DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 30 de outubro de 2007 Páx. 17.393

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2007 pola que se regulan as normas de funcionamento das programacións incluídas na Rede Galega de Teatros e Auditorios, de cara ao exercicio 2008.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) constituíuse a finais do ano 1996 como principal instrumento do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais -IGAEM- para promover a distribución das producións escénicas e musicais galegas, actuando como mercado preferente para o teatro, a danza e a música e dotándoos dunha estabilidade na súa programación habitual. A RGTA está conformada polo IGAEM e polas entidades titulares de teatros e auditorios que voluntariamente se adhiren a ela. No exercicio 2007 as programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios alcanzaron a cifra total de 700 funcións.

Coa finalidade de promover o mellor funcionamento das programacións de teatro, danza e música que se desenvolverán nos espazos escénicos da Rede Galega de Teatros e Auditorios durante o próximo exercicio, dítanse estas normas de funcionamento das programacións, que parten dos seguintes eixes directores:

(1) O respecto á autonomía de programación de cada un dos espazos escénicos da Rede Galega de Teatros e Auditorios, suxeita exclusivamente ao cumprimento dos limiares mínimos de contratación de cada un dos espectáculos seleccionados.

(2) A estruturación da oferta escénica nun conxunto de programacións dirixidas a cubrir a demanda dos diferentes segmentos de poboación, cunha especial atención ao público infantil.

(3) A definición dun sistema de financiamento das programacións que, no referente aos espazos escénicos, prima aqueles de titularidade pública e os situados en concellos de menos de 30.000 habitantes; e que, no referente á oferta de espectáculos, prima aqueles de maior formato e trata de potenciar as programacións de danza, música de cámara e creación contemporánea.

(4) O fomento da permanencia en carteleira dos espectáculos, por medio da articulación dun réxime de cofinanciamento que prima a realización de máis dunha función.

(5) A regulación dun sistema de prezos mínimos para o conxunto dos espazos escénicos da Rede Galega de Teatros e Auditorios, compatible cunha política de descontos para aqueles colectivos, como os estudantes e as persoas da terceira idade, con menores ingresos.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, o Consello Reitor do IGAEM aprobou, na súa xuntanza do 11 de outubro de 2007, esta resolución, pola cal se regulan as normas de funcionamento das programacións de teatro, danza e música que se desenvolverán ao longo do exercicio 2008 nos espazos escénicos integrados na Rede Galega de Teatros e Auditorios; e na súa virtude, e de acordo coas atribucións conferidas pola Lei 4/1989, do 21 de abril, pola que se crea o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais; pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro, de modificación da Lei 4/1989, así como polo Decreto 107/1993, do 12 de maio, de desenvolvemento da antedita normativa, e as restantes leis de aplicación, acórdase a publicación das normas de aplicación á programación da RGTA para o ano 2008, que se someterá ao seguinte articulado:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta resolución ten por obxecto, dentro das funcións que lle veñen atribuídas ao IGAEM pola súa normativa de creación, aprobada pola Lei 4/1989, do 21 de abril, fomentar a difusión das artes escénicas e musicais, a través dunha programación estable e coordinada nos teatros e auditorios mediante un programa de colaboración coas entidades titulares dos espazos escénicos integrados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, establecéndose mediante esta resolución a normativa de funcionamento que rexerá durante o próximo exercicio.

Esta normativa resulta de aplicación directa a todas aquelas entidades públicas, así como outras persoas xurídicas titulares de teatros e auditorios que estean inscritos na RGTA.

Artigo 2º.-Períodos de programación.

As programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios estruturaranse en dous períodos de programación, que comprenderán os meses de xaneiro a xuño o primeiro deles, e os de setembro a decembro o segundo.

Artigo 3º.-Programacións ofertadas na RGTA.

En cada un dos períodos de programación o IGAEM poderá ofertar, ben todas ou ben algunha das programacións seguintes: teatro de adultos (TA), programación infantil (PI), danza (DA), maxia (MA) e música de cámara (MC).

Os teatros e auditorios integrantes na actualidade na RGTA poderán participar nas diferentes programacións e períodos de programación consonte as súas preferencias, ben que estas deberán estar suxeitas ao cumprimento dos compromisos de programación recollidos nos artigos 4.1º e 5.1º da Resolución do IGAEM do 21 de novembro de 2006, pola que se regula a estrutura, a organización e o funcionamento da RGTA (Diario Oficial de Galicia nº 231, do 30 de novembro).

Artigo 4º.-Contratación.

Os espazos escénicos das entidades integrantes na RGTA, de conformidade co disposto nos artigos anteriores, deberán cumprir cos requisitos que se establecen a continuación:

Primeiro.-As entidades titulares de teatros, auditorios e demais espazos escénicos deberán realizar as súas propostas de programación sobre a base dos catálogos de espectáculos habilitados polo IGAEM para cada programación, debendo ter liquidadas e satisfeitas en todo caso as obrigas contraídas coas compañías programadas durante o mesmo semestre do ano inmediatamente anterior.

Segundo.-As propostas de programación presentadas deberán comprometerse a programar o seguinte número mínimo de espectáculos:

Ver referencia pdf "21000D011P021.PDF"

Terceiro.-No caso de teatros e auditorios de titularidade pública, o 80% da programación deberá corresponder a espectáculos en lingua galega, salvo na programación de danza, en que esta porcentaxe estará limitada ao 65%. No caso de teatros e auditorios de titularidade privada, o 100% da programación deberá corresponder a espectáculos en lingua galega.

Cuarta.-A aceptación das propostas de programación estará suxeita ao cumprimento dos seguintes limiares mínimos de contratación por cada un dos espectáculos propostos:

Ver referencia pdf "21000D011P021.PDF"

Cando un espectáculo non acade o límite mínimo de contratación deberá ser substituído por calquera outro, por proposta da entidade titular do teatro ou auditorio escénico.

Con carácter excepcional, e por causa debidamente acreditada e/ou xustificada, cando os niveis globais de contratación dificulten de forma xeneralizada o cumprimento dos limiares mínimos, a xerencia do IGAEM poderá acordar a súa redución nunha unidade.

Artigo 5º.-Condicións económicas.

1. O Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais cofinanciará as programacións propostas polas entidades titulares de teatros e auditorios, de conformidade coas súas dispoñibilidades orzamentarias. Cando non sexa posible atender todas as propostas na súa totalidade, utilizaranse como criterios de selección os datos de asistencia de públicos correspondentes ao exercicio inmediatamente anterior.

2. O financiamento das programacións dos teatros e auditorios de titularidade privada será do 30% do caché de cada espectáculo, no suposto de funcións únicas, e do 35% do caché de cada espectáculo, no suposto de realización de máis dunha función consecutiva ou de funcións correspondentes ás programacións de danza e música de cámara. Nestes espazos o compromiso de programación quedará fixado, para o exercicio 2008, en catorce (14) funcións para a Rede A e oito (8) funcións para a Rede B.

3. No caso das programacións dos teatros e auditorios de titularidade pública, o financiamento das programacións de teatro de adultos, programación infantil e maxia -para o suposto de funcións únicas-, realizarase de acordo coas seguintes porcentaxes:

-Localidades de menos de 30.000 habitantes:

IGAEM: 50%.

Salas: 50%.

-Localidades de máis de 30.000 habitantes:

Ver referencia pdf "21000D011P021.PDF"

4. O cofinanciamento das programacións de danza e música de cámara dos teatros e auditorios de titularidade pública, no caso de funcións únicas, realizarase de acordo coas seguintes porcentaxes:

-Localidades de menos de 30.000 habitantes:

IGAEM: 60%.

Salas: 40%.

-Localidades de máis de 30.000 habitantes:

Ver referencia pdf "21000D011P021.PDF"

5. O cofinanciamento das programacións dos teatros e auditorios de titularidade pública, no suposto de funcións múltiples, realizarase de acordo coas seguintes porcentaxes:

Ver referencia pdf "21000D011P021.PDF"

Nos pagamentos polo despacho de billetes non se contabilizarán as invitacións e os descontos no prezo da entrada aplicados pola entidade titular do teatro ou auditorio, que serán por conta desta.

6. As funcións incluídas nas programacións da RGTA deberán ser de libre acceso para todos os interesados, logo de aboamento do importe da entrada, cos seguintes prezos mínimos:

Ver referencia pdf "21000D011P021.PDF"

As entidades titulares dos teatros e auditorios da Rede Galega de Teatros e Auditorios poderán establecer descontos de ata un 50% como máximo do prezo da entrada para estudantes, persoas da terceira idade e menores de 12 anos. Igualmente, poderán establecer promocións de ata o 25% dos prezos, por asistencia a un mínimo de tres funcións por semestre. As restantes promocións que se pretendan aplicar deberán ser remitidas previamente ao IGAEM e aprobadas por este.

As entidades titulares dos teatros e auditorios da RGTA poderán emitir invitacións gratuítas de ata un máximo do 10% do aforo do teatro ou auditorio.

Artigo 6º.-Outras obrigas.

As entidades públicas e demais persoas xurídicas titulares dos espazos escénicos que na data desta publicación desta resolución formasen parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios estarán igualmente obrigados a:

Primeiro.-Poñer á disposición das compañías as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento efectivo de cada actividade contratada, consonte o establecido nos artigos 4 e 5 da Resolución do 21 de novembro de 2006, pola que se regula a estrutura, a organización e o funcionamento da rede.

Segundo.-A organización puntual de cada función, así como os gastos de difusión local e o pagamento dos dereitos de autor corresponderanlle á entidade titular do teatro, auditorio ou espazo escénico respectivo. Na publicidade que se realice, a entidade deberá incluír o logotipo da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Terceiro.-A entidade titular do teatro ou auditorio facilitaralle a folla de despacho de billetes á compañía titular do espectáculo ao remate deste, e remitirá a información sobre públicos e facturación en formato electrónico, conforme o procedemento establecido polo IGAEM, nun prazo non superior aos cinco días hábiles inmediatamente posteriores ao da celebración da actuación.

Artigo 7º.-Causas de exclusión como membro da RGTA.

As persoas integrantes da RGTA deixarán de pertencer a ela e consideraranse excluídas para todos os efectos, logo de resolución motivada da xerencia do IGAEM, nos seguintes casos:

-Incumprimento das obrigas estipuladas nesta resolución.

-Inobservancia dos requisitos mínimos que deberán cumprir, en todo caso, os espazos escénicos integrados dentro da RGTA.

-Incumprimento das condicións relativas aos instrumentos xurídicos que regulan as programacións, en particular no referente ás alteracións unilaterais do calendario de actuacións, dos espazos escénicos en que se desenvolve o espectáculo, do aboamento efectivo das cantidades consignadas no cadro de programación, do establecido en relación cos prezos mínimos ou das obrigas de entrega das certificacións da realización das funcións e da remisión electrónica da información sobre públicos e de facturación das compañías programadas.

Nestes casos serán causas de resolución inmediata, con independencia das indemnizacións por danos e perdas que correspondan á súa exclusión, mediante resolución motivada da xerencia do IGAEM, logo de informe emitido polo comité técnico.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, o IGAEM -persoalmente ou por mediación dos órganos consultivos da RGTA- terá a facultade de exercer as funcións de control, impulso, coordinación e seguimento das actividades que se programen e desenvolvan, de conformidade co previsto nesta resolución, así como da xestión dos asuntos de interese común para a RGTA.

Para realizar estas funcións poderanse artellar cantos medios estean á disposición tanto da xerencia deste instituto como dos departamentos correspondentes, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Segunda.-Facúltase o xerente do IGAEM para ditar as resolucións que sexan necesarias para a execución desta resolución e da normativa de desenvolvemento que derive.

Terceira.-Posibilidade de recurso.

Esta resolución non é definitiva, e contra ela cabe interpor recurso de alzada ante a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Cuarta.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2007.

Miguel Martín Fernández

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas

e Musicais