DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Mércores, 07 de novembro de 2007 Páx. 17.804

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 205/2007, do 27 de setembro, polo que se regula o dereito á segunda opinión médica no sistema sanitario público galego.

A Constitución española, no seu artigo 43 recoñece o dereito á protección da saúde e establece que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública, a través das medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios. Pola súa banda, o artigo 33.4º do Estatuto de autonomía de Galicia, establece que a Comunidade Autónoma de Galicia poderá organizar e administrar os servizos relacionados coas materias que o mesmo artigo indica -entre as cales se inclúe a sanidade interior- exercendo tamén a tutela das institucións, entidades e fundacións.

Os artigos 9 e 10.2º da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establecen que os poderes públicos informarán os usuarios/as dos servizos do sistema sanitario público dos seus dereitos e obrigas, recollendo expresamente o dereito á información sobre os servizos sanitarios a que se pode acceder, e sobre os requisitos necesarios para o seu uso. Por outra banda, a Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do/a paciente e dos dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica, completa as previsións da Lei xeral de sanidade, facendo fincapé no dereito á autonomía do/a paciente e o seu papel protagonista nas decisións relativas á súa saúde.

O artigo 4 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, recolle entre os dereitos dos cidadáns o de «dispoñer dunha segunda opinión facultativa sobre o seu proceso, nos termos previstos no artigo 28.1º». Este precepto alude a que as comunidades autónomas garantirán a calidade das prestacións, e as institucións asistenciais facilitarán a segunda opinión médica nos termos que regulamentariamente se establezan.

A Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, establece no seu artigo 133.1º os dereitos dos/as cidadáns/ás, e inclúe tamén na súa letra t) o dereito «a unha segunda opinión médica co obxecto de fortalecer a relación médico-paciente e complementar as posibilidades da atención sanitaria, nos termos que se establezan regulamentariamente».

Por outra banda, as directrices da política sanitaria recentemente aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia inclúen, como plans e proxectos asociados, un plan de implantación de dereitos, dentro do cal se establece a segunda opinión ante situacións graves, e que se realice nun prazo curto; tendo en conta que o exercicio deste dereito debe ser compatible e adecuado á propia distribución dos distintos servizos e prestacións sanitarias dispoñibles a través das áreas e centros asistenciais e demais dispositivos.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de conformidade co ditame nº 300/07 do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e sete de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O presente decreto ten por obxecto regular o exercicio do dereito á segunda opinión médica contemplado no artigo 133.1º t) da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia.

2. Para os efectos do previsto no presente decreto entenderase por «segunda opinión médica» o informe facultativo emitido como consecuencia da solicitude realizada polo usuario/a do sistema sanitario público galego, coa finalidade de contrastar un primeiro diagnóstico completo ou proposta terapéutica e facilitarlle á/ao paciente, se é o caso, maior información para decidir entre as opcións clínicas dispoñibles.

3. A continuidade de estudos médicos noutro centro sanitario ou a realización de probas ou informes indicados polo facultativo encargado do tratamento non terán a consideración de segunda opinión médica.

Artigo 2º.-Suxeitos do dereito á segunda opinión.

Garántese o dereito á segunda opinión médica ás/aos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de tarxeta sanitaria en vigor pertencente á Consellería de Sanidade, en relación cun primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica emitidos por un facultativo do sistema sanitario público galego.

Artigo 3º.-Persoas lexitimadas para pedir a segunda opinión.

O dereito á segunda opinión médica poderano exercer no ámbito do sistema sanitario público galego:

a) Todos os usuarios/as legalmente capacitados/as e individualmente considerados/as, desde os dezaseis anos de idade.

b) Cando o/a paciente estea circunstancialmente incapacitado/a para tomar decisións, por criterio do/a médico que presta a asistencia, o dereito corresponderá aos seus familiares ou ás persoas vinculadas de feito a el/ela.

No caso de familiares, darase preferencia ao cónxuxe ou, se é o caso, a quen teña a condición legal de parella de feito. No seu defecto, aos familiares de grao máis próximo e dentro do mesmo grao aos/ás que exerzan de coidadores/as ou, na falta destes/as, aos de maior idade.

c) Cando o/a paciente estea incapacitado/a legalmente, o dereito corresponderá ao seu representante legal, acreditando de forma clara e inequívoca, en virtude da correspondente sentenza de incapacitación, que está legalmente habilitado/a para tomar decisións que afecten a persoa do/a incapacitado/a.

d) Cando o/a paciente menor de idade non sexa capaz intelectual nin emocionalmente de comprender, o dereito exercerao o/a representante legal do/a menor, logo de ter escoitado a opinión deste/a se ten doce anos cumpridos.

A intervención das persoas citadas nas letras b) a d) deberá ser adecuada ás circunstancias e proporcionada ás necesidades que sexa necesario atender, a prol do/a paciente e con respecto da dignidade deste/a, atendendo sempre a criterios médicos obxectivos.

Artigo 4º.-Procesos con garantía de segunda opinión.

1. O exercicio do dereito á segunda opinión médica regulado no presente decreto, garántese para os seguintes procesos:

a) Enfermidades neoplásicas malignas, agás cancros de pel que non sexan o melanoma.

b) Enfermidades neurolóxicas inflamatorias e dexenerativas invalidantes.

c) Enfermidades graves con causa hereditaria claramente definida.

d) Confirmación de diagnóstico de enfermidade rara, tendo esta consideración aquela patoloxía con perigo de morte ou invalidez crónica e baixa prevalencia, entendida como aquela inferior a 5 casos por cada dez mil habitantes, incluídas as de orixe xenética.

2. O dereito á segunda opinión médica só se poderá exercer unha vez en cada proceso asistencial e co único obxecto de contrastar un primeiro diagnóstico completo ou indicación terapéutica, para os efectos de prestar unha mellor asistencia sanitaria e facilitarlle á/ao paciente a información necesaria para decidir sobre a súa saúde.

3. A segunda opinión médica non amparará solicitudes destinadas á achega de informes ou certificados médicos a compañías aseguradoras, mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, administración de xustiza, e outras administracións públicas ou persoas físicas ou xurídicas con fins distintos aos asistenciais.

Artigo 5º.-Solicitude da segunda opinión médica.

1. A segunda opinión médica poderá solicitala a/o paciente e, no caso de que éste/a non poida facelo, as persoas determinadas no artigo 3º do presente decreto.

2. A solicitude realizarase por escrito segundo o modelo contido no anexo do presente decreto, dirixido á xerencia da área sanitaria ou, se é o caso, á dirección provincial correspondente.

3. A solicitude deberá presentarse dentro do prazo dun mes desde o primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica.

4. A/o paciente poderá propoñer un facultativo do sistema sanitario público galego para os efectos da emisión da segunda opinión. De non facelo, a designación do/a facultativo/a realizaraa a xerencia da área sanitaria ou, se é o caso, a dirección provincial correspondente.

Artigo 6º.-Documentación complementaria.

Na solicitude constarán os datos do/a solicitante, a identificación do/a facultativo/a que realizase o primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica, así como a súa vontade de exercer o seu dereito a unha segunda opinión médica, e acompañarase da documentación complementaria que proceda en cada caso:

a) Se o/a solicitante é o/a paciente, achegará copia compulsada do DNI ou pasaporte.

b) Se o/a paciente é menor emancipado/a, achegará copia compulsada do DNI e do documento acreditativo da emancipación.

c) Se o/a solicitante é unha persoa expresamente autorizada polo/a paciente, ademais da sinatura deste/a, achegará copia compulsada dos DNI do/a paciente e do/a solicitante.

d) Cando sexa posible legalmente a substitución da autorización expresa do/a paciente:

-Se o/a solicitante é un familiar, achegará certificado médico acreditativo da imposibilidade do/a paciente para formular por si mesmo/a a solicitude, e copia compulsada do DNI do/a paciente e do/a solicitante.

-Se o/a solicitante é parella ou persoa vinculada de feito, achegará certificado médico acreditativo da imposibilidade do/a paciente para formular por si mesmo/a a solicitude, declaración xurada ou documento oficial que acredite a súa vinculación ou relación de parella, e copia compulsada do DNI do/a paciente e do/a solicitante.

-Se o/a solicitante é representante legal do/a paciente, achegará copia compulsada do documento oficial acreditativo da representación, e copia compulsada do DNI do/a paciente e do/a solicitante.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A xerencia da área sanitaria ou a dirección provincial correspondente resolverán, previo informe do Servizo de Inspección Sanitaria, sobre a solicitude no prazo máximo dun mes. A non emisión e notificación de resolución expresa no prazo indicado suporá a estimación da solicitude formulada.

2. Se a solicitude non cumprise as condicións establecidas nos artigos 5º e 6º, daráselle traslado á/ao solicitante para que proceda, cando sexa posible, a emendada no prazo previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Se a solicitude non cumpre cos requisitos determinados neste decreto, ou o/a solicitante non estivese incluído/a no ámbito definido no seu artigo 2º, denegarase a solicitude motivadamente.

4. Contra a resolución denegatoria da solicitude, poderase presentar recurso de alzada ante a conselleira de Sanidade.

Artigo 8º.-Consulta e emisión da segunda opinión médica.

1. Se a resolución fose favorable, a xerencia da área sanitaria ou, se é o caso, a dirección provincial correspondente; de conformidade co establecido nas normas de estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e nas que regulan a ordenación territorial da sanidade; remitirá ao centro en que preste servizos o facultativo designado a seguinte documentación:

a) Copia da solicitude de segunda opinión médica.

b) Copia da historia clínica do/a paciente refirida ao proceso asistencial, que se entregará ou fará accesible para o/a facultativo/a que deba emitir a segunda opinión. Para estes efectos, a xerencia da área ou dirección provincial correspondente, requirirá ao centro sanitario de orixe para que a remita ao centro designado para a segunda opinión.

c) Copia do diagnóstico ou proposta terapéutica que constitúa o obxecto do exercicio do dereito á segunda opinión médica.

2. Cando así se fixese constar na solicitude, a consulta terá lugar nun prazo máximo de 15 días hábiles contados a partir da recepción da solicitude no centro designado, e farase tendo en conta:

-Os datos e probas en que se baseou o diagnóstico ou proposta terapéutica.

-Os datos contidos na historia clínica do/a paciente.

-Os que poidan ser pedidos ao/á facultativo/a autor/a daquel diagnóstico ou proposta.

Excepcionalmente, cando sexa necesario realizar algunha proba adicional ou exploración, a xerencia do centro xestionará a concesión da cita correspondente. O prazo máximo para a emisión da segunda opinión determinado no punto seguinte suspenderase durante o tempo necesario para a realización destas probas ou exploracións, sen que en ningún caso poida exceder 15 días.

3. Cando o Servizo Galego de Saúde dispoña dun único centro con dispoñibilidade na especialidade correspondente, ou concorra outro motivo xustificado que o faga necesario, poderase facilitar a obtención dunha segunda opinión médica en centro concertado ou noutro centro público doutra comunidade autónoma.

4. O prazo para a emisión da segunda opinión será de quince días, contados a partir da consulta ou da recepción da documentación a que se refire o punto 1 do presente artigo, e comunicarase persoalmente ao/á interesado/a. Sen prexuizo do anterior, remitirase copia do informe de segunda opinión ao/á facultativo/a que elaborou o primeiro diagnóstico ou proposta de tratamento, para os efectos do seu coñecemento e inclusión na historia clínica do/a paciente, así como á xerencia da área sanitaria ou, se é o caso, á dirección provincial correspondente.

Artigo 9º-Garantía da segunda opinión médica.

1. Emitido o informe de segunda opinión, garantirase á/ao paciente a atención clínica que precise, conforme a carteira de servizos do sistema sanitario galego e tendo en conta o seu dereito a decidir libremente, logo de recibir a información axeitada, entre as opcións clínicas dispoñibles.

2. A atención sanitaria levarase a cabo no centro hospitalario de orixe se o segundo diagnóstico é confirmatorio do primero. En caso contrario, a/o paciente poderá optar por continuar sendo atendido, ben no centro de orixe segundo o diagnóstico ou proposta terapéutica inicial, ou ben no centro en que se emitise a segunda opinión médica, de acordo, neste caso, co diagnóstico ou proposta terapéutica do informe de segunda opinión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Se a/o paciente precisase de transporte sanitario, este realizarase nos mesmos supostos e condicións previstas para o resto dos usuarios/as do sistema sanitario público.

Segunda.-Os gastos de aloxamento ou manutención que leve consigo a realización da consulta como consecuencia do exercicio do dereito á segunda opinión médica non serán reintegrables.

Terceira.-O Servizo Galego de Saúde poñerá ao dispor dos/as usuarios/as en todos os centros asistenciais de titularidade pública os formularios de solicitude necesarios para facer efectivo o exercicio do dereito á segunda opinión médica.

Disposición transitoria

Aplicarase o prazo dun mes previsto no artigo 5.3º para aqueles primeiros diagnósticos ou propostas terapéuticas producidos con posterioridade á publicación do presente decreto e anteriores á súa entrada en vigor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O presente decreto entrará en vigor aos trinta días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a conselleira de Sanidade para ditar as normas e acordos precisos para o axeitado desenvolvemento e aplicación do previsto neste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e sete de setembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "21500D001P008.PDF"

Reverso do documento:

Instrucións xerais:

Cubra este impreso utilizando no posible letras maiúsculas, para facilitar a lectura dos datos.

Consigne no pé da solicitude a xerencia da área sanitaria ou dirección provincial que lle corresponda segundo o seu domicilio.

Non se esqueza de asinar a súa solicitude, e non dubide en pedir aclaración sobre calquera aspecto que precise na oficina que lla facilitou.

Lembre que a ausencia ou non achega de datos significará a suspensión temporal do procedemento ata a súa corrección no prazo máximo de 10 días.

A falsidade dos datos consignados implicará a desestimación da solicitude.

1. Datos do/a paciente:

-Nome e apelidos.

-Nº de tarxeta sanitaria.

-Enderezo e teléfono(s) de contacto. Consigne os datos do seu domicilio habitual ou os do lugar en que máis doadamente poida ser localizado/a.

2. Datos do/a solicitante:

-Só se consignarán cando o/a solicitante sexa unha persoa distinta do/a paciente, e nos casos ou circunstancias legalmente previstos.

-Consigne os datos do seu domicilio habitual ou os do lugar en que máis doadamente poida ser localizado/a.

-No caso de que o/a paciente desexe outorgar autorización a prol do/a solicitante, deberá encher o recadro correspondente e inserir o seu DNI e sinatura.

3. Datos do proceso asistencial:

-Consigne o nome ou denominación do centro asistencial en que se realizou o primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica, e a identificación do facultativo que a realizou.

-Risque o recadro correspondente ao motivo da solicitude (confirmación de diagnóstico, confirmación de proposta terapéutica ou ambas).

No espazo reservado á «data» consigne a correspondente ao diagnóstico ou proposta terapéutica.

4. Designación de facultativo/a:

De conformidade co Decreto .../2007, do ... de .., polo que se regula o dereito á segunda opinión médica no sistema sanitario público galego, o/a paciente ou solicitante poderá designar o/a facultativo/a que desexe do sistema sanitario público galego, para que leve a cabo o previsto na norma indicada. De non facelo, será designado/a pola xerencia da área sanitaria ou dirección provincial correspondente.

Risque o recadro que desexe, lembrando que, no caso de optar por designar o/a facultativo/a, deberá consignar o nome deste/a, o servizo e o centro asistencial en que desenvolve a súa tarefa.

Risque «si» para indicar que desexa consulta, ou «non» se desexa que o informe se realice tendo en conta os datos consignados na súa historia clínica ou en informes xa presentados.

Lembre consignar a data e inserir a súa sinatura.

5. Documentación que se xunta:

-Se o/a solicitante é o/a paciente, achegará copia compulsada do DNI ou pasaporte.

-Se o/a paciente é menor emancipado/a, achegará copia compulsada do DNI e do documento acreditativo da emancipación.

-Se o/a solicitante é unha persoa expresamente autorizada polo/a paciente, ademais da sinatura deste/a, achegará copia compulsada dos DNI do/a paciente e do/a solicitante.

-Cando sexa posible legalmente a substitución da autorización expresa do/a paciente:

* Se o/a solicitante é un familiar, achegará certificado médico acreditativo da imposibilidade do/a paciente para formular por si mesmo/a a solicitude, e copia compulsada do DNI do/a paciente e do/a solicitante.

* Se o/a solicitante é parella ou persoa vinculada de feito, achegará certificado médico acreditativo da imposibilidade do/a paciente para formular por si mesmo/a a solicitude, declaración xurada ou documento oficial que acredite a súa vinculación ou relación de parella, e copia compulsada do DNI do/a paciente e do/a solicitante.

* Se o/a solicitante é representante legal do/a paciente, achegará copia compulsada do documento oficial acreditativo da representación, e copia compulsada do DNI do/a paciente e do/a solicitante.

6. Protección de datos:

En cumprimento do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, o Servizo Galego de Saúde informa de que os datos persoais obtidos mediante o enchemento deste documento/formulario, e os demais que se acheguen con este, teñen como finalidade xestionar a segunda opinión médica.

De conformidade co previsto na mesma lei orgánica, vostede pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, dirixindo un escrito aos mesmos órganos encargados da resolución das solicitudes.