DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Mércores, 07 de novembro de 2007 Páx. 17.809

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 29 de outubro de 2007 pola que se modifica a do 15 de novembro de 1992, pola que se regulan os tamaños mínimos de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos.

A Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, dispón no seu artigo 22 que a Xunta de Galicia establecerá as normas para o exercicio da actividade encamiñada á explotación dos recursos mariños nas súas distintas modalidades entre outras, as relativas ás épocas de veda, os tamaños mínimos autorizados para a extracción dos recursos mariños, así como as cotas ou topes máximos de captura e as relativas ás artes, aos aparellos ou utensilios autorizados para exercer a pesca e o marisqueo e as limitacións do seu número.

En desenvolvemento da lei, o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, aproba o Regulamento da actividade pesqueira e marisqueira e das artes e aparellos de permisibles en Galicia. Diversas modificacións deste decreto, a última delas mediante o Decreto 198/2004, do 29 de xullo, permitiron a posta en práctica de plans experimentais de pesca para o estudo de diversas medidas de explotación dos recursos mariños, co obxectivo de acadar o máximo rendemento sustentable. En aplicación de tales preceptos foron aprobados os plans de captura de polbo con nasas nos anos 2000, 2001 e 2002, que permitiron un maior coñecemento da arte e do recurso.

A Orde do 15 de novembro de 1992, pola que se regulan os tamaños mínimos de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos, establece no anexo II-A que o tamaño mínimo do polbo é de 750 g.

Posteriormente, ditouse a Orde do 13 de decembro de 2006 pola que se desenvolve o Plan de recuperación do polbo e se ditan normas para a aprobación dos plans zonais, co fin de establecer as bases de xestión e contidos mínimos para a elaboración dos plans zonais de explotación no marco do Plan de recuperación do polbo. No artigo 4 desta mesma orde establecése que o tamaño mínimo do polbo será de 1 kg para o período comprendido de maio a outubro e de 750 g no período que vai de novembro a abril. Do mesmo xeito, na disposición adicional segunda, establécense os mesmos límites para o exercicio da pesca recreativa.

A Dirección Xeral de Recursos Mariños, mediante a Resolución do 29 de xuño de 2007, logo de consulta ás organizacións sectoriais e tendo en conta os informes técnicos emitidos, acordou aprobar o Plan zonal experimental de captura do polbo, con vixencia ata o 31 de decembro de 2009, no cal se recollen tanto as medidas de xestión da pesca como as específicas de control e seguimento. Entre elas, establécese que o peso mínimo do polbo será de 1 kilogramo.

Co obxecto de unificar as medidas de xestión recollidas nas diferentes disposicións, e á vista dos informes biolóxicos resultado do seguimento da pesca

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modifícase o anexo II-A da Orde do 15 de novembro de 1992 pola que se regulan os tamaños mínimos de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos, na epígrafe que se refire a cefalópodos, que queda redactado do seguinte xeito:

Cefalópodos:

Nome común: lura.

Nome científico: Loligo vulgaris.

Tamaño mínimo: 10 cm.

Nome común: choco.

Nome científico: Sepia officinalis.

Tamaño mínimo: 8 cm.

Nome común: choquiño.

Nome científico: Sepia elegans.

Tamaño mínimo: 4 cm.

Nome común:polvo.

Nome científico: Octopus vulgaris.

Tamaño mínimo: 1 kg.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos