DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Martes, 06 de novembro de 2007 Páx. 17.747

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2007 pola que se incrementa o crédito, con fondos Feader, destinado ás subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, convocadas por Resolución do 23 de marzo de 2007.

Por resolución do director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-Agader do 23 de marzo de 2007 aprobáronse as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia e convocáronse as correspondentes para o período 2007-2008 (DOG nº 71, do 12 de abril).

Tendo en conta o elevado número de solicitudes presentadas e da súa calidade, que teñen encadramento nalgunha das medidas de desenvolvemento rural do Eixo 3, Calidade de vida nas zonas rurais e diversificación da economía rural, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, que se vai financiar co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) e sendo previsible a súa próxima aprobación, considérase conveniente facer uso das dispoñibilidades orzamentarias de fondos Feader existentes nos orzamentos de 2007.

En consecuencia, cómpre ampliar o importe dos créditos cofinanciados con cargo a fondos Feader destinados ao financiamento das subvencións que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Resolución do 23 de marzo de 2007.

O Consello de Dirección de Agader, na súa reunión do 21 de xuño de 2007, delegou no director xeral de Agader a aprobación dos procedementos de selección de actuacións con cargo ao Fondo Galego de Desenvolvemento Rural así como para súa xestión orzamentaria e a distribución dos seus recursos. Neste marco, procede a aprobación da ampliación do crédito previsto na convocatoria das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia.

Polo que antecede,

RESOLVO:

1. Incrementar o crédito destinado ás subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, convocadas para o período 2007-2008 por Resolución do 23 de marzo de 2007. O incremento, que terá a mesma distribución por anualidades prevista na convocatoria (60% para a anualidade 2007 e 40% para a anualidade 2008), é o seguinte:

Partida Importe

02.01 02/31 656800 4.400.000 €

02.01 02/32 656800 4.500.000 €

02.01 02/04 656800 1.129.135 €

Este incremento de crédito non reabre o prazo de presentación de solicitudes.

2. Aqueles proxectos que resulten subvencionados con cargo ao Feader deberán cumprir cos requisitos e obrigas derivados da natureza deste fondo, de acordo co Regulamento (CE) nº 1698/2005 e cos regulamentos de aplicación, o Regulamento (CE) nº 1974/2006 e o Regulamento (CE) nº 1975/2006.

3. Contra esta resolución cabe interpor recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección de Agader no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2007.

Edelmiro López Iglesias

Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural