DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 14 de novembro de 2007 Páx. 18.220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2007, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se comunican os lugares de habilitación e se dá publicidade á versión bilingüe do libro de subcontratación regulado no Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto, polo que se desenvolve a Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da subcontratación no sector da construción.

O 25 de agosto de 2007 publicábase, no BOE nº 204, o Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto, polo que se desenvolve a Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da subcontratación no sector da construción.

No capítulo IV, artigos 13 e seguintes do devandito real decreto regúlase o libro de subcontratación, que cubrirá cada contratista e, en relación a este e co fin de facilitar a súa habilitación e adaptalo á nosa lingua,

DISPOÑO:

1. No artigo 14, do referido Real decreto 1109/2007, establécese que o libro de subcontratación será habilitado pola autoridade laboral correspondente ao territorio en que se execute a obra, en virtude disto e co fin de facilitar este trámite, a referida habilitación levarase a cabo no correspondente Servizo de Relacións Laborais da delegación provincial da Consellería de Traballo da provincia onde radique a obra en cuestión.

2. Para os efectos de unificar criterios establécense as seguintes normas de funcionamento:

a) Para garantir a maior rapidez e seguridade no proceso de habilitación, á hora de solicitala, o libro deberá ter cuberto correctamente o cadro dos Datos identificativos da obra que figura na folla da Dilixencia de habilitación, folla que deberá ser duplicada de forma autocopiativa segundo se indica nas características de edición que figuran no anexo desta resolución.

b) Unha vez feita a devandita habilitación, a copia desta folla de Dilixencia de habilitación quedará en poder da autoridade laboral, para os efectos de incorporación ao rexistro de libros de subcontratación, que se crea nos servizos de relacións laborais das delegacións provinciais da Consellería de Traballo, para o seu seguimento e control.

c) No caso de que o modelo do libro de subcontratación que se vai habilitar sexa o publicado no BOE, é dicir, que non sexa o que figura no anexo a esta resolución e, polo tanto, que non conte cunha folla autocopiativa da Dilixencia de habilitación, os interesados deberán presentar unha fotocopia da referida folla, cos Datos identificativos da obra debidamente cubertos.

d) Se, por calquera causa, non fose posible a habilitación deste libro de xeito inmediato á súa presentación, ou no caso de que se presente en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, deberán presentar o libro ou libros que se pretendan habilitar xunto cun escrito no que se reflictan, como mínimo, os seguintes datos:

1. Nome e NIF da persoa responsable da presentación do libro.

2. Enderezo completo, para os efectos de comunicación.

3. Teléfono ou teléfonos de contacto, para os efectos de axilizar este trámite.

4. Número de libros presentados.

A este escrito xuntarase o libro ou libros presentados, cos Datos identificativos da obra que figura na folla da Dilixencia de habilitación debidamente cubertos.

No caso de que o modelo de libro de subcontratación presentado non sexa o que figura no anexo a esta resolución, que conta cun duplicado autocopiativo da folla da Dilixencia de habilitación, deberán achegar, xunto co escrito e co libro ou libros, a fotocopia correspondente dos Datos identificativos da obra que figura na referida folla, segundo o establecido nas letras a) e c) deste punto 2º.

e) Non obstante o recollido neste punto o contratista deberá ter en conta que debe dispoñer do libro de subcontratación, debidamente habilitado, con anterioridade ao inicio dos traballos subcontratados, segundo se desprende do disposto no artigo 15 do Real decreto 1109/2007.

3. Por outra banda, segundo o establecido na disposición adicional terceira, punto segundo, do antedito real decreto, naquelas comunidades autónomas con dúas linguas oficiais, o libro de subcontratación poderá editarse en versión bilingüe. É por isto que no anexo a esta resolución se reproduce o modelo nos dous idiomas indicándose, así mesmo, as características para a súa edición.

4. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación, sen prexuízo de que, segundo o establecido na disposición transitoria primeira da Lei 32/2006, do 18 de outubro, as empresas contratistas poderán seguir utilizando as fichas nela recollidas, conforme o establecido na disposición transitoria terceira do Real decreto 1109/2007, do 24 de agosto, ata o 25 de novembro de 2007.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2007.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Características de edición:

Os libros de subcontratación terán as dimensións UNE A-4 210 x 297 e a composición que figura nos formatos deste anexo que comprende:

-Modelo da portada.

-Contraportada sobre a normativa reguladora e instrucións para cubrir o libro.

Debido á extensión do texto poderá imprimirse en dúas follas distintas, ou na mesma por ambas as dúas caras. En ambos os dous casos, a páxina que contén o texto en galego será a que quede ao exterior, de xeito máis visible.

-A primeira páxina de identificación e habilitación.

Para facilitar o trámite esta páxina debe ser duplicada de forma autocopiativa para os efectos de que, unha vez habilitada, a copia quede en poder da autoridade laboral que habilita o libro.

-Modelo de cada unha das follas numeradas.

Cada unha das dez follas debe ser duplicada de forma autocopiativa para os efectos de que a copia sexa remitida polo contratista, cando proceda, á autoridade laboral competente.

Ver referencia pdf "22000D012P016.PDF"