DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Venres, 02 de novembro de 2007 Páx. 17.579

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 204/2007, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de danza.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 6.2º que o Goberno fixará, en relación cos obxectivos, as competencias básicas, os contidos e os criterios de avaliación, os aspectos básicos do currículo que constitúen as ensinanzas mínimas. Así mesmo, a citada Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, no Capítulo VI do título I, fixa as características básicas das ensinanzas profesionais de danza, dentro das ensinanzas artísticas, cuxa finalidade é proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación de futuros profesionais. Neste marco, o Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de danza reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, estableceu os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de danza.

Considerando o avance que para as ensinanzas de danza supuxo a normativa xurdida da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, este decreto segue a fundamentarse no estudo da especialidade, que actúa como eixe vertebrador do currículo e, á vez, pretende avanzar cara a unha estrutura máis aberta e flexible, sen esquecer a necesidade de perseguir un ensino integrador que, xunto coa formación profesional de carácter artístico, dirixida á consecución de competencias técnico-dancísticas específicas, inclúa a formación humanística e a educación cívica do alumnado destas ensinanzas. Abórdanse ademais medidas que permitan a máxima adecuación dos estudos aos intereses do alumnado, considérase a compatibilidade real entre estas ensinanzas e as de educación secundaria, e facúltase a Administración educativa para a adopción de solucións a este respecto.

Cabe salientar, como peculiaridade dos estudos de danza en relación con outras ensinanzas, que os bailaríns e as bailarinas se expresan neles a través dos seus propios corpos, e cursan uns estudos que teñen como meta o exercicio profesional. Por isto, a importancia do rendemento físico e as posibilidades do corpo dos intérpretes como instrumento de traballo fan necesario que o seu período de formación inicial remate nunha idade temperá. As ensinanzas profesionais de danza deberán garantir unha instrución que proporcione o nivel de expresión artística propio duns estudos altamente especializados, destinados ao alumnado que posúa aptitudes específicas e vontade para dedicarse a eles.

Canto aos contidos das especialidades da danza, mantense a necesidade de conxugar comprensión e expresión, coñecemento e realización. Este proceso complexo de educación artística debe ter en conta que os contidos esenciais na formación dun bailarín ou dunha bailarina están presentes, case na súa totalidade, desde o inicio dos estudos, e que o seu desenvolvemento se realiza non tanto pola adquisición de novos elementos como polo afondamento permanente destes. Nesta traxectoria, o grao de dificultade interpretativa virá determinado pola natureza dos exercicios e das obras que en cada tramo do proceso se seleccionen.

Consonte os criterios de avaliación, estes establecen o tipo e as ensinanzas de aprendizaxe que se espera que alcance o alumnado nun momento determinado respecto dos obxectivos xerais das ensinanzas, as capacidades sinaladas nos obxectivos específicos das ensinanzas profesionais de danza e os propios de cada especialidade. O nivel de cumprimento destes obxectivos, en relación cos criterios de avaliación fixados, débese medir tendo en conta o contexto do alumnado e as súas propias características e posibilidades. Deste xeito, a avaliación constitúese nunha función formativa e, ademais, nunha fonte de información sobre o mesmo proceso de ensinanzas, co que se converte nun referente de todo o proceso de ensino e aprendizaxe.

Xa que logo, este decreto establece o currículo das ensinanzas profesionais de danza para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e, ademais, regula o acceso a estas ensinanzas.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tras o informe do Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de outubro de dous mil sete.

DISPOÑO:

Capítulo I

Da finalidade e a organización das ensinanzas profesionais

de danza

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto regula o currículo das ensinanzas profesionais de danza de acordo co establecido no artigo 48.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e integra o establecido no Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de danza.

2. Así mesmo, esta disposición regula os criterios de acceso ás ensinanzas profesionais de danza.

3. Este decreto é de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia, nos conservatorios profesionais de danza e nos centros autorizados de danza que conten coa autorización para a impartición do grao profesional de danza.

Artigo 2º.-Finalidade.

1. As ensinanzas profesionais de danza teñen como finalidade proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais da danza.

2. A finalidade das ensinanzas profesionais de danza ordénase en catro funcións básicas: formativa, orientadora, profesionalizadora e preparatoria para estudos posteriores.

3. O ensino da danza no grao profesional organízase nun grao de seis cursos de duración.

Artigo 3º.-Obxectivos xerais.

1. As ensinanzas profesionais de danza teñen como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades xerais e os valores cívicos propios do sistema educativo e, ademais, as capacidades seguintes:

a) Habituarse a observar a danza asistindo a manifestacións escénicas relacionadas con ela, e a establecer un concepto estético que permita fundamentar e desenvolver os propios criterios interpretativos.

b) Desenvolver a sensibilidade artística e o criterio como fonte de formación e enriquecemento persoal.

c) Analizar e valorar a calidade da danza.

d) Coñecer os valores da danza e optar polos aspectos xurdidos dela que sexan máis idóneos para o desenvolvemento persoal.

e) Participar en actividades de animación dancística e cultural que permitan vivir a experiencia de transmitir o goce da danza.

f) Coñecer e empregar con precisión o vocabulario específico relativo aos conceptos científicos da danza.

g) Coñecer e valorar o patrimonio dancístico como parte integrante do patrimonio histórico e cultural.

h) Fomentar a utilización do patrimonio dancístico e musical en xeral, e a do galego en particular, como medio indispensable no enriquecemento da persoa e da súa formación artística.

2. Nas ensinanzas profesionais de danza teranse en conta as especificacións que se establecen na Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e especialmente no seu artigo 9.1º, así como as prescricións do artigo 24 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes como garantía dunha educación acorde co principio de igualdade.

Artigo 4º.-Especialidades das ensinanzas profesionais de danza.

O currículo das ensinanzas profesionais de danza referirase a cada unha das seguintes especialidades:

Danza clásica.

Danza contemporánea.

Danza española.

Capítulo II

Do currículo

Artigo 5º.-Currículo.

1. As materias correspondentes a cada curso das ensinanzas profesionais de cada especialidade e os tempos lectivos son os que se establecen no anexo I deste decreto.

2. Os obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación para as especialidades e as materias das ensinanzas profesionais de danza son os que se inclúen no anexo II deste decreto.

Artigo 6º.-Obxectivos específicos.

As ensinanzas profesionais de danza deberán contribuír a que o alumnado adquira as capacidades seguintes:

a) Demostrar o dominio técnico e o desenvolvemento artístico necesarios que permitan o acceso ao mundo profesional.

b) Habituarse a asistir a manifestacións escénicas relacionadas coa danza para formar a súa cultura dancística e restablecer un concepto estético que permita fundamentar e desenvolver os propios criterios interpretativos.

c) Valorar a importancia do dominio do corpo e da mente para utilizar con seguridade a técnica, co fin de lograr a necesaria concentración que permita unha interpretación artística de calidade.

d) Afondar no desenvolvemento da propia personalidade a través da necesaria sensibilidade musical, co fin de lograr unha interpretación expresiva.

e) Analizar criticamente a calidade da danza en relación cos seus valores intrínsecos.

f) Relacionar e aplicar os coñecementos adquiridos en todas as materias que compoñen o currículo, nas vivencias e nas experiencias propias para conseguir unha interpretación artística de calidade.

g) Aplicar os coñecementos históricos, estilísticos e coreográficos para lograr unha interpretación artística de calidade.

h) Ter a disposición necesaria para saber integrarse nun grupo como un membro máis e para actuar como responsable do conxunto.

i) Actuar en público con autocontrol, dominio da memoria e capacidade comunicativa.

j) Adaptarse coa versatilidade necesaria ás formas expresivas características da creación coreográfica contemporánea.

k) Improvisar de acordo co estilo, a forma e o carácter da música, así como a partir de propostas non necesariamente musicais, tanto auditivas como plásticas, poéticas, etc.

l) Reaccionar cos reflexos necesarios que require a solución dos problemas que poidan xurdir durante a interpretación.

m) Formarse unha imaxe axustada de si mesmo, das propias características e posibilidades, e desenvolver hábitos de estudo, valorando o rendemento en relación co tempo empregado.

n) Afondar no coñecemento corporal e emocional para manter o axeitado equilibrio e benestar psicofísico.

Artigo 7º.-Materias comúns e propias das especialidades.

As ensinanzas profesionais de danza organízanse nas materias seguintes:

1. Materias comúns a todas as especialidades:

a) Música.

b) Danza galega.

c) Acondicionamento físico.

d) Anatomía aplicada á danza.

e) Historia da danza.

2. Materias propias das especialidades:

a) Danza clásica: danza clásica; danza de carácter; danza contemporánea; repertorio; pantomima e interpretación; paso a dous.

b) Danza contemporánea: danza clásica; técnicas de danza contemporánea; improvisación.

c) Danza española: danza clásica; escola bolera; flamenco; danza estilizada; folclore; danza contemporánea; repertorio de danza española.

Artigo 8º.-Materias optativas.

1. As materias optativas terán como finalidade complementar o currículo das ensinanzas profesionais.

2. O alumnado cursará, polo menos, dúas materias optativas no sexto curso das ensinanzas profesionais.

3. Correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a ordenación das materias optativas que serán de oferta obrigatoria para os centros.

4. Os centros poderán incluír materias optativas, consonte o que para tales efectos estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en función das especialidades.

Artigo 9º.-Autonomía dos centros.

1. Os centros docentes disporán da necesaria autonomía pedagóxica e organizativa. Favorecerase o traballo en equipo do profesorado e estimularase a súa actividade investigadora a partir da práctica docente.

2. No marco da súa autonomía, os centros docentes concretarán e complementarán o currículo das ensinanzas profesionais de danza establecido neste decreto, mediante a elaboración dos correspondentes proxectos educativos de centro.

3. Consonte co seu proxecto educativo e de acordo co que para tales efectos estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, os centros docentes establecerán, polo menos, a súa oferta educativa coas especialidades que a conforman, as materias optativas, os criterios xerais para a elaboración das programacións didácticas, os procedementos e os criterios de avaliación, as medidas de atención á diversidade e a acción titorial, así como calquera outra consideración que favoreza a mellora dos resultados escolares do alumnado.

4. Os centros promoverán, de igual xeito, compromisos coas familias e co propio alumnado en que se especifiquen as actividades que se comprometen a desenvolver para facilitar o seu progreso educativo.

5. Os departamentos didácticos correspondentes elaborarán as programacións didácticas das materias para cada curso, no marco do proxecto educativo de centro.

6. O profesorado desenvolverá a programación docente de acordo co currículo e co proxecto educativo do centro, incluíndo a secuencia por cursos dos obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación, e os programas de cada materia. A devandita secuencia non deberá variar para un mesmo grupo de alumnado ao longo das ensinanzas.

Capítulo III

Do acceso e da matrícula

Artigo 10º.-Acceso ao primeiro curso.

1. Para acceder ao primeiro curso do ensinanzas profesionais de danza cumprirá superar unha proba específica de acceso. Mediante esta proba valorarase a madureza, as aptitudes e os coñecementos para cursar con aproveitamento as ensinanzas profesionais, consonte os obxectivos establecidos neste decreto.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará o procedemento de acceso ao primeiro curso, que se axustará ao disposto nos puntos seguintes.

3. Para a especialidade de danza clásica, a proba consistirá en:

a) Exercicios de danza clásica na barra e no centro. Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos, e cumprirá unha cualificación mínima de cinco puntos para o superar.

b) Unha danza galega ou de carácter, libremente elixida polo aspirante. Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos, e cumprirá unha cualificación mínima de cinco puntos para o superar.

c) Un exercicio para valorar as aptitudes musicais das persoas aspirantes, en relación á capacidade rítmica e á escoita activa. Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos, e precisarase unha cualificación mínima de cinco puntos para o superar.

4. Para a especialidade de danza contemporánea, a proba consistirá en:

a) Exercicios de danza clásica na barra e no centro, incluíndo secuencias de movementos de danza contemporánea. Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos, e cumprirá unha cualificación mínima de cinco puntos para o superar.

b) Unha improvisación sobre un fragmento musical, que o profesor ou a profesora pianista acompañante lle dará a coñecer previamente á persoa aspirante. Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos, e precisarase unha cualificación mínima de cinco puntos para o superar.

c) Un exercicio para valorar as aptitudes musicais das persoas aspirantes, en relación á capacidade rítmica e á escoita activa. Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos, e cumprirá unha cualificación mínima de cinco puntos para o superar.

5. Para a especialidade de danza española, a proba consistirá en:

a) Exercicios de danza clásica na barra e no centro. Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos, e será precisa unha cualificación mínima de cinco puntos para o superar.

b) Exercicios de iniciación á escola bolera, ao flamenco e ao folclore. Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos, e cumprirá unha cualificación mínima de cinco puntos para o superar.

c) Un exercicio para valorar as aptitudes musicais das persoas aspirantes, en relación á capacidade rítmica e á escoita activa. Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos, e haberá que obter unha cualificación mínima de cinco puntos para o superar.

6. A puntuación definitiva da proba citada nos puntos anteriores será a media ponderada da cualificación obtida nos tres exercicios. Para estes efectos, ponderaranse o primeiro e o segundo deles nun total dun 85 por cento, e o terceiro nun 15 por cento.

7. A superación da proba de acceso faculta exclusivamente para matricularse no curso académico en que fose convocada.

Artigo 11º.-Acceso a outros cursos.

1. Poderá accederse a calquera outro curso das ensinanzas profesionais sen ter cursado os anteriores sempre que, a través dunha proba, a persoa aspirante demostre posuír os coñecementos necesarios para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará o procedemento de acceso a calquera outro curso das ensinanzas profesionais de danza.

Artigo 12º.-Admisión de alumnado.

A admisión de alumnado estará sometida aos principios de igualdade, mérito e capacidade, e supeditada ás cualificacións obtidas nas probas de acceso a que se refiren os artigos 10º e 11º deste decreto.

Artigo 13º.-Matriculación.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá as normas de admisión e matrícula, así como as condicións dos traslados de centro.

2. O alumnado que curse máis dunha especialidade nas ensinanzas profesionais non terá que cursar as materias comúns a que fai referencia o artigo 7º deste decreto. Unha vez cursadas e superadas nunha especialidade, a cualificación obtida é válida para todas as especialidades, e deste xeito deberá constar no libro de cualificacións.

Artigo 14º.-Matrícula excepcional.

É competencia do consello escolar de cada centro autorizar con carácter excepcional a ampliación de matrícula ao curso seguinte aos alumnos e ás alumnas que, logo de orientación do profesorado, así o soliciten, sempre que o informe da totalidade dos membros do profesorado do alumno ou da alumna xustifique, conforme a criterios obxectivos, a súa axeitada capacidade de aprendizaxe do curso actual e do que aspire a acceder.

Capítulo IV

Da avaliación, a promoción e a permanencia

Artigo 15º.-Avaliación.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará o procedemento de avaliación, promoción e permanencia do alumnado, que se axustará ao disposto nos puntos seguintes.

2. A avaliación das ensinanzas profesionais levarase a cabo tendo en conta os obxectivos e os criterios de avaliación establecidos no currículo.

3. A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua, cualitativa e integradora, aínda que diferenciada segundo as materias do currículo.

4. A avaliación, supervisada pola xefatura de estudos, realizaraa o conxunto do profesorado do alumno ou da alumna coordinado polo profesor ou a profesora que desempeñen a titoría. Este profesorado actuará de xeito integrado ao longo do proceso de avaliación e na adopción de decisións resultantes do devandito proceso.

5. O profesorado avaliará tanto a aprendizaxe do alumnado como os procesos de ensino e a súa propia práctica docente.

6. Os resultados da avaliación final das materias que compoñen o currículo expresaranse mediante a escala numérica de 1 a 10 sen decimais. Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco, e negativas as inferiores a cinco.

7. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará as condicións para que os centros organicen as oportunas probas extraordinarias co fin de lle facilitar ao alumnado a recuperación de materias con avaliación negativa.

Artigo 16º.-Promoción.

1. O alumnado pasará ao curso superior cando teña superadas as materias cursadas ou teña avaliación negativa, como máximo, en dúas materias.

2. No suposto de materias pendentes referidas á práctica da danza, a súa recuperación deberá realizarse na clase do curso seguinte, se forma parte del. No resto dos casos, o alumnado deberá asistir ás clases das materias non superadas no curso anterior.

3. A cualificación negativa en tres ou máis materias dun curso ou de varios impedirá a promoción do alumnado ao curso seguinte.

4. O alumnado que ao remate do sexto curso tiver pendente de avaliación positiva tres materias ou máis deberá repetir o curso na súa totalidade. Cando a cualificación negativa se produza nunha materia ou en dúas, só cumprirá que realice as materias pendentes.

5. En relación co punto anterior, os centros poderán, segundo as súas dispoñibilidades, autorizar a asistencia do alumnado cunha ou dúas materias pendentes ás clases das materias xa superadas.

Artigo 17º.-Permanencia.

1. O límite de permanencia nas ensinanzas profesionais de danza será de oito anos. O alumno ou a alumna non poderán permanecer máis de dous anos no mesmo curso, bardante no sexto curso.

2. Con carácter excepcional, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar a ampliación nun ano da permanencia do alumnado no grao profesional, en supostos de doenza que perturbe substancialmente o desenvolvemento dos estudos ou noutros supostos que merezan igual consideración.

3. En calquera caso, a permanencia nas ensinanzas profesionais non poderá superar os nove anos, incluído, de ser o caso, o da ampliación concedida.

Artigo 18º.-Titulación.

1. O alumnado que supere as ensinanzas profesionais de danza obterá o título profesional de danza, onde constará a especialidade cursada.

2. Quen finalice as ensinanzas profesionais de danza, obterá o título de bacharel se supera as materias comúns do bacharelato, aínda que non realizase o bacharelato da modalidade de artes na súa vía específica de danza.

Capítulo V

Dos documentos de avaliación

Artigo 19º.-Documentos de avaliación.

1. Son documentos de avaliación das ensinanzas profesionais de danza o expediente académico persoal, as actas de avaliación, o libro de cualificacións e os informes de avaliación individualizados.

2. Dos documentos de avaliación, terá a consideración de documento básico o libro de cualificacións.

3. Os documentos de avaliación levarán as sinaturas fidedignas das persoas que correspondan en cada caso, con indicación do posto desempeñado. Debaixo delas constará o nome e os apelidos do asinante.

4. Correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a regulación e o establecemento dos modelos oficiais dos documentos de avaliación a que fai referencia o punto anterior.

5. En relación ao libro de cualificacións, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá o procedemento de solicitude e rexistro do citado documento.

Capítulo VI

Medidas de apoio ao currículo

Artigo 20º.-Formación permanente do profesorado.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realizará unha oferta de actividades formativas consonte as necesidades que se deriven dos programas educativos.

2. As actividades de formación permanente do profesorado terán como obxectivo o perfeccionamento da práctica educativa que incida na mellora dos rendementos do alumnado e do seu desenvolvemento persoal e social.

3. Periodicamente, o profesorado desenvolverá actividades de actualización nos centros educativos e nas institucións formativas específicas. O principio de igualdade, de conformidade co disposto polo artigo 9.2º da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e o artigo 24.2º c) da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, incluirase nos programas e actividades formativas, de perfeccionamento e de actualización do profesorado.

Artigo 21º.-Investigación, experimentación e innovación educativas.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria impulsará a investigación, a experimentación e a innovación educativas mediante a convocatoria de axudas a proxectos específicos, incentivando a creación de equipos de profesorado, así como a colaboración coas universidades e outras institucións e, en todo caso, xerando un marco de reflexión sobre o funcionamento real e a mellora do proceso educativo.

Artigo 22º.-Materiais de apoio ao profesorado.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria favorecerá a elaboración de materiais de apoio ao profesorado que desenvolvan o currículo e ditará disposicións que orienten o seu traballo nese sentido.

Capítulo VII

Correspondencia con outras ensinanzas

Artigo 23º.-Correspondencia entre ensinanzas profesionais de danza e ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

Co fin de lle dar cumprimento ao establecido no artigo 47 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no marco da normativa básica vixente, regulará as medidas necesarias para que o alumnado poida cursar simultaneamente as ensinanzas profesionais de danza, e a educación secundaria e o bacharelato. Para tales efectos, a citada regulación deberá abordar a adopción de medidas de organización e de ordenación académica que inclúan, entre outras, as validacións, as adaptacións curriculares e as condicións para o desenvolvemento dunha oferta integrada das ensinanzas reguladas neste decreto e as correspondentes á educación secundaria obrigatoria e o bacharelato.

Disposición adicional

Primeira.-Creación de novas especialidades.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá promover ante o Goberno, a ampliación das especialidades das ensinanzas profesionais de réxime especial de danza, para dar acollida a outras en razón do seu grao de interese etnográfico, histórico ou cultural.

Segunda.-Alumnado con discapacidade.

1. No marco das disposicións establecidas na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, os centros escolares de nova creación deberán cumprir as disposicións vixentes en materia de promoción da accesibilidade. O resto dos centros deberán adecuarse á devandita lei nos prazos e cos criterios establecidos nela.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas oportunas para a adaptación do currículo ás necesidades do alumnado con discapacidade. En todo caso, esas adaptacións deberán respectar no esencial os obxectivos fixados neste decreto.

Terceira.-Incorporación de alumnado procedente de plans anteriores con materias pendentes.

1. Sen prexuízo das equivalencias establecidas no Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, cando un alumno ou unha alumna non superen dúas ou máis materias do curso que estean a realizar das ensinanzas establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeneral do sistema educativo, incorporaranse ao mesmo curso das ensinanzas reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que deberán realizar completo.

2. Así mesmo, cando un alumno o unha alumna teñan cualificación negativa nunha materia do curso que estean a realizar das ensinanzas establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, incorporaranse ao curso seguinte das ensinanzas reguladas por la Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará as condicións para a superación das materias pendentes e a tramitación administrativa da incorporación do alumnado ao novo plan de estudos.

Cuarta.-Matrícula de honra e premio fin de grao.

Como recoñecemento ao alumnado con mellor expediente académico, establécese a cualificación extraordinaria de matrícula de honra e o premio de fin de grao. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará as condicións para a obtención de ambas as distincións académicas.

Disposición transitoria

Única.-Vixencia do Decreto 9/2002, do 10 de xaneiro, polo que se establece o currículo do grao medio das ensinanzas de danza e o acceso ao devandito grao.

Ata a implantación da nova ordenación das ensinanzas profesionais de danza establecidas neste decreto, consonte o disposto no Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo establecido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, estas ensinanzas rexeranse polo establecido no Decreto 9/2002, do 10 de xaneiro, polo que se establece o currículo do grao medio das ensinanzas de danza e o acceso ao devandito grao.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Queda derrogado o Decreto 9/2002, do 10 de xaneiro, polo que se establece o currículo do grao medio das ensinanzas de danza e o acceso ao devandito grao, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeira

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de outubro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria

Ver referencia pdf "21200D001P007.PDF"

ANEXO II

1. Materias comúns ás diferentes especialidades

Anatomía aplicada á danza

Introdución

O coñecemento da anatomía sempre mantivo unha estreita relación coa técnica da danza, e proba diso é o interese crecente amosado polos mecanismos anatómicos e fisiolóxicos que rexen o movemento por parte de bailaríns, coreógrafos e mestres de danza.

As áreas relacionadas co movemento foron recentemente obxecto de importantes estudos que contribuíron ao progreso -grazas a unha aplicación intelixente dos coñecementos adquiridos- de todas aquelas actividades humanas, artísticas e deportivas en que o corpo humano é, á vez, obxecto e medio.

Aínda que o desenvolvemento da anatomía tivo desde a súa orixe un enfoque médico na maior parte dos estudos e tratados, no caso da súa aplicación ao ensino da danza debe primar unha concepción funcional, e non simplemente descritiva, que garanta o coñecemento profundo dos aspectos relativos ao aparello locomotor, á acción dos músculos e das articulacións, ou ao funcionamento fisiolóxico da musculatura e dos tendóns que permitan descifrar os sinais que estes envían: dor, fatiga, tensión, etc.

Así mesmo, a presenza da anatomía aplicada á danza persegue inculcar no alumnado unha concepción hixiénica do corpo, como base para o coidado da saúde e a prevención de lesións.

Xa que logo, o estudo da anatomía aplicada á danza non se debe enfocar desde un punto de vista estático, senón que debe ter como obxectivos fundamentais o coñecemento e a comprensión práctica, non só teórica, dos movementos corporais, que lle permitan ao bailarín ou á bailarina a facilidade da súa execución técnica para a súa utilización na danza.

Obxectivos

O ensino de anatomía aplicada á danza no grao profesional terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

-Ser conscientes da importancia do corpo como instrumento que cómpre coñecer, coidar e valorar.

-Coñecer os principios anatómicos, biomecánicos e fisiolóxicos que rexen o movemento, e tomar consciencia da súa utilización na danza.

-Coñecer as posibilidades e os límites do corpo humano, para saber utilizar correctamente a súa mecánica ao servizo dun fin expresivo.

-Chegar a un coñecemento anatómico das principais actitudes e dos principais pasos da danza.

-Tomar consciencia da necesidade de utilizar correctamente unha concepción hixiénica da danza, entendendo por hixiene o coidado da saúde e a prevención de lesións que hipotequen o futuro como bailaríns ou bailarinas, e como persoas.

Contidos

-Estudo e recoñecemento, por medio da observación nos propios bailaríns e nas bailarinas, dos elementos que configuran a anatomía humana: ósos, articulacións, cápsula sinovial, ligamentos, tendóns e músculos.

-Planos do movemento e os seus graos de mobilidade: pescozo, tronco, ombreiro, cóbado, pulso, man, cadeira, xeonllo e pé.

-Estudo, recoñecemento e prevención das lesións que adoita sufrir un bailarín ou unha bailarina.

-As capacidades motrices elementais: concepto de forza; concepto de resistencia; forza de resistencia; concepto de flexibilidade; concepto de velocidade; a respiración; a postura.

-Aplicación dos conceptos de forza, resistencia, forza resistencia, velocidade e flexibilidade sobre pasos de danza.

-Análises biomecánicas que rexen o xiro, os saltos e os equilibrios.

Criterios de avaliación

-Coñecer os elementos que configuran a nosa anatomía, a través do seu recoñecemento práctico. Con este criterio preténdese valorar o coñecemento que posúe o alumnado acerca dos ósos, as articulacións, os tendóns e os músculos.

-Coñecer os principios anatómicos, biomecánicos e fisiolóxicos que rexen o movemento, así como a súa utilización na danza. Este criterio permite valorar o coñecemento que posúen os alumnos e as alumnas dos principios da anatomía, a fisioloxía e a biomecánica, así como a súa capacidade de relacionalos dunha maneira práctica coa danza.

-Coñecer os graos de mobilidade do pescozo, o tronco, os ombreiros, os cóbados, os pulsos, as mans, as cadeiras, os xeonllos e os pés. Con este criterio de avaliación trátase de comprobar se o alumnado coñece a función de cada articulación, os seus graos de movemento e a súa colocación correcta.

-Coñecer basicamente as lesións que pode sufrir un bailarín ou unha bailarina. Mediante este criterio de avaliación trátase de comprobar se o alumnado é capaz de identificar as lesións que adoita sufrir un bailarín ou unha bailarina, os signos externos e os mecanismos de produción, así como os medios para os previr e as medidas para adoptar, como primeiros auxilios, despois dun accidente.

-Coñecer as calidades motrices, con aplicación a cada situación: resistencia, forza, forza resistencia, flexibilidade e velocidade. Con este criterio preténdese valorar a capacidade do alumnado para aplicar as calidades motrices ás accións de bailar, así como de determinar se actúa a forza, a flexibilidade ou a resistencia nos movementos, ademais do grao de dominio dos métodos que permitan progresar nas calidades.

Historia da danza

Introdución

A danza é un feito cotián e intimamente relacionado co momento histórico, cultural e social en que se desenvolve. Nas súas tres vertentes principais -lúdica, relixiosa e escénica- tivo funcións específicas ao longo da súa historia, converténdose finalmente nun reflexo, individual e colectivo ao mesmo tempo, de cada etapa nela retratada.

As bases sobre as que se sustentan a técnica, a dinámica e o estilo das danzas clásica e española aparecen no século XV e desenvólvense a partir do século XVI, enriquecéndose o vocabulario coreográfico durante os séculos XVII e XVIII; xorde a finais deste unha penúltima evolución que alcanzará o seu apoxeo no período romántico, e que segue en todo momento unha traxectoria paralela á da música.

A principios do século XX emerxe a máis recente renovación, e a partir dese momento aparece o que hoxe se denomina danza contemporánea, con dúas correntes relacionadas aínda que ben diferenciadas: unha europea e outra norteamericana.

Actualmente conviven no estado español as tres formas de danza, sempre distintas e cunha relación mutuamente enriquecedora.

Na formación do futuro bailarín ou bailarina, sexa cal for a súa especialidade, non só se teñen que abordar os aspectos técnicos e artísticos da danza, senón que, chegado un momento determinado, é imprescindible completar esta formación con aspectos teóricos, e un dos primordiais consiste en acceder ao coñecemento da traxectoria da danza a través da historia e a súa relación coas demais artes -música, pintura, arquitectura, escultura e literatura- e o medio que a rodea.

Grazas a estes coñecementos o alumnado poderá apreciar na súa xusta medida e situar no contexto apropiado cada unha das pezas de repertorio que tomarán vida propia no momento da súa interpretación, dotándoa de matices e calidades que, doutro modo, resultarían imposibles, ao tempo que enriquecerá a súa linguaxe coreográfica para poder chegar a compoñer novas obras.

Con iso, ademais, enriquecerase notablemente o acervo cultural do futuro bailarín ou bailarina profesional, fomentarase o respecto interdisciplinar e evitaranse os anacronismos e as imprecisións interpretativas que conducen, inevitablemente, á deterioración e ao desvirtuamento das obras coreográficas de repertorio.

A historia da danza debe ser, xa que logo, unha materia que vincule intimamente os aspectos teórico e práctico dun feito artístico, proporcionando a información necesaria para coadxuvar á comprensión dos códigos coreográficos, e fomentando, polo tanto, a creatividade nos futuros bailaríns ou bailarinas.

Obxectivos

O ensino de historia da danza no grao profesional terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Apreciar e valorar o significado das definicións da danza a través da historia e a súa repercusión no feito coreográfico.

b) Valorar a danza como vehículo de comunicación de ideas e sentimentos.

c) Valorar e respectar os tipos de danza a través da historia.

d) Coñecer e valorar a danza tradicional, tanto autóctona como das comunidades veciñas, e a súa situación dentro do panorama intercultural español.

e) Coñecer as características rítmicas e dinámicas, e as posibilidades e recursos expresivos da danza en diferentes épocas e estilos, en relación coas formas musicais e poéticas correspondentes, para conseguir unha interpretación de calidade tanto de calquera peza de repertorio como na improvisación sobre un tema coreográfico.

f) Coñecer basicamente os soportes coreográficos que se sucederon a través da historia: notación, filmación e uso do ordenador.

g) Apreciar e valorar a incidencia da indumentaria e o calzado na evolución da danza.

h) Coñecer e valorar as relacións da danza co resto das artes -arquitectura, escultura, pintura, música e literatura- e a súa incidencia no léxico e nos códigos coreográficos, na creatividade e na evolución da técnica.

Contidos

-Concepto de danza en diferentes etapas da historia.

-Os grandes períodos da historia da danza: formas, estilos e elementos coreográficos; a súa evolución e a súa correspondencia coas formas musicais.

-A danza tradicional autóctona e as súas relacións coa danza das comunidades veciñas: situación xeral da danza tradicional.

-Relacións entre a danza e as demais artes.

-Evolución do léxico e dos códigos coreográficos; significado de cada termo a través da historia.

-Soportes coreográficos, desde a notación ao vídeo e aos novos soportes informáticos.

-Incidencia da indumentaria e do calzado na danza a través da historia. Indumentaria e calzado cotiáns, de corte, baile e teatro. Creadores, transmisores e intérpretes.

Criterios de avaliación

1) Coñecer os conceptos de danza en diversas etapas da historia, apreciando as súas similitudes e as diferenzas. Este criterio de avaliación pretende comprobar o nivel de comprensión do alumnado relativo á evolución, a través da historia occidental, dos conceptos que caracterizaron a danza e o baile.

2) Establecer esquematicamente os grandes períodos da historia da danza: formas, estilos e elementos coreográficos; a súa evolución e a súa correspondencia coas formas musicais a partir do Renacemento. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento da capacidade do alumnado para establecer as liñas xerais do devir da danza a partir do momento histórico e artístico coñecido como Renacemento, así como as principais formas, os estilos e os elementos coreográficos que evolucionarán paralelamente ás formas musicais.

3) Establecer as analoxías e as diferenzas entre as linguaxes coreográfica, falada e musical -son/movemento, palabra/compás, musical/paso, frase gramatical/frase musical/frase coreográfica- en Europa desde o século XVII. Este criterio de avaliación pretende comprobar a capacidade do alumnado para relacionar a danza, a música e a linguaxe como disciplinas que entrañan códigos de comunicación estruturados e paralelos, coa súa evolución desde o século XVII.

4) Coñecer e apreciar as relacións entre a danza e as demais artes. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento da capacidade do alumnado para apreciar a danza como un fenómeno poliédrico, situala dentro do contexto xeral das artes e da historia, así como establecer as súas relacións coas artes que tratan o volume e a imaxe -arquitectura, escultura e pintura-, o ritmo e o son -música- e a linguaxe -literatura-.

5) Coñecer e apreciar a evolución da terminoloxía da danza e a propia evolución coreográfica: valorar a importancia do significado de cada termo a través da historia. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento da capacidade de comprensión do alumnado sobre o significado dos principais termos coreográficos, e a súa evolución a partir dos tratados de danza dos séculos XVII ao XIX -nos casos da danza académica e española-, e o seu mantemento durante o século XX, así como relacionalos coa aparición de novos termos.

6) Coñecer e avaliar a incidencia da indumentaria e do calzado na danza a través da historia: indumentaria e calzado cotián, de corte, baile e teatro. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento da capacidade de comprensión e relación do alumnado acerca da incidencia que a indumentaria -o vestido e o calzado- tivo na evolución da danza, tanto desde o punto de vista técnico como desde o estético.

7) Creadores, transmisores e intérpretes. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento da capacidade de comprensión e relación do alumnado sobre a decisiva importancia do factor humano no progreso e no mantemento da danza, materializado no constante fluxo de información coreográfica por Europa e América a través de mestres, coreógrafos e intérpretes.

Música

Introdución

A música, como interpretación artística das relacións sonoro-temporais, presenta unha total correspondencia co mundo da danza, o movemento e a linguaxe corporal. De feito, a danza, desde as súas orixes representou a vivencia corporal da música: a imaxe plástica que expresa o contido do pensamento musical. Esta correspondencia música-danza-plástica supón, de feito, a sinestesia máis antiga e frutífera da historia das manifestacións artísticas.

A pedagoxía musical, consciente sen dúbida das posibilidades formativas desta correspondencia, incorporou desde as primeiras décadas do noso século o movemento e a danza como elementos básicos da aprendizaxe da expresión musical. Polo seu carácter temporal, o feito musical está integrado por unha serie de parámetros que, tanto en forma illada como en conxunto, están en íntima relación co movemento; por un lado, a organización sintáctica dos elementos melódicos e harmónicos conduce a un discurso integrado por unha cadea de segmentos, ou xestos, formais dotados dunha direccionalidade determinada tanto pola propia música como polo compositor; por outro lado, e por ser esencialmente movemento, non é nin sequera concibible unha mera comprensión racional do ritmo sen sentir a forza cinética que conduce á acción, de igual maneira que non pode entenderse a danza como unha mera técnica corporal desvinculada do impulso, a emoción e o carácter que lle proporciona a música.

A educación musical contribúe de forma decisiva á adquisición e ao desenvolvemento das capacidades que se recollen nos obxectivos xerais do grao profesional de danza, tales como: unha mellor comprensión das relacións espacio-temporais e da súa vinculación coa organización formal da linguaxe sonora; unha correcta coordinación de movementos a través do sentido rítmico e unha sensibilidade corporal para expresar coa precisión necesaria a dinámica e o fraseo en relación coas exixencias do estilo.

Sendo esta a finalidade da música no currículo de danza, os contidos serán necesariamente os mesmos que os que se atopan na base da formación do músico. No caso do alumnado de danza, e dado o esencial para esta disciplina da práctica de conxunto, estes contidos serán desenvolvidos a través do canto, o movemento e a práctica instrumental con instrumentos de técnicas non complexas como medios expresivos propios da práctica musical de conxunto.

Xunto a iso, o ensino da música no grao profesional debe ocuparse de poñer en contacto ao alumnado tanto con aquelas obras e autores polos que os bailaríns e as bailarinas e coreógrafos de todos os tempos mostraron unha predilección especial, como por outras que poidan ser obxecto de novas coreografías, e, de forma moi especial, as pertencentes á creación musical contemporánea, en asociación coa cal a danza experimentou unha enorme transformación técnica e expresiva ao longo do século XX.

Por último, xunto á adquisición destes coñecementos débese estimular o desenvolvemento de actitudes de curiosidade e interese por todo o relativo ao significado da música como linguaxe artística e medio de expresión cultural dos pobos e as persoas.

Obxectivos

O ensino de música nas ensinanzas profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Expresar de forma orixinal as súas ideas e os seus sentimentos mediante o uso da voz e os instrumentos, en situacións de interpretación e improvisación, co fin de enriquecer as súas posibilidades de comunicación, respectando outras formas de expresión.

b) Valorar a expresión vocal -falada e cantada- e a expresión instrumental, de xeito individual e conxunto como fonte de comunicación e expresión de ideas e sentimentos.

c) Interesarse polo coñecemento da música e das normas máis xerais que rexen a composición do discurso musical, e o seu proceso creativo.

d) Empregar de forma autónoma e creativa diversas fontes de información -partituras, medios audiovisuais e outros recursos gráficos- para o coñecemento da música e o goce con ela, e aplicar a terminoloxía apropiada para comunicar as propias ideas e explicar os procesos musicais

e) Coñecer as características, as posibilidades e os recursos expresivos da música de diferentes épocas e estilos, para conseguir unha interpretación de calidade tanto de calquera peza de repertorio como na improvisación sobre unha obra musical.

f) Valorar e respectar as manifestacións musicais doutras culturas.

g) Valorar a importancia do silencio como condición previa para a existencia da música e como elemento de harmonía na relación cun mesmo e cos demais, tomando conciencia da agresión que supón o uso indiscriminado do son.

h) Valorar a música como un dos elementos básicos para a súa formación como bailarín ou bailarina profesional.

Contidos

-A voz e a palabra como medios de expresión musical.

-Improvisacións vocais: individuais e en grupo, libres e dirixidas, con e sen melodía.

-Práctica de repertorio vocal.

-Ritmo, melodía, harmonía e forma como elementos da música.

-Pulso, acento e fraseo como elementos da linguaxe musical.

-Relación entre as contas do bailarín ou bailarina e os tempos musicais.

-Repetición, imitación, variación, desenvolvemento e improvisación como procedementos compositivos.

-Utilización da percusión corporal e os instrumentos escolares para acompañar ao movemento e á danza.

-Os grandes períodos da historia da música: formas e estilos.

-Pluralidade de estilos na música contemporánea.

-A música doutras culturas. Música e medios audiovisuais.

Criterios de avaliación

1) Intervir en actividades de canto colectivo adaptando a súa expresión e entoación ao nivel sonoro do conxunto. Este criterio pretende avaliar se o alumnado ten unha intervención activa nas situacións de canto colectivo, así como a actitude coa que se achega ás actividades de canto, observando a vontade de adaptar a expresión e entoación vocal ao nivel sonoro do grupo.

2) Respectar o marco de actuación de esquemas rítmico-melódicos (entre 8 e 16 pulsos de duración e no ámbito da escala natural) en situacións de improvisación. Este criterio intenta comprobar a habilidade do alumnado en respectar o marco de actuación da pauta rítmico-melódica proposta, observando a capacidade musical de intervir con soltura e con naturalidade durante a improvisación, achegando ideas orixinais e sabendo calar a tempo cando a intervención se complica.

3) Ler música no contexto das actividades musicais do grupo como apoio ás tarefas de interpretación e audición. Este criterio avalía a utilización funcional da lectura musical. Non se trata de avaliar desde un punto de vista do solfexo, senón de observar a destreza con que o alumnado se desenvolve na lectura, unha vez creada a necesidade de apoiarse na partitura para progresar nas actividades musicais do grupo.

4) Utilizar a terminoloxía musical axeitada para comunicar aos demais xuízos persoais relacionados coas obras musicais escoitadas. Este criterio avalía a capacidade de utilizar unha linguaxe musical adecuada á hora de axuizar a música, xa que saber «falar de música» implica a asimilación dos conceptos e principios musicais básicos.

5) Participar nas actividades de interpretación en grupo asumindo o intercambio dos papeis que se deriven das necesidades musicais. Este criterio avalía a mobilidade do alumnado en asumir calquera dos papeis que demanda unha situación musical. Actuar indistintamente desde calquera instrumento, desde o canto, como director, como solista, etc., suporá a superación dos comportamentos estereotipados que se dan con frecuencia na interpretación en grupo.

6) Establecer algunhas pautas para a improvisación que permitan expresar musicalmente ideas extraídas da análise doutras áreas artísticas. O fin deste criterio é comprobar se o alumnado é capaz de trasladar musicalmente as ideas expresadas noutras áreas artísticas. Isto implica a análise da estrutura que as soporta, para despois establecer os convencionalismos musicais pertinentes que permitan operar con eles.

Danza galega

Introdución

A introdución desta materia en todas as especialidades do grao profesional responde á necesidade de que os futuros bailaríns ou bailarinas coñezan a danza tradicional como parte da cultura e da sociedade dos pobos. Entendida como un complemento máis dentro da súa formación, a danza galega axudará o alumnado a desenvolver o seu sentido rítmico, o seu estilo e a súa destreza técnica e coreográfica, ademais de fomentar o seu interese polas danzas tradicionais, primeira forma de expresión da persoa a través do movemento.

Obxectivos

a) Coñecer a variedade do folclore galego e as circunstancias xeográfico-histórico-culturais e sociolóxicas que deron lugar aos tipos de danza galega: festivas, relixiosas, gremiais, de espadas e outras.

b) Executar correctamente as posicións de pés, pernas e brazos nas danzas galegas.

c) Interpretar danzas representativas de Galicia: muiñeira, xota, fandango e pandeirada.

d) Fomentar o interese polo folclore galego: traxes, costumes, historia, xeografía, tradicións, instrumentos, etc.

e) Utilizar de forma axeitada o espazo en cada exercicio, executando variacións coreográficas en grupo ou parella.

f) Saber empregar os coñecementos das danzas galegas, para a súa aplicación de forma estilizada en coreografías.

g) Amosar unha sensibilidade corporal e musical que capacite a execución básica da danza, para a obtención dunha interpretación rica en expresión, sen a perda do estilo.

h) Adquirir consciencia da importancia da respiración na execución do exercicio e na interpretación da danza para acadar o máximo rendemento e un movemento harmonioso.

i) Fomentar a asistencia a manifestacións escénicas relacionadas coa danza tradicional galega para formar o alumnado na cultura dancística.

Contidos

-Estudo da orixe histórica das danzas galegas e a súa clasificación.

-Práctica e execución de pasos básicos de danzas galegas por parella e en grupo.

-Práctica e interpretación de fandango, a muiñeira, a pandeirada e a xota.

-Coñecemento dos costumes, os traxes, os complementos e o significado sociocultural das danzas galegas máis representativas.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Montaxe de danzas.

-Emprego da improvisación para o desenvolvemento da creatividade.

-A coordinación e a súa función no movemento en relación coa intención expresiva sen perder o estilo.

-Disciplina, respecto e actitude positiva nas clases.

-Asistencia e participación en manifestacións escénicas relacionadas coa danza.

-Realización de traballos teóricos, comentarios e debates sobre actividades propostas.

Criterios de avaliación

1) Coñecer a riqueza e a variedade do folclore galego, a súa orixe, a súa indumentaria e os seus ritmos. Con este criterio de avaliación búscase que o alumnado coñeza as danzas tradicionais galegas e recoñeza a través da súa visión -dos traxes e dos pasos- e da súa audición -ritmos- os estilos básicos.

2) Demostrar o coñecemento básico de ritmos de muiñeira, xota, fandango e pandeirada. Este criterio pretende comprobar o sentido rítmico do alumnado.

3) Interpretar unha danza tradicional galega. Con este criterio de avaliación preténdese comprobar se o alumnado coñece os pasos e os executa correctamente dentro do estilo e o ritmo.

4) Memorizar pequenas variacións coreográficas marcadas polo profesorado. Con este criterio preténdese comprobar a capacidade do alumnado para aprender a primeira vista e memorizar un paso, un exercicio ou un conxunto deles.

5) Improvisar danzas galegas sinxelas, empregando ritmo e fraseo musical adecuado, creatividade, espazo e recursos técnicos, así como os coñecementos básicos adquiridos. Con este criterio preténdese observar a capacidade creativa, o concepto de estilo, o grao de comprensión coreográfica e de comunicación que posúe o alumnado.

En todos os exercicios valorarase o correcto emprego da respiración, así como a capacidade artística, a sensibilidade e a musicalidade do alumnado.

Danza de carácter

Introdución

Da necesidade de incorporar a danza folclórica tradicional á danza académica xorde a danza de carácter, como unha utilización dos pasos da danza tradicional, facendo emprego do èpaulement e port de bras dun xeito máis estilizado.

A formación do bailarín ou da bailarina da especialidade de danza clásica debe ir encamiñada a un concepto global de artista, para que así poida encarar o traballo profesional desde a perspectiva dun coñecemento amplo da danza, como unha arte con moitas ramas e formas de expresión. O emprego das danzas de carácter de Rusia, Hungría e Polonia nos balés de repertorio clásico máis representativos fai necesario o estudo específico dos ritmos e do estilo destas danzas, para que nun futuro o bailarín ou a bailarina poidan desenvolverse en todos os rexistros que compoñen os balés clásicos.

Obxectivos

a) Comprender a importancia das danzas de Rusia, Hungría e Polonia -mazurca- no repertorio clásico, a súa orixe e os seus ritmos, a través da visión de tipos de danzas.

b) Coordinar os movementos de pernas, torso, cabeza e brazos para empregar o épaulement, a través da realización de exercicios de port de bras e pasos típicos destas danzas que executarán cos zapatos de carácter.

c) Executar con sentido rítmico e musical os pasos aprendidos mediante variacións coreográficas, que permitan a obtención do estilo de cada danza.

d) Comprender a importancia dunha utilización axeitada do espazo en cada un dos exercicios, introducindo variacións coreográficas simples en grupo ou en parella.

e) Aplicar os coñecementos técnicos da danza clásica nas combinacións de exercicios de danzas de carácter, para comprender a colocación básica.

f) Saber empregar os coñecementos das danzas de carácter, para a súa aplicación de forma estilizada nos balés clásicos e neoclásicos.

g) Amosar unha sensibilidade corporal e musical que capacite a execución básica dunha danza, para a obtención dunha interpretación rica en expresión, sen a perda do estilo e do porte necesarios.

h) Empregar a respiración na execución do exercicio e na interpretación da danza para obter o máximo rendemento e calidade interpretativa.

i) Fomentar a asistencia a manifestacións escénicas relacionadas coa danza para formar no alumnado a cultura dancística e continuar no desenvolvemento do seu criterio artístico.

Contidos

-Coñecemento teórico do vestiario, o estilo e a orixe da danza rusa, a danza húngara e a mazurca polaca.

-Exercicios de pés, brazos e cabeza, cos èpaulement específicos para cada danza.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Estudo de variacións breves, facendo énfase no fraseo e na terminación dos pasos, a intención expresiva, os acentos e matices musicais.

-Coñecemento dos pasos de carácter que forman parte das danzas folclóricas de Rusia, Hungría e Polonia.

-Desenvolvemento do control do corpo para adquirir a técnica, a dinámica e a coordinación necesarias dentro de cada estilo de danza.

-Utilización correcta do espazo, tanto en parella como en grupos.

-Coñecemento das coreografías máis destacadas dentro das danzas folclóricas citadas.

-Emprego da improvisación para o desenvolvemento da creatividade.

-A coordinación e a súa función no movemento en relación coa intención expresiva.

-Disciplina, respecto e actitude positiva nas clases.

-Asistencia e participación en manifestacións escénicas relacionadas coa danza.

-Realización de traballos teóricos, comentarios e debates sobre actividades propostas.

Criterios de avaliación

1) Coñecer a importancia da mazurca polaca, as czardas de Hungría e as danzas de estilo ruso no repertorio clásico, a súa orixe e os ritmos básicos. Este criterio de avaliación pretende comprobar se o alumnado recoñece a diferenza entre as danzas europeas.

2) Interpretar unha danza de estilo ruso. Con este criterio de avaliación preténdese comprobar que o alumnado coñece os pasos e os executa correctamente dentro do estilo.

3) Interpretar unha danza húngara -una czarda-. Con este criterio de avaliación preténdese comprobar se se coñecen os pasos e se os executan correctamente dentro do estilo.

4) Interpretar unha danza polaca -mazurca-. Con este criterio de avaliación preténdese comprobar se se coñecen os pasos e se executan correctamente dentro do estilo e o ritmo.

5) Memorizar pequenas variacións coreográficas marcadas polo profesorado. Con este criterio preténdese comprobar a capacidade do alumnado para aprender a primeira vista e memorizar un paso, un exercicio ou un conxunto deles.

6) Improvisar danzas sinxelas, empregando ritmo e fraseo musical adecuado, creatividade, espazo, recursos técnicos e instrumentais, así como os coñecementos básicos adquiridos. Con este criterio preténdese observar a capacidade creativa, o concepto de estilo, o grao de comprensión coreográfica e de comunicación que posúe o alumnado.

En todos os exercicios valorarase o correcto emprego da respiración, así como a capacidade artística, a sensibilidade e a musicalidade do alumnado.

Acondicionamento físico

Introdución

A combinación de forza, flexibilidade, beleza, graza e control fai da danza ademais dunha arte, unha actividade exixente e gratificante. A súa realización require un gran número de capacidades físicas: resistencia, forza, flexibilidade, elasticidade, así como un alto grao de desenvolvemento do equilibrio, ritmo, coordinación , concentración e un bo nivel cardio-respiratorio. O desenvolvemento e potenciación destas capacidades necesita dun adestramento específico debéndose realizar cunha perfecta conxunción corpo-mente.

Tanto os exercicios ximnásticos como a utilización de recursos como pelotas, bandas, etc, poderán realizarse como complemento ao adestramento na práctica da danza.

Asemade, diferentes teorías como alexander, Pilates, etc., dedicadas a investigar o estudo das relacións entre o modo de usar o corpo e a eficacia do seu funcionamento amósanse moi útiles na práctica dancística.

A consecución destes obxectivos suporá unha mellora no desenvolvemento da técnica e habilidade por parte do bailarín ou bailarina propiciando a redución de posibles lesións, polo que se considera imprescindible a inclusión desta materia no currículo do grao profesional de danza.

Obxectivos

a) Coñecer a importancia do acondicionamento físico do bailarín ou da bailarina a través de diversos métodos co fin de alcanzar unha mellor preparación física.

b) Dominar un sistema de exercicios de estirada e fortalecemento para reforzar e tonificar os músculos.

c) Mellorar a postura, a coordinación, a flexibilidade, a potencia e o equilibrio, a través de elementos como as cintas elásticas, pelotas, etc., para obter mellores resultados na practica da danza.

d) Obter un maior coñecemento e control corporal á hora de realizar os movementos, controlando a respiración e favorecendo unha correcta realización dos exercicios.

e) Alcanzar unha flexibilidade articular que permita realizar os movementos corporais na súa amplitude máxima.

f) Adoptar un hábito de adestramento corporal diario como preparación física para a práctica profesional da danza.

Contidos

-Principios básicos do adestramento con resistencia e acondicionamento da danza.

-A conexión entre corpo e mente, e a súa aplicación ao traballo con resistencia.

-O equilibrio mediante a mellora da coordinación corporal.

-A flexibilidade a partir do traballo da imaxe, o contacto, a atención sobre o movemento e a estirada.

-O aliñamento e o solo pelviano. Fortalecemento e equilibrio dos músculos do corazón, os brazos e as pernas. Os xiros, saltos e aberturas.

Criterios de avaliación

1) Realizar exercicios no chan con cintas elásticas, pelotas ou outros elementos. Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado domina e controla o seu corpo, practica o aliñamento corporal e a elongación das partes do corpo.

2) Realizar exercicios de adagio, xiros e saltos no centro. Con estes criterios trátase de comprobar se o alumnado pon en práctica o aprendido canto á respiración, a o control, á precisión e á fluidez de movemento, e por riba de todo a integración e a unión do corpo e da mente.

2. Materias propias de cada especialidade

a) Especialidade: danza clásica

Introdución

Tras un proceso que comeza na cultura europea occidental nos albores do Renacemento, o balé cristaliza como forma artística definida entre os séculos XVII e XIX. Deste fúndase e universalízase a que hoxe en día é chamada danza clásica, alicerce de todas as expresións cultas do baile na sociedade moderna.

A danza clásica, no seu termo común, ou máis correctamente balé académico, é hoxe a disciplina universal de base que todo bailarín e bailarina debe posuír en primeiro lugar, para poder realizar, crear ou transmitir despois calquera tipo de danza escénica. A súa técnica é unha verdadeira linguaxe do movemento rítmico humano, e adquírese, como calquera forma ou idioma de expresión ou comunicación, de xeito gradual e progresiva; a súa aprendizaxe desenvolve no alumnado o coñecemento e dominio do seu corpo, facendo deste o instrumento da súa expresión artística.

A execución e interpretación da danza clásica ou académica supón unha preparación e total dominio do corpo para que a práctica dos diferentes estilos reflicta o seu valor estético e adquiran unha mensaxe significativa no artístico superando a mera calistenia.

A formación e desenvolvemento destas capacidades exixe un longo proceso no cal resulta imprescindible a sistematización do estudo, cunha dedicación diaria que precisa da tutela permanente do profesorado. Este proceso de ensino e aprendizaxe, polas súas propias características especiais, localízase sempre no ámbito da escola.

Os contidos do grao profesional perseguen o dominio dos elementos fundamentais da técnica do balé académico, aprendizaxe que se iniciou no grao elemental, para a correcta colocación do corpo, que permita o desenvolvemento dunha base sólida das calidades físicas e expresivas. A célula básica deste proceso de ensinanzas e aprendizaxe é a clase de balé, entendida hoxe en día nas súas diversas modalidades de complexidade e segundo o esquema historicamente aceptado, barra e centro, que tivo a súa orixe na definición manual de Carlo Blasis. A clase organízase arredor dos aspectos seguintes:

-A estirada e suxeición controlada de todo o corpo.

-A elasticidade controlada das articulacións de cadeira e outros puntos anatómicos.

-Control primeiro e a flexibilidade despois, das costas como elemento axial básico.

-Desenvolvemento controlado das resistencias e musculación do corpo e as extremidades inferiores.

-Control da pelve.

-Desenvolvemento da postura chamada tecnicamente en dehors (sic. cara a fóra) como punto de partida do vocabulario corporal do balé.

-Desenvolvemento do pé en canto a súa forza, estirada e capacidade como punto de soporte dinámico; a súa utilización como elemento de transición, pausa e descanso.

-Maior dominio do plie (sic. dobrado), en canto á elasticidade e estirada pola súa conveniencia na obtención dun rendemento óptimo do equilibrio e a flexibilidade.

-Dominio da coordinación interior e rítmica de todos os movementos (cabeza, brazos e pernas).

-Descubrimento do propio equilibrio corporal.

-Desenvolvemento do emprego dinámico do espazo nos exercicios mediante a utilización progresiva de desprazamentos ao tempo que se incentiva a coordinación das partes do corpo.

-Aprendizaxe da respiración correcta tanto no tempo como na dinámica específica do exercicio para obter o seu máximo rendemento.

O aproveitamento óptimo do grao profesional reverte sobre o futuro bailarín e a futura bailarina como a célula de preparación básica capaz de situalo en condicións de afrontar coñecementos máis complexos e específicos das distintas ramas da danza e o balé. É por isto que o balé académico imprime no alumnado o rigor e os condicionantes técnicos de apertura a outras expresións, entendendo que, pola súa antigüidade e grao de madureza na didáctica, o balé é o berce histórico natural de todas as ramas da danza culta e escénica, independentemente de que, nas súas manifestacións artísticas terminais, aparezan moi diferenciadas entre si.

Danza clásica

Obxectivos

O ensino de danza clásica dos estudos profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Controlar a correcta colocación do corpo que permita o dominio da coordinación e o desenvolvemento de todos os movementos.

b) Realizar con musicalidade a execución de todos os movementos que configuran a danza.

c) Saber utilizar os coñecementos técnicos e estilísticos da danza clásica, para conseguir a necesaria calidade do movemento que permita alcanzar o máximo grao de interpretación artística.

d) Valorar a importancia do espazo como elemento tanto estético como formal, e tomar consciencia do papel que xoga na interpretación.

Contidos

-Coñecemento e execución correcta de todos os pasos que compoñen o vocabulario da danza clásica, consonte os seus tempos musicais, acentos e coordinación de movementos.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Desenvolvemento do control de todo o corpo, a dinámica, o ataque do movemento e a respiración.

-Execución precisa e definida de todos os pasos coas súas direccións e os seus desprazamentos.

-Utilización correcta do espazo.

-Interiorización da música para desenvolver a sensibilidade artística coa elegancia e enerxía que a danza require.

-Desenvolvemento da sensibilidade musical como premisa indispensable para a obtención dunha boa calidade de movemento.

-Clase de puntas: estudo de todos os pasos sobre zapatillas de media punta e sobre zapatillas de punta para as rapazas.

-Clase para rapazas: estudo de todos aqueles pasos que especificamente se denominan «pasos para homes».

-Desenvolvemento do perfeccionamento técnico e interpretativo do xiro e do salto.

-Desenvolvemento das capacidades creativas.

Criterios de avaliación

1) Coñecer todos os pasos do vocabulario da danza clásica, e entender a súa aplicación técnica. Este criterio de avaliación pretende comprobar se se aprendeu o nome de todos os pasos, a súa realización, as súas características e o seu significado técnico na danza.

2) Realizar os exercicios da barra de balé que o profesorado marque no momento, co acompañamento musical propio deste nivel. Con este criterio trataríase de comprobar o grao de madureza das capacidades físicas do alumnado, necesario para o dominio da técnica da danza clásica.

3) Realizar no centro un exercicio de adagio que o profesor ou a profesora marquen no momento. Con este criterio de avaliación trátase de comprobar o desenvolvemento da súa capacidade técnica canto ao sentido do equilibrio, a amplitude e a elevación das pernas, a definición e a concreción das posicións do corpo no espazo, a coordinación, a colocación e o movemento dos brazos e da cabeza. Ademais, comprobarase o grao de madureza da súa personalidade artística, a musicalidade, a expresividade e a comunicación.

4) Realizar no centro dous exercicios de xiros que o profesor ou a profesora marquen no momento. Con este criterio trátase de comprobar se se adquiriu o dominio da técnica do xiro, a coordinación e o sentido do movemento no espazo, ademais da limpeza, a definición e a precisión dos pasos e dos entrepanos.

5) Realizar no centro dous exercicios de saltos pequenos que o profesor ou a profesora marquen no momento. Con este criterio de avaliación preténdese comprobar o nivel técnico adquirido polo alumno ou alumna na execución do salto, a forza e a elasticidade dos pés, o traballo do plié -elasticidade, suxeición de baixada e pulo para o impulso-, ademais da coordinación, os acentos musicais e musculares, a elevación das cadeiras e a suxeición do torso.

6) Realizar no centro un exercicio de batería que o profesor ou a profesora marquen no momento. Con este criterio de avaliación trátase de comprobar o grao de execución e dominio adquirido na técnica de pequena batería, e comprobar o desenvolvemento físico e muscular do en dehors para a batería, limpeza, definición e concreción dos movementos de pernas e pés, a coordinación e os acentos musicais e musculares dos saltos.

7) Realizar no centro varios exercicios de saltos grandes que o profesor ou a profesora marquen no momento. Con este criterio de avaliación preténdese comprobar o desenvolvemento máximo da capacidade de movemento, a enerxía que produce o traballo muscular para saltar utilizando o máximo de amplitude, a precisión e colocación do corpo no aire, a coordinación dos brazos e das pernas e a sincronización de impulsos, pernas, brazos, torso e música.

8) Realizar no centro varios exercicios específicos de homes que o profesor ou a profesora marquen no momento. Con este criterio de avaliación preténdese comprobar o dominio adquirido polos alumnos homes da técnica específica de mozos na danza clásica.

9) Realizar no centro diversos exercicios específicos para as rapazas en puntas que o profesor ou a profesora marquen no momento. Con este criterio de avaliación preténdese comprobar o nivel técnico adquirido polas alumnas na técnica de puntas.

10) Realizar un exercicio de improvisación a partir dun fragmento musical que o pianista toque anteriormente. Con este criterio de avaliación preténdese comprobar o grao de madureza do alumno ou da alumna para ser capaz de, escoitando unha música, saber plasmar con movementos as imaxes e as sensacións que a música lles produza, ademais de comprobar o seu sentido creativo, a súa sensibilidade e a súa musicalidade.

En todos os criterios de avaliación comprobarase, ademais, a capacidade artística, a sensibilidade, a musicalidade e a comunicación expresiva.

Danza contemporánea

Obxectivos

O ensino de danza contemporánea nos estudos profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Coñecer e practicar os movementos da danza contemporánea, as súas calidades e os seus matices, na procura dunha correcta execución técnica e artística.

b) Interpretar variacións de diferentes estilos, co fin de coñecer a gran variedade de formas da danza contemporánea.

c) Improvisar formas libres de danza con sensibilidade creativa e sentido coreográfico.

d) Demostrar a versatilidade necesaria para se adaptar ás exixencias que derivan do carácter interdisciplinar da danza contemporánea.

Contidos

-Exercicios no chan: diferenciación da forza e as sensacións das partes do corpo.

-Traballo de contraccións do torso e mobilidade da columna.

-Utilización da respiración como orixe do movemento.

-Exercicios no centro: cambios no eixe do corpo, buscando o equilibrio nos pasos.

-Coordinación de todas as partes do corpo.

-Uso correcto do espazo.

-Desenvolvemento da sensibilidade plástica.

-Práctica da improvisación libre, con e sen obxectos, individual e en grupo.

-Estudo de pequenas variacións.

-Estudo de variacións de coreógrafos contemporáneos presentes no repertorio.

Criterios de avaliación

1) Improvisar individualmente unha variación libre, a partir de varios estilos de música. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento creativo, a expresión artística e a sensibilidade musical do alumno ou da alumna, a partir da improvisación individual.

2) Improvisar en grupo unha variación libre, a partir de varios estilos de música. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento creativo, a expresión artística e a sensibilidade musical do alumno ou da alumna, así como a súa capacidade de se integrar nunha improvisación colectiva.

3) Interpretar variacións de coreógrafos contemporáneos presentes no repertorio. Con este criterio preténdese valorar a capacidade interpretativa do alumno ou da alumna, e a súa identificación co estilo da variación proposta.

Pantomima e interpretación

Introdución

A presenza da materia titulada a pantomima e a interpretación na danza no grao profesional destes estudos pretende subministrarlle ao alumnado a información necesaria sobre os papeis interpretativos dos balés e as coreografías, coa finalidade de dotar de recursos suficientes para elaborar un código sobre o que apoiarse e orientarse á hora de estudalos.

Iso fai que cumpra o desenvolvemento do sentimento interno do alumno e da alumna, que permita a aprendizaxe necesaria para amosar os estados de ánimo desde un punto de vista evocativo, evitando caer nos resultados forzosamente mecánicos a que conduce a simple imitación.

Esta materia precisa para o seu correcto desenvolvemento un labor de introspección do alumnado, co fin de lograr que a danza non se limite a unha perfección técnica, senón que esta vaia sempre asociada a unha presenza interna, impalpable pero evidente, de que o bailarín ou a bailarina se poidan servir individualmente para proxectar o seu propio código expresivo e adaptalo ás exixencias de cada coreografía.

Neste sentido, esta materia no grao profesional débese centrar no dominio e no control das capacidades expresivas do alumnado, a través do desenvolvemento dunha comunicación non verbal en que o corpo non sexa un simple suplantador da linguaxe falada, senón un inmenso potencial de creación de formas e mensaxes que traspasen os límites do escenario para chegar ao público.

Obxectivos

a) Coñecer a pantomima como parte da cultura e como forma de expresión e comunicación non verbal.

b) Coñecer os códigos e os símbolos da linguaxe corporal.

c) Coñecer as calidades do movemento.

d) Coñecer as técnicas básicas da interpretación e a súa utilización na escena.

e) Desenvolver o traballo facial e corporal para o dominio do xesto.

f) Relacionar xestos con sentimentos e actitudes.

g) Estudar a linguaxe xestual dos balés.

h) Realizar exercicios, improvisacións, xogos interpretativos e traballos coreográficos onde estea integrada a técnica de danza coa técnica interpretativa e a linguaxe xestual.

Contidos

-Posibilidades do corpo expresivo e comunicativo en varias manifestacións.

-Códigos e símbolos da comunicación no verbal.

-Centros corporais de expresión, xestos e posturas.

-A pantomima como manifestación da linguaxe corporal: orixe e historia.

-Práctica de exercicios, xogos, improvisacións individuais e en grupo aplicados en concreto aos personaxes que se vaian representar.

-Análise física e psicolóxica do personaxe para descubrir analoxías e diferenzas no intérprete e poder abordalo dentro da época e do estilo da coreografía, respectando a personalidade do bailarín ou da bailarina como intérpretes.

-Estudo da linguaxe corporal como vehículo para expresar emocións.

-Estudo interpretativo das coreografías máis representativas de cada estilo dentro da historia da danza.

Criterios de avaliación

1) Expresar a través dos xestos sentimentos e estados de ánimo. Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado asimilou os códigos, os símbolos e os xestos, e a súa conexión cos sentimentos.

2) Improvisar modos de actuar ante situacións e contextos marcados polo profesorado. Este criterio permite valorar a imaxinación, a capacidade creativa e o grao de interiorización dos recursos do alumnado fronte a situacións diversas.

3) Escenificar historias propias utilizando o material estudado na aula. Con este criterio preténdese comprobar o desenvolvemento creativo e sensitivo do alumnado.

4) Analizar personaxes de diversos balés, fisicamente e psiquicamente, encadrados no seu argumento, e facer unha comparativa dos estilos ao longo da historia da danza. Este criterio permite valorar a capacidade do alumnado para captar as características máis significativas de cada personaxe e a súa aplicación práctica.

5) Realizar traballos interpretativos dentro dunha obra coreográfica. Este criterio pretende valorar a capacidade de resposta interpretativa do alumnado e a súa integración coa técnica da danza, así como a súa personalidade na proposta e a capacidade de transmitir ao público.

Repertorio

Obxectivos

O ensino de repertorio na estudos profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Interpretar obras ou pezas de repertorio da danza clásica ou a danza neoclásica, coa naturalidade do dominio técnico e a pureza de estilo da obra.

b) Interpretar danzas en grupo, papeis de solista e balés completos.

c) Coñecer os balés máis significativos de diversas épocas e tendencias artísticas, e afondar na variedade de estilos e matices.

d) Relacionar os coñecementos e as circunstancias históricas dos balés coa súa forma e o seu estilo interpretativo.

Contidos

-Aprendizaxe de obras de repertorio de varias épocas e tendencias artísticas, afondando na variedade de estilos.

-Adquisición dos coñecementos técnicos e históricos dos balés para a súa correcta interpretación dancística.

-Análise do carácter de cada personaxe para a súa correcta interpretación dramática.

-Estudo da interpretación dos papeis, dentro do estilo e da forma requiridos pola obra escollida.

-Desenvolvemento da individualidade artística e do virtuosismo técnico.

-Práctica e interpretación de bailes de conxunto.

-Práctica e interpretación de variacións de semisolista e primeiro bailarín ou primeira bailarina.

-Coñecemento e valoración das normas de comportamento para bailar en grupo.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

Criterios de avaliación

1) Interpretar obras coreográficas dirixidas ao público no centro, ensaiadas previamente. Este criterio pretende valorar a aptitude necesariamente disciplinada do bailarín ou da bailarina no corpo de baile, a capacidade de asumir o papel asignado, a súa responsabilidade na unidade do conxunto e a súa adecuación ao papel asignado, facendo fluír os seus sentimentos e a personalidade e conseguindo a conexión emocional co público.

2) Interpretar un papel do repertorio de bailarín ou bailarina solista. Con este criterio preténdese valorar o grao técnico e a capacidade interpretativa do alumno ou da alumna, a asimilación do estilo e o carácter da variación escollida.

3) Interpretar un papel de repertorio de primeiro bailarín ou primeira bailarina. Este criterio permite valorar o grao de virtuosismo, unido ao don natural da interpretación e a sensibilidade artísticas.

4) Interpretar un papel de carácter de repertorio escollido polo alumno ou a alumna, onde eles mesmos busquen os matices e estuden os aspectos históricos. Mediante este criterio preténdese comprobar a súa preparación observadora e analítica, así como as súas inquietudes, a súa sensibilidade e creatividade, e o seu sentido da estética.

5) Interpretar en público un corpo de baile do repertorio clásico.

Este criterio de avaliación pretende observar se se é capaz de gozar da danza e de manter unha relación interpretativa e especial co resto dos compoñentes do grupo.

Paso a dous

Obxectivos

O ensino de paso a dous no grao profesional terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Conseguir o grao de homoxeneidade e coordinación de movementos que permita a compenetración técnica entrambos os bailaríns ou bailarinas, imprescindible para alcanzar un resultado artístico de calidade.

b) Conseguir unha comprensión unitaria do ritmo, para que o impulso anterior a calquera movemento teña unha coordinación perfecta entre os bailaríns ou as bailarinas.

c) Demostrar, no caso dos alumnos homes, a forza necesaria para poder realizar o seu papel coa calidade técnica e artística necesaria.

d) Demostrar, no caso das alumnas, a estabilidade e o equilibrio necesarios sobre as puntas para poder realizar as posicións, as promenades e os xiros coa parella.

e) Coñecer a linguaxe e a técnica para a realización dos pasos do paso a dous.

f) Interpretar o argumento que se lles presente en cada paso a dous, dando unha marxe de improvisación á capacidade expresiva de ambos os bailaríns.

Contidos

-Execución dos pasos en parella, e análise da súa técnica.

-Realización e planificación de exercicios que permitan un axuste e unha comunicación na parella.

-Análise do papel que cada membro debe asumir no balé que se execute.

-Exercicios que lle permitan conseguir a forza necesaria ao bailarín ou á bailarina para realizar as partes.

-Combinacións par térre con mans na cintura.

-Pasos de axuste, promenades e xiros en diferentes posicións.

-Levantamentos no aire ata o nivel do peito e dos ombreiros.

-Grandes saltos con elevación da alumna cos brazos no talle.

Criterios de avaliación

1) Realizar unha variación que inclúa combinacións a térre con posicións da alumna en l’air e promenades en dehors e en dedans. Con este criterio de avaliación trátase de comprobar o coñecemento e o dominio técnico do alumno para saber colocar a alumna no seu eixe, estando pendente da súa estabilidade e controlando as translacións do centro de gravidade da alumna.

2) Realizar unha variación que inclúa xiros en dehors desde a cuarta posición e xiros desde unha posición de relevé ou tombé en dehors e en dedans. Con este criterio de avaliación preténdese comprobar se se asimilou e se comprendeu a técnica do xiro do paso a dous, colocación de mans, sincronización dos impulsos, etc., e se a alumna é capaz de manter con solidez e suxeición o seu corpo, axudando así ao alumno a situala en calquera desprazamento do seu eixe de equilibrio.

3) Realizar unha variación con elevacións en l’air, saltos pequenos e elevacións ata o nivel do peito e dos ombreiros. Con este criterio de avaliación preténdese observar se o alumno é capaz de utilizar o impulso do salto da rapaza, así como de elevala e baixala suavemente e en eixe ata o chan, e comprobar se a alumna pode realizar no aire a posición clara e precisa, mantendo a colocación e a estética da danza.

4) Realizar unha variación que inclúa un salto da alumna sobre o peito ou o ombreiro do alumno. Con este criterio trátase de comprobar a sincronización dos impulsos de ambos e a aprendizaxe técnica destes pasos para a súa execución.

5) Realizar unha variación que inclúa elevacións con fixacións de posicións no aire cos brazos do alumno estendidos cara a arriba. Con este criterio de avaliación preténdese comprobar a preparación física do alumnado, coa utilización do traballo e a forza das pernas e non das costas, a sincronización dos impulsos de ambos e a aprendizaxe adquirida desta técnica.

En todos os criterios avaliarase a capacidade artística, a sensibilidade e a musicalidade do alumnado, así como o grao de asimilación do papel do acompañante por cada membro da parella.

b) Especialidade: danza española

Introdución

A danza cortesá española segue durante o século XV as pautas europeas, e é no transcorrer do século XVI cando se desenvolven nesta (denominada danza de conta) e na danza teatral unhas características propias que as distinguen da danza do resto de Europa coincidindo co apoxeo artístico, político e militar que desfruta o país, que desembocará no período de eclosión de todas as artes que coñecemos como o século de Ouro.

A súa cristalización dará lugar á aparición do bolero durante o último terzo do século XVIII; o seu desenvolvemento no século XX levará consecuencias tanto ideolóxicas coma coreográficas, constituíndo a referencia, na actualidade, para a denominación da escola española de danza que, a mediados do século XX, pasa a chamarse escola bolera.

A diversidade e riqueza da danza tradicional dentro do territorio español, o constante intercambio de información coreográfica por toda a súa xeografía e a súa íntima relación coas danzas cortesá e teatral, irá conformando, a través dos séculos, estilos peculiares de execución nunha realidade pluricultural.

A existencia dunha gran variedade de danzas tradicionais galegas que teñen a súa orixe nas danzas festivas, relixiosas, gremiais e de espadas, entre outras, e que se vertebran no fandango, a muiñeira, a pandeirada e a xota.

A aparición en Andalucía, a partir do último terzo do século XIX, dunha variante da danza teatral (que se independiza e descende a espazos máis íntimos, -cafés cantantes, reunións privadas, tablaos, etc.-) que hoxe coñecemos como danza flamenca.

O tratamento teatral das distintas vertentes que adopta a danza en España desde principios do século XX, tanto en versión de concerto con pezas solistas e de conxunto, como no gran formato dos balés con desenvolvemento dramático que precisan un importante número de executantes, adopta indistintamente a denominación de clásico español ou danza estilizada.

O conxunto destas realidades forma o que hoxe en día coñecemos como danza española, cun vocabulario específico para cada unha das materias que a compoñen, que exixe unha especial versatilidade para a súa interpretación.

A especial dificultade de execución e interpretación inherentes á danza española fan dela unha materia que exixe intensa preparación previa e unha sólida base técnica, sen as cales resulta imposible abordar dun modo coherente a obrigada disociación de elementos rítmicos e dinámicos entre as partes superior e inferior do corpo, o cal constitúe a base do estilo español. O acompañamento simultáneo da percusión executada polo propio bailarín, ben cun instrumento musical, como é o caso das castañolas en calquera das súas variantes, ben coa percusión directa dos pés sobre o chan ou coa combinación das dúas posibilidades, é outra dificultade engadida que precisa dunha preparación progresiva, non diferente á de calquera outro instrumento musical cun traballo persoal á parte do ensino tutelado.

Na formación do futuro bailarín e da futura bailarina non só se terán que abordar os aspectos mecánicos e artísticos da danza española, senón que, chegado un momento determinado, é imprescindible completar a dita formación con aspectos teóricos (históricos, coreolóxicos, musicais, anatómicos), que lle achegarán á calidade específica que fará posible a continuación dunha forma artística que constitúe un dos máis prezados tesouros que posuímos.

A metodoloxía que se aplicará para conseguir un óptimo aproveitamento polo alumnado é similar á utilizada na danza clásica, adaptada ás características e necesidades de cada materia (sistematización, dedicación diaria, tutela do profesorado, etc.). O dito aproveitamento das ensinanzas de danza española no grao profesional cualificará o alumnado para acceder á vida profesional.

Danza clásica

Obxectivos

O ensino de danza clásica nos estudos profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Aplicar a correcta colocación do corpo que permita o dominio da coordinación e o desenvolvemento correcto de todos os movementos.

b) Saber utilizar os coñecementos técnicos e estilísticos da danza académica adquiridos, para conseguir a necesaria calidade do movemento que permita alcanzar o máximo grao de interpretación artística nas manifestacións da danza española.

c) Realizar con sentido rítmico e musicalidade a execución de todos os movementos que configuran a danza.

d) Valorar a importancia do espazo como elemento estético e formal, e tomar consciencia do papel que xoga na interpretación.

Contidos

-Estudo da terminoloxía propia da danza clásica, e a súa aplicación descritiva de pasos, combinacións deles ou bailes.

-Desenvolvemento da correcta colocación do corpo que permita unha base técnica sólida, co fin de abordar os estilos da danza española.

-Coñecemento e execución correcta de todos os pasos que compoñen o vocabulario da danza académica, consonte os seus tempos musicais, os acentos e a coordinación de movementos.

-Desenvolvemento do control de todo o corpo, a dinámica, o ataque do movemento e a respiración.

-Utilización correcta do espazo.

-Interiorización da música para desenvolver a sensibilidade artística coa elegancia e enerxía que a danza require.

-Desenvolvemento da sensibilidade musical como premisa para a obtención dunha boa calidade de movemento.

-Desenvolvemento do perfeccionamento técnico e interpretativo do xiro e do salto.

-Desenvolvemento das capacidades creativas.

Criterios de avaliación

1) Coñecer todos os pasos do vocabulario da danza clásica e entender a súa aplicación técnica. Este criterio de avaliación pretende comprobar se se aprendeu o nome de todos os pasos, a súa realización, as súas características e o seu significado técnico na danza.

2) Realizar unha clase de danza clásica que o profesor ou a profesora marquen no momento, con todos os exercicios deste nivel no tempo musical establecido. Con este criterio trátase de comprobar e avaliar o dominio técnico alcanzado e o grao de madureza da súa capacidade artística, a través de:

-Colocación do corpo.

-Desenvolvemento muscular e flexibilidade.

