DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 08 de novembro de 2007 Páx. 17.881

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 207/2007, do 18 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de ampliación da plataforma e mellora do trazado da estrada provincial 8202 das Galanas a Cacheiras, do punto quilométrico 0,000 ao punto quilométrico 4,490.

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión que tivo lugar o día vinte e dous de febreiro de dous mil seis, aprobou o proxecto de ampliación da plataforma e mellora do trazado da estrada provincial 8202 das Galanas a Cacheiras, do punto quilométrico 0,000 ao punto quilométrico 4,490 e, na sesión do vinte e seis de abril de dous mil sete, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e que contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente foi tratado na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo 1 da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, a actuación é necesaria co fin de evitar o altísimo risco de accidentes, tanto para o tráfico rodado como para o peonil, á hora de circular pola estrada, debido á existencia, entre outros extremos, de varias zonas con curvas de raio moi pequeno que, unido a puntos de escasa visibilidade en que conflúen varias estradas, provocan un trazado moi deficiente e perigoso.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de outubro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de ampliación da plataforma e mellora do trazado da estrada provincial 8202 das Galanas a Cacheiras, do punto quilométrico 0,000 ao punto quilométrico 4,490, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezaoito de outubro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza