DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 20 de novembro de 2007 Páx. 18.504

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2007 pola que se convoca un curso sobre novas técnicas de defensa persoal policial e de detención.

Dentro das actividades programadas para o ano 2007 en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Deputación Provincial de Ourense, anúnciase a realización dun curso sobre novas técnicas de defensa persoal policial e de detención, que se deberá desenvolver conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Contribuír a actualizar e mellorar a formación profesional na área xurídica dos membros da policía local das entidades locais da provincia, para que sexan capaces de abordar dun xeito óptimo a intervención policial.

-Ampliar os coñecementos dos participantes sobre as últimas técnicas de intervención e actuación ante as distintas situacións problemáticas que se poden producir no traballo e na operativa policial.

-Dotar os participantes dunha formación práctica no campo tanto da defensa persoal policial coma da detención e asegurar o correcto uso da forza por parte dos membros da policía local e dos corpos de seguridade en xeral.

-Tentar dotar os nosos policías locais dun maior nivel de coñecementos, habilidades e destrezas axeitados ao perfil que a sociedade actual require e demanda dos axentes e corpos de seguridade.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Ourense

Destinatarios.

Persoal das entidades locais da provincia pertencente aos corpos de policía local.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

20 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 28 de novembro, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Ourense-Departamento de Formación Continua (fax: 988 38 52 15); rúa Progreso nº 30, 32003 Ourense; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase os días 30 de novembro, 1, 14 e 15 de decembro.

O horario será das 17.00 ás 21.00 horas os días 30 de novembro e 14 de decembro, e das 11.00 ás 14.00 e das 16.30 ás 19.30 horas os días 1 e 15 de decembro.

Contido.

1. Defensa persoal.

1.1. Psicoloxía.

1.2. Condición física aplicada.

1.3. Gardas.

1.4. Golpes básicos.

1.5. Desprazamentos.

1.6. Defensa básica.

1.7. Ataques.

2. Bastón curto.

2.1. Adquisición de cualificacións.

2.2. Introdución ao manexo do bastón curto.

2.3. Técnicas.

3. Manexo da defensa.

3.1. Introdución.

3.2. Golpes permitidos.

3.3. Golpes prohibidos.

3.4. Desarmamento.

3.5. Desprazamentos.

4. Cacheos e detencións.

Relación de admitidos

A relación de admitidos farana pública o día 29 de novembro a partir das 14.00 horas, tanto a Deputación Provincial de Ourense como a Academia Galega de Seguridade Pública; os interesados poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 986 59 02 42/43/44 (Agasp) e na páxina web http://agasp.xunta.es, ou 988 38 51 42 (Departamento de Formación Continua da Deputación Provincial de Ourense).

Lugar.

O curso desenvolverase no Pavillón Polideportivo Municipal do Concello de Xinzo de Limia; avenida 2 de maio, s/n.

Certificado de asistencia.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial de Ourense, se é o caso, poderán modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 13 de novembro de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "22400D005P014.PDF"