DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 15 de novembro de 2007 Páx. 18.297

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 212/2007, do 8 de novembro, polo que se modifica o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

O Decreto 232/2005, do 11 de agosto -na súa modificación operada polo Decreto 454/2005, do 1 de setembro- e de conformidade coas previsións organizativas contidas no Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, fixa a estrutura orgánica das distintas consellerías, que se estruturan nas secretarías xerais, direccións xerais ou órganos de igual categoría que resultan necesarios para o cumprimento das funcións que a nova estrutura organizativa comporta, ademais de proceder á adscrición a elas dos organismos autónomos ou entes públicos pertinentes.

Así, o artigo 1 do citado Decreto 232/2005 establece que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar se estrutura nos seguintes órganos superiores e directivos: Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais, Secretaría Xeral da Igualdade, Secretaría Xeral do Benestar, Dirección Xeral de Acción Social e Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, quedando adscrito ao citado departamento da Administración autonómica o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

A intensa actividade administrativa no seo da Comisión Mixta de Transferencias Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia e, no ámbito da cooperación interadministrativa, na Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia determina a necesidade da creación dun centro directivo que asuma, de xeito específico, as funcións que ata agora lle corresponden, en materia de relacións institucionais, á Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais.

Na súa virtude e, segundo o disposto no artigo 4.15º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo e 12/2007, do 27 de xullo, por iniciativa do Vicepresidente da Igualdade e do Benestar e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de novembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Modifícase o artigo 1 do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, que quedará redactado nos seguintes termos:

«a) A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar estrutúrase nos seguintes órganos superiores e directivos:

1. Secretaría Xeral.

2. Secretaría Xeral de Relacións Institucionais.

3. Secretaría Xeral da Igualdade.

4. Secretaría Xeral do Benestar.

Dirección Xeral de Acción Social.

Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

b) Queda adscrito á Vicepresidencia o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller».

Disposicións transitoria

Única.-Adscrición provisional dos órganos e unidades administrativas.

Os órganos e unidades administrativas dependentes da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais conforme o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, subsistirán coa mesma estrutura e funcións e adscribiranse provisionalmente aos centros directivos regulados neste decreto, mediante disposición do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, metres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar no nivel de dirección xeral.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de novembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Manuel Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza