DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Luns, 26 de novembro de 2007 Páx. 18.772

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 31 de outubro de 2007 sobre a aprobación definitiva do proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do concello de Arteixo (A Coruña), relativa ao cambio de uso na parcela 31-A-32 do polígono industrial de Sabón.

O Concello de Arteixo remite o proxecto de modificación puntual referido, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Arteixo dispón na actualidade de normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas o 23-3-1995 (NN.SS.).

2. A modificación, formulada polo Concello de Arteixo, ten por finalidade alterar a determinación relativa ao uso na parcela nº 31-A-32, do polígono industrial de Sabón, cambiándoo a uso comercial.

3. A disposición transitoria primeira das NN.SS. de 1995 mantén a vixencia, coas alteracións que a propia disposición transitoria establece, das Ordenanzas do Plan de ordenación parcial do polígono industrial de Sabón, aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Arquitectura e Urbanismo o 30-10-1965 (BOP do 11 de novembro), coas variacións introducidas na modificación aprobada pola CPU o 30-11-1989 (BOP do 25-6-1990), co fin de posibilitar a localización de equipamentos comunitarios na zona máis próxima ao núcleo urbano.

Con posterioridade, con data do 26-9-2002, o concello aprobou definitivamente unha modificación puntual na parcela nº 33-A do polígono co obxecto de posibilitar o uso comercial en lugar do uso industrial (DOG do 11-12-2002) e, con data do 28-11-2002 a modificación puntual da ordenanza de solo urbano industrial das NN.SS., que introduciu como uso principal o comercial (BOP do 16-1-2003).

4. Tramitación:

-A modificación foi aprobada inicialmente polo Pleno do Concello o 22-2-2007, e sometida a información pública logo da publicación de anuncios no DOG nº 47, do 7-3-2007, no BOP nº 51, do 3-3-2007, e nos xornais El Ideal Gallego do 28-2-2007 e El Correo Gallego do 28-2-2007, non presentándose alegacións durante o período de exposición pública segundo certificado da secretaria do concello de data 12-4-2007, que se inclúe no expediente para o efecto. Posteriormente foi aprobado provisionalmente polo Pleno da Corporación o 18-5-2007.

-No expediente constan os seguintes informes municipais: informe técnico da arquitecta municipal e informe xurídico da secretaria xeral, ambos os dous con data do 16-2-2007 previos á aprobación inicial, e informe técnico da arquitecta municipal e xurídico da secretaria xeral con data do 9-5-2007 previos á aprobación provisional, todos eles en sentido favorable.

-Consta no expediente Decisión do 2 de maio de 2007, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, segundo a que non é necesario someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual das NN.SS. para cambio de uso industrial a comercial da parcela 31-A-32 do polígono industrial de Sabón.

-Así mesmo, inclúese no expediente un certificado da secretaria xeral do concello con data do 13-9-2007, segundo o cal lles foron solicitados informes sectoriais en materia de estradas á Deputación Provincial da Coruña (r.e. 11-7-2007) e á Xefatura Provincial de Estradas da CPTOPT (r.e. 11-7-2007), sen que ata a data do certificado tivesen entrada no rexistro do concello os devanditos informes.

5. A documentación presentada consiste en copia do expediente administrativo e tres copias dilixenciadas do proxecto de modificación puntual das NN.SS., asinado en xaneiro de 2007 pola arquitecta municipal.

II. Fundamentacións e consideracións.

II.1. Con data do 31-10-2007, a Dirección Xeral de Urbanismo elevou un informe-proposta de resolución, no que se expresa o seguinte:

1. Razóns de interese público en que se fundamenta a modificación (artigo 94.1º da Lei 9/2002):

A disposición transitoria primeira das NN.SS. estableceu a vixencia das ordenanzas do polígono de Sabón cunhas excepcións, entre outras, o mantemento do uso existente na parcela 31-A-32, que nese momento era o de cocheiras para autobuses, tendo como finalidade esta modificación establecer o uso comercial na referida parcela, ocupada na actualidade polas antigas naves da empresa Transportes Finisterre, en que non se rexistra actividade.

A modificación afecta unha parcela de 6.304 m2 de superficie, localizada no centro urbano de Arteixo, na intersección da avda. de Fisterra (estrada A Coruña-Carballo) coa avda. de Caión (estrada CP-0514 Arteixo-Caión), que linda ao norte coa avda. de Arsenio Iglesias, e ao leste cunha parcela de uso hostaleiro, e xustifícase na eliminación de usos non desexables polo concello nesa localización coa introdución doutro uso máis acorde coa ordenación existente, ao tratarse dunha parcela inmediata ao solo residencial e illada do resto do solo industrial do polígono, tendo en conta que as parcelas máis próximas teñen como uso o dotacional e o comercial, polo que se considera que as razóns argumentadas encaixan nos suposto previstos no número 1 do artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. Descrición e análise da modificación:

O proxecto de modificación propón os seguintes parámetros reguladores da edificación:

-Uso: comercial (mercados e centros comerciais).

-Edificabilidade: 1 m2/m2.

-Altura permitida máxima: tres andares (10 m).

-Ocupación máxima: a resultante de respectar os recuados, non superando o 80%.

-Aparcadoiros: 1 praza/80 m2 (debendo resolverse na propia parcela ou nas inmediatas colindantes).

-Recuamentos: como mínimo 5 m a calquera dos lindes.

Non se xustifican os parámetros reguladores da edificación que se propoñen no que respecta á altura máxima de 10 m, e recuamento mínimo de 5 m a todos os lindes, tendo en conta que nas ordenanzas do polígono industrial de Sabón a altura máxima que se establece para os bloques representativos é de 9,60 m, e os recuamentos son 10 m ás frontes de parcela, o que é especialmente relevante neste caso.

Así mesmo, non se xustifica que a reserva de prazas de aparcadoiros se poida realizar nas parcelas inmediatas lindeiras, debendo resolverse na propia parcela, considerando que o solo lindeiro se atopa xa ocupado por edificacións e cando, ademais, o ámbito desta modificación se limita á parcela descrita anteriormente no número 1.

II.2. De conformidade co artigo 89 e 93.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución:

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. De acordo co punto 5º a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual das NN.SS. de Arteixo na parcela nº 31-A-32 do polígono de Sabón, coas seguintes condicións:

-A altura máxima non debe superar os 9,60 m establecidos na normativa vixente para os bloques representativos no polígono de Sabón.

-Os recuamentos respectarán os 5 m a lindeiros laterais e 10 m a todas as frontes de parcela.

-A reserva para prazas de aparcadoiro debe dispoñerse no interior da parcela obxecto desta modificación.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

4. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2007.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes