DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 08 de novembro de 2007 Páx. 17.895

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2007 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas deste instituto para a habilitación de dúas liñas de financiamento subsidiado de producións audiovisuais e investimentos en bens de equipamento a realizar polas Pemes do sector audiovisual galego, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 19 de xullo de 2007, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación de dúas liñas de financiamento subsidiado de producións audiovisuais e investimentos en bens de equipamento a realizar polas Pemes do sector audiovisual galego, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

Unha vez asinado no día de hoxe o correspondente convenio de colaboración coas entidades financeiras, faise precisa a publicación e convocatoria das bases reguladoras das axudas.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación de dúas liñas de financiamento subsidiado de producións audiovisuais e investimentos en bens de equipamento a realizar polas Pemes do sector audiovisual galego, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas, as cales se anexan a esta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2007.

Álvaro Álvarez-Blázquez Fernández

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación de dúas liñas de financiamento subsidiado de producións audiovisuais e investimentos en bens de equipamento, a realizar polas Pemes do sector audiovisual galego, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bases regulan o obxecto, requisitos e procedemento de tramitación de dúas liñas de financiamento subsidiado para facilitar o acceso ao financiamento de producións audiovisuais e investimentos en bens de equipamento nas Pemes do sector audiovisual galego:

Liña produción audiovisual: préstamos para financiar producións audiovisuais participadas por produtoras galegas, entendendo como tales producións as longametraxes, películas para a televisión, documentais, animación, mini-series de ficción, programas piloto e producións de contidos interactivos.

Liña industria audiovisual: préstamos para financiar investimentos en bens de equipamento para Pemes do sector audiovisual de Galicia e da súa industria auxiliar, entendendo como tales aquelas que desenvolvan o seu campo de actividade nalgunha das etapas da cadea de valor da produción audiovisual ou produción de contidos interactivos.

Artigo 2º.-Requisitos dos beneficiarios das liñas de crédito.

2.1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nestas bases aquelas empresas con domicilio fiscal en Galicia, que teñan a consideración de PEME segundo a definición da Comisión Europea, feita pública para efectos do Igape mediante Resolución do 27 de decembro de 2004 (DOG nº 11, do 18 de xaneiro de 2005), que exerzan ou teñan intención de exercer a actividade de produción audiovisual ou a súa industria auxiliar.

Para os efectos de acreditar a actividade desenvolvida poderase considerar a alta no imposto de actividades económicas, declaración censual ou certificación de pertenza a algunha das asociacións empresariais do sector.

2.1.1. Liña produción audiovisual: para os efectos de acreditar a participación na produción audiovisual consideraranse os seguintes documentos: o contrato de coprodución e/ou distribución, ou a acreditación de posuír os pertinentes dereitos de propiedade intelectual sobre o guión e, se é o caso, o de opción sobre a obra preexistente (contrato ou documento de cesión ao produtor e rexistro da propiedade intelectual do guión).

2.1.2. Liña industria audiovisual: aquelas Pemes que realicen actividades nalgunha das etapas da cadea de valor da produción audiovisual como o aluguer de equipamentos audiovisuais, iluminación, escenografía, servizos de software específico, actividades formativas, estudos de son e dobraxe, laboratorios, servizos multimedia, difusión, distribución, exhibición, etc.

2.2. Os solicitantes terán que estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2.3. Non poderán ser beneficiarias das liñas de financiamento determinadas nestas bases as empresas en crise, de acordo coa definición das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (DO C 244, do 1-10-2004).

Artigo 3º.-Características dos proxectos financiables.

3.1. Conceptos financiables:

3.1.1. Liña produción audiovisual: serán financiables os conceptos de gasto necesarios para o desenvolvemento da produción audiovisual que se incorporarán ao inmobilizado da empresa beneficiaria, tales como a adquisición de dereitos de guión e música, gastos de persoal artístico e equipamento técnico, escenografía, estudos, rodaxe, aluguer de maquinaria e transportes, axudas de custo, traballos de laboratorio, montaxe e sonorización, gravación de música, dobraxe, sonorización, primas de seguros, etc.

3.1.2. Liña industria audiovisual: será financiable o inmobilizado material novo adquirido a terceiros, consistente en maquinaria, elementos de transporte -exclusivamente vehículos industriais-, e outros bens de equipamento, incluíndo as súas instalacións e gastos para a posta en marcha. Tamén será financiable o inmobilizado inmaterial consistente en aplicacións informáticas e propiedade industrial necesaria para a actividade.

3.1.3. Non se poderán financiar os impostos indirectos recuperables que graven a adquisición, nin as achegas a realizar ás sociedades de garantía recíproca.

3.2. Prazo de realización dos investimentos. De acordo con estas bases, na liña produción audiovisual poderán ser financiadas as producións iniciadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2007. Na liña industria audiovisual só serán financiables os proxectos iniciados con posterioridade á presentación da solicitude de axuda.

3.3. Os beneficiarios das operacións acollidas á liña industria audiovisual deberán manter os investimentos obxecto de financiamento durante un prazo mínimo de 3 anos desde a súa adquisición. Considerarase que se cumpre esta condición no caso de que os bens en que se materialice o investimento sexan substituídos por outros da mesma natureza e destino, non podendo obter para a súa adquisición ningún tipo de axuda financeira do Igape.

Artigo 4º.-Importe das operacións.

4.1. O importe das operacións que se formalicen ao abeiro destas bases con destino ao financiamento dos conceptos sinalados no artigo 3º anterior será:

4.1.1. Nas operacións acollidas á liña produción audiovisual: máximo de 900.000 euros. Ao mesmo tempo, o risco vivo de cada empresa por operacións financeiras formalizadas ao abeiro da liña non poderá superar os 1.500.000 euros.

4.1.2. Nas operacións acollidas á liña industria audiovisual: mínimo de 25.000 euros e máximo de 300.000 euros. Ao mesmo tempo, o risco vivo de cada empresa por operacións financeiras formalizadas ao abeiro desta liña non poderá superar os 300.000 euros.

4.2. O importe dos préstamos subvencionables acollidos a estas bases poderá acadar:

4.2.1. En operacións da liña produción audiovisual, ata o 100% do custo, determinándose en función da porcentaxe da participación de produtoras galegas na produción.

4.2.2. En operacións da liña industria audiovisual, ata o 100% dos investimentos, excluíndo os impostos indirectos recuperables e a achega á SGR.

Artigo 5º.-Prazos de disposición e reembolso e amortización anticipada da operación financeira.

5.1. Prazo de disposición. O número de disposicións e/ou a súa contía mínima poderá pactarse libremente entre a entidade financeira e o prestameiro.

A entidade financeira requirirá aos prestameiros a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a utilización dos fondos do préstamo á produción ou o investimento.

Nos préstamos da liña industria audiovisual, a disposición dos fondos aboados do préstamo e a realización total dos investimentos deberanse efectuar antes da primeira amortización do préstamo, para o que o prestameiro solicitará a carencia de amortización necesaria dentro do límite establecido (1 ano desde a formalización do préstamo). Se existiren fondos pendentes de utilizar na conta específica unha vez transcorrido este período, deberanse destinar a amortizar o principal do préstamo, e non se computarán para efectos de préstamo subvencionable.

5.2. Prazo de reembolso. Os préstamos correspondentes á liña produción audiovisual terán un prazo de vixencia entre 3 e 5 anos, cunha única amortización ao seu vencemento. Os importes percibidos como consecuencia dos dereitos de crédito endosados en garantía da operación serán destinados á amortización anticipada do préstamo.

Os préstamos correspondentes á liña industria audiovisual serán amortizados nun prazo entre 5 e 7 anos, incluíndo ata 1 ano de carencia na amortización do principal, períodos aos cales se poderá engadir os días que transcorran desde a formalización ao último día do trimestre ou mes en que ela produza.

5.3. Amortización anticipada. A operación financeira poderá ser amortizada sen custo de forma anticipada, total ou parcialmente, por vontade do beneficiario. Nas operacións da liña industria audiovisual as amortizacións anticipadas parciais que, se é o caso, realice voluntariamente o beneficiario poderanse aplicar a reducir, en igual contía, as cotas de amortización restantes ou ben o prazo de amortización da operación.

Artigo 6º.-Tipo de xuro e comisións das operacións.

6.1. O tipo de xuro nominal anual variará por semestres naturais e determinarase de acordo coas seguintes normas:

a) Para o segundo semestre do ano 2007, o tipo de xuro nominal será do 5%.

b) Para cada un dos restantes semestres naturais, o tipo de xuro nominal anual dos préstamos será o resultante de engadirlle ao tipo de referencia definido no parágrafo seguinte o tipo adicional de 0,5 puntos.

c) Para o primeiro semestre de cada ano calcularase como a media aritmética simple dos tipos diarios do Euríbor a prazo de 6 meses correspondentes ao mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre será a media aritmética simple dos tipos diarios do Euríbor a prazo de 6 meses correspondentes ao mes de maio do mesmo ano.

O tipo de xuro de referencia para cada semestre será comunicado polo Igape ás entidades financeiras e publicado no Diario Oficial de Galicia.

6.2. Para os efectos destas bases, enténdese por Euríbor (Euro Interbank Offered Rate = tipo interbancario ofrecido en euros) a media das cotizacións proporcionadas polo Grupo Euríbor das asociacións internacionais Euríbor FBE e Euríbor ACI, eliminando valores extremos, ás 11.00 da mañá hora de Bruxelas, por operacións de depósito interbancario a un prazo de 6 ou 12 meses, segundo corresponda, e publicado na páxina web do Banco de España.

6.3. Se o Euríbor ao prazo correspondente deixase de determinarse, aplicarase, en primeiro lugar o índice de referencia que legalmente o substitúa e, en segundo lugar, na falta de normativa ao respecto, o tipo de xuro variará por semestres naturais de acordo coas seguintes normas:

a) Para o primeiro semestre de cada ano será o tipo de rendemento interno no mercado secundario da débeda pública de prazo entre dous e seis anos, publicado polo Banco de España, correspondente ao mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre de cada ano será o tipo de rendemento interno no mercado secundario da débeda pública, de prazo entre 2 e 6 anos, publicado polo Banco de España, correspondente ao mes de maio do mesmo ano.

b) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de restarlle ao tipo de referencia 0,25 puntos.

6.4. Comisións. As sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas non lles repercutirán aos prestameiros e avalados ningún tipo de gasto ou comisión derivados das operacións aprobadas en aplicación destas bases. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

6.5. Achegas ás SGR. Os prestameiros deberán realizar, se é o caso, a achega para adherirse á sociedade de garantía recíproca que corresponda.

As operacións de ata 300.000 euros serán avaladas por unha única SGR. As operacións de importe superior poderán ser coavaladas por varias SGR.

6.6. Garantías da operación. As operacións formalizadas ao abeiro destas bases contarán exclusivamente co aval de sociedade de garantía recíproca polo 100% do importe do financiamento. As sociedades de garantía recíproca poderán afectar como garantía os acordos contractuais sobre difusión ou vendas de producións que formalice o prestameiro, e tomar outras garantías persoais.

Artigo 7º.-Axuda do Igape.

7.1. Subvención ao tipo de xuro.

A subvención ao tipo de xuro equivalerá aproximadamente a 1,5 puntos porcentuais do xuro nominal das operacións acollidas a estas liñas de financiamento, determinándose do xeito seguinte:

Liña produción audiovisual: a subvención ao tipo de xuro será pagada dunha soa vez e o seu cálculo será estimado da seguinte forma:

-Estímase o custo financeiro dunha operación a un prazo de 3 anos, totalmente disposta no período, e sen ter en conta ningunha das posibles amortizacións anticipadas.

-Actualízanse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano 2007.

Desta forma, a subvención ao tipo de xuro que aboará o Igape será do 4,3% do principal do préstamo disposto.

Liña industria audiovisual: a subvención ao tipo de xuro será pagada dunha soa vez e o seu cálculo será estimado da seguinte forma:

-Estímase o custo financeiro dunha operación a un prazo de 5 anos, totalmente disposta no período, e sen ter en conta ningunha das posibles amortizacións anticipadas.

-Actualízanse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano 2007.

Desta forma, a subvención ao tipo de xuro que aboará o Igape será do 3,5% do principal do préstamo disposto.

O importe resultante da axuda destinarase á amortización anticipada do principal do préstamo, non podendo a entidade financeira cobrar comisión ningunha pola devandita amortización anticipada.

7.2. Subvención indirecta ás comisións das entidades financeiras.

O Igape aboará directamente ás entidades financeiras unha compensación do 1% do principal dos préstamos aplicados ás finalidades previstas, en concepto de compensación de gastos de xestión, supoñendo unha subvención indirecta para o beneficiario, xa que a entidade financeira non vai repercutir comisión ningunha ao solicitante pola xestión da operación.

7.3. Subvención indirecta ás comisións de aval das SGR.

As sociedades de garantía recíproca avalistas percibirán polo importe de aval que presten unha comisión única do 3,25 % sobre o saldo máximo garantido. A devandita comisión será integramente subvencionada polo Igape, que efectuará o pagamento directamente á SGR por conta do beneficiario, xa que a SGR non lle repercutirá comisión ningunha ao solicitante polo aval prestado.

Artigo 8º.-Compatibilidade e límite de axuda.

8.1. A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea.

8.2. As subvencións financeiras que se concedan ao abeiro da liña produción audiovisual terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro de 2006). As axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada.

8.3. As subvencións financeiras que se concedan ao abeiro da liña industria audiovisual respectarán o establecido no Regulamento (CE) 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOUE L 10, do 13 de xaneiro de 2001) e as súas posteriores modificacións. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, non podendo exceder as intensidades máximas de axuda neles permitidos.

Artigo 9º.-Tramitación das solicitudes e concesión da axuda financeira.

9.1. Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario.

9.2. A fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon á disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, despois do cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractación «SHA-1 160 bits» a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

9.3. A solicitude de axuda presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. A solicitude que careza do IDE ou na cal este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) será devolta sen tramitación.

9.4. A presentación da solicitude de axuda polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderanlles ser requiridos ao interesado.

9.5. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9.6. Así mesmo, o interesado poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. O solicitante por esta vía telemática deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de modo que coa súa sinatura sexa suficiente para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados da clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación, conforme o citado Decreto 164/2005.

9.7. O solicitante poderá obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizará a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexa recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das devanditas aclaracións.

9.8. O Igape unicamente dará curso a aquelas solicitudes que figuren cubertas na súa totalidade, devolvéndolle, noutro caso, a solicitude ao interesado, quen poderá volver a presentala unha vez que se cubra correctamente.

9.9. Traslado da solicitude á entidade financeira e á sociedade de garantía recíproca.

O Igape remitirá o cuestionario da solicitude cursada á entidade financeira designada polo interesado e á sociedade de garantía recíproca correspondente, para os efectos da valoración do risco e remisión da súa posición ao Igape. A entidade financeira formulará a súa posición dentro dos 15 días hábiles seguintes á recepción do cuestionario de solicitude e, no caso de que acepte a operación, remitiralle todos os antecedentes á SGR, quen formulará a súa posición no prazo de 15 días hábiles seguintes ao traslado da solicitude pola entidade financeira. No caso de non recibir resposta pola entidade financeira ou a SGR no citado prazo o Igape entenderá que a operación foi denegada.

Artigo 10º.-Resolución.

10.1. Unha vez que a entidade financeira e a sociedade de garantía recíproca formulen a súa posición de conformidade co establecido no convenio de colaboración que para tal efecto se asine, a solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á operación declarados no cuestionario anexo a ela. Unha vez avaliada a solicitude, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección.

10.2. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do investimento subvencionable, o importe do préstamo subsidiable, o seu prazo de vixencia e carencia e o importe efectivo da subsidiación equivalente para o beneficiario, que o Igape aboará á entidade financeira e á sociedade de garantía recíproca por esta operación.

10.3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

10.4. Con base nas características do programa de axuda, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, ata esgotárense as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas.

Artigo 11º.-Notificación, silencio administrativo e recursos.

11.1. O Igape notificará ao solicitante e comunicará á entidade financeira e SGR, se é o caso, a concesión ou denegación da axuda.

11.2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses a partir da data de presentación da solicitude de axuda no Igape. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notificase resolución expresa, poderase entender desestimada. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición ante o director xeral do Igape no prazo dun mes a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

11.3. Será causa de denegación da axuda a falta de comunicación pola entidade financeira ou a SGR da súa posición respecto á aprobación da operación, no prazo establecido nestas bases e no convenio asinado para o efecto (15 días hábiles para cada entidade), sen prexuízo da posibilidade do solicitante de reiterar a súa solicitude.

Artigo 12º.-Publicación.

12.1. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, o Instituto Galego de Promoción Económica publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es, expresando beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades financeiras e da súa publicación nos citados medios.

12.2. De conformidade cos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Facenda publicarán no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro destas bases; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións, que como consecuencia delas puideren impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 13º.-Formalización da operación financeira.

O prazo para a formalización da operación financeira vencerá aos 3 meses a partir da data de notificación da resolución de concesión da axuda do Igape. Transcorrido o devandito prazo sen que se formalizase o préstamo, decaerá o expediente de concesión de axuda. Para o cómputo destes prazos observarase a información de seguimento remitida polas entidades financeiras.

Artigo 14º.-Pagamento da subsidiación.

14.1. Requisitos previos á solicitude de fondos.

Previamente á utilización dos fondos do préstamo, a entidade financeira comprobará a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a execución do investimento e o seu pagamento.

Na liña industria audiovisual o prazo máximo para xustificar a execución do investimento e o seu pagamento e solicitar o pagamento da subsidiación será dun ano desde a formalización do préstamo.

14.2. Solicitude de cobramento.

Na primeira quincena do mes seguinte de cada trimestre natural as entidades financeiras remitiranlle ao Igape:

14.2.1. A través da extranet:

a) Unha relación daquelas operacións formalizadas ao abeiro destas bases cunha disposición de fondos completa que conste xustificada conforme a súa finalidade.

b) A liquidación dos importes que lles corresponde percibir, segundo o establecido no artigo 7º destas bases.

14.2.2. En documento orixinal:

a) A aceptación do beneficiario da axuda do Igape, segundo o anexo II. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución. A aceptación formalizarase coa póliza de préstamo, incorporándose como anexo a ela.

b) A solicitude de cobramento asinada polo titular segundo o anexo III.

14.2.3. Calquera outra información que o Igape puider requirir das entidades financeiras para os efectos estatísticos e dunha axeitada imputación contable ao peche do exercicio.

14.3. Esta documentación servirá, así mesmo, de base para a liquidación ás sociedades de garantía recíproca avalistas dos importes que lles corresponda conforme o artigo 7º destas bases.

14.4. Transferencia de fondos ás entidades financeiras e ás sociedades de garantía recíproca.

O Igape procederá ao pagamento das subvencións correspondentes dentro da primeira quincena do mes seguinte a aquel en que recibisen as correspondentes liquidacións.

Artigo 15º.-Modificacións.

15.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

15.2. O beneficiario queda obrigado a comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

15.3. No caso de modificación da operación aprobada, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. No caso de que a modificación afecte os datos declarados no cuestionario, deberá cubrir previamente un novo cuestionario descritivo do proxecto na aplicación de axuda na internet, e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación.

15.4. O director xeral do Igape poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

15.5. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teña en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 16º.-Perda da subvención.

16.1. Procederá o reintegro total ou parcial por parte do beneficiario das cantidades aboadas polo Igape á entidade financeira e sociedade de garantía recíproca con motivo da súa operación de préstamo, xunto cos xuros de demora producidos a partir do pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos por este asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben alcanzarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxesen na resolución de concesión.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou por calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais casos previstos na normativa reguladora da subvención.

16.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

16.3. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.

Se o incumprimento superase o 50% do investimento subvencionable aprobado, considerarase total, sendo causa de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas. As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para seu recobramento, se é o caso, a vía de constrinximento.

16.4. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto no artigo 20 do Decreto 287/2000, de desenvolvemento do réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da aplicación da regulación establecida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) á súa entrada en vigor, sendo competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

16.5. Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, os beneficiarios, entidades financeiras e SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 17º.-Modificación das condicións financeiras e comisións de aval no caso de perda da subvención.

No caso de que o Igape non aboe a axuda concedida debido á súa perda por incumprimento de condicións, as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca poderán pactar nas correspondentes pólizas e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás estipuladas neste convenio.

Artigo 18º.-Control.

Tanto as entidades financeiras como as sociedades de garantía recíproca adheridas e os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúe o Igape ou os órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 19º.-Adhesión mediante convenio de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca colaboradoras.

19.1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración no cal se regulen os compromisos das partes a todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia técnica e financeira, colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro.

19.2. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos axeitados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio, nestas bases e nos seus anexos.

19.3. Formalización da adhesión ao convenio de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca.

A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como anexo IV a estas bases. O Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio.

19.4. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo V a estas bases.

Artigo 20º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte á publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de decembro de 2008. No caso de esgotamento do crédito o Igape publicará a devandita circunstancia no Diario Oficial de Galicia a fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 21º.-Dotación orzamentaria.

21.1. Importe máximo de operacións.

O importe máximo de operacións que concederán as entidades financeiras que subscriban este convenio no período de vixencia elévase a 15.000.000 euros para a liña produción audiovisual, 5.000.000 euros para a liña industria audiovisual. Tanto o importe global da liña como as anualidades programadas poderán ser ampliados no caso de existencia de créditos adecuados e suficientes. Así mesmo, os créditos asignados a cada liña poderán ser redistribuídos en función do volume de solicitudes.

21.2. Dotación orzamentaria.

Os créditos para financiar os compromisos derivados destas bases financiaranse, con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.E5/10/01.656700, cun crédito plurianual de 147.600 euros para o exercicio 2007, de 590.400 euros para o exercicio 2008, e 82.000 euros para o exercicio 2009; con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.E5/10/01.656701, cun crédito plurianual de 36.000 euros para o exercicio 2007, de 144.000 euros para o exercicio 2008, e 20.000 € para o exercicio 2009; e con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.E5/10/01.656702, cun crédito plurianual de 117.000 euros para o exercicio 2007, de 468.000 euros para o exercicio 2008, e 65.000 euros para o exercicio 2009. Os citados créditos, á vista das solicitudes presentadas poderán ser modificados e/ou ampliados polo Igape, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Ver referencia pdf "21600D006P019.PDF"

Ver referencia pdf "21600D008P029.PDF"