DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 23 de novembro de 2007 Páx. 18.699

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 218/2007, do 8 de novembro, polo que se modifica o Decreto 505/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo.

Mediante o Decreto 505/2005, do 22 de setembro, aprobouse a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo.

Non obstante, o desenvolvemento práctico das competencias e funcións atribuídas ás distintas unidades administrativas aconsellan introducir algunhas modificacións na devandita estrutura co fin de facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa.

Así, retócanse algunhas funcións do servizo de contratación da Secretaría Xeral, e nas delegacións provinciais, os servizos xurídico-administrativos que dependían das áreas provinciais do Instituto Galego de Vivenda e Solo pasan a depender das delegacións provinciais para poder asistir tamén aos outros servizos destas.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo, tras os informes favorables da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de novembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 505/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo.

O Decreto 505/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo, queda modificado como segue:

Un.-No artigo 4º, o punto 4.2.2 queda redactado como segue:

«4.2.2. Servizo de Contratación, coas funcións de coordinación e seguimento da contratación da consellería e dos seus organismos autónomos, servindo de apoio ao órgano de contratación, elaborará os pregos de cláusulas, os expedientes de contratación, os documentos contables e vixiará e xestionará a súa execución, así mesmo, encargarase da preparación e execución dos convenios».

Dous.-O artigo 10º queda redactado como segue:

«Para o cumprimento dos seus cometidos a delegación provincial contará coas seguintes unidades con rango de servizo:

10.1. Secretaría provincial, baixo a autoridade e supervisión da persoa titular da delegación, correspóndelle o exercicio das funcións relativas á coordinación dos diferentes servizos da delegación provincial, réxime interior, a tramitación administrativa, xestión de persoal e información ao público. Estas mesmas funcións exerceranse dentro do ámbito da área provincial do IGVS. Ademais levará a cabo a elaboración do anteproxecto de orzamentos da delegación; a administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen, se é o caso; elaboración de estatísticas dos demais servizos da delegación provincial, sen prexuízo das competencias que de acordo coa Lei 9/1988, do 10 de xullo, modificada pola Lei 7/1993, do 24 de maio, de estatística de Galicia, lle corresponden ao Instituto Galego de Estatística; e, en xeral, prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa á persoa titular da delegación e substituílo nos casos de enfermidade, ausencia e vacante.

10.2. Servizo de Fomento e Calidade da Vivenda, ao que lle corresponden as funcións de tramitación das subvencións, se é o caso, mediante a oportuna desconcentración dos créditos, as autorizacións e cualificacións de vivendas con algún tipo de protección pública, os visados de contratos de vivenda de promoción privada e as funcións que en relación coas materias xestionadas pola Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda lle sexan desconcentradas.

10.3. Servizo Xurídico Administrativo: este servizo desenvolverá as seguintes funcións:

Elaboración de informes e propostas sobre os recursos, reclamacións e solicitudes presentados ante calquera unidade da delegación provincial.

Tramitación e formulación de calquera procedemento que expresamente se lle encomende, en especial os sancionadores.

En xeral, as funcións de asesoramento e elaboración de informes de tipo xurídico que lle sexan encomendados.

Estas mesmas funcións exerceranse dentro do ámbito da área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

10.4. A área provincial do IGVS integrarase na delegación provincial coas funcións e competencias que lle asigne o decreto de estrutura orgánica do Instituto Galego de Vivenda e Solo».

Disposición transitoria

Como consecuencia da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto, modifícase a denominación e contido dos servizos existentes con anterioridade polo que se autoriza a conselleira de Vivenda e Solo, por proposta da secretaria xeral, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Vivenda e Solo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de novembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo