DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Venres, 16 de novembro de 2007 Páx. 18.378

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 13 de novembro de 2007 pola que se regula a solicitude de autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro, a consideración das instalacións de baixas emisións, os procesos de presentación dos plans de seguimento, a actividade dos organismos de verificación de emisións de gases de efecto invernadoiro na Comunidade Autónoma de Galicia e o formato de entrega do informe anual de emisións verificado para o período 2008-2012.

O cambio climático é posiblemente o problema ambiental máis importante a que se enfronta a humanidade a escala global. Co obxectivo de actuar no principal causante deste problema, as emisións de gases de efecto invernadoiro, en 1997 os principais países desenvolvidos acordaron diminuír as súas emisións destes gases polo menos nun cinco por cento con respecto aos niveis de 1990 durante o período 2008-2012.

A Unión Europea, adiantándose ao período de compromiso de Kioto, empezou a aplicar medidas con antelación. Unha delas foi a de establecer o réxime de comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro para o período 2005-2007, mediante o cal se lle asignaba as instalacións afectadas un máximo de dereitos de emisión, tendo que acudir ao mercado en caso de superar esa cota.

Mediante a Lei 1/2005, do 9 de marzo, pola que se regula o réxime de comercio de dereitos de emisións, traspúxose ao ordenamento xurídico español a Directiva 2003/87/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de outubro de 2003, polo que se establece un réxime para o comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro na comunidade e pola que se modifica a Directiva 96/61/CE, estableceuse que o réxime de comercio de dereitos de emisión se aplicaría inicialmente ás emisións de dióxido de carbono procedentes das instalacións nas que se desenvolven as actividades enumeradas no anexo I do real decreto lei e superen os límites de capacidade que nel se establecen. Estas actividades inclúen grandes focos de emisión en sectores como a xeración de electricidade, a refinación, a produción e transformación de metais férreos, cemento, cal, vidro, cerámica, pasta de papel e papel e cartón.

Para estas instalacións imponse a obriga, exixible a partir do 1 de xaneiro de 2005, de contar con autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro expedida polo órgano competente da comunidade autónoma a favor do seu titular. A partir desta mesma data, estas instalacións estarán obrigadas a implantar e manter o seguimento de emisións de gases de efecto invernadoiro e a entrega, con carácter anual, dun número de dereitos de emisión equivalente ao dato de emisións verificadas. As instalacións incluídas no ámbito de aplicación da Lei 1/2005, do 9 de marzo, deberán dispoñer do sistema de seguimento de emisións que estableza a autorización outorgada polo órgano autonómico competente.

A partir do 1 de xaneiro de 2008, comeza un novo período de aplicación desta normativa, que se estende ata o 31 de decembro de 2012. Para isto, redactouse un novo Plan nacional de asignación, e revisáronse certas normas como a Decisión 2004/156/CE, pola que se establecen directrices para o seguimento e a notificación das emisións de gases de efecto invernadoiro.

A partir disto, establécese a necesidade de que as instalacións afectadas renoven as autorizacións de emisión de gases de efecto invernadoiro e establezan plans de seguimento para a contabilización das súas emisións.

Por outra banda, existe a necesidade de regular a actividade das entidades que van actuar como aseguradores da calidade do seguimento e dos datos presentados polos responsables. A acreditación dos organismos que van verificar as emisións anuais de cada instalación está regulada polo Real decreto 1315/2005, do 4 de novembro, polo que se establecen as bases dos sistemas de seguimento e verificación de emisións de gases de efecto invernadoiro nas instalacións incluídas no ámbito de aplicación da Lei 1/2005, do 9 de marzo, pola que se regula o réxime do comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro.

Segundo esta normativa, defínense os organismos de acreditación como unha entidade, pública ou privada, sen ánimo de lucro, competente para realizar a acreditación, ou recoñecemento formal, a través dun sistema conforme o previsto na Lei 1/2005, do 9 de marzo, e nesta orde, da competencia dun verificador para operar no ámbito obrigatorio da verificación dos informes sobre emisións de gases de efecto invernadoiro regulado no artigo 22 da citada lei. Pola mesma, defínese o verificador como un organismo de verificación competente, independente e acreditado para levar a cabo o proceso de verificación do informe anual de emisións de gases de efecto invernadoiro

Na súa virtude, facendo uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e co Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e 232/2005, do 11 de agosto, polo que se determina a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

I. Disposicións xerais.

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular os procesos de solicitude de autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro para o período 2008-2012, e o establecemento de plans de seguimento para ese mesmo período, así como a actuación dos verificadores de emisións de gases de efecto invernadoiro que van actuar como tales dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Están comprendidas no ámbito de aplicación desta orde todas as instalacións que, operando no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvan algunha das actividades e que xeren as emisións especificadas no anexo I da Lei 1/2005, do 9 de marzo, pola que se regula o réxime do comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro.

2. Todos aqueles verificadores, que estando acreditados por unha entidade de acreditación, vaian desenvolver a súa actividade en instalacións sitas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

II. Proceso de autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro para o período 2008-2012.

Artigo 3º.-Obrigas dos titulares.

Todas as instalacións que leven a cabo dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia algunha das actividades enumeradas no anexo I da Lei 1/2005, do 9 de marzo, durante o período 2008-2012 deberán contar coa autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro concedida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Artigo 4º.-Solicitude de autorización.

1. Todas as instalacións que leven a cabo dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia algunha das actividades enumeradas no anexo I da Lei 1/2005, do 9 de marzo, durante o período 2008-2012, deberán solicitar a autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro, antes do día 26 de novembro de 2007.

2. As instalacións que posúan a autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro para o período 2005-2007, expedida con data anterior ao 31 de decembro de 2007, serán consideradas como instalacións existentes.

3. As instalacións que na data do 1 de xaneiro de 2008 non posúan autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro terán a consideración de novos entrantes con respecto á concesión da autorización.

4. As solicitudes dirixiranse ao órgano competente, e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nas súas delegacións provinciais, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 5º.-Documentación requirida.

Para a solicitude da autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro o titular debe presentar ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o formato de solicitude contido no anexo I desta orde xunto co Plan de seguimento das emisións de gases de efecto invernadoiro. No caso dos novos entrantes exixirase tamén a documentación acreditativa da titularidade da instalación.

Artigo 6º.-Emenda da solicitude.

Examinada a solicitude, se faltase algún dos documentos previstos por esta norma, notificaráselle ao solicitante para que, segundo prevé o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, emende as deficiencias observadas no prazo de 10 días, contados desde o día seguinte ao da notificación realizada. No caso contrario, terase por desistido da súa petición, procedéndose ao arquivo do expediente.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible ditará no prazo máximo de dous meses resolución que poña fin ao procedemento e notificaralla ao interesado. Transcorrido o dito prazo sen terse notificado resolución expresa, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo do cumprimento da obriga legal de resolver que ten a Administración competente.

2. Contra esta resolución caberá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte ao de produción dos efectos do silencio. Sen prexuízo do cumprimento da obriga legal de resolver que ten a Administración competente, transcorrido o prazo de tres meses sen ter notificado resolución expresa entenderase desestimado. Non obstante, cando o recurso de alzada se interpuxese contra a desestimación por silencio administrativo dunha solicitude polo transcurso do prazo, entenderase estimado este se, chegado o prazo de resolución, o órgano administrativo competente non ditase resolución expresa sobre este.

Artigo 8º.-Contido da autorización.

1. A autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro terá o contido mínimo seguinte:

a) Nome e enderezo do titular da instalación.

b) Identificación e domicilio da instalación.

c) Unha descrición básica das actividades e emisións da instalación.

d) As obrigas de seguimento das emisións, especificando a metodoloxía que se deberá aplicar e a súa frecuencia, segundo o artigo 4 da Lei 1/2005, do 9 de marzo, pola que se regula o réxime do comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro.

e) As obrigas de subministración de información, segundo o artigo 4 da Lei 1/2005, do 9 de marzo, pola que se regula o réxime do comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro.

f) A obriga de entregar, nos catro meses seguintes ao final de cada ano natural, dereitos de emisión en cantidade equivalente ás emisións totais verificadas da instalación durante o ano anterior.

g) Data prevista da entrada en funcionamento.

2. A autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro, se así o solicita o titular, poderá cubrir unha ou máis instalacións, sempre que estas se sitúen nun mesmo lugar, garden relación de índole técnica e teñan o mesmo titular.

Artigo 9º.-Cambios na instalación.

