DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Luns, 26 de novembro de 2007 Páx. 18.775

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 2 de novembro de 2007 pola que se procede á creación do ficheiro de datos de carácter persoal correspondente ao Rexistro de Instalacións Eléctricas para Baixa Tensión.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro (BOE nº 298, do 14 de decembro), regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, así como o uso posterior destes datos polos sectores público e privado.

A finalidade desta regulación é protexer os dereitos fundamentais das persoas físicas e especialmente a súa honra e intimidade, tanto persoal como familiar.

No seu artigo 20.1º dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio dunha disposición xeral publicada no BOE ou no diario oficial correspondente.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, e pola Lei 7/2002, do 27 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde, a Consellería de Innovación e Industria crea o ficheiro automatizado de datos de carácter persoal correspondente ao Rexistro de Instalacións Eléctricas para Baixa Tensión e á súa versión telemática (SERIE-Sistema Electrónico do Rexistro de Instalacións Eléctricas).

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación de ficheiros, está contida no anexo desta orde para o ficheiro que se crea.

Artigo 3º.-Finalidade e usos do ficheiro.

Os datos de carácter persoal rexistrados neste ficheiro automatizado da Consellería de Innovación e Industria creado por esta orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos no anexo e por persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que se ater ao disposto na normativa vixente na materia, e principalmente ao disposto no artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Artigo 5º.-Medidas de seguranza.

As medidas de seguridade dos ficheiros, e en función do nivel en que estes se clasifican, están especificadas no correspondente documento de seguranza.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2007.

P.D. (Resolución 23-10-2007)

Emilio Nogueira Moure

Secretario xeral da Consellería de Innovación

e Industria

ANEXO

Rexistro de Instalacións Eléctricas para Baixa Tensión.

a) Finalidade.

Xestionar o Rexistro de Instalacións Eléctricas de Baixa Tensión, creado en aplicación do Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

b) Usos previstos.

Supervisión e control das instalacións eléctricas de baixa tensión e, por ende, do mercado eléctrico na comunidade autónoma.

c) Colectivo sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal.

Persoas ou empresas que soliciten o rexistro dunha instalación eléctrica de baixa tensión.

d) Procedemento de recollida de datos.

Instancias normalizadas ou procedemento telemático (SERIE).

e) Estrutura básica.

Base de datos.

f) Tipos de datos.

De carácter identificativo: nome, NIF, enderezo e teléfono.

Datos do establecemento: situación, características (potencia instalada,...) e empresa que subministra enerxía á instalación.

g) Cesións previstas.

Empresas distribuidoras de enerxía eléctrica.

h) Órgano da Administración responsable do ficheiro.

Consellería de Innovación e Industria; Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Ed. administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela.

i) Servizo ou unidade ante a que se pode exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que constan no ficheiro.

Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas

j) Nivel de seguranza.

Básico.