DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 20 de novembro de 2007 Páx. 18.506

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2007, da Dirección Xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se inicia o procedemento para o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional do persoal estatutario fixo do grupo A, que actualmente veña desempeñando unha praza de facultativo especialista de área por diversas resolucións do Servizo Galego de Saúde como consecuencia da achega dun título de especialista en ciencias da saúde.

De conformidade co acordo da mesa sectorial do 21 de xuño de 2007, sobre réxime extraordinario de carreira profesional do persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, aprobado polo Consello da Xunta con data 25 de outubro de 2007, correspóndelle a este centro directivo iniciar mediante resolución o procedemento para o recoñecemento extraordinario dos sucesivos graos no momento en que proceda consonte a secuencia temporal de implantación do sistema.

O persoal estatutario fixo do grupo A con nomeamento orixinario de persoal técnico superior (non sanitario) ou licenciado sanitario, que actualmente veña desempeñando unha praza de facultativo especialista de área (psicólogo/a clínico/a especialista de área) por diversas resolucións do Servizo Galego de Saúde como consecuencia da achega dun título de especialista en ciencias da saúde, pode acceder ao grao I con efectos do 1 de xullo de 2007, segundo se recolle na cláusula adicional terceira do citado acordo.

A mesma disposición recolle que a contía do seu complemento de carreira e o procedemento para obter avaliación favorable serán os establecidos no Decreto 155/2005, do 9 de xuño, sobre un réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de licenciados sanitarios do Servizo Galego de Saúde. Os servizos prestados acreditados que lle serviron para obter a praza de especialista, computaríanlle para os efectos deste acceso.

En consecuencia, tras o acordo acadado no seo da Comisión de Seguimento prevista na disposición segunda do acordo, na súa reunión de 22 de outubro de 2007

RESOLVO:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto iniciar o procedemento para o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional ao persoal estatutario fixo do grupo A con nomeamento orixinario de persoal técnico superior (non sanitario) ou licenciado sanitario, que actualmente veña desempeñando unha praza de facultativo especialista de área (psicólogo/a clínico/a especialista de área) por diversas resolucións do Servizo Galego de Saúde como consecuencia da achega dun título de especialista en ciencias da saúde; con apertura do prazo para a presentación de solicitudes.

Segundo.-Ámbito de aplicación e requisitos.

Poderá solicitar o recoñecemento do grao I persoal estatutario fixo do grupo A con nomeamento orixinario de persoal técnico superior (non sanitario) ou licenciado sanitario, que actualmente veña desempeñando unha praza de facultativo especialista de área (psicólogo/a clínico/a especialista de área) por diversas resolucións do Servizo Galego de Saúde como consecuencia da achega dun título de especialista en ciencias da saúde, ao que lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do estatuto marco (transitoriamente Real decreto lei 3/1987, e normativa complementaria).

O solicitante deberá acreditar, ademais do establecido no parágrafo anterior, o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ter prestados polo menos 5 anos de servizos na mesma especialidade no réxime estatutario, o que se acreditará mediante a certificación de servizos prestados emitido polo centro correspondente. Os servizos prestados como persoal estatutario utilizados para obter a condición de especialista computarán para estes efectos.

b) Estar en situación de activo ou asimilada (reserva de posto), de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco.

c) Ter participado nos resultados da actividade do centro. Este requisito acreditarase mediante informe detallado, asinado polo xerente do centro correspondente, e referido aos cinco anos anteriores á data da convocatoria.

Para valorar o cumprimento destes requisitos atenderase á data do 30 de xuño de 2007.

Terceiro.-Excepcións en situacións especiais.

Quedan exceptuados da acreditación do requisito a que se refire a alínea c) da disposición segunda os períodos de tempo en que o persoal permanecese nalgunha das seguintes situacións:

a) Situación de servizos especiais a que se refire o artigo 64 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

b) Permisos sindicais.

c) Excedencia por coidado de familiares.

d) Licenza por maternidade, incapacidade temporal e comisión de servizos.

Cuarto.-Prazo de presentación e modelo de solicitude.

Cada participante deberá cubrir unha única solicitude axustándose necesariamente ao modelo que figura como anexo desta resolución.

O profesional deberá presentar a solicitude a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, advertindo que na folla de solicitude debe figurar o selo de rexistro, queda os orixinais en poder da Administración e expídese copia para o interesado. A solicitude deberá dirixirse á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde, no prazo que se inicia ao día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 20 de decembro de 2007.

O modelo de solicitude está publicado na páxina web do Sergas (www.sergas.es).

Quinto.-Avaliación.

A dirección-xerencia do centro onde se atope en activo o profesional solicitante realizará un informe detallado sobre a participación nos resultados da actividade do centro, co resultado de favorable ou desfavorable. O informe referirase aos cinco anos anteriores á data da convocatoria ou tempo de servizos prestados no último destino.

As solicitudes serán avaliadas pola Comisión Técnica de Avaliación de licenciados sanitarios, que realizarán proposta de resolución favorable ou desfavorable.

O órgano de avaliación, Comisión Técnica de Avaliación de Licenciados Sanitarios, emitirá proposta de resolución, dirixida á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, sobre a estimación ou desestimación do recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional.

No suposto de proposta de desestimación a Comisión Técnica de Avaliación dará traslado ao interesado para que realice alegacións ou achegue o seu curriculum profesional.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2007.

Antonio José Fernández Paniagua

Director xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional

Ver referencia pdf "22400D005P014.PDF"