DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 08 de novembro de 2007 Páx. 17.881

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 31 de outubro de 2007 pola que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Pontevedra.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en virtude do Decreto 37/2007, do 15 de marzo).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 18 dispón que, aprobados os estatutos, se publicarán no Diario Oficial de Galicia mediante orde da consellería competente en materia de colexios profesionais.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Pontevedra acordou en xunta xeral a aprobación dos estatutos. Posteriormente fóronlle comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, logo de cualificación de legalidade, tal como dispón o artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar os estatutos do Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Pontevedra, que figuran como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Pontevedra

CAPÍTULO I

Artigo 1º.-Definición.

O Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Pontevedra, que se rexerá pola lexislación básica do Estado, polos preceptos da Lei 11/2001, de 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e por estes estatutos, é unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e con capacidade plena para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º.-Domicilio e ámbito territorial.

O Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Pontevedra terá o seu domicilio en Vigo, rúa Torrecedeira, 40, entresollado, e o seu ámbito de actividade queda circunscrito á provincia de Pontevedra; poderá establecer delegacións dentro deste ámbito provincial e de acordo con estes estatutos.

Artigo 3º.-Fins.

O Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Pontevedra terá como fins esenciais:

a) Velar, dentro do marco das leis e regulamentos, polo adecuado nivel de calidade nas prestacións profesionais dos colexiados e asegurar que as súas actividades se axustan ás normas deontolóxicas da profesión e as requiridas pola sociedade a que sirven.

b) Promover a formación e perfeccionamento dos colexiados.

c) Defender os intereses profesionais dos colexiados e representar os intereses xerais da profesión, especialmente nas súas relacións coa Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, para ser parte en cantos litixios lles afecten, podendo exercitar o dereito de petición.

d) Colaborar coas administracións públicas de Galicia no exercicio das súas competencias nos termos previstos na lei.

e) Correspóndelle, así mesmo, ao colexio informar de todas as normas que prepare o Goberno autonómico sobre as condicións xerais do exercicio profesional e sobre as funcións, os ámbitos e o réxime de incompatibilidades da profesión.

Artigo 4º.-Funcións.

O Colexio Profesional de Delineantes de Pontevedra, ademais das competencias establecidas pola lexislación estatal e polo artigo 9 da Lei 11/2001, exercerá no seu ámbito territorial as funcións que seguen:

a) Todas as que lle sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudos, elaboración de estatísticas, emisión de informes e outras actividades relacionadas cos seus fins, que lle poidan ser solicitadas ou que o colexio acorde formular por propia iniciativa.

b) Asesorar os particulares e entidades de calquera clase, en materia de competencias, e emitir os informes que lle sexan solicitados.

c) Velar polos dereitos, deberes e prestixio dos profesionais e, especialmente, sobre aquelas cuestións que correspondan ao campo das competencias e facultades dos delineantes.

d) Impedir e no seu caso perseguir, incluso ante os tribunais de xustiza, todos os casos de intrusión profesional que afecten os delineantes e ao exercicio da súa profesión, no suposto de que esta se exerza ou se pretenda exercer, se obstaculice ou se pretenda obstaculizar por persoa en que non concorran os requisitos legais establecidos para a práctica da profesión ou por calquera clase de órgano ou entidade.

e) Organizar e efectuar misións de carácter cultural, científico, técnico ou práctico relacionadas coa profesión, así como cursos para a formación, actualización e mellora posgrao dos colexiados.

f) Recoller e encarreirar as aspiracións da profesión, enviando aos centros oficiais aquelas suxestións que garden relación co perfeccionamento e coas normas que rexan os servizos que presten ou poidan prestar os delineantes, tanto nas corporacións oficiais como nas entidades particulares, de acordo coas exixencias, necesidades e potencialidade da sociedade en cada momento.

g) Realizar o recoñecemento de sinatura e visado de planos, informes, ditames, medicións, valoracións, peritacións e demais traballos que leven a cabo os delineantes no exercicio da súa profesión, en concreto sobre as funcións e competencias que lles estean atribuídas polo currículo dos reais decretos 135/94, 136/94 , 2427/94, 137/94, 751/94, 1671/94, 2433/94 191/96, 193/96 e 1147/97.

h) Manter un activo servizo de información sobre prazas e postos de traballo para desenvolver polos delineantes co fin de posibilitar a súa ocupación. Para poder darlle mayor eficacia, terá coñecemento da especialidade profesional de cada colexiado, así como o seu grao de actualización e perfeccionamento técnico.

i) Fomentar e organizar entre os colexiados os beneficios da previsión, creando e desenvolvendo a mutualidade colexial.

j) Interesarse polo axeitado nivel da ensino da profesión nos centros que impartan estes estudos.

k) Mediar para a adecuada ordenación e retribución dos delineantes que exerzan a súa profesión por conta allea, mantendo a relación cos órganos laborais e sindicais.

l) Informar os organismos da Administración en materias de competencia da profesión.

m) Participar na elaboración dos plans de estudo da Administración e dar a información necesaria para poder acceder á vida profesional.

n) Representar e defender a profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte nos litixios que afecten os intereses profesionais, e usar o dereito de petición de acordo coa lei.

o) Facilitarlles aos tribunais a relación de colexiados que pudieren ser requiridos para intervir como peritos en asuntos xudiciais.

p) Intervir como mediador e con procedementos de arbitraxe nos conflitos que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados.

q) Resolver por laudo, solicitado polas partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas orixinadas polos traballos profesionais realizados polos colexiados.

r) Emitir ditames en procedementos administrativos ou xudiciais en que se discutan cuestións relativas a honorarios profesionais.

s) Ditar normas orientativas sobre honorarios profesionais para o exercicio da profesión.

t) Encargarse do cobramento de percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais por petición dos interesados.

u) Facilitar a solución de problemas de vivenda aos colexiados, participando nos padroados oficiais que para cada profesión creen os diferentes departamentos da Xunta de Galicia.

v) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis xerais e especiais, os estatutos profesionais e os regulamentos de réxime interior, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais, en materia da súa competencia.

w) Ordenar no ámbito da súa competencia a actividade profesional dos colexiados, velando pola ética e pola dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

x) Cantas outras funcións sexan beneficiosas para os intereses dos colexiados.

Artigo 5º.-Relacións coa Xunta de Galicia.

1. O Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Pontevedra, en todo o que se refira a cuestións institucionais e corporativas, relacionarase coa Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que no futuro resulte competente en materia de colexios profesionais, da Xunta de Galicia.

2. No referente aos contidos da profesión relacionarase cos departamentos da Xunta de Galicia competentes nela.

CAPÍTULO II

Sección primera

Artigo 6º.-Incorporación ao colexio.

1. Para poder exercer a profesión de delineante na provincia de Pontevedra é necesaria a incorporación plena ao colexio. Existindo unha organización por colexios territoriais, será suficiente a incorporación a un deles, que será o do domicilio profesional único ou principal, para exercer en todo o territorio estatal.

2. Os profesionais que exerzan ocasionalmente nunha demarcación diferente á da colexiación deberán comunicarlles, a través do colexio a que pertencen, aos colexios respectivos as actuacións que vaian realizar nas súas demarcacións.

3. Os profesionais titulados vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral non precisarán estar colexiados para o exercicio de funcións puramente administrativas nin para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da Administración a que pertenzan, cando o destinatario inmediato delas sexa esa Administración. Si será obrigatoria, en consecuencia, a colexiación para o exercicio da actividade privada.

Artigo 7º

Para poder ser admitido no colexio será necesario posuír a titulación académica que exixen as leis para exercer a profesión, é dicir, estar en posición da categoría de delineante proxectista antes do 1 de xaneiro de 1982 ou en posesión do título de formación profesional de grao superior en edificación e obra civil ou en fabricación mecánica, supeditándose ás demais condicións que establecen estes estatutos, se ben non será indispensable o exercicio da profesión, nin será exixible pertencer a unha determinada mutualidade.

Os estranxeiros poderán incorporarse ou habilitarse ao colexio cando se cumpran os requisitos para poder exercer a profesión no Estado español. Exceptuánse as incorporacións a título honorífico.

Artigo 8º.-Membros do colexio.

Serán membros do Colexio Profesional de Delineantes os que reúnan os requisitos establecidos nos artigos 7º e 9º destes estatutos e que o soliciten na forma regulamentaria.

As persoas que constitúan o Colexio Profesional de Delineantes poden ser membros exercentes, membros non exercentes, membros de honor e habilitados.

1. Son membros exercentes as persoas naturais que, reunindo as condicións exixidas, obtivesen a incorporación ao colexio e exerzan a profesión de delineante.

2. Son membros non exercentes as persoas físicas que obtivesen a incorporación ao colexio e non exerzan actualmente a profesión.

3. Son membros de honor as persoas naturais ou xurídicas, colexios, institucións, organismos, etc. españois ou estranxeiros, sexan ou non delineantes, que, a xuízo da Asamblea Xeral de Colexiados e por proposta da Xunta de Goberno, merezan tal designación.

Artigo 9º.-Requisitos para a incorporación ao colexio, tramitación e causas de denegación.

a) Para solicitar a colexiación, o interesado dirixiralle a correspondente solicitude por escrito, mediante impreso que lle facilitará o colexio, ao decano, acompañando título profesional, testemuño deste ou resgardo de telo solicitado.

No caso dun traslado dun colexio a outro, abondará cunha certificación do colexio de procedencia acreditativa de atoparse en activo e sen nota desfavorable que o impida no seu expediente profesional.

A mesma certificación será válida para solicitar a incorporación a outro colexio, sen deixar de pertencer ao de orixe, todo iso sen prexuízo do establecido no artigo 2.3º da Lei 11/2001.

Poderán incorporarse voluntariamente ao Colexio Profesional de Delineantes de Pontevedra as persoas que, reunido as condicións establecidas, non exerzan a profesión ou, téndoa exercido e cesasen nela, cubrindo a parte que lles corresponda desta letra a).

b) A incorporación poderá ser denegada:

1. Cando os documentos presentados sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa autenticidade.

2. Cando o interesado estivese cumprindo condena imposta polos tribunais de xustiza, que leve anexa a pena accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para o exercicio da profesión.

3. Cando tivese sido expulsado doutro colexio e non obtivese expresa rehabilitación.

4. Cando estea suspendido no exercicio da profesión, en virtude de corrección disciplinaria imposta por outro colexio ou polo Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia.

5. Cando o peticionario, procedendo doutro colexio, non xustifique cumpridamente ter satisfeito as cotas e dereitos que lle correspondían no colexio de orixe.

c) As peticións de colexiación tramitaranse da forma seguinte:

1. Toda petición de incorporación ao colexio será resolta no prazo dun mes contado desde a data da solicitude ou, no seu caso, desde que o interesado achegue os documentos necesarios ou se emenden os defectos da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se resolva sobre ela entenderase denegada para os efectos das accións ou recursos que procedan.

2. Contra as resolucións denegatorias das peticións de incorporación poderá reclamarse ante o Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia. A reclamación será formulada no prazo de trinta días hábiles desde que se notifique a resolución ou da desestimación por silencio.

3. O Consello Galego de Colexios de Delineantes de Galicia resolverá nun prazo de tres meses as reclamacións que se formulen, para cuxo efecto solicitará do colexio a remisión do expediente.

4. Contra a resolución do Consello Galego de Colexios de Delineantes de Galicia poderase recorrer ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Baixas no colexio.

1. A condición de colexiado perderase polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal, presentando a documentación que o acredite.

c) Separación ou expulsión como consecuencia de cumprimento de sanción disciplinaria que así o determine.

d) Baixa voluntaria, comunicada por escrito dirixido ao decano, en que alegue deixar de exercer a profesión, incapacidade permanente ou xubilación.

e) Baixa forzosa, por incumprimento das obrigas económicas.

2. Para que a baixa forzosa sexa efectiva, será necesaria a instrución dun expediente sumario, que comportará un requirimento escrito ao afectado, para que, dentro do termo que se fixe, se poña ao corrente do descuberto. Pasado o prazo sen telo satisfeito, tomarase o acordo de baixa, que se lle deberá notificar de forma expresa ao interesado, sen prexuízo das accións xudiciais que poida tomar a Xunta de Goberno para a reclamación das ditas obrigas económicas.

En calquera momento se poderá rehabilitar a colexiación logo de aboamento dos descubertos pendentes e a taxa de reingreso, no caso de que fose prevista.

Sección segunda

Artigo 11º.-Dereitos dos colexiados.

Todos os colexiados, a excepción dos membros de honor non colexiados, terán dereito a desfrutar de todos os servizos, facultades e prerrogativas que resulten destes estatutos, e ademais:

1. Elixir e ser elixido para postos de representación e ocupar cargos directivos. Os colexiados non exercentes non poderán ser elixidos para os ditos postos pero si terán o dereito de voto.

2. Informar e ser informado das actuacións e vida da entidade e das cuestións que fagan referencia ao exercicio da profesión.

3. Exercer a representación que en cada caso se confira.

4. Intervir, conforme as normas legais e estatutarias, na xestión económica e administrativa do colexio e expresar libremente as súas opinións en materia e asuntos de interese profesional.

5. Exercitar as accións e recursos que procedan en defensa dos seus dereitos como colexiados.

6. Ser amparados polo colexio no exercicio profesional en defensa dos seus lícitos intereses.

7. Ser representados polo colexio, cando así o acorde a Xunta de Goberno, co fin de facilitar accións, excepcións e defensas relacionadas co exercicio profesional ante tribunais, autoridades, organismos ou entidades públicas e privadas.

8. Ser asistidos polo colexio, mediante os correspondentes servizos para tal fin establecidos, no cobramento dos seus honorarios profesionais.

9. Asistir con voz e voto ás asembleas xerais do colexio.

10. Presentar libremente as súas candidaturas aos postos de goberno do colexio e desempeñar os cargos para os que fosen elixidos. Este dereito non o terán os colexiados non exercentes.

11. Formular queixas ante a Xunta de Goberno do colexio contra a actuación profesional ou colexial de calquera dos seus membros.

12. Integrarse nas institucións de mutualidade ou previsión establecidas ou que poidan establecerse, contribuíndo na forma que acorde a xunta xeral extraordinaria que especialmente se convoque.

13. Aos plenos que realice o Consello de Colexios Profesionais de Galicia terán acceso, con carácter de convidados, sen voz nin voto, dous colexiados, pero os gastos de asistencia serán pola súa conta.

14. Os colexidados non exercientes terán dereito a desfrutar de todos os servizos, facultades e prerrogativas dos exercientes coas limitacións sinaladas nestes estatutos e con excepción daqueles dereitos inherentes ao exercicio profesional.

Sección terceira

Artigo 12º.-Obrigas dos colexiados.

a) Para exercer legalmente a profesión de delineante será indispensable estar colexiado no colexio establecido na súa demarcación de residencia.

b) Cumprir coas prescricións destes estatutos, dos regulamentos que os desenvolvan e dos acordos que adopten o colexio e o Consello de Colexios de Delineantes de Galicia.

c) A asistencia aos actos corporativos.

d) Aceptar o desempeño das tarefas que lles encomenden os órganos de xestión do colexio.

e) Pagar as cotas e dereitos que fosen aprobados polo colexio para o seu sostemento e para outras finalidades.

O colexiado xubilado quedará exento da obriga de pagamento da cota colexial. Nesta situación de xubilación laboral-profesional, non diminuirá ningún dos dereitos dos colexiados que resulten destes estatutos, se ben causarán baixa no seguro ou mutualidade e non poderán ser elixidos para cargos directivos.

f) Observar respecto dos órganos de xestión do colexio a debida disciplina, e entre os colexiados os deberes de harmonía profesional.

g) Poñer en coñecemento do colexio todos os feitos que poidan afectar a profesión, tanto particular como colectivamente considerada, e que teñan unha importancia que poida determinar a intervención corporativa con carácter oficial.

h) O colexiado comunicaralle obrigatoriamente ao colexio o seu enderezo para notificacións para todos os efectos colexiais. Así mesmo, calquera cambio de domicilio, para que produza este efectos, deberá ser comunicado expresamente.

i) A perda da condición de colexiado non liberará do cumprimento das obrigas vencidas. Estas obrigas poderánselle exixir aos interesados e aos seus herdeiros.

CAPÍTULO III

Órganos do colexio

Artigo 13º

Son órganos esenciais da estrutura colexial a Asemblea Xeral, como órgano plenario; a Xunta de Goberno, como órgano de goberno; e o decano como órgano presidencial.

A Xunta ou Asemblea Xeral é o órgano soberano do colexio. Todos os colexiados incorporados de pleno dereito ao colexio teñen voz e voto, salvo que estean afectados por unha sanción que supoña a suspensión das actividades colexiais en xeral, a limitación destes dereitos ou que non se satisfixesen as cotas establecidas.

As resolucións aprobadas en Asemblea Xeral e de acordo cos estatutos, son obrigatorias para todos os colexiados.

Artigo 14º

A Asemblea Xeral pode ser ordinaria ou extraordinaria e a elas poderán asistir todos os colexiados de acordo co artigo 13º. O voto é persoal, pero pode admitirse, nos casos en que así se estableza, o voto por delegación ou compromisarios, sempre e cando a delegación sexa autentificada por notario ou pola secretaría do colexio.

Artigo 15º.-Das asembleas xerais ordinarias.

No mes de febreiro de cada ano, o colexio realizará a Asemblea Xeral ordinaria, para a aprobación de orzamento e renovación de cargos directivos, se procedese. Nesta Asemblea Xeral ordinaria aprobaranse as contas e, daráselles aos colexiados información xeral sobre a marcha do colexio en todos os seus aspectos.

Artigo 16º.-Das asembleas xerais extraordinarias.

A asemblea reunirase con carácter extraordinario, logo de convocatoria do seu decano, ben por propia iniciativa, por acordo da Xunta de Goberno ou por petición do número de colexiados que represente polo menos o 25% do total.

Artigo 17º

As asembleas xerais ordinarias e extraordinarias convocaranse por comunicado do decano, mediante notificación persoal e escrita a todos os colexiados, con dez días naturais de antelación, como mínimo, á data da reunión, salvo casos excepcionais.

A convocatoria deberá conter o lugar, o local, o día e a hora en que se vaia realizar a asemblea e os asuntos que se vaian tratar, segundo a orde do día acordada previamente, e expresarase a data e a hora en que terá lugar a reunión en segunda convocatoria.

A Xunta de Goberno, no punto de rogos e preguntas, recollerá todas as propostas que formulen os colexiados mediante petición escrita, tres días naturais antes da data da reunión. Non poderá aprobarse ningún acordo sobre cuestións que non consten na orde do día.

Artigo 18º

A Asemblea Xeral quedará validamente constituida, en primeira convocatoria, cando se encontren representados a metade máis un dos membros e, en segunda convocatoria, calquera que fose o número de asistentes.

Artigo 19º

A presidencia de todas as asembleas xerais corresponderalle ao decano do colexio e, en ausencia deste, ao vicedecano.

A Mesa da asemblea quedará integrada pola Xunta de Goberno, e actuará como secretario o da propia xunta.

Os acordos que adopte a Asemblea Xeral serán por votación, polo sistema de maioría simple. Os acordos adoptados polo Pleno da Asemblea Xeral, conforme coas súas atribucións, serán obrigatorios para todos os colexiados.

Artigo 20º.-Son funcións e competencias da Asemblea Xeral:

a) Adoptar os acordos relativos á representación, xestión e defensa dos intereses do colexio e dos seus afiliados.

b) Aprobar os programas e plans de actuación.

c) Elixir e revogar o mandato dos membros da Xunta de Goberno. Estes cargos proveranse mediante sufraxio libre e secreto.

d) Coñecer e aprobar a xestión da Xunta de Goberno e do seu decano.

e) Aprobar as cotas de carácter extraordinario, incluídas as derramas, que teñan que satisfacer os colexiados, segundo as propostas que elabore a Xunta de Goberno.

f) Elaborar o Regulamento de réxime interior, o cal será aprobado polo Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia, sempre que estea de acordo coa Lei de colexios profesionais e co estatuto.

g) Proponer a disolución do colexio.

h) Coñecer e resolver as reclamacións formuladas polos colexiados.

i) A aprobación e reforma dos estatutos e normas deontolóxicas colexiais.

j) A aprobación dos orzamentos e contas do colexio.

Artigo 21º

Das reunións da Asemblea Xeral levantarase acta, extendéndose nun libro para efecto, asinada polo secretario co visto e prace do decano. A acta da asemblea terá forza executiva a partir da data do seu envío ao Consello Galego dos Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia e o Consello Xeral de Colexios Profesionais e será definitivamente referendada na seguinte sesión da Asemblea Xeral. No caso de que a acta non reflicta os acordos da asemblea, efectuarase a correspondente rectificación e, se procedese, exixiranse as correspondentes responsabilidades.

Artigo 22º.-Moción de censura.

1. A moción de censura a Xunta de Goberno ou a algún dos membros só poderá formularse na Xunta Xeral extraordinaria convocada para o efecto. É competencia exclusiva da Xunta Xeral extraordinaria a remoción por medio de moción de censura do decano.

2. A solicitude de convocatoria da Xunta Xeral extraordinaria requerirá da sinatura dun mínimo do 20% dos colexiados exercentes, incorporados polo menos con tres meses de antelación, e expresará con claridade as razóns en que se funde.

3. A válida constitución da dita Xunta Xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal da metade máis un do censo colexial con dereito a voto. Existindo este quórum, para que prospere, será necesario o voto favorable, directo, secreto e persoal, da metade máis un do censo dos colexiados exercentes.

4. Nesta clase de xuntas non se admitirá o voto por correo.

Artigo 23º.-Composición da Xunta de Goberno.

O Colexio Profesional de Delineantes de Pontevedra estará rexido e representado pola súa Xunta de Goberno, integrada por un decano, un vicedecano, un secretario, un tesoureiro, un interventor e tantos vogais como delegacións compoñan o colexio ou se considere adecuado, sen que o número sexa superior a cinco nin o número total de membros da Xunta de Goberno sexa superior a dez.

Artigo 24º

As delegacións atenderán os mesmos fins que o colexio, quedando suxeitas ao seu réxime, e non poderán tomar iniciativas propias nin establecer normas sen aprobación superior.

Estarán rexidas por unha Xunta de Goberno, integrada por un presidente, un secretario e un administrador, que asumirá as funcións de tesoureiro e contador, e os vogais que se estimen necesarios. O presidente será o vogal da Xunta de Goberno do colexio.

Os presidentes das delegacións son responsables ante a Xunta de Goberno do colexio de cantas anomalías se observen nas delegacións o seu cargo.

Artigo 25º.-Competencias e funcionamento da Xunta de Goberno.

Correspóndelle á Xunta de Goberno a dirección e administración do colexio para o cumprimento dos seus fins, en todo aquilo que, de xeito expreso, non lle corresponda á Asemblea Xeral.

A Xunta de Goberno reunirase ordinariamente, cando menos, unha vez o mes, sen prexuízo de facelo con maior frecuencia cando a importancia dos asuntos o requiran, ou por petición de tres membros.

A convocatoria para as reunións faraa a secretaría, logo de mandato do decano, con polo menos tres días de antelación. Formularanse por escrito e irán acompañadas da orde do día correspondente. Fóra desta non poderán tratarse outros asuntos, salvo os que o decano considere de urxencia. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. O decano terá voto de calidade.

A Xunta de Goberno poderá acordar a delegación da sinatura do secretario en cuestións non substanciais, ben noutro compoñente da xunta ou nun funcionario ou empregado, delineante non exercente, do persoal do colexio.

De modo especial correspóndelle á Xunta de Goberno:

a) Someter a referendo asuntos concretos de interese colexial, por sufraxio secreto e na forma que a propia xunta estableza, e en concreto todos aqueles relativos á dirección e vixilancia do cumprimento dos cometidos corporativos, enumerados no artigo 3º destes estatutos.

b) Resolver sobre a admisión de novos colexiados que soliciten incorporarse ao colexio, poderá; exercer esta facultade o decano, nos casos de urxencia, que se someterán á ratificación da Xunta de Goberno.

c) Velar por que os colexiados observen boa conduta respecto dos seus compañeiros, dos seus clientes, e que no desempeño da súa función desenvolvan a necesaria dilixencia e competencia profesional.

d) Exercitar as accións e actuacións oportunas para impedir e perseguir a intrusión, así como o exercicio da profesión a quen, colexiado ou non, a exercese na forma e baixo condicións contrarias ás legalmente establecidas, sen excluír as persoas, naturais ou xurídicas, que faciliten o exercicio profesional irregular.

e) Determinar as cotas de incorporación e as ordinarias que deban satisfacer os colexiados para o sostemento das cargas e servizos colexiais.

f) Propoñerlle á Xunta Xeral a imposición de cotas extraordinarias aos seus colexiados.

g) Recadar o importe das cotas e das pólizas establecidas para o sostemento das cargas do colexio, do Consello Galego dos Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia, do Consejo General de los Colegios Profesionales de Delineantes, así como dos demais recursos económicos previstos no Estatuto xeral.

h) Establecer os baremos ou criterios orientadores de honorarios profesionais e emitir informes sobre honorarios aplicables cando o soliciten os colexiados minutantes.

i) Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno, dispoñendo o necesario para a súa elección, conforme as normas legais e estatutarias.

j) Convocar xuntas xerais ordinarias e extraordinarias, e fixar a orde do día.

k) Exercer as facultades disciplinarias.

l) Arbitrar nos conflitos que puidesen xurdir entre os colexiados.

m) Propoñer á aprobación da Xunta Xeral os regulamentos de orde interior que considere convenientes.

n) Velar por que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio que corresponden ao delineante, así como propiciar a harmonía e colaboración entre os colexios, impedindo a competencia desleal.

ñ) Informar os colexiados de cantas cuestións coñezan que poidan afectarlles, xa sexan de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

o) Defender os colexiados no desempeño das funcións da profesión, ou con ocasión delas, cando o estime procedente e xusto.

p) Exercitar os dereitos e accións que lle correspondan ao colexio e, en particular, contra quen entorpeza o bo funcionamento, a liberdade e independencia do exercicio profesional.

q) Recadar, distribuír e administrar os fondos do colexio; redactar os orzamentos, render as contas anuais e propoñerlle á Xunta Xeral o investimento ou disposición do patrimonio colexial, se se tratase de inmobles.

r) Emitir informes, estudos e ditames, tramitar consultas e ditar laudos, así como crear e manter tribunais de arbitraxe.

s) Proceder á contratación dos empregados necesarios para a boa marcha da corporación.

t) Dirixir, coordinar, programar e controlar a actividade dos departamentos e servizos colexiais.

u) Decidir a realización de auditoría da situación financeira colexial, cando se produza a renovación ordinaria total da Xunta de Goberno, e contratala, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para levala.

v) Designar árbitros, contadores e peritos cando tal designación lle sexa solicitada, e establecer os requisitos de formación e antigüidade.

w) Informar de palabra ou por escrito, en nome do colexio, en cantos proxectos ou iniciativas das Cortes Xerais, do Goberno central ou autonómico ou outros organismos o requiran.

x) Exixir por vía xudicial o cumprimento das obrigas económicas aos colexiados, de acordo co artigo 10º, número 2, destes estatutos.

Artigo 26º.-Da elección, ceses e vacantes da Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno será elixida por votación dos colexiados e renovarase por metades cada dous anos, podendo ser os cargos reelixidos.

Poderán ser candidatos todos os colexiados, que teñan un mínimo de dous anos de colexiación, que estean ao corrente no pagamento das cotas e que non se atopen incursos en incapacidade legal ou estatutaria.

Para ser candidato á Xunta de Goberno é necesario presentar candidatura con dez días de antelación á data en que se realice a votación. As candidaturas serán individuais (listaxe aberta) e colectivas (listaxe pechada).

Serán candidaturas individuais, listaxe aberta, as dos vogais delegados de localidade.

Serán candidaturas colectivas, listaxe pechada, as dos cargos de decano, vicedecano, secretario, tesoureiro e interventor.

Os candidatos poderán remitirlles aos colexiados o seu programa de goberno, para o que se lle facilitará a quen o desexe unha listaxe de persoas colexiadas cos seus nomes e enderezos.

Con quince días de antelación convocarase a constitución da mesa electoral, pola Xunta de Goberno ou por resolución asemblearia. As votacións e escrutinio de votos realizanse na sede oficial do colexio segundo o horario fixado nunha única xornada.

O nomeamento e os cambios dos compoñentes da Xunta de Goberno deberanlle ser comunicados no prazo de dez días hábiles, desde que se produzan, á consellería competente en materia de colexios profesionais. Tamén se lles comunicará no mesmo termo de dez días ao Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia e ao Consello Xeral de Colexios.

Os membros da Xunta de Goberno cesarán polas causas seguintes:

a) Falecemento.

b) Renuncia do interesado.

c) Falta de concorrencia ou perda dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

d) Expiración do termo ou prazo para o que foron elixidos ou designados.

e) Falta de asistencia non xustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas no termo dun ano.

f) Aprobación de moción de censura efectuada pola Asemblea ou Xunta Xeral, segundo o regulado no artigo 22º.

Cando por calquera causa a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno do colexio queden vacantes, o Consello Galego de Colexios Profesionales de Delineantes designará unha Xunta provisional de entre os membros máis antigos. A Xunta provisional convocará, no prazo de trinta días naturais, eleccións para a provisión dos cargos vacantes polo resto do mandato que quedase, eleccións que deberán realizarse dentro dos trinta días naturais seguintes, contados a partir da convocatoria.

Da mesma maneira complementarase provisionalmente a Xunta de Goberno do colexio cando se producise a vacante da metade ou máis dos cargos, e procederase de igual xeito á convocatoria de eleccións para a súa provisión definitiva.

Artigo 27º.-Das atribucións do decano da Xunta de Goberno.

Correspóndelle ao decano:

a) Representar xudicialmente e extraxudicialmente co colexio, con facultades de delegar e acordar o exercicio de toda clase de accións, recursos e reclamacións, incluído o recurso de casación, ante calquera autoridade, órgano, xulgado ou tribunal, ata o Supremo, podendo outorgar poderes a favor de procuradores e designar letrados.

b) Convocar as reunións da Asemblea Xeral e Xunta de Goberno.

c) Fixar a orde do día dunha e doutra de acordo coa Xunta de Goberno.

d) Presidir as reunións da Asemblea Xeral e Xunta de Goberno.

e) Dirixir as deliberacións.

f) Velar polo cumprimento das prescricións regulamentarias.

g) Autorizar coa súa sinatura as actas de todas as reunións. Consideraranse aprobadas estas actas se os asistentes ás reunións non expresan por escrito obxeccións no prazo de dez días hábiles desde que sexan expostas no taboleiro de anuncios.

h) Recabar dos centros oficiais ou entidades particulares os datos que se precisen para cumprir os acordos a que se refire a letra f) ou para ilustrar a Xunta de Goberno nas súas deliberacións ou resolucións.

i) Autorizar a incorporación ao colexio.

j) Autorizar os libramentos e ordes de pagamento.

k) Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera outro de natureza oficial, iso sen prexuízo da legalización establecida pola lei.

l) Autorizar os documentos necesarios para a apertura de contas correntes bancarias e os talóns ou cheques expedidos pola tesouraría para retirar cantidades monetarias ou habilitar pagamentos.

m) Dar posesión aos membros da Xunta de Goberno.

n) Decidir co seu voto de calidade os empates nas votacións.

o) Executar os acordos do órgano de goberno.

Artigo 28º.-Das atribucións do vicedecano.

O vicedecano exercerá todas aquelas funcións que lle encomende o decano, asumindo as deste no caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Artigo 29º.-Atribucións do secretario.

Independentemente dos dereitos e obrigas que lle confiren o regulamento e os acordos da Xunta de Goberno, corresponderalle ao secretario:

a) Levantar acta das reunións.

b) Dar fe da posesión de todos os membros da Xunta de Goberno.

c) Expedir certificacións.

d) Preparar a documentación para darlle contas á Xunta de Goberno.

e) Redactar a memoria anual.

f) Asinar por si ou co decano, de ser preciso, as ordes, correspondencia ordinaria de mero trámite e demais documentos administrativos.

g) Coidar o arquivo dos documentos pertencentes ao colexio, da custodia dos cales será responsable.

h) Levar o libro de actas das reunións das asembleas xerais ordinarias, extraordinarias e das xuntas de goberno.

i) Levar por si, auxiliado polo persoal de oficina en que poida delegar, o libro de colexiados, e no cal se farán constar os nomes e apelidos destes, escolas de que proceden, especialidades que teñan cursadas, data de expedición do título, datas de solicitude de ingreso e da incorporación, enderezo, empresa en que prestan os seus servizos ou se exercen a profesión libremente.

j) Exercer a autoridade directa sobre o persoal administrativo e subalterno, a quen fará cumprir coas súas obrigas específicas e cos acordos da Xunta de Goberno.

Artigo 30º.-Do tesoureiro.

Será misión do tesoureiro:

a) Recadar e custodiar os fondos pertencentes ao colexio, sendo responsable deles.

b) Asinar recibos, recibir cobramentos e realizar pagamentos, coa sinatura conxunta do decano.

c) Ter no seu poder o fondo reducido indispensable para as atencións ordinarias do colexio, ingresando o que exceda deste límite no banco ou bancos que indique a Xunta de Goberno. Estas cantidades non se retirarán máis que coas sinaturas autorizadas que son as do tesoureiro, interventor e decano, sendo suficientes dúas delas, pero invariablemente unha terá que ser a do decano.

d) Darlle conta á Xunta de Goberno da falta de pagamento dos colexiados, para que lles reclamen as cantidades que se deban.

Artigo 31º.-Do interventor.

Será misión do interventor:

a) Levar os libros de contabilidade de forma legal.

b) Asinar a correspondente conta de ingresos e pagamentos mensuais, para sometela á aprobación da Xunta de Goberno, e a súa inclusión no balance anual que terá que aprobar a Asemblea Xeral.

c) Facerlles chegar, por medio da memoria anual, a todos os colexiados o balance da situación económica do colexio.

d) Redactar, en unión do tesoureiro, os orzamentos do colexio e sometelos á Xunta de Goberno.

Artigo 32º.-Dos vogais da Xunta de Goberno.

Serán atribucións dos ditos vogais:

a) Auxiliar os titulares dos restantes cargos da Xunta de Goberno e substituílos nas súas ausencias.

b) Asistir, en quenda cos restantes vogais, ao domicilio social do colexio para atender o despacho dos asuntos que o requiran.

c) Desempeñar cantos cometidos lles confíen o decano ou a Xunta de Goberno, así como as comisións para as que fosen designados.

CAPÍTULO IV

Do Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia

Artigo 33º.-O Colexio Profesional de Delineantes de Pontevedra estará integrado no Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia.

Artigo 34º.-O Colexio de Pontevedra terá a súa representación no consello, con dous conselleiros: o decano e outro designado pola Xunta de Goberno de entre os seus membros.

Artigo 35º.-As achegas económicas que efectúe o Colexio de Pontevedra ao consello rexeránse polo principio da proporción ao número dos seus colexiados.

As cotas e outras contribucións económicas, asignadas individualmente aos colexiados e destinadas ao Consello de Colexios, ingresaranse a través do colexio.

CAPÍTULO V

Da potestade disciplinaria

Artigo 36º

Non se pode impoñer ningunha sanción colexial, sen a instrución previa dun expediente disciplinario, a tramitación do cal se rexerá polo disposto nestes estatutos e supletoriamente polas normas do procedemento administrativo.

Todo procedemento disciplinario iniciarase sempre de oficio, por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa, ou ben como consecuencia dunha denuncia ou comunicación, que deberá conter as circunstancias persoais e a sinatura do denunciante.

O órgano competente para iniciar o expediente disciplinario poderá acordar a instrución de información reservada antes de ditar o correspondente acordo de iniciación do expediente disciplinario. A resolución pola cal se acorde e o arquivo das actuacións deberán expresar as causas que o motivasen e dispoñer, se procedese, o que se crea pertinente con relación ao denunciante.

A Xunta de Goberno designará un instrutor para a tramitación do expediente e proposta de sanción. Este expediente deberá resolverse no termo máximo de tres meses.

En todo expediente deberán ser escoitadar as partes, dentro do tempo concedido polo instrutor, que non poderá exceder de quince días hábiles. As partes exporán por escrito as súas razóns e achegarán os documentos que consideren convenientes.

O instrutor, despois de escoitadas as partes, deberá presentar o prego de cargos. A Xunta de Goberno, mediante resolución motivada, acordará no termo de quince días hábiles, a imposición de sanción ou o arquivo da causa.

As faltas leves prescribirán no termo de dous meses, as graves ao cabo dos dous anos e as moi graves ao cabo dos catro anos de cometerse.

A prescrición interromperase polo inicio do procedemento disciplinario con coñecemento do interesado. A paralización do procedemento por un tempo superior a un mes, non imputable ao presunto responsable, fará reiniciar o prazo interrompido.

Artigo 37º

1. O sancionado poderá pedirlle ao colexio a súa rehabilitación, coa conseguinte cancelación da nota no seu expediente disciplinario. Os termos establecidos serán, contado desde o cumprimento da sanción, os seguintes: se a falta fose leve, seis meses; grave, dous anos; moi grave, catro anos; e determinante de expulsión, cinco anos.

2. A suspensión ou a inhabilitación do exercicio profesional non comprende a perda da condición de colexiado. A persoa suspendida ou inhabilitada continuará pertencendo ao colexio, coa limitación de dereitos que a causa ou acordos da suspensión ou da inhabilitación producisen.

A suspensión ou a inhabilitación deberáselle comunicar ao Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia.

3. No caso de que o expedientado sexa membro da respectiva Xunta de Goberno, a competencia disciplinaria pasará directamente ao Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia, con recurso de reposición ante este, como previo ao contencioso-administrativo.

Artigo 38º.-As sancións que poderán impoñerse, segundo o previsto nestes estatutos, serán leves, graves e moi graves.

Considéranse sancións leves:

a) Advertencia por oficio.

b) Reprensión privada.

Considerarase sanción grave a suspensión do exercicio profesional por un tempo non superior a seis meses.

Considerarase sanción moi grave a suspensión do exercicio profesional por un tempo superior a seis meses, ou a expulsión do colexio.

As sancións graves e moi graves comportarán a inhabilitación para todo cargo de goberno ao longo do período de sanción.

A sanción de expulsión do colexio soamente se aplicará:

a) Por reiteradas faltas de competencia ou decoro profesional, polas que estivese sancionado con suspensión superior a seis meses.

b) Cando sobre o expedientado recaia a xurisdición criminal, con sentenza firme, por feitos relacionados co exercicio da profesión.

Considerarase falta leve a neglixencia no cumprimento dos preceptos estatutarios, regulamentarios, e os acordos do colexio e do Consello de Colexios, as incorreccións de pouca transcendencia na realización do traballo persoal, as faltas reiteradas e inxustificadas de polo menos 5 reunións da Xunta de Goberno ou do consello, o non aceptar sen motivo cargos corporativos, e as desconsideracións de pouca transcendencia aos compañeiros.

Consideraranse faltas graves ter sido sancionado por tres ou máis faltas leves, dentro do período dun ano; o incumprimento, a conciencia, dos preceptos estatutarios e regulamentarios, así como os acordos e as obrigas económicas do colexio ou do consello; a desconsideración ofensiva grave aos compañeiros; o encubrimento da intrusión profesional e a realización de traballos que, pola súa natureza, atenten contra o prestixio e a honorabilidade profesionais.

Consideraranse faltas moi graves a comisión de calquera feito constitutivo de delito que afecte a ética e honorabilidade profesional, e ter sido obxeto de dous o máis sancións por faltas graves dentro do período dun ano.

Todas as faltas sinaladas son de carácter enunciativo e non taxativo.

Artigo 39º

Contra os actos e as resolucións do colexio poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a súa notificación ante o Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia, que esgotará a vía corporativa e deberá resolverse no prazo de tres meses.

Artigo 40º

Os actos e as resolucións dos consellos de colexios que esgoten a vía corporativa e os ditados en única instancia serán susceptibles de recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa.

A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común será supletoria en todo o que non prevexan estes estatutos do Colexio de Delineantes de Pontevedra.

CAPÍTULO VI

Réxime económico

Artigo 41º.-Dos recursos económicos do colexio.

Os fondos do colexio estarán constituídos por recursos ordinarios e extraordinarios.

Serán recursos ordinarios:

a) Os rendementos de bens e dereitos que constitúan o patrimonio colexial.

b) Os dereitos que se establezan pola elaboración remunerada de informes, ditames, estudos e outros servizos.

c) Os dereitos de incorporación, cotas ordinarias e extraordinarias, incluídas as derramas.

d) A expedición de certificacións que dean fe.

e) Os dereitos de intervención profesional.

f) Calquera outro que fose posible de similares características.

Serán recursos extraordinarios:

a) As doazóns ou subvencións de procedencia pública ou privada.

b) Os bens que a título hereditario ou por calquera outra causa se incorporen ao patrimonio do colexio.

c) Calquera outro que fose legalmente posible e que non constitúa recurso ordinario.

Artigo 42º

A totalidade dos recursos, ordinarios e extraordinarios, deberán aplicarse con carácter exclusivo ao cumprimento das obrigas atribuídas pola Lei de colexios profesionais e polas normas estatutarias e regulamentarias.

Artigo 43º

Cando se establezan cotas de incorporación, de percepción periódica ou de carácter extraordinario, incluídas as derramas, entenderase que obrigan a todos os colexiados, sen prexuízo de que se poidan acordar estatutariamente exencións e moderacións en circunstancias determinadas.

A contía das cotas de percepción periódica será fixada pola Xunta de Goberno; as de carácter extraordinario, incluídas as derramas, deberán ser aprobadas pola Asemblea Xeral.

Artigo 44º.-A Xunta de Goberno presentará anualmente para a súa aprobación á Asemblea Xeral:

a) Liquidación do orzamento do exercicio anterior.

b) Orzamento para o exercicio próximo.

Artigo 45º

Cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos órganos directivos, o colexio profesional deberá ser auditado, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

CAPÍTULO VII

Disolución

Artigo 46º.-A disolución do colexio terá lugar:

a) Por calquera causa establecida nestes estatutos.

b) Por acordo da Asemblea Xeral, tomado con todos os requisitos necesarios.

c) Por unión ou fusión.

d) Por absorción por outro colexio.

e) Por falta de colexiados que non permita cubrir os lugares previstos no órgano de goberno, sen simultanear ou duplicar cargos.

f) Por perder a profesión, de acordo coas normas que a regulen, o carácter de colexiable.

A Asemblea Xeral terá que ser convocada especialmente con carácter extraordinario para este obxecto e ser aprobada pola consellería competente en materia de colexios profesionais, despois do informe do Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia.

O acordo de disolución terá que ser tomado polas tres cuartas partes dos colexiados por votación directa, e deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia, para o cal se lle comunicará previamente á consellería competente en materia de colexios profesinais, ou a aquel departamento en que esta delegue, a adopción da resolución oportuna para a súa inscripción no rexistro de colexios.

O patrimonio social, despois do nomeamento de liquidadores, destinarase en primeiro lugar a cubrir o pasivo. O activo resultante destinarase ás institucións de previsión de Delineantes que existan na provincia. Se non as houbese, repartirase a partes iguais entre os colexiados en alta no momento da disolución. Exceptúase a disolución por integración a outro colexio, en cuxo caso o patrimonio do colexio disolto pasará ao colexio que o absorba.

CAPÍTULO VIII

Modificación dos estatutos

Artigo 47º

Para modificar estes estatutos será necesario acordo dos dous terzos da Asemblea Xeral extraordinaria, especialmente convocada para este efecto.

As modificacións comunicaranse e deberán ser aprobadas pola consellería competente en materia de colexios profesionais ou departamento en que delegue e ao Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-1. O Colexio Oficial de Delineantes de Pontevedra manterá co Consello Xeral de Colexios Oficiais de Delineantes, o cal posúe no ámbito nacional a representación de todos os colexios oficiais de delineantes, as relacións de mutuo intercambio de informacións e outras que conveñan aos intereses do colexio e a lexislación xeral do Estado lle asigne, e especialmente as que se refiran ás titulacións dos delineantes e ás relacións desta profesión coa Administración central.

2. Esta relación levarase a cabo mediante o Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia, que terá a representación dos colexios galegos ante o Consello Xeral.

Segunda.-Sen prexuízo do establecido na disposición anterior, as relacións entre os colexios ou o Consello Galego de Colexios Profesionais de Delineantes de Galicia con outros colexios, entidades ou organizacións profesionais de delineantes fóra do ámbito territorial de Galicia serán establecidas por medio de acordos entre as entidades interesadas.