DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Martes, 06 de novembro de 2007 Páx. 17.732

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE conxunta do 18 de outubro de 2007, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, da Consellería de Innovación e Industria, da Consellería do Medio Rural, da Consellería de Sanidade, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, pola que se convocan premios a proxectos de innovación educativa en valores democráticos no marco do Plan Valora 2007/2009.

A educación é un dos factores máis importantes para facer avanzar o mundo cara a unha maior equidade e xustiza, porque a través dela poden acadarse os coñecementos, as destrezas e as actitudes que lles permiten ás persoas participar na vida social asumindo os seus dereitos, deberes e responsabilidades.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con outros departamentos e organismos da Administración autonómica galega pon en marcha o Plan Valora, que ten como obxectivos, entre outros, os seguintes: o fomento no alumnado de competencias interpersoais, interculturais e sociais necesarias para o desenvolvemento da persoa e da conciencia cidadá; o respecto e a mellora do ambiente; a defensa da paz, a igualdade entre homes e mulleres, a interculturalidade e os dereitos humanos, para o que se require o compromiso de toda a sociedade.

A implicación e a colaboración das familias e do profesorado e, no seu conxunto, de toda a comunidade escolar posibilitan acadar a igualdade incuestionable entre mulleres e homes, a preservación da natureza, o dereito á saúde, a formación para o lecer e o para o consumo responsable, así como a axeitada acollida de persoas procedentes doutras culturas.

Estes valores positivos, sobre os que se fundamenta a vida digna e a convivencia democrática, son aqueles que no seu día deron forma e contido á Declaración Universal dos Dereitos Humanos: a liberdade, a xustiza, a solidariedade, a paz ou a igualdade; e, tamén, aqueloutros que os fan posibles: a ilusión, a xenerosidade, a tenrura, a vontade e a responsabilidade.

O eixe fundamental da educación en valores democráticos é a educación para a convivencia e a paz. Educar persoas con sentido da convivencia democrática require que se eduque desde os dereitos humanos, a xustiza, a loita contra todo tipo de discriminación por razón de xénero, de raza ou de relixión; así como o rexeitamento de estereotipos e a aceptación das diferenzas.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a Consellería de Innovación e Industria, a Consellería do Medio Rural, a Consellería de Sanidade, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible queren poñer en marcha, a través do Plan Valora, unha liña de innovación educativa que fomente a formación en valores democráticos na vida diaria dos centros. Para iso cómpre que os proxectos desta índole estean perfectamente imbricados no proxecto educativo do centro e relacionados con outras actuacións e plans, favorecendo un modelo escolar diversificado, flexible e comprensivo.

Por todo iso, se

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta orde é convocar 76 premios a proxectos de innovación en materia de educación en valores nos centros públicos de niveis non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, durante os cursos académicos 2007-2008 e 2008-2009.

2. Os proxectos serán bianuais. Deberase explicitar na memoria a secuenciación dos obxectivos e dos contidos por cada curso académico. Deberase presentar tamén un compromiso de continuidade do profesorado implicado no proxecto.

3. Os proxectos de innovación estarán orientados á formación en valores democráticos mediante a educación ambiental, viaria, para a saúde, o consumo, a igualdade, o lecer, a convivencia, etc., desenvolvéndose dentro dun dos seguintes ámbitos:

Valora-Convivencia, cidadanía e cultura de paz: 10 proxectos.

Valora-Interculturalidade: 10 proxectos.

Valora-Igualdade: 10 proxectos.

Valora-Educación viaria: 5 proxectos.

Valora-Consumo: 2 proxectos.

Valora-Medio Rural: 5 proxectos.

Valora-Lecer: 10 proxectos.

Valora-Saúde: 10 proxectos.

Valora-Medio Mariño: 4 proxectos.

Valora-Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible: 10 proxectos .

Artigo 2º.-Beneficiarios e requisitos dos proxectos.

1. Poderán participar os centros públicos de niveis non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que presenten un proxecto en que desenvolvan un dos ámbitos establecidos no punto 2 do artigo 1º.

Os centros que integran a rede Valora 2006-2007 poderán volver presentar un novo proxecto, mesmo dentro dos ámbitos polos cales foron premiados, sempre e cando estea suficientemente xustificada a súa continuidade por dous anos máis.

2. Requisitos:

a) Cada proxecto deberá responder a un único ámbito. As escolas de educación infantil e centros de poucas unidades poderán incorporarse ao proxecto dun centro da súa zona educativa. Nese caso deberase expoñer con claridade en que accións participarán e de que xeito.

b) Cada centro poderá presentar un máximo de dous proxectos de ámbitos distintos, dos cales se poderá premiar un deles.

c) Serán coherentes co proxecto educativo (PE), e deberán contar coa aprobación do claustro e máis do consello escolar.

d) Os centros que se presenten polo ámbito Valora-Medio Mariño deberán presentar un proxecto conxunto (o centro parceiro e o centro de costa). Ten que estar asinado e elaborado conxuntamente polos dous centros e debe establecer actividades conxuntas, que se realizarán durante o proxecto e nas visitas de intercambio.

e) Incluirán a realización de actividades ao longo dos dous cursos académicos coa colaboración de toda a comunidade educativa.

f) En cada proxecto figurará un/unha docente como coordinador ou coordinadora designado/a pola dirección do centro ao comezo do curso escolar, e poderase constituír unha comisión de seguimento á cal o equipo directivo lle facilitará a posibilidade de reunión e coordinación. As horas dedicadas a estas funcións polo profesorado implicado poderán ser computables para efectos das horas de obrigada permanencia no centro.

g) Favorecerán o traballo en rede; desta maneira, os centros que resulten premiados nesta convocatoria pasarán a formar parte da Rede Valora 07/09, que se constituirá formalmente nunhas xornadas formativas de carácter preceptivo para todo o profesorado implicado no proxecto, que se celebrarán antes do seu inicio, no primeiro trimestre do ano 2008.

Artigo 3º.-Dotación dos premios.

Os centros premiados contarán para o desenvolvemento dos proxectos coa seguinte dotación:

a) Dotación económica de 3.000 € por cada proxecto para o desenvolvemento das accións planificadas.

b) Un módulo de formación para o profesorado cunha duración de 10 horas impartido por persoas expertas no ámbito seleccionado, que se desenvolverá nas xornadas formativas iniciais.

c) Materiais, recursos didácticos e apoio técnico achegados polas consellerías implicadas a través dos centros de formación e recursos e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

d) Asesoramento no ámbito de traballo seleccionado, facilitado polos departamentos implicados no Plan Valora, e asesoramento, dos centros de formación e recursos e do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa, de acordo ao establecido no punto anterior.

e) Un espazo no portal educativo www.edu.xunta.es/valora en que se habilitarán foros de intercambio entre os centros integrantes da Rede Valora e se dispoñerá de recursos e materiais didácticos.

Artigo 4º.-Requisitos das solicitudes e prazo de presentación.

Os centros interesados en participar deberán presentar as súas solicitudes dirixidas á directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas distintas delegacións provinciais, ou polas canles establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se é remitida por correo, presentarase na oficina en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario antes de que proceda á súa certificación.

As solicitudes para participar nesta convocatoria formalizaranse no modelo de instancia que se establece no anexo I, que deberá ir acompañado da seguinte documentación:

a) Proxecto, elaborado de acordo co exposto no anexo II, cun orzamento detallado en que van empregar a contía do premio cada un dos dous cursos académicos.

b) Copia, certificada polo/a secretario/a do centro, das actas que recollan a aprobación do proxecto por parte do claustro e do consello escolar do centro.

c) Copia de notificación de participación remitida ás respectivas delegacións provinciais.

d) Un exemplar impreso e o correspondente ficheiro en soporte óptico.

e) Os obxectivos e os contidos de cada proxecto seleccionaranse dos que se especifican para cada un dos ámbitos, e que se recollen no anexo III. A extensión máxima dos proxectos será de 33.000 caracteres (espazos incluídos).

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 5º.-Emenda de documentación.

Rematado o prazo de presentación de documentación, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa requirirá aos solicitantes seleccionados provisoriamente para que no prazo de 10 días emenden a falta ou presenten os documentos precisos coa indicación de que se así non o fixesen se desestimará a súa petición nos termos establecidos polo artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 6º.-Comisión de selección.

1. Os proxectos presentados serán valorados por unha comisión que estará constituída polos seguintes membros:

Presidenta: a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

Vogais:

A subdirectora xeral de Ordenación Educativa.

O xefe do Servizo de Formación do Profesorado.

A xefa do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa.

Unha persoa representante da Secretaría Xeral de Igualdade.

Unha persoa representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte.

Unha persoa representante do Instituto Galego de Consumo da Consellería de Innovación e Industria.

Unha persoa representante da Consellería do Medio Rural.

Unha persoa representante da Consellería de Sanidade.

Unha persoa representante da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Unha persoa representante da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Un funcionario ou funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario/a, con voz, pero sen voto.

2. A comisión de selección poderá constituír unha subcomisión en que teñan representación os centros de formación e recursos, co fin de asesorar e valorar os proxectos.

3. A convocatoria será resolta pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa. O prazo máximo de resolución será de dous meses contados a partir da data de finalización do prazo para presentar as solicitudes.

Artigo 7º.-Criterios de valoración dos proxectos.

Os traballos serán valorados en canto á calidade do plan establecido, a implicación de profesorado, alumnado e comunidade educativa, e á viabilidade do proxecto, segundo os criterios que se relacionan a continuación:

1. A calidade do plan establecido (40%).

-A xustificación desde os principios e valores do proxecto educativo e a súa vinculación coa problemática do contexto e/ou do contorno.

-Análise das características do alumnado en canto á práctica dos valores democráticos.

-O uso dunha metodoloxía que facilite a participación activa do alumnado, a resposta á diversidade, a adaptación ao contorno e o desenvolvemento dos valores de cooperación e convivencia.

-O uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

-As canles, recursos e medios de difusión, comunicación e sensibilización á comunidade educativa dos obxectivos e accións do proxecto.

-A realización de actividades complementarias, a integración de actividades extraescolares, principalmente accións formativas coas familias e co alumnado, e a implicación da comunidade educativa.

-O tratamento dos contidos desde a biblioteca do centro.

-A repercusión do proxecto nos servizos complementarios: comedor e transporte.

-A utilización dos recursos existentes: materiais, programas institucionais, etc.

-A planificación da avaliación do propio proxecto para analizar o grao de consecución dos obxectivos previstos e proposta de mellora.

-A medición do grao de satisfacción e os mecanismos de incorporación dos logros e suxestións dos participantes.

2. A implicación do alumnado, do profesorado e da comunidade educativa (30%).

-A relevancia do número de alumnos e alumnas ou das características especiais do alumnado a que vai dirixido o proxecto.

-A coherencia entre número de alumnado e profesorado participante.

-A participación do profesorado titor e do departamento de orientación.

-A implicación directa do equipo directivo.

-A implicación de organismos locais, ONG, asociacións, etc.

-A participación de axentes externos.

3. A viabilidade do proxecto (30%).

-A distribución de funcións.

-A temporalización.

-A adecuación do orzamento ao desenvolvemento do proxecto.

-A garantía de continuidade do proxecto.

-A experiencia previa na participación e desenvolvemento de proxectos de innovación e/ou formación e experiencia na educación en valores democráticos por parte do centro, da persoa coordinadora e dos participantes.

-A distribución interterritorial dos proxectos. No caso dunha valoración similar dos criterios anteriores primarase a menor presenza de proxectos Valora seleccionados na zona.

Artigo 8º.-Memoria informativa.

1. O centro premiado deberá presentar antes do 30 de xuño de 2008 unha memoria informativa, cun cadro-resumo asinado polo director/a do centro e máis o coordinador/a, en que se recollan as horas de participación de cada profesor/a xunto cos aspectos máis salientables do seu desenvolvemento.

Este cadro-resumo será facilitado aos centros no enderezo: www.edu.xunta.es/valora/documentos

Ao remate do proxecto, e antes do 30 de xuño de 2009, os centros remitirán á Dirección Xeral de Ordenación Educativa unha memoria informativa, que se presentará por duplicado e será confeccionada de acordo coas especificacións que figuran no anexo IV. Unha copia pasará á disposición da consellería que custeou o proxecto. As memorias anuais incluirán un informe detallado dos gastos.

2. A non entrega da memoria no prazo sinalado poderá ser causa de revogación das cantidades adxudicadas, debendo proceder o centro ao reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se lle poidan exixir.

O incumprimento total ou parcial dos proxectos ou das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión, poderán dar lugar á anulación ou modificación da contía do importe concedido.

Artigo 9º.-Asesoramento e seguimento.

Os centros de formación e recursos, sen prexuízo da colaboración que poidan prestar outras institucións ou organismos, ofrecerán apoio e asesoramento, tanto na fase de elaboración dos proxectos, como do seu desenvolvemento.

O inspector ou inspectora responsable do centro educativo velará polo desenvolvemento do proxecto.

Artigo 10º.-Avaliación e seguimento.

Con independencia do exposto no artigo anterior, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa levará a cabo o seguimento e a avaliación dos proxectos a fin de verificar a súa realización, os resultados logrados e proceder á súa certificación.

Artigo 11º.-Recoñecemento da participación.

A participación do profesorado implicado no proxecto acreditarase a través da certificación en calidade de coordinador/a ou membro, segundo corresponda, no proxecto de innovación educativa cunha duración total de 50 horas, que se emitirán anualmente en certificados de 25 horas, ao profesorado que acredite ter superado o 85% das horas implícitas na execución do proxecto.

Artigo 12º.-Difusión das experiencias e materiais elaborados.

Os centros participantes comprométense a colaborar nas accións de difusión de mellores prácticas educativas que se organicen por parte das consellerías implicadas en cada proxecto e prestarán a súa autorización para a publicación, se é o caso, das memorias a que se refire o artigo 8º desta orde.

Artigo 13º.-Pagamento.

1. A achega económica dos premios aos centros para a execución do proxecto farase nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico de 2007, e con cargo ás aplicacións que se relacionan a continuación.

a) O financiamento dos premios a proxectos Valora-Igualdade farase con cargo á partida orzamentaria 05.20.311A.640.0 da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

b) O financiamento dos premios a proxectos Valora-Educación Viaria farase con cargo á partida orzamentaria 08.03.512B.640.1 da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

c) O financiamento dos premios a proxectos Valora-Consumo farase con cargo á partida orzamentaria 10.80.613B.640.0 do Instituto Galego de Consumo da Consellería de Innovación e Industria.

d) O financiamento dos premios a proxectos Valora-Convivencia, Valora-Interculturalidade e Valora-Lecer farase con cargo á partida orzamentaria 09.02.423A.640.1 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

e) O financiamento dos premios a proxectos Valora-Medio Rural farase con cargo á partida orzamentaria11.06.551C.640.1 da Consellería do Medio Rural.

f) O financiamento dos premios a proxectos Valora-Saúde farase con cargo á partida orzamentaria 13.02.413A.640.1 da Consellería de Sanidade.

g) O financiamento dos premios a proxectos Valora-Medio Mariño farase con cargo á partida orzamentaria 14.04.722A.640.2 da Consellería de Pesca.

h) O financiamento dos premios a proxectos Valora-Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible farase con cargo á partida orzamentaria 15.04.541E.640.1 da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Difusión desta orde.

A dirección de cada centro arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa e entregará unha copia dela ao consello escolar, ao claustro, ás ANPAS e, se for do caso, ás asociacións de alumnado.

Segunda.-Recursos.

Contra esta orde, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non resolverse esta convocatoria no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG.

Terceira.-Delegación de competencias e entrada en vigor.

Delégase na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa as competencias para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do disposto nesta orde.

Cuarta.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2007.

Anxo Quintana González Laura Sánchez Piñón

Vicepresidente da Igualdade Conselleira de Educación

e do Benestar e Ordenación Universitaria

María José Caride Estévez Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Política Conselleira de Sanidade

Territorial Obras Públicas

e Transportes

Fernando X. Blanco Álvarez Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Innovación Conselleiro de Medio Ambiente e Industria e Desenvolvemento Sostible

Mª Carmen Gallego Calvar Alfredo Suárez Canal

Conselleira de Pesca Conselleiro do Medio Rural

e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "21400D001P008.PDF"

ANEXO II

Estrutura dos proxectos:

1. Portada, en que figurará o título, o centro ou centros participantes e a localidade.

2. Índice.

3. Descrición do centro ou centros participantes.

4. Situación e características.

5. Características e número do alumnado que escolariza por etapas, ciclos e niveis, especificando o número de alumnado a que vai dirixido o proxecto.

6. Características e número do profesorado en función da súa situación administrativa e do profesorado que participa, especificando ciclos ou departamentos didácticos, se exercen funcións de titoría e a súa experiencia noutros programas e/ou actividades de formación relacionadas coa educación en valores.

7. Antecedentes e experiencia do centro na súa participación noutros programas e/ou actividades de formación relacionados coa educación en valores.

8. Deseño do proxecto:

a) Xustificación das necesidades e intencións establecidas e a súa relación cos proxectos educativo e curricular do centro.

b) Obxectivos: estarán relacionados cos que se enuncian para o ámbito en que se desenvolve o proxecto. Os ámbitos e os obxectivos figuran no anexo III.

c) Contidos: estarán de acordo cos que se enuncian para o ámbito no que se desenvolve o proxecto. Os ámbitos e os contidos figuran no anexo III.

d) Proposta de módulo de formación específico para o profesorado (10 horas) e doutras posibles actividades dirixidas a alumnado e familias (charlas).

e) Secuenciación dos obxectivos e dos contidos para o proxecto bianual.

f) Descrición das actividades.

g) Secuencia e temporalización das actividades. Calendario de actuacións.

h) Metodoloxía de traballo e distribución de responsabilidades (funcións do coordinador/a do proxecto, do profesorado, do alumnado, das familias, dos axentes externos, etc.).

i) Plan de avaliación para os dous anos: dimensións, indicadores, criterios, procedementos, fases e responsables.

j) Bibliografía.

9. Memoria económica.

ANEXO III

* Proxectos Valora-Convivencia, cidadanía e cultura de paz.

Obxectivos:

Os proxectos poderán ter, entre outros, os seguintes obxectivos de mellora que se propoñen para dar resposta aos interrogantes que xorden do contorno, indicando a súa relación con outros ámbitos tales como educación para a saúde, para a igualdade, para o consumo, para a paz, para a conservación do medio e do monte, para o lecer, a educación viaria, etc.

a) Promover a sensibilización, a implicación e o compromiso do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa nos valores educativos, sociais e culturais que determinen un profundo interese pola mellora da convivencia e a cultura de paz.

b) Potenciar a consideración do centro educativo como un espazo onde se debe xestionar a convivencia.

c) Fomentar a participación e implicación dos axentes da comunidade educativa nas iniciativas para a mellora tanto dos procesos de ensino e aprendizaxe como de convivencia, xerando espazos de coordinación e colaboración entre profesionais das distintas redes que actúan nun mesmo centro.

d) Formar cidadáns e cidadás capaces de afrontar a convivencia nun mundo complexo e dinámico, comprometidos na construción dunha sociedade máis xusta e equitativa, que ofreza as condicións para unha efectiva igualdade de oportunidades.

e) Incorporar a diversidade e o respecto á diferenza na escola como un valor de enriquecemento na comunicación e interacción entre persoas e grupos.

f) Mellorar o clima de convivencia entre os integrantes da comunidade.

g) Adquirir habilidades sociais, comunicativas, etc., para a resolución de conflitos de forma pacífica.

h) Fomentar o diálogo como capacidade de interacción coas persoas.

i) Facilitar o intercambio e difusión de materiais e experiencias de convivencia.

Contidos:

Os proxectos poderán tratar, entre outros, algún dos seguintes bloques de contido:

-A aprendizaxe dunha cidadanía democrática: formación para a participación activa, dereitos e deberes, normas democráticas e valores compartidos.

-A educación para a paz, os dereitos humanos, a democracia e tolerancia: coñecementos esenciais sobre a sociedade e formas de participar nela, coñecemento e estratexias de transformación cara eses valores, problemáticas actuais e futuras.

-A Convención dos Dereitos Humanos e a Convención dos Dereitos dos Nenos.

-A Constitución española e europea. O Estatuto de autonomía.

-A mellora da convivencia escolar e a resolución pacífica de conflitos: a organización e o funcionamento dos centros, a estrutura de aprendizaxe cooperativo na aula, a autonomía e a responsabilidade compartida.

-Prevención da violencia. Habilidades sociais e comunicativas, habilidades cooperativas, técnicas de resolución pacífica de conflitos, desenvolvemento da intelixencia emocional, programas globais sociocomunitarios.

-A contención e a mellora de condutas disruptivas e a superación das situacións de conflito.

-Plan de convivencia do centro educativo. Normas que garantan a convivencia no centro. Protocolos de actuación.

-A educación na participación. Órganos de participación e representación democráticos.

-A educación afectivo-emocional.

* Proxectos Valora-Interculturalidade e paz.

Obxectivos:

Os proxectos poderán ter, entre outros, os seguintes obxectivos de mellora que se propoñen para dar resposta aos interrogantes que xorden do contorno, indicando a súa relación con outros ámbitos tales como educación para a saúde, para a igualdade, para o consumo, para a conservación do medio e do monte, para o lecer, educación viaria, etc.

a) Promover a sensibilización, a implicación e o compromiso do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa nos valores educativos, sociais e culturais, que determinen un profundo interese pola educación intercultural e para a paz.

b) Formar cidadáns e cidadás capaces de afrontar a convivencia nun mundo complexo e dinámico, comprometidos na construción dunha sociedade máis xusta e equitativa, que ofreza as condicións para unha efectiva igualdade de oportunidades.

c) Incorporar a diversidade cultural e o respecto á diferenza na escola como un valor de enriquecemento na comunicación e interacción entre persoas e grupos.

d) Recoñecer o valor doutras culturas presentes no centro e no contorno como un modo de enriquecemento cultural.

e) Favorecer o desenvolvemento dunha identidade cultural propia, tolerante cos elementos doutras culturas, baseada nuns valores mínimos relacionados cos dereitos humanos que configuren un marco de referencia común na construción dunha sociedade pacífica, libre e xusta.

f) Desenvolver modelos organizativos, metodolóxicos e didácticos que favorezan a integración das minorías étnicas e culturais e do alumnado inmigrante e permitan a actuación inclusiva dos recursos de apoio específicos de distintas situacións de diversidade no centro e faciliten a súa coordinación.

g) Xerar espazos de colaboración e coordinación entre os profesionais que actúan nun centro educativo para a atención das minorías étnicas e culturais e do alumnado inmigrante.

h) Fomentar o diálogo como capacidade de interacción coas persoas.

i) Facilitar a elaboración, o intercambio e a difusión de experiencias e materiais de apoio para unha educación intercultural (avaliación inicial do alumnado procedente do estranxeiro, materiais para o ensino da L2, etc.).

Contidos:

Os proxectos poderán tratar, entre outros, algún dos seguintes bloques de contido:

-Coñecemento dos nosos referentes de identidade cultural, achegamento a outras culturas que están presentes no noso contorno máis próximo e comprensión e tolerancia con esas culturas diferentes da propia.

-Dereitos humanos e inmigración.

-Plan de acollida do alumnado e das súas familias. A información e a relación coas familias para contribuír á súa integración e participación no centro educativo.

-Programas globais de colaboración xunto cos concellos e/ou diversas asociacións para tratar a integración escolar e social dos inmigrantes.

* Proxectos Valora-Igualdade.

Obxectivos:

Os proxectos poderán ter, entre outros, os seguintes obxectivos de mellora que se propoñen para dar resposta aos interrogantes que xorden do contorno, indicando a súa relación con outros ámbitos tales como educación para a saúde, para o consumo, para a paz, para a conservación do medio e do monte, para o lecer, a educación viaria, a interculturalidade, a convivencia, etc.

a) Promover a sensibilización, a implicación e o compromiso do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa nos valores educativos, sociais e culturais que determinen un profundo interese pola igualdade efectiva de mulleres e homes.

b) Promover cambios de actitudes no alumnado para romper os estereotipos que perpetúan a discriminación.

c) Deseñar estratexias educativas que permitan mellorar a práctica da igualdade no centro.

d) Reforzar a autoestima das alumnas e dos alumnos.

e) Fomentar a participación dos alumnos nas tarefas do fogar, así como en actividades consideradas tradicionalmente como femininas e a das alumnas en actividades consideradas tradicionalmente masculinas.

f) Coñecer a problemática da violencia de xénero e as canles para a atención social, xudicial e persoal deste colectivo.

g) Concienciar a comunidade escolar sobre a orixe educativa da violencia de xénero.

h) Valorar a importancia e fomentar a participación da muller na vida pública dentro dunha sociedade democrática.

i) Favorecer a educación en actitudes e valores asociados á práctica efectiva da igualdade.

j) Facilitar o coñecemento do traballo das mulleres da comunidade galega, así como fomentar comportamentos respectuosos e comprometidos.

k) Facilitar o intercambio e difusión de materiais e experiencias para unha educación na igualdade.

Contidos:

Os proxectos poderán tratar, entre outros, algún dos seguintes bloques de contido:

-Análise de materiais, impresos, solicitudes, libros de texto, etc., para detectar linguaxe ou expresións sexistas e desenvolvemento de propostas de modificación para evitalas.

-Estudo e análise crítica dos estereotipos desencadeantes da discriminación de xénero ou de orientación sexual, sobre todo na publicidade e nos medios de comunicación, co obxecto de desenvolver estratexias persoais para a promoción da igualdade e o respecto polas diferentes orientacións sexuais.

-Mitos sobre a violencia de xénero e prevención desta.

-Mellora da autoestima, desenvolvemento de habilidades sociais e control emocional do alumnado.

-Obradoiros para a adquisición de destrezas en actividades realizadas tradicionalmente polos homes.

-Obradoiros para a adquisición de destrezas en actividades realizadas tradicionalmente por mulleres.

* Proxectos Valora-Educación Viaria.

Obxectivos:

Os proxectos poderán ter, entre outros, os seguintes obxectivos de mellora que se propoñen para dar resposta aos interrogantes que xorden do contorno, indicando a súa relación con outros ámbitos, tales como educación para a saúde, para a igualdade, para o consumo, para a convivencia e a paz, para a conservación do medio e do monte, para o lecer, para a interculturalidade, etc.

a) Promover a sensibilización, a implicación e o compromiso do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa nos valores educativos, sociais e culturais que determinen un profundo interese pola educación viaria.

b) Mellorar no alumnado as capacidades de actuación autónoma nas súas actividades habituais, desenvolvendo a iniciativa e confianza en si mesmos en relación co uso e utilización das vías públicas, vehículos e medios de transporte.

c) Implicar a comunidade educativa na reflexión sobre a avaliación e cambios de espazo urbano, a organización do territorio, as relacións campo-cidade.

d) Valorar as vantaxes, custos e riscos persoais, sociais e ambientais asociados ao feito do tráfico e da circulación de vehículos.

e) Analizar os beneficios sociais e ambientais do transporte público fronte ao privado.

f) Realizar un diagnóstico da situación do centro escolar e do contorno físico da localidade en relación co tráfico, e desenvolver hábitos de conciencia cidadá referidos á circulación.

g) Favorecer a educación en actitudes e valores asociados á educación viaria, co fin de fomentar condutas responsables.

h) Facilitar o intercambio e difusión de experiencias e materiais de educación viaria.

Contidos:

Os proxectos poderán tratar, entre outros, algún dos seguintes bloques de contido:

-Normas básicas de circulación dirixidas aos peóns e ao condutor.

-Comportamento dos peóns nas vías públicas.

-Medios de transporte: bicicletas, motocicletas, automóbiles e a súa influencia no contorno.

-Accidentes e grupos de risco.

-Relación do alcohol e outras drogas coa sinistralidade.

-Nocións de boas prácticas de comportamento viario.

-Seguridade activa e pasiva.

-Risco e custos sociais e ambientais.

-Actividades no medio natural.

-Servizos relacionados coa saúde e coa seguridade viaria.

* Proxectos Valora-Consumo.

Obxectivos:

Os proxectos poderán ter, entre outros, os seguintes obxectivos de mellora que se propoñen para dar resposta aos interrogantes que xorden do contorno, indicando a súa relación con outros ámbitos, tales como educación para a saúde, para a igualdade, para a convivencia e a paz, para a conservación do medio e do monte, para o lecer, para a interculturalidade, etc.

a) Promover a sensibilización, a implicación e o compromiso do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa nos valores educativos, sociais e culturais, que determinen un profundo interese pola educación para un consumo responsable.

b) Formar cidadáns e cidadás para que poidan desenvolverse na sociedade en que viven dun xeito responsable, solidario e con sentido crítico, dando preferencia ao ser fronte ao posuír.

c) Concienciar o alumnado da súa condición de consumidor, iniciándoo no funcionamento da sociedade de consumo, no papel dos consumidores e no uso dos medios de comunicación.

d) Analizar os códigos e valores que rexen a oferta do mercado, en especial a publicidade.

e) Fomentar que as persoas actúen de maneira informada, e ser quen de efectuar unha elección con coñecemento de causa entre os bens e servizos así como ser consciente dos dereitos e responsabilidades.

f) Coñecer e valorar o desenvolvemento científico e tecnolóxico, as súas aplicacións e a incidencia no seu medio físico, económico e social.

g) Desenvolver no alumnado un pensamento crítico e independente e fomentar a súa conciencia, que reflexionen sobre as decisións que toman no mundo material e sobre como lles afectan a eles, a outras persoas e ao ambiente.

h) Coñecer os aspectos psicolóxicos e da personalidade que interveñen no consumo compulsivo e na adicción á compra.

i) Reflexionar sobre os aspectos éticos, solidarios e ambientais que determinan a responsabilidade no consumo.

Contidos:

Os proxectos que se presenten poderán tratar algún dos seguintes contidos:

-Consumo responsable: crítico, solidario, ético e sustentable.

-Comercio xusto.

-Formas e linguaxe da publicidade.

-Aspectos de xénero na educación para o consumo.

-A información ao consumidor: as etiquetas.

-A compra por impulso. Aspectos psicolóxicos e sociais que interveñen.

-O consumo e as novas tecnoloxías: comercio electrónico, teléfonos móbiles, videoxogos, etc.

-Aspectos financeiros do consumo.

* Proxectos Valora-Medio Rural.

Obxectivos:

Os proxectos poderán ter, entre outros, os seguintes obxectivos de mellora que se propoñen para dar resposta aos interrogantes que xorden do contorno, indicando a súa relación con outros ámbitos tales como educación para a saúde, para igualdade, para o consumo, para a paz, para a conservación do medio rural e o monte, para o lecer, etc.

a) Promover a sensibilización, a implicación e o compromiso do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa respecto ao monte galego e a loita contra os incendios forestais, particularmente na súa faceta de protección dos núcleos rurais.

b) Deseñar estratexias educativas que permitan mellorar o coñecemento do carácter multifuncional do monte e da súa explotación sustentable pola poboación, establecendo unha relación co medio respectuosa e non destrutiva.

c) Proporcionar á comunidade educativa o coñecemento dos factores que propician a aparición e propagación dos incendios forestais e o coñecemento da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia como nova ferramenta de loita contra eles.

d) Favorecer a educación en actitudes e valores asociados á práctica activa no respecto e protección do monte e a posta en valor dos usos públicos dos espazos forestais.

e) Potenciar, se é o caso, a participación e a relación da comunidade educativa coas comunidades de montes veciñais en man común.

f) Facilitar o coñecemento do patrimonio natural-ambiental dos montes de Galicia como aspecto esencial da multifuncionalidade, así como fomentar comportamentos respectuosos e comprometidos coa súa conservación.

Contidos:

Os proxectos deberán tratar algún ou varios dos seguintes contidos:

-A prevención e defensa contra os incendios forestais. Planeamento da defensa dos núcleos de poboación no medio rural.

-A ordenación integral do monte. Multifuncionalidade e uso social como elementos esenciais nunha estratexia de loita contra os incendios forestais.

-Os recursos forestais. Fomento, mellora e diversificación da produción forestal. A utilización sustentable dos recursos forestais e a posta en valor dos usos públicos dos espazos forestais.

-A responsabilidade dos propietarios particulares na axeitada xestión dos seus predios forestais.

* Proxectos Valora-Lecer.

Obxectivos:

Os proxectos poderán ter, entre outros, os seguintes obxectivos de mellora que se propoñen para dar resposta aos interrogantes que xorden do contorno, indicando a súa relación con outros ámbitos tales como educación para a saúde, para a igualdade, para o consumo, para a convivencia e a paz, para a conservación do medio e do monte, a educación viaria, a interculturalidade, etc.

a) Promover a sensibilización, a implicación e o compromiso do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa por ofertar posibilidades para que o tempo de lecer sexa fonte de enriquecemento persoal e social, coñecendo elementos propios da cultura galega e establecendo pontes con outras culturas.

b) Potenciar a función da escola como centro de cultura aberto á comunidade.

c) Facilitar o coñecemento do patrimonio material e inmaterial de Galicia, así como fomentar comportamentos respectuosos e comprometidos coa súa conservación, poñendo en marcha accións que permitan mellorar ou ampliar o coñecemento sobre o patrimonio natural, cultural, lingüístico, arqueolóxico, histórico, artístico e industrial da nosa comunidade.

d) Investigar o contorno cultural dos centros.

e) Reflexionar sobre os valores que se transmiten a través do deporte e actividade física.

f) Fomentar unha actitude crítica e formadora sobre o lecer audiovisual, en todas as súas formas sonoras e visuais: a publicidade, a fotografía, a música, os videoxogos, o cine, a televisión, etc.

g) Facilitar o intercambio e difusión de experiencias, materiais e recursos para o tempo de lecer.

Contidos:

Os proxectos poderán tratar, entre outros, algún dos seguintes bloques de contido:

-Os centros educativos focos de dinamización cultural e social.

-Exposicións artísticas. Exposicións virtuais. Museos de Galicia.

-Música. Creación propia e allea. Novas tecnoloxías aplicadas á música: concertos, MP3, DVD.

-Folclore. Música tradicional. Oralidade e fontes da tradición musical galega.

-A tradición oral e as persoas maiores. A memoria histórica en Galicia.

-Patrimonio arquitectónico.

-Teatro.

-Audiovisual. Análise das mensaxes audiovisuais. Hábitos de consumo audiovisual e educación do gusto. Desenvolvemento da actitude crítica do consumo audiovisual.

-Medios de comunicación, hábitos e valores. Sentido crítico na recepción da prensa e das noticias.

-Literatura e bibliotecas. Actividades de dinamización da lectura para a comunidade escolar. Rutas literarias. Creación literaria.

-Deportes. A educación en valores a través do deporte. Sentido da solidariedade e do equipo.

-Voluntariado.

-Promoción de actividades educativas solidarias. Proxectos de aprendizaxe e servizo.

-A dimensión europea. Conformación dunha identidade europea. Valoración dun proxecto europeo común.

-Xogos e xoguetes. Monicreques. Xogos tradicionais e do mundo. Creación de xoguetes.

-A educación afectivo-emocional.

* Proxectos Valora-Saúde.

Obxectivos:

Os proxectos poderán ter, entre outros, os seguintes obxectivos de mellora que se propoñen para dar resposta aos interrogantes que xorden do contorno, indicando a súa relación con outros ámbitos tales como educación para a igualdade, para o consumo, para a convivencia e a paz, para a conservación do medio e do monte, para o lecer, a educación viaria, a interculturalidade, etc.

A educación para a saúde pretende promover a sensibilización, a implicación e o compromiso do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa nos valores educativos, sociais e culturais que determinen un profundo interese pola promoción da saúde, pola posta en marcha de políticas saudables para todo o centro, por crear ambientes que favorezan os comportamentos orientados á saúde, así como por reforzar a acción comunitaria e reorientar os servizos sanitarios, xunto coa mellora das habilidades persoais.

a) Favorecer estilos de vida saudables e ofrecer ao alumnado e ao profesorado opcións realistas e atractivas en materia de saúde.

b) Ofertar un marco de traballo e de estudo que promova a saúde, onde se teñan en conta: as condicións dos edificios escolares, os espazos de actividade física e lecer, o comedor escolar e instalacións anexas e os aspectos de seguridade dos accesos.

c) Desenvolver o sentido de responsabilidade individual, familiar e social, en relación coa saúde.

d) Posibilitar para todo o alumnado o pleno desenvolvemento físico, psíquico e social, e a adquisición dunha imaxe positiva de si mesmos.

e) Favorecer as relacións positivas entre todos os membros da comunidade educativa e co seu contorno.

f) Proporcionar ao alumnado os coñecementos e habilidades indispensables para adoptar decisións responsables no que atinxe á saúde persoal, ou que contribúan ao desenvolvemento dos niveis de saúde e seguridade do seu contorno.

g) Identificar e utilizar os recursos existentes na comunidade para desenvolver accións que promovan a saúde.

h) Utilizar os servizos de atención primaria de saúde como un recurso educativo que axude á comunidade a empregar adecuadamente o sistema de servizos sanitarios.

Contidos:

Os proxectos poderán tratar, prioritariamente e entre outros, algún dos seguintes bloques de contido:

-A alimentación equilibrada.

-O exercicio físico frecuente.

-A educación afectivo-sexual.

-A promoción da vida sen tabaco, alcohol e outras drogas.

-A saúde bucodental.

-A saúde mental.

-A seguridade e a prevención de accidentes.

* Proxectos Valora-Medio Mariño.Uso sustentable do mar.

Condicións para participar:

Poderanse presentar centros do litoral de Galicia como titulares do proxecto e centros do interior de Galicia como parceiros do proxecto, situados estes cando menos a 100 km da costa. Xa que logo, deberase incluír unha descrición do centro titular e do seu parceiro. O proxecto ten que estar elaborado e asinado conxuntamente polos dous centros e debe establecer actividades conxuntas dos centros que se realizarán durante o proxecto e nas visitas de intercambio.

Para facilitar a busca, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria abre un foro no portal de contidos educativos Proxectos Valora-Medio Mariño http://www.edu.xunta.es/contidos/FOROS_DE_DEBATE, onde poderán anunciarse os centros tanto do interior como do litoral interesados en participar.

Os centros (o centro litoral e máis o centro do interior) presentarán un único proxecto para desenvolver durante o curso escolar en consonancia coas directrices marcadas. Cada centro do litoral deberá presentarse con un centro parceiro do interior co que deberá realizar actividades conxuntas e realizar visitas do alumnado en cada centro ao longo do proxecto.

Temática xeral:

O mar, o seu uso e explotación en todas as súas vertentes: pesca, navegación comercial, lecer, deporte e actividades derivadas ou auxiliares, baixo a óptica da sustentabilidade e a explotación responsable. A cultura mariñeira.

Obxectivos:

Os proxectos poderán ter, entre outros, os seguintes obxectivos de mellora que se propoñen para dar resposta aos interrogantes que xorden do contorno, indicando a súa relación con outros ámbitos tales como educación para a saúde, para igualdade, para o consumo, para a paz, para a conservación do ambiente e do monte, para o lecer, etc.

a) Promover a sensibilización, a implicación e o compromiso do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa cos valores educativos, sociais e culturais que determinen un profundo interese polo mar e polo seu uso.

b) Deseñar estratexias educativas que permitan mellorar o coñecemento do mar e da súa explotación polos seres humanos, así como a valoración social dos pescadores e a cultura mariñeira, establecendo unha relación co mar respectuosa e non destrutiva.

c) Proporcionar á comunidade educativa o coñecemento dos factores de impacto ambiental que deterioran o equilibrio ecolóxico no mar para que propoñan, impulsen e apoien as posibles solucións.

d) Identificar, recoñecer e apreciar novos hábitos de consumo que axuden a diminuír o consumo de inmaduros ou en época de veda.

e) Favorecer a educación en actitudes e valores asociados á práctica activa no respecto e protección do medio mariño.

f) Potenciar, se é o caso, a participación e a relación da comunidade educativa coa comunidade pescadora.

g) Facilitar o coñecemento do patrimonio natural- ambiental do mar e o litoral de Galicia-, así como fomentar comportamentos respectuosos e comprometidos coa súa conservación.

h) Facilitar o intercambio e difusión de experiencias.

Contidos:

Os proxectos deberán tratar, entre outros, algún ou varios dos seguintes bloques de contido:

-O mar como medio natural e/ou como medio en que se desenvolven actividades. A explotación do mar nas súas diversas facetas. O marisqueo. A acuicultura. A pesca sustentable. Todos estes aspectos en relación co contorno do centro docente.

-A cultura mariñeira. Artes e aparellos de pesca. Embarcacións. Prácticas de pesca selectivas. A linguaxe mariñeira. O coñecemento do mar e das persoas que traballan no mar. Conservación e/ou preparación dos produtos. Patrimonio cultural relacionado co mar. Relacións co contorno do centro docente.

-O proxecto poderá recoller a realización dunha experiencia de cultivo nunha parcela na praia para o caso de moluscos ou nun acuario para outras especies.

* Proxectos Valora-Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Temática que se vai tratar:

Os proxectos enfocaranse no ciclo da auga e de como se ve afectado, no contorno inmediato ao alumnado, polo cambio climático.

Obxectivos:

Os proxectos poderán ter, entre outros, os seguintes obxectivos de mellora que se propoñen para dar resposta aos interrogantes que xorden do contorno, indicando a súa relación con outros ámbitos tales como educación para a saúde, para a igualdade, para o consumo, para a paz, para a conservación do mar e do monte, para o lecer, etc.

A través da propia dinámica de execución dos proxectos preténdese:

a) Promover a sensibilización, a implicación e o compromiso do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa nos valores educativos, sociais e culturais que determinen un profundo interese polo desenvolvemento sustentable considerando os seus compoñentes ambiental, social e económico.

b) Provocar no alumnado e no equipo docente, unha análise transversal e multidisciplinar, tomando conciencia da complexidade do tema tratado e da súa evolución temporal.

c) Aprender a contrastar diversos puntos de vista, complementarios e/ou contraditorios co fin de que o alumnado desenvolva o seu propio criterio.

d) Implicar o centro educativo no coñecemento da realidade do seu contorno e na participación do alumnado na busca de alternativas.

e) Xerar a convicción entre o alumnado de que a pesar da complexidade, incerteza dimensión global dos procesos do noso contorno inmediato, a acción individual non só é posible, senón a única alternativa para cambiar e mellorar situacións.

f) Introducir a educación en actitudes e valores asociados á práctica activa de aforro (enerxía, auga, transporte, residuos, etc.) na nosa vida cotiá.

g) Fomentar a participación do alumnado na divulgación do aprendido entre os seus compañeiros.

Contidos:

Os proxectos desenvolveranse sobre algunha das seguintes liñas de acción:

-Seguimento de datos meteorolóxicos.

-Seguimento da evolución do volume de auga nos encoros.

-Estudo da evolución dos acuíferos e fontes locais.

-Estudo da erosión dos solos queimados pola chuvia.

-Valoración da contaminación en ríos, acuíferos e costas.

-Estudo dos factores que afectan a calidade das augas fluviais e acuíferos.

-Os conflitos pola dispoñibilidade de auga ¿tamén no noso concello?

ANEXO IV

1. Características da memoria informativa:

-Na portada deberán figurar os datos identificativos do proxecto: título, centro, localidade e curso académico en que se desenvolveu o proxecto.

-Modificacións, se é o caso, da proposta inicial durante a súa posta en marcha en canto aos distintos elementos determinados no anexo II.

-Obxectivos.

-Contidos.

-Actividades.

-Metodoloxía.

-Recursos.

-Temporalización.

-Proceso de avaliación empregado.

-Conclusións: logros e incidencia no centro educativo.

-Materiais e/ou recursos elaborados.

-Xustificación económica para cada un dos anos académicos dos proxectos.

-Acta final, asinada pola persoa coordinadora e co visto e prace do director ou directora do centro, na cal se inclúa a relación de profesorado con dereito a certificación e sen dereito a ela, especificando a causa.

2. O texto non excederá de 40.000 caracteres (espazos incluídos). Deberase presentar unha copia impresa e outra en soporte óptico. No portal de contidos educativos www.edu.xunta.es/contidos atoparase unha guía de boas prácticas, manual de publicación web, con indicacións sobre o uso das imaxes, arquivos, accesibilidade, etc., que deben ser tidas en conta á hora de elaborar as memorias.

3. Poderanse xuntar presentacións multimedia.

4. O material presentado non poderá incluír publicidade de empresas, produtos ou servizos comerciais.

5. Os materiais presentados en que aparezan menores deberán ir acompañados obrigatoriamente da correspondente autorización para uso da súa imaxe asinada polos pais, titores ou representantes legais dos menores.

6. En todos os materiais educativos eliminaranse os estereotipos sexistas ou discriminatorios e fomentaranse o igual valor de homes e mulleres.

7. Incluirase declaración xurada ou promesa de estar en posesión dos dereitos de publicación, distribución e uso da totalidade dos materiais ou produtos presentados. Cando non se dispoña da plena titularidade dos dereitos, terase que achegar un escrito de autorización para a súa publicación, asinado por quen os posúa.