O titular da autorización deberá informar a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de calquera proxecto de cambio no carácter, o funcionamento ou o tamaño da instalación, así como de todo cambio que afecte a identidade ou o domicilio do titular. Nestes supostos, deberase presentar solicitude de modificación da autorización axustada ao modelo do anexo I, acompañando aquela documentación prevista no artigo 5 desta orde que presente algunha modificación respecto á que serviu de base para a autorización de emisión. Esta solicitude tramitarase conforme o previsto nos artigos 4º a 9º desta orde.

Artigo 10º.-Extinción da autorización.

As autorizacións de emisión de gases de efecto invernadoiro quedarán extinguidas nos supostos de:

a) Peche da instalación.

b) Falta de posta en funcionamento da instalación, transcorridos tres meses desde a data de inicio de actividade prevista na autorización, agás causa xustificada polo órgano competente para outorgar a autorización.

c) Nos supostos de sanción, conforme o previsto na Lei 1/2005, do 9 de marzo.

d) Suspensión da actividade da instalación durante un prazo superior a un ano.

III. Instalacións de baixas emisións (IBE).

Artigo 11º.-Instalación de baixas emisións (IBE).

A instalación de baixas emisións (IBE) concíbese como a instalación cuxas emisións medias notificadas e verificadas sexan inferiores a 25.000 toneladas de CO2 ao ano durante o período de comercio 2005-2007. Se os datos sobre emisións notificados deixaron de ser aplicables por cambios nas condicións de funcionamento ou na propia instalación, ou se non hai un historial de emisións verificadas, as excepcións aplicaranse se a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible aproba unha previsión prudente das emisións dos seguintes cinco anos con menos de 25.000 toneladas anuais de CO2 fósil.

Artigo 12º.-Solicitude de consideración como IBE.

1. O titular dunha instalación que pretenda a súa consideración como instalación de baixas emisións deberá presentar ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o formato de solicitude contido no anexo I desta orde, xunto cun informe onde se explique dun xeito claro e conciso que se cumpre algunha das condicións especificadas no artigo 12 desta orde.

2. As solicitudes dirixiranse ao órgano competente, e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nas súas delegacións provinciais, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 13º.-Resolución de consideración como IBE.

1. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible ditará no prazo máximo de dous meses resolución que poña fin ao procedemento e notificaralla ao interesado. Transcorrido o dito prazo sen terse notificado resolución expresa, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo do cumprimento da obriga legal de resolver que ten a Administración competente.

2. Contra esta resolución caberá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación da resolución expresa, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte ao de produción dos efectos do silencio. Sen prexuízo do cumprimento da obriga legal de resolver que ten a Administración competente, transcorrido o prazo de tres meses sen ter notificado resolución expresa entenderase desestimado. Non obstante, cando o recurso de alzada se interpuxese contra a desestimación por silencio administrativo dunha solicitude polo transcurso do prazo, entenderase estimado este se, chegado o prazo de resolución, o órgano administrativo competente non ditase resolución expresa sobre el.

IV. Plan de seguimento de emisións de gases de efecto invernadoiro para o período 2008-2012.

Artigo 14º.-Plan de seguimento de emisións de gases de efecto invernadoiro.

1. As instalacións afectadas pola Lei 1/2005, do 9 de marzo, deberán de establecer un plan de seguimento de emisións de gases de efecto invernadoiro para o período 2008-2012.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible comprobará e aprobará o plan de seguimento elaborado polo titular antes do inicio do período de notificación e tamén cando se introduza algún cambio substancial na metodoloxía de seguimento aplicada a unha instalación.

3. O plan de seguimento debe incluír o seguinte:

a) Unha descrición da instalación e das actividades realizadas pola instalación que van ser obxecto de seguimento.

b) Información sobre as responsabilidades de seguimento e notificación dentro da instalación.

c) Unha lista das fontes de emisión e fluxos fonte que van ser obxecto de seguimento respecto de cada actividade realizada dentro da instalación.

d) Unha descrición da metodoloxía baseada no cálculo ou da metodoloxía baseada na medición que vai empregarse.

e) Unha lista e descrición dos niveis correspondentes aos datos da actividade, factores de emisión, factores de oxidación e factores de conversión de cada fluxo fonte que vai ser obxecto de seguimento.

f) Unha descrición dos sistemas de medición e a especificación e situación exacta dos instrumentos de medida que van utilizarse en relación con cada fluxo fonte que van ser obxecto de seguimento.

g) Probas que demostren que se cumpren os limiares de incerteza con respecto aos datos da actividade e outros parámetros (se procede) en relación cos niveis aplicados a cada fluxo fonte.

h) Se procede, unha descrición do plantexamento que vai aplicarse para a mostraxe de combustibles e materiais respecto da determinación do valor calorífico neto, o contido de carbono, os factores de emisión, os factores de oxidación e conversión e o contido de biomasa para cada un dos fluxos fonte.

i) Unha descrición das fontes previstas ou os plantexamentos analíticos para a determinación dos valores caloríficos netos, o contido de carbono, o factor de emisión, o factor de oxidación, o factor de conversión ou a fracción de biomasa para cada un dos fluxos fonte.

j) Se procede, unha lista e descrición de laboratorios non acreditados e dos procedementos analíticos correspondentes, incluída unha lista de todas as medidas pertinentes de aseguramento da calidade.

k) Se procede, unha descrición dos sistemas de medición continua de emisións que van utilizarse para o seguimento dunha fonte de emisión, é dicir, os puntos de medición, a frecuencia das medicións, o equipo utilizado, os procedementos de calibración, os procedementos de recollida e almacenamento de datos e o plantexamento aplicado no cálculo de corroboración e a notificación de datos da actividade, factores de emisión e demais.

l) Se procede, en que casos se aplica o plantexamento baseado en limiares mínimos de incerteza: descrición exhaustiva do plantexamento e da análise de incerteza, se non se fixo xa en relación coas letras a) a k) desta lista.

m) Unha descrición dos procedementos de adquisición de datos e das actividades do seu tratamento e control;

n) Cando proceda, información sobre as relacións pertinentes con actividades realizadas con arranxo ao sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS) e outros sistemas de xestión ambiental (por exemplo, ISO14001:2004), en particular, sobre os procedementos e controis que gardan relación co seguimento e a notificación de emisións de gases de efecto invernadoiro.

4. As instalacións de baixas emisións (IBE) estarán exentas de incluír no seu plan de seguimento as seguintes epígrafes da anterior lista: g, h, i, j, m, n.

5. Calquera cambio substancial da metodoloxía de seguimento que forma parte do plan de seguimento debe recibir a aprobación da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible se se trata de:

-Un cambio da categorización da instalación.

-Un cambio dunha a metodoloxía baseada no cálculo por outra metodoloxía baseada na medición que se utilice para determinar emisións.

-Un aumento da incerteza dos datos da actividade ou outros parámetros (se procede) que implique un nivel diferente.

6. Calquera outro cambio proposto da metodoloxía de seguimento ou dos conxuntos de datos nos que se basee debe notificarse á autoridade competente sen demora despois de que o titular teña o puidera razoablemente ter coñecemento del, a non ser que no plan de seguimento se especifique outra cosa.

7. Os cambios que se introduzan no Plan de seguimento deben estar claramente indicados, xustificados e plenamente documentados nos rexistros internos do titular.

Artigo 15º.-Aprobación do Plan de seguimento de emisións de gases de efecto invernadoiro.

1. Para a aprobación do Plan de seguimento de emisións de gases de efecto invernadoiro o titular debe presentar ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o formato de solicitude contido no anexo I desta orde, xunto con dúas copias do plan que conteñan a información que se especifica no artigo 16º desta orde.

2. As solicitudes dirixiranse ao órgano competente, e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nas súas delegacións provinciais, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 16º.-Emenda de solicitude.

Examinada a solicitude, se faltase algún dos documentos previstos por esta norma, notificaráselle ao solicitante para que, segundo o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, emende as deficiencias observadas no prazo de dez días, contados desde o día seguinte ao da notificación realizada.

Artigo 17º.-Resolución de aprobación do plan.

1. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible ditará no prazo máximo de dous meses, resolución que poña fin ao procedemento e notificaralla ao interesado. Transcorrido o dito prazo sen terse notificado resolución expresa, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo do cumprimento da obriga legal de resolver que ten a Administración competente.

2. Contra esta resolución caberá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte ao de produción dos efectos do silencio. Sen prexuízo do cumprimento da obriga legal de resolver que ten a Administración competente, transcorrido o prazo de tres meses sen ter notificado resolución expresa entenderase desestimado. Non obstante, cando o recurso de alzada se interpuxese contra a desestimación por silencio administrativo dunha solicitude polo transcurso do prazo, entenderase estimado este se, chegado o prazo de resolución, o órgano administrativo competente non ditase resolución expresa sobre el.

V. Regulación da actuación dos verificadores de emisións de gases de efecto invernadoiro que van actuar como tales dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 18º.-Acreditación de entidades verificadoras con domicilio social no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

As entidades verificadoras con domicilio social no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que desexen acreditarse como tales poderán facelo a través de calquera dos organismos de acreditación designados por calquera das demais comunidades autónomas do Estado español, mentres a Comunidade Autónoma de Galicia non designe expresamente un organismo de acreditación de acordo co exposto no artigo 7 do Real decreto 1315/2005.

O anteriormente exposto será comunicado pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, á Comisión de Coordinación de Políticas de Cambio Climático, e se é o caso, os verificadores acreditados directamente polos ditos órganos.

Artigo 19º.-Comunicación de actuación como verificador na Comunidade Autónoma de Galicia.

Un verificador acreditado, conforme o disposto no artigo 3 do Real decreto 1315/2005, do 4 de novembro, poderá realizar tarefas de verificación no territorio de Galicia comunicándoo cunha antelación mínima dun mes empregando o modelo de formulario do anexo II. O verificador debe presentar ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible a documentación que demostre que ten a acreditación para actuar como tal, e que polo tanto pode actuar baixo a dita acreditación. Nesta documentación debe especificarse claramente as persoas que foron acreditadas e os sectores da Lei 1/2005, do 9 de marzo, para os que foron acreditados.

Transcorrido o devandito mes sen que se emita unha resolución expresa, ou se solicite nova documentación, considerarase apto para efectuar os traballos de verificación por silencio positivo.

Artigo 20º.-Obriga de actualizar a información presentada.

O verificador debe de comunicar á Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible calquera cambio que se produza na súa acreditación, nas persoas acreditadas para realizar as tarefas de verificación, ou nas actividades para as que estea acreditado mediante o formulario do anexo II. Non será necesario facer nova comunicación se a acreditación está en vigor e non cambiaron nin as persoas acreditadas nin os sectores.

Artigo 21º.-Proceso de verificación de emisións de gases de efecto invernadoiro na Comunidade Autónoma de Galicia.

1. De acordo ao exposto no artigo 7 do anexo IV da Lei 1/2005, do 9 de marzo, a verificación da información presentada levarase a cabo polo menos mediante unha visita anual na situación da instalación. O verificador recorrerá a inspeccións in situ para determinar a fiabilidade dos datos e a información notificados. A verificación poderá ser realizada excepcionalmente sen levar a cabo a dita visita á instalación soamente coa aprobación previa da Xeral de Desenvolvemento Sostible.

2. O verificador comunicará a esta Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, polo menos con 10 días de antelación, o nome da instalación, así como a persoa designada e a data, na que se realizará a visita a planta para realizar a verificación do informe anual de emisións, empregando o formulario do anexo III desta orde. Esta dirección xeral poderá acompañar ao citado verificador, logo de confirmación, en calquera tarefa de verificación, para os efectos de comprobar os procedementos empregados.

3. Toda actuación como verificador, realizarase como mínimo cun técnico/a cualificado/a para o grupo de actividade obxecto da actuación, e que serán os que o verificador comunicou previamente e segundo ao disposto no artigo 7º desta orde a esta dirección xeral. O dito técnico deberá asinar o informe de verificación. Ademais do verificador principal, o documento informe de verificación deberá ser asinado por un revisor, igualmente acreditado, sen prexuízo de calquera outra persoa da entidade verificadora asine tamén o dito documento.

Artigo 22º.-Formulario de presentación do informe anual de emisións verificado.

Establécese o formulario do anexo IV como modelo oficial da Comunidade Autónoma de Galicia para remitir o informe anual de emisións verificado, que deberá ser presentado ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, segundo o disposto no artigo 22 da Lei 1/2005, do 9 de marzo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2007.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

Ver referencia pdf "22200D003P014.PDF"

a) CESAMENTOS VICEPRESIDENCIA DA

IGUALDADE E DO BENESTAR