DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Martes, 06 de novembro de 2007 Páx. 17.746

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 17 de outubro de 2007 pola que se declara de interese galego a Fundación Marcha Universal a Santiago de Compostela e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 21 de setembro de 2007 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 5 de setembro de 2007 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Marcha Universal a Santiago de Compostela, adscribíndoa á Consellería de Cultura e Deporte, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto:

-O desenvolvemento da Marcha Universal a Santiago de Compostela (Musaco).

-A organización de rutas que representen os continentes (África, América, Asia, Oceanía, Europa) que finalicen en Santiago de Compostela, mobilizando os cidadáns de todo o mundo a favor da unidade, universalidade, entendemento, solidariedade e paz de todos os habitantes do planeta sen discriminación de raza, nación, credo, pobo, ideas, relixión, idades, culturas, sexo, condición social, circunstancia física ou psíquica.

-A mobilización, difusión e promoción desta Marcha Universal a Santiago de Compostela en todos os lugares, países e pobos atraendo a Galicia persoas de toda condición co fin de proxectar, sensibilizar, apoiar e difundir valores e actitudes para que a humanidade poida camiñar e avanzar cara á unidade e universalidade, facendo de Galicia un espazo privilexiado de encontro entre todos os continentes, pobos e civilizacións.

-Constituír esta marcha como canle e soporte dos valores de liberdade, tolerancia, harmonía, diálogo, como piares onde se poidan construír, crear e expandir todas as persoas, pobos, culturas, civilizacións, sendo vangarda e paradigma dunha humanidade unida e solidaria.

-O respecto profundo a toda expresión espiritual, cultural e artística, sen tratar de impoñer, de cambiar, fomentando a escoita, empatía e tolerancia.

-Potenciar a música, a danza, o teatro e a arte como linguaxes privilexiadas para crear pontes para a unidade e a universalidade a partir da diversidade e multiplicidade existente.

-O respecto profundo e o recoñecemento do planeta como un ser vivo do que formamos parte e somos responsables do seu presente e futuro: integrarse en total sintonía coas leis da natureza en todas as súas expresións.

-Converterse nun movemento-plataforma que de maneira estable convoque permanentemente a accións-marchas, converténdose en soporte de espazo de encontro e difusión, mestizaxe e creación, que simbolicen o espírito de unidade e universalidade a que está chamada a humanidade.

-Ser especialmente sensible con aqueles sectores ou persoas que poidan sufrir discriminación por razón da súa condición física ou psíquica, ou por razóns de intolerancia ou fundamentalismo.

Por iso, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e segundo o establecido no artigo 5 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Marcha Universal a Santiago de Compostela xa que os seus estatutos cumpren as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Marcha Universal a Santiago de Compostela no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura e Deporte, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos. Tamén queda obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar o plan de actuación, con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o cal se formula, e a solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2007.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte