento e xestión dos proxectos cofinanciados, con acceso para os profesionais das unidades Concello Saudable existentes.

g) Facilitación da elaboración de propostas de participación do concello na Rede Europea de Cidades e Municipios Saudables, de acordo co propio proxecto Concello Saudable seleccionado.

h) Publicación de reportaxes sobre os proxectos Concello Saudable na revista Saudiña, editada e distribuída periodicamente ao conxunto do profesorado non universitario de Galicia, como voceiro do Plan Valora, posto en marcha polas consellerías de Educación, Sanidade e outras, para a promoción de valores sociais, como a participación activa na promoción de estilos de vida saudables nas comunidades educativas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para a execución do previsto nesta orde, así como para o seguimento, avaliación, e difusión dos proxectos seleccionados para o seu cofinanciamento.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2007.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

ANEXO II

Modelo para a elaboración dun proxecto Concello Saudable

Este modelo pretende servir de orientación de cara á elaboración dos proxectos, e recolle os puntos principais que se incluirán na súa redacción, e que en ningún caso poderán exceder as 5.000 palabras. Xunto co anexo I da solicitude, presentarase un exemplar impreso en Din A-4, e un exemplar en soporte informático Cd-rom, en Word 2003. No caso de propostas de actividade contidas nos proxectos que dean continuidade a programas anteriormente desenvolvidos no concello ou agrupación de concellos, pódense xuntar á memoria do proxecto, publicacións e documentos que o acrediten.

Estrutura e deseño dos proxectos:

1. Introducción:

-Título do proxecto e relación dos concellos e profesionais participantes.

-Presentación dos concellos participantes, cunha breve descrición da súa situación socioxeográfica e características demográficas da poboación, e dos principais grupos poboacionais aos cales vai destinado o proxecto.

2. Xustificación:

Resumo das actividades previstas e a súa adecuación ás necesidades reais da zona.

3. Obxectivos:

Responder claramente á pregunta «¿para que se quere realizar o proxecto?», é dicir, os logros que se pretenden acadar, grazas ao desenvolvemento das actividades incluídas, e de acordo con recursos reais con que se conta.

Os obxectivos poden ser xerais (meta ou resultado esperado) e específicos (obxectivos concretos e medibles para lograr a meta ou resultado esperado).

Por exemplo:

Obxectivo xeral: mellorar a condición física na poboación como parte integrante dun estilo de vida saudable.

Obxectivos específicos: aumentar nun 20% a cidadanía que participa nas actividades físicas ou deportivas planeadas polo municipio.

4. Persoas destinatarias:

Neste punto, débese concretar a que persoas estan dirixidas as principais actividades do proxecto: idades, sexo ou outros datos útiles para definir claramente os grupos de persoas destinatarias do proxecto.

5. Descrición das actividades que se van realizar:

As actividades do proxecto supoñen a concreción dos obxectivos antes sinalados, e o que se vai facer para logralos. Describiranse polo miúdo as actividades que se pretenden realizar e os calendarios da súa execución: descrición obxectivos específicos, métodos e instrumentos para logralo, número de participantes previsto e datas de execución, xeito de avaliación da actividade por parte dos participantes.

6. Metodoloxía xeral do proxecto:

Explicar como se van a organizar o conxunto das actividades. Deben definirse os pasos previos que se van dar e establecer quen se vai a responsabilizar das tarefas necesarias para desenvolver cada actividade (difusión que se lle vai a dar, adquisición de recursos, etc.), e como se pretende desenvolver a actividade en si mesma (cal vai a ser a repartición das responsabilidades, etc.).

7. Sistema de avaliación:

Débense planificar as actuacións necesarias que faciliten a avaliación continua e final de todo o proceso, é dicir, delimitar a forma en que se vai coñecer en cada momento o desenvolvemento do proxecto (reunións específicas dos profesionais participantes, ou outras técnicas de avaliación máis participadas). Ademais, deben fixarse os indicadores necesarios. Son exemplos de indicadores do proceso ou resultados do proxecto: «número de participantes nas actividades programadas», «grao de satisfacción das persoas participantes nas actividades a través dun pequeno cuestionario», «valores asociados ao cumprimento dos obxectivos do proxecto».

8. Recursos:

Os recursos poden ser:

-Persoas que van organizar e desenvolver as actividades planeadas no proxecto.

-Materiais: funxibles (que se van gastar no transcurso das actividades), exemplo deste tipo de material son as fotocopias, cartelaría, material de oficina, etc.; inventariables (non funxible), como por exemplo os equipamentos de valoración corporal e da condición física, materiais de actividades físicas, materiais e productos necesarios para a elaboración e desenvolvemento de obradoiros prácticos de alimentación, etc.).

-Financieiros: son os recursos económicos de que dispón a entidade para desenvolver as actividades do proxecto.

10. Orzamento de ingresos e gastos previstos:

Definiranse os custos do proxecto, indicando os ingresos e os gastos previstos en función das necesidades de recursos establecidas no punto anterior.

É necesario sinalar tamén, de maneira clara e destacada, a cantidade económica que se solicita como subvención, e que concreta a proposta económica global de cofinanciamento do proxecto que se presenta, en función da propia capacidade cofinanceira do solicitante, como elemento que permita valorar a contía final proposta para o cofinanciamento outorgado pola Consellería de Sanidade.

Ver referencia pdf "22800D007P012.PDF"