-Acentos musicais e musculares.

-Coordinación de todos os movementos.

-Dominio do equilibrio e control do corpo.

-Precisión na realización de todos os pasos e as posicións de pernas, brazos, torso e cabeza.

-Precisión e definición das direccións e dos desprazamentos.

-Utilización do espazo.

-Respiración do movemento.

-Dominio da técnica do adagio, do xiro e do salto -pequeno, grande e batería-.

-Sensibilidade musical.

3) Improvisar individualmente pequenas variacións de danza partindo de diferentes formas musicais. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento creativo, a expresión artística e sensibilidade musical do alumno ou da alumna.

4) Repetir e realizar no centro os exercicios estudados na barra que o profesor ou a profesora marquen no momento, empregando correctamente o tempo musical, a coordinación, o espazo e as direccións. Con este criterio trátase de comprobar se se tomou conciencia do propio equilibrio e das direccións no espazo, coordinando os movementos.

5) Realizar pequenas variacións que inclúan desprazamentos polo espazo, marcados polo profesor ou a profesora no momento. Con este criterio preténdese observar o sentido do alumno ou a alumna con respecto ao espazo, as dimensións e as direccións.

Danza contemporánea

Obxectivos

O ensino de danza contemporánea nos estudos profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Coñecer e practicar os movementos da danza contemporánea, as súas calidades e os seus matices, na procura dunha correcta execución técnica e artística.

b) Improvisar formas libres de danza con sensibilidade creativa e sentido coreográfico.

c) Demostrar a versatilidade necesaria para se adaptar ás exixencias que derivan do carácter interdisciplinar da danza contemporánea.

Contidos

-Exercicios no chan: diferenciación da forza e as sensacións das partes do corpo.

-Traballo de contraccións do torso e mobilidade da columna.

-Utilización da respiración como orixe do movemento.

-Exercicios no centro: cambios no eixe do corpo, buscando o equilibrio nos pasos.

-Coordinación de todas as partes do corpo.

-Uso correcto do espazo.

-Desenvolvemento da sensibilidade plástica.

-Práctica da improvisación libre, con e sen obxectos, individual e en grupo.

-Estudo de pequenas variacións.

Criterios de avaliación

1) Improvisar individualmente unha variación libre, a partir de distintos estilos de música. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento creativo, a expresión artística e sensibilidade musical do alumno ou da alumna, a partir da improvisación individual.

2) Improvisar en grupo unha variación libre, a partir de varios estilos de música. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento creativo, a expresión artística e a sensibilidade musical do alumno ou da alumna, así como a súa capacidade de se integrar nunha improvisación colectiva.

Escola bolera

Obxectivos

O ensino de escola bolera nos estudos profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Dominar a linguaxe e o estilo da escola bolera.

b) Coñecer o repertorio máis significativo da escola bolera.

c) Interpretar as danzas deste repertorio con graza e naturalidade, dominio técnico, musicalidade, e carácter e pureza de estilo.

Contidos

-Exercicios para adquirir a técnica, a dinámica, a coordinación e o estilo da escola bolera.

-Coñecemento e execución de todos os pasos e movementos codificados na linguaxe da escola bolera, tendo en conta a musicalidade e os acentos do movemento, así como a súa coordinación e o correcto acompañamento das castañolas.

-Realización de exercicios en relación coa dinámica, o estilo e o carácter das danzas de repertorio, e o seu correcto acompañamento das castañolas.

-Exercicios con desprazamentos para a correcta utilización do espazo, tanto individuais como en grupo e en parella.

-Exercicios que permitan o achegamento e a comunicación para as danzas de parella.

-Estudo das danzas máis representativas do repertorio da escola bolera.

-Desenvolvemento permanente da memoria, a sensibilidade musical, a precisión e dinámica tanto do movemento como das castañolas, a respiración, a graza, o carácter e o estilo.

-Interpretar danzas do repertorio, individuais, de grupo e de parella.

Criterios de avaliación

1) Realizar as variacións que marquen o profesor ou a profesora sobre fragmentos musicais, con pasos da escola bolera que, cos correspondentes toques de castañolas, conteñan a dinámica, os desprazamentos, a musicalidade e o estilo característicos. Este criterio pretende comprobar o uso do espazo, a calidade e a musicalidade dos movementos e da interpretación das castañolas, así como a dinámica e o estilo.

2) Interpretar e realizar no momento as coplas que sobre o bolero e a malagueña dite o profesor ou a profesora. Este criterio pretende observar o dominio técnico e o coñecemento da linguaxe da escola bolera.

3) Interpretar en público dous bailes do repertorio da escola bolera, a libre elección do alumnado, un en grupo ou parella e o outro individual como solista. Este criterio pretende observar se se é capaz de gozar da danza e manter unha relación interpretativa e espacial co resto dos compoñentes do grupo, sen perder a calidade do movemento, o carácter e o estilo característicos da escola bolera, así como a súa capacidade de comunicación co público.

Danza estilizada

Obxectivos

O ensino da danza estilizada nos estudos profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Demostrar a sensibilidade artística e os coñecementos técnicos e expresivos que capaciten para interpretar unha danza, tendo en conta a forma, o carácter, a intención, o ritmo e os matices -dinámica- da obra musical.

b) Improvisar con sensibilidade artística e musical sobre unha forma musical, tendo en conta a súa forma, o carácter, a intención, o ritmo e os matices, utilizando os instrumentos e a linguaxe propios destas danzas.

c) Interpretar con naturalidade e dominio técnico, no relativo tanto aos movementos como aos instrumentos utilizados -castañolas, zapatos, etc.- tendo en conta a expresividade e a fidelidade á música.

d) Conseguir o dominio do corpo e da mente para utilizar con seguridade a técnica e o espazo escénico para chegar a unha concentración que permita unha interpretación artística de calidade.

Contidos

-Realización de exercicios ata alcanzar a calidade do movemento e a expresividade requirida canto á fidelidade á música: matices, forma, intención e tempo.

-Realización de traballos de improvisación utilizando as formas musicais.

-Análise do carácter interpretativo da danza canto á obra musical e á súa coreografía.

-Interpretación de coreografías individuais e colectivas co máximo dominio do espazo escénico, da técnica -movemento, castañolas, zapateados, indumentaria, etc.-, da expresividade, da musicalidade, da graza e da naturalidade.

-Desenvolvemento permanente da memoria.

-Estudo das obras dos principais compositores e coreógrafos españois.

-Análise comparativa das interpretacións das devanditas obras.

Criterios de avaliación

1) Interpretación dunha danza de zapatilla. Este criterio pretende valorar o dominio técnico do alumno ou da alumna no referente á limpeza de pasos e á súa execución, á musicalidade, aos matices e ao carácter, á expresividade e á interpretación.

2) Interpretación dunha danza de zapato. Este criterio pretende valorar o dominio técnico do alumno ou a alumna no referente á limpeza de pasos e á súa execución, á coordinación e fluidez do movemento e das castañolas e zapateados, así como ao uso do espazo.

3) Interpretación dunha variación de repertorio. Con este criterio preténdese valorar a capacidade artística do alumno ou a alumna, así como a súa memoria e a súa asimilación do carácter dramático do papel que representa na obra.

Flamenco

Obxectivos

O ensino de flamenco nos estudos profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Demostrar o dominio do zapateado -escobillas- en cada ritmo do flamenco.

b) Utilizar con dominio, soltura e naturalidade a indumentaria requirida: bata de cola, mantón, etc. (no baile de muller).

c) Interpretar os bailes flamencos con toda a súa forza expresiva.

d) Improvisar en calquera dos paus do flamenco tendo en conta a estrutura, o compás e o carácter.

Contidos

-Estudo do ritmo e cuadratura do número de compases que ten unha letra para o desenvolvemento do cante que se require.

-Estudo do compás, a estrutura, os caracteres e a expresión de cada forma do flamenco.

-Coñecemento e dominio dos ritmos, os contratempos e a estruturas dos paus do flamenco: alegrías, tientos, farruca, tangos, asollares, bulerías, siguiriyas, etc.

-Estudo da realización da marcaxe, escobillas e desplantes con bata de cola.

-Realización de exercicios para diferenciar as cuadraturas do compás en relación ao cante.

-Realización de traballos de improvisación dentro das estruturas do baile flamenco.

-Práctica da técnica do zapateado, alcanzando un máximo de velocidade, matiz e dificultade nas súas composicións.

-Estudo dos bailes flamencos coa musicalidade, o dominio técnico, o gusto, o carácter e a forza expresiva que cada un requira.

-Estudo da orixe e dos fundamentos do flamenco: historia, costumes, intérpretes, cantes, significado social, etc.

-Desenvolvemento permanente da memoria.

Criterios de avaliación

1) Realizar variacións de marcaxes e zapateados nos ritmos do flamenco acompañados coa guitarra e o cante, utilizando, no caso das alumnas, bata de cola e mantón. Este criterio pretende comprobar o coñecemento e o dominio do compás nos ritmos do flamenco, o dominio e a soltura das alumnas no movemento coa bata de cola e o mantón, a claridade, a forza e o matiz nos zapateados, e a cuadratura do cante -letra-.

2) Interpretar un baile do repertorio flamenco. Con este criterio valorarase o dominio da técnica, do estilo e do carácter propio do baile, da musicalidade e dos matices, así como a capacidade artística do alumno ou a alumna, e a súa madureza interpretativa.

3) Improvisar nun dos paus flamenco. Con este criterio preténdese comprobar o coñecemento do alumnado dos paus do flamenco: a súa estrutura, o compás e medida do cante -letra-.

4) Interpretar en público como solista un baile característico, a libre elección do alumnado. Este criterio pretende valorar a capacidade de comunicación co público que posúe o alumnado.

5) Interpretar en público un baile en grupo ou en parella, a libre elección do alumnado. Con este criterio preténdese valorar a capacidade do alumno ou a alumna para se integrar nun grupo e manter unha relación interpretativa e espacial co resto dos seus compoñentes, sen perder a calidade do movemento, o carácter e estilo característicos do baile flamenco, así como a súa capacidade de comunicación co público.

Folclore

Obxectivos

O ensino de folclore nos estudos profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Coñecer a diversidade e a riqueza do folclore do Estado, e adquirir un repertorio das danzas máis representativas.

b) Coñecer as circunstancias xeográfico-históricas, culturais e sociolóxicas que influíron en cada comunidade, dando lugar ás formas, aos estilos e aos significados das danzas folclóricas.

c) Saber interpretar danzas características de cada comunidade.

d) Situar e identificar o folclore das comunidades españolas a través dunha mostra instrumental e/ou bailada, ou a través do traxe.

e) Espertar o gusto e o interese por obter a máxima información sobre o folclore: traxes, costumes, historia, significado social.

Contidos

-Adquisición das técnicas e os estilos de cada comunidade para a interpretación das súas danzas.

-Estudo dos instrumentos de percusión con que se acompaña o bailarín nas danzas populares: castañolas, pulgaretas, vieiras, paus, etc.

-Realización dos pasos cos seus desprazamentos polo espazo nos bailes individuais, por parellas e en grupo.

-Estudo da historia de cada comunidade, os seus costumes e traxes, a súa tradición e o significado social das súas danzas máis representativas.

-Interpretación das danzas máis características do folclore das comunidades do Estado.

-Desenvolvemento permanente da memoria.

Criterios de avaliación

1) Interpretar e realizar as coplas e as variacións que no momento marque o profesor ou a profesora pertencentes ao folclore español máis representativo, acompañándose do instrumento de percusión que a danza requira. Este criterio pretende comprobar o coñecemento e a asimilación do alumno ou a alumna dos pasos, os estilos e os caracteres das danzas populares españolas, así como dos instrumentos de percusión con que se acompañan os danzantes.

2) Compoñer e interpretar en grupo unha danza sobre unha música popular proposta polo profesor ou a profesora. Este criterio pretende comprobar a capacidade de situar e identificar o folclore a través dunha mostra musical, amosando as súas características principais e a súa evolución polo espazo.

3) Identificar, a través de imaxes de traxes folclóricos españois ofrecidos polo profesor ou a profesora, o lugar ao que pertencen, e ilustralos cos comentarios que se consideren pertinentes. Este criterio pretende observar o grao de coñecemento adquirido polo alumnado sobre as circunstancias xeográficas, históricas, culturais e sociolóxicas do folclore das comunidades do Estado, así como a influencia e o acondicionamento que a indumentaria e as anteriores circunstancias lle achegan ao carácter, ao estilo e ao xeito de bailar.

4) Interpretar unha danza folclórica a libre elección do alumnado. Este criterio pretende comprobar a versatilidade técnica e interpretativa do alumno ou a alumna canto á forma, o carácter e o estilo.

Repertorio de danza española

Obxectivos

O ensino de repertorio de danza española no grao profesional terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Interpretar obras ou pezas de repertorio da danza española, coa naturalidade do dominio técnico e a pureza de estilo da obra.

b) Interpretar danzas en grupo, papeis de solista e/ou balés completos.

c) Coñecer os balés máis significativos das diferentes épocas e tendencias artísticas, e afondar na variedade de estilos e matices.

d) Relacionar os coñecementos e as circunstancias históricas dos balés coa súa forma e o seu estilo interpretativo.

Contidos

-Aprendizaxe de obras de repertorio de varias épocas e tendencias artísticas, con afondamento na variedade de estilos.

-Adquisición dos coñecementos técnicos e históricos dos balés para a súa correcta interpretación dancística.

-Análise do carácter de cada personaxe para a súa correcta interpretación dramática.

-Estudo da interpretación dos papeis dentro do estilo e a forma requiridos pola obra escollida.

-Desenvolvemento da individualidade artística e do virtuosismo técnico.

-Práctica e interpretación de bailes de conxunto.

-Práctica e interpretación de variacións de semisolista e primeiro bailarín ou primeira bailarina.

-Coñecemento e valoración das normas de comportamento para bailar en grupo.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

Criterios de avaliación

1) Interpretar obras coreográficas dirixidas ao público no centro, ensaiadas previamente. Este criterio pretende valorar a aptitude necesariamente disciplinada do bailarín ou a bailarina no corpo de baile, a capacidade de asumir o papel asignado, a súa responsabilidade na unidade do conxunto e a súa adecuación ao papel asignado, facendo fluír os seus sentimentos e a súa personalidade, e conseguindo a conexión emocional co público.

2) Interpretar un papel do repertorio do bailarín ou a bailarina solista. Con este criterio preténdese valorar o grao técnico e a capacidade interpretativa do alumnado, a asimilación do estilo e o carácter da variación escollida.

3) Interpretar un papel de repertorio de primeiro bailarín ou primeira bailarina. Este criterio permite valorar o grao de virtuosismo do alumnado, unido ao don natural da interpretación e a sensibilidade artísticas.

4) Interpretar un papel de carácter de repertorio escollido polo propio alumno ou a propia alumna, onde deberá buscar os matices e estudar os aspectos históricos. Mediante este criterio preténdese comprobar a preparación observadora e analítica do alumnado, así como as súas inquietudes, a sensibilidade, a creatividade e o sentido da estética.

c) Especialidade: danza contemporánea

Introdución

A danza moderna ten as súas orixes nos movementos de renovación da danza que se producen en Europa e Norteamérica a principios do século XX. Durante este período e ata os nosos días apareceron novas técnicas para a formación e o perfeccionamento do bailarín e da bailarina que, baixo o nome xenérico de danza contemporánea, supuxeron un complemento, e a miúdo unha alternativa, á danza clásica ou balé.

Na danza contemporánea o traballo creativo e de investigación atópanse estreitamente ligados á mesma técnica de formación. Improvisacións e xogos son, a miúdo, parte das clases que inclúen, por outro lado, exercicios sempre distintos, novas coreografías que o profesorado debe preparar a partir dunha linguaxe de movemento aberto á diversidade.

A danza contemporánea explorou novos territorios do movemento corporal: descóbrense novas formas de relacionarse co chan, polo que o bailarín e a bailarina aprende a caer, a rodar e a evolucionar. En contacto co chan realízanse exercicios para desenvolver a elasticidade das pernas e mellorar a colocación e a mobilidade das costas. Deste xeito, o chan actúa como un punto de referencia complementario á barra horizontal. O torso convértese no motor da expresión e do movemento. A pelve e a columna arquéanse e esténdense, debuxan espirais e inclínanse. O traballo sobre a verticalidade do torso, característico da danza clásica, encontra nas novas técnicas un desenvolvemento cara a unha maior expresividade.

O peso das distintas partes do corpo xera novas posibilidades de movemento a partir do xogo de balanceos, suspensións e desequilibrios. O bailarín e a bailarina aprende a deixar caer a cabeza, o torso, os brazos ou as pernas, que saen e retornan alternativamente ao punto de equilibrio. A relación co espazo amplíase. Novas direccións son engadidas nos exercicios de preparación. A codificación da técnica clásica vese enriquecida coa incorporación de novas variables. Movementos de disociación das distintas partes do corpo dan lugar a combinacións novas. Os exercicios xogan coa alternancia de direccións e frontes.

As dinámicas ou calidades do movemento adquiren tanta ou maior importancia que os aspectos simplemente formais. O bailarín e a bailarina debe ser capaz de proxectar calidades de movemento, diversas e matizadas en relación co espazo, o tempo, a forza muscular e o fluxo de movemento. Debe ser capaz, polo tanto, de realizar movementos abertos e rectilíneos ou concentrados e curvos, rápidos ou lentos, fortes ou lixeiros, libres ou controlados, así como todas as variacións resultantes da combinación destes e outros parámetros.

A danza contemporánea supón unha aproximación respectuosa ao corpo humano. Entende a formación do bailarín e da bailarina a partir do desenvolvemento das súas potencialidades, evitando todo tipo de adestramento artificial e prexudicial para o bo funcionamento do corpo. Na súa formación é necesario dedicar unha atención especial ao uso da respiración, á colocación e á conciencia corporal. Así mesmo, a preparación do alumnado debe incluír aspectos teóricos, técnicos e prácticos. O alumnado debe ser capaz de analizar e comprender as súas propias coreografías, así como do repertorio clásico e moderno. Debe mostrar coñecementos musicais suficientes, ter nocións de interpretación teatral e ter adquirida a destreza necesaria para a boa e eficaz utilización do seu corpo.

A danza contemporánea ensina unha linguaxe de movemento completo. Proporciona as ferramentas para adaptarse a todos os estilos coreográficos e estimula o alumnado a desenvolver o seu talento creativo. Supón, por isto, unha preparación necesaria para o bailarín e a bailarina profesional ante as novas exixencias das compañías de danza.

Danza clásica

Obxectivos

O ensino da danza clásica nos estudos profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Aplicar a correcta colocación do corpo que permita o dominio da coordinación e o desenvolvemento correcto de todos os movementos.

b) Saber utilizar os coñecementos técnicos e estilísticos da danza clásica adquiridos, para conseguir a necesaria calidade do movemento que permita alcanzar o máximo grao de interpretación artística, nas manifestacións da danza contemporánea.

c) Realizar con sentido rítmico e musicalidade a execución de todos os movementos que configuran a danza.

d) Valorar a importancia do espazo como elemento estético e formal, e tomar consciencia do papel que xoga na interpretación.

Contidos

-Estudo da terminoloxía propia da danza clásica e a súa aplicación descritiva de pasos, combinacións deles ou bailes.

-Desenvolvemento da correcta colocación do corpo que permita unha base técnica sólida, co fin de abordar os estilos da danza contemporánea.

-Coñecemento e execución correcta de todos os pasos que compoñen o vocabulario da danza clásica, consonte os seus tempos musicais, acentos e coordinación de movementos.

-Desenvolvemento do control de todo o corpo, a dinámica, o ataque do movemento e a respiración.

-Utilización correcta do espazo.

-Interiorización da música para desenvolver a sensibilidade artística coa elegancia e a enerxía que a danza require.

-Desenvolvemento da sensibilidade musical como premisa para a obtención dunha boa calidade de movemento.

-Desenvolvemento do perfeccionamento técnico e interpretativo do xiro e do salto.

-Desenvolvemento das capacidades creativas.

Criterios de avaliación

1) Coñecer e recoñecer todos os pasos do vocabulario da danza clásica, e entender a súa aplicación técnica. Este criterio de avaliación pretende comprobar se se aprendeu o nome de todos os pasos, a súa realización, as súas características e o seu significado técnico na danza.

2) Realizar unha clase de danza clásica que o profesor ou a profesora marque no momento, con todos os exercicios deste nivel no tempo musical establecido. Con este criterio trátase de comprobar e avaliar o dominio técnico alcanzado e o grao de madureza da súa capacidade artística, a través de:

-Colocación do corpo.

-Desenvolvemento muscular e flexibilidade.

-Acentos musicais e musculares.

-Coordinación de todos os movementos.

-Dominio do equilibrio e o control do corpo.

-Precisión na realización de todos os pasos, e posición de pernas, brazos, torso e cabeza.

-Precisión e definición das direccións e dos desprazamentos.

-Utilización do espazo.

-Respiración do movemento.

-Dominio da técnica do adagio, do xiro e do salto -pequeno, grande e batería-.

-Sensibilidade musical.

3) Improvisar individualmente pequenas variacións de danza partindo de varias formas musicais. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento creativo, a expresión artística e a sensibilidade musical do alumnado.

4) Repetir e realizar no centro os exercicios estudados na barra que o profesor ou a profesora marquen no momento, empregando correctamente o tempo musical, a coordinación, o espazo e as direccións. Con este criterio trátase de comprobar se se tomou conciencia do propio equilibrio e das direccións no espazo, coordinando os movementos.

5) Realizar pequenas variacións que inclúan desprazamentos polo espazo, marcados polo profesor ou a profesora no momento. Con este criterio preténdese observar o sentido do alumno ou a alumna respecto ao espazo, as dimensións e as direccións.

Improvisación

Obxectivos

O ensino de improvisación nos estudos profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Demostrar a adaptación espontánea a un movemento, a unha idea ou a unha situación de traballo proposta, en relación a un mesmo e co grupo.

b) Expresarse libremente, a través da improvisación dirixida para conseguir chegar á esencia da propia linguaxe.

c) Responder adecuadamente coa propia linguaxe corporal a unha idea proposta pola parella.

d) Demostrar, a través da realización de pequenas coreografías, o enriquecemento das posibilidades interpretativas do bailarín ou a bailarina en relación co espazo.

Contidos

-Desenvolvemento do concepto da liberdade do movemento, e afondar na súa exploración, co fin de ampliar o seu coñecemento e integralo na creación coreográfica.

-Desenvolvemento do impulso como motor do movemento.

-Relación entre chan, forza de gravidade e caída.

-Desenvolvemento da capacidade de improvisación, a través de movementos libres e propios a partir dunha idea.

-Fundamentos creativos: capacidade de estruturar unha frase de movemento a partir dunha idea, así como de repetila.

-Relacións básicas entre a utilización do tempo, do espazo e do esforzo, a partir da música ou de pautas determinadas.

-Desenvolvemento do autocontrol, a reflexión e a concentración.

-Desenvolvemento da retención visual, auditiva e cenestésica, na execución de secuencias de movemento previamente determinadas.

-Práctica da danza en grupo e desenvolvemento da iniciativa, a imaxinación e a creatividade.

-Utilización dos elementos do tempo, o espazo e o movemento, e a súa relación co intérprete, a través da realización de estudos coreográficos.

-Desenvolvemento da capacidade de comunicación dramática que permita unha maior capacidade expresiva.

-Realización de pequenas coreografías.

Criterios de avaliación

1) Improvisar individualmente unha variación libre, a partir de distintos estilos de música. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento creativo, a expresión artística e a sensibilidade musical do alumnado a partir da improvisación individual.

2) Improvisar en grupo unha variación libre, a partir de distintos estilos de música. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento creativo, a expresión artística e a sensibilidade musical do alumnado, así como a súa capacidade de se integrar nunha improvisación colectiva.

3) Interpretar unhas variacións de coreógrafos contemporáneos presentes no repertorio, que inclúan a improvisación como un elemento esencial da propia coreografía. Con este criterio preténdese valorar a capacidade interpretativa do alumno ou a alumna, e a súa identificación co estilo da variación proposta.

4) Realizar un pequeno estudo coreográfico a partir do desenvolvemento dun concepto ou unha secuencia de movemento, dun ritmo, dun texto, dun obxecto, dunha música, etc. Mediante este criterio preténdese valorar a creatividade do alumno ou a alumna en relación coa súa capacidade para desenvolver unha proposta, así como o seu sentido da forma e das proporcións.

Técnicas de danza contemporánea

Obxectivos

O ensino de técnicas de danza contemporánea nos estudos profesionais de danza terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

a) Controlar os movementos da danza contemporánea, as súas calidades e os seus matices, na procura dunha correcta execución técnica e artística.

b) Interpretar variacións segundo as técnicas características da danza contemporánea.

c) Demostrar a versatilidade necesaria para se adaptar ás exixencias que derivan do carácter interdisciplinar da danza contemporánea.

Contidos

-Práctica da danza contemporánea para adquirir unha sólida base técnica que permita un amplo coñecemento dos estilos.

-Fundamentos da técnica da danza contemporánea, con especial énfase na flexibilidade da columna, o sentido do peso e o uso dinámico do espazo.

-Desenvolvemento dunha sensibilidade estética aberta.

-Coñecemento e desenvolvemento das propias capacidades expresivas.

-Coñecemento das técnicas recoñecidas como básicas no mundo da danza contemporánea (Graham, Cunningham, Limón, etc.).

-Desenvolvemento das habilidades prácticas e técnicas necesarias para se adaptar á gran variedade característica do repertorio contemporáneo.

Criterios de avaliación

1) Realizar unha variación nas técnicas recoñecidas como básicas no mundo da danza contemporánea. Este criterio permite valorar o coñecemento e o dominio das técnicas propias da danza contemporánea (Graham, Cunnigham, Limón, etc.).

2) Realizar individualmente unha variación en que se siga e dialogue musicalmente o contido dun acompañamento sonoro. Mediante este criterio preténdese valorar a capacidade do alumno ou a alumna de adaptar as técnicas adquiridas a un acompañamento sonoro proposto, así como o acerto na elección destas en relación co estilo que se deriva do devandito acompañamento.

3) Realizar en grupo unha coreografía característica do repertorio contemporáneo. Este criterio pretende valorar a capacidade artística do alumno ou a alumna para interpretar unha obra do repertorio contemporáneo.