DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 14 de novembro de 2007 Páx. 18.212

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 211/2007, do 25 de outubro, polo que se establecen as percepcións, medios e recursos asignados e precedencias que lles correspondan ás ex-presidentas e ex-presidentes da Xunta de Galicia.

O artigo 11, punto 7º, da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, foi modificado pola Lei 12/2007, do 27 de xullo, pola que se modifica a Lei 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia. Nel establécense as previsións necesarias respecto do tratamento e honras vitalicias das ex-presidentas e ex-presidentes da Xunta de Galicia, así como determinadas prestacións materiais que han de outorgárselles mediante norma con rango de decreto despois do seu cesamento no cargo.

Este decreto vén dar cumprimento a tal previsión normativa regulando as percepcións, medios e recursos asignados e precedencias que lles correspondan ás ex-presidentas e ex-presidentes da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e cinco de outubro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Dereitos de carácter temporal.

1. Durante o prazo de dous anos inmediatamente posteriores ao seu cesamento, as ex-presidentas e ex-presidentes da Xunta de Galicia terán dereito a percibir unha compensación económica do 60 por cento da que teña asignada en cada momento a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia. Esta compensación económica deberá quedar consignada especificamente nos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

2. Desde a data do seu cesamento, e durante un período de catro anos adicionais, tivéronse a condición de presidenta ou presidente durante catro ou menos anos, ou por un período de dez anos adicionais, se tiveron a condición de presidenta ou presidente durante máis de catro anos, serán postos á súa disposición os medios e servizos seguintes:

a) Quedará adscrito ao seu servizo, un posto de traballo da Administración autonómica, con nivel administrativo mínimo 18, ou persoa contratada por esta.

b) Quedará asignado ao seu servizo un automóbil de representación do parque móbil con condutor, da comunidade autónoma.

Este dereito será incompatible coa condición de membro nato do Consello Consultivo de Galicia ou co exercicio dun cargo público que outorgue unha prestación de medios e servizos de análoga natureza.

Artigo 2º.-Dereitos vitalicios.

As ex-presidentas e ex-presidentes da Xunta de Galicia terán dereito con carácter vitalicio a:

a) O apoio da Casa de Galicia en Madrid e das delegacións da Xunta de Galicia no exterior, nos seus desprazamentos fóra da comunidade autónoma.

b) As medidas de seguranza que se consideren axeitadas en cada momento.

c) Que a Xunta de Galicia lles faciliten os medios necesarios e axeitados de transporte e, se é o caso, aloxamento, para a asistencia aos actos oficiais aos que fose invitado, na súa condición de ex-presidenta ou ex-presidente, pola mesma.

d) A que a orde de precedencia individual das ex-presidentas e ex-presidentes da Xunta de Galicia, nos actos oficiais organizados pola comunidade autónoma e dentro do seu territorio, sexa no lugar inmediatamente posterior aos titulares dos departamentos da Xunta de Galicia.

Cando concorresen no mesmo acto dous ou máis ex-presidentas ou ex-presidentes da Xunta de Galicia, a súa orde de prelación quedará determinada pola antigüidade das datas respectivas de toma de posesión no cargo.

Disposición adicional

Única.-A persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá, mediante orde, e por circunstancias debidamente xustificadas, incrementar, cando fose preciso, os medios e servizos establecidos nas alíneas a) e b) do punto 2º do artigo 1.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 182/1990, do 1 de marzo, polo que se determinan as percepcións, medios e recursos asignados aos ex-presidentes da Xunta de Galicia e as precedencias que lles corresponden.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilítanse as persoas titulares das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda para adoptar as disposicións e acordos que sexan necesarios para o axeitado desenvolvemento e execución deste decreto, no ámbito das súas respectivas competencias.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de outubro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza