DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 30 de outubro de 2007 Páx. 17.387

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2007, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dita a normativa para a pesca da lamprea no río Tea e se fixa o período e as condicións para presentar as solicitudes para participar no sorteo de postos de pesca, no vindeiro ano 2008.

De conformidade coa disposición adicional cuarta da Orde do 6 de febreiro de 2007, pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a temporada de 2007, na cal se faculta o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en Pontevedra para ditar cantas normas sexan necesarias para a regulación da pesca da lamprea no río Tea, e co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da dita pesca, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2008 que só poderá practicarse desde 700 metros augas abaixo da ponte romana de Ponteareas ata a confluencia do Tea co río Miño e coas limitacións que aseguir se indican:

-Os pescadores interesados nesta pesca deberán participar no sorteo público que realice o Servizo de Conservación da Natureza, na data, na hora e no lugar que se fará público, no cal se indicarán os postos de pesca para a colocación das estacadas.

-Os medios que se empreguen serán a estacada, fisga (1 por pescador) e luz artificial. Enténdese por estacada a ponte ou pasarela de madeira situada en voadizo sobre o río, perpendicularmente á dirección da corrente e cunha lonxitude máxima que non superará a metade do leito fluvial, apoiándose nun extremo na marxe do río e o resto sobre estacas ou postes de madeira ou ferro, de xeito que non se impida a libre circulación das augas baixo ela.

-Antes de proceder á instalación das estacadas deberán estar en posesión de licenza de pesca e autorizados cos permisos de 4ª categoría para cada día, documentos que deberán levar consigo xunto co DNI durante a práctica desta actividade.

-Prohíbese ter na estacada un número superior de fisgas a pescadores con permiso presentes nela, así como pedras ou calquera outro instrumento que sirva para bater as augas ou espantar os peixes de xeito que se facilite a súa captura; serán todos eles responsables do incumprimento destas condicións.

-O período hábil de pesca será desde o 21 de xaneiro ata o 30 de abril.

-A pesca realizarase en días alternos, pescando os luns, mércores e venres desde as estacadas impares e os martes, xoves e sábados desde as pares. As persoas que pesquen os luns, mércores e venres comezarán ás 21.00 horas destes días e poderán facelo ata as 8.00 horas do día seguinte. As persoas que o fagan os martes, xoves e sábados comezarán ás 21.00 horas destes días e poderán facelo ata as 8.00 horas do día seguinte.

-Prohíbese a pesca desde as 21.00 horas dos domingos ata as 21.00 horas dos luns.

Requisitos que hai que seguir na instalación das estacadas:

* Deberán estar debidamente numeradas e situadas, de conformidade co recollido no anexo, onde as fixe sobre o terreo o persoal da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. En ningún caso se poderán montar fóra do lugar establecido, salvo por razóns excepcionais e logo de solicitude e autorización; e tampouco se poderá cambiar de marxe. No caso de que os adxudicatarios de 2 estacadas contiguas queiran montalas conxuntamente, solicitarano previamente e, se é o caso, montarase no lugar correspondente á sinalada máis augas abaixo.

* Deberán ter acceso desde terra e, en ningún caso, as dimensións das estacadas superarán a metade do río.

* Non se poderá cortar vexetación de ribeira sen autorización do Servizo de Conservación da Natureza, de acordo co establecido na vixente Lei 7/1992, de pesca fluvial.

* Na iluminación da estacada só se poderán utilizar bombillas, quedan prohibidos focos ou similares.

* Finalizado o réxime especial o día 30 de abril, os pescadores disporán dun prazo de 15 días para retirar as estacadas e demais instalacións, deixarán o contorno libre de lixo e presentarán debidamente cubertos os libros de rexistro de capturas na oficina do Distrito Ambiental de Ponteareas, na rúa Paseo Matutino, nº 35-1º A ou no Servizo Conservación da Natureza, rúa Benito Corbal, 47-5º andar.

Do incumprimento dos ditos requisitos de instalación e retirada das estacadas responderán todas as persoas autorizadas conxunta e solidariamente.

A pesca desde as estacadas enténdese selectiva para a lamprea, non poden causar dano a outras especies piscícolas.

As barcas empregadas polos pescadores para os labores auxiliares da pesca da lamprea deberán estar en posesión de licenza especial para embarcación (licenza clase E). Estas embarcacións deberán levar en lugar ben visible o número de estacada que lles correspondese no sorteo. En ningún caso, estas barcas poderán ser accionadas a motor.

O persoal que designe o Servizo de Conservación da Natureza revisará cada estacada e cando non se axuste ás condicións fixadas ou non exista persoa autorizada para a pesca desde ela, procederase ao seu levantamento.

Se durante a temporada de pesca da lamprea os axentes observan que algún pescador incumpre calquera outra condición desta normativa, poderanlle retirar, nese momento, os permisos que lle resten, sen dereito á devolución do seu importe.

O Servizo de Conservación da Natureza, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá modificar o contido desta normativa adoptando as medidas axeitadas.

Sorteo dos postos de pesca para a captura da lamprea no río Tea.

Para poder participar neste sorteo, os interesados deberán presentar:

-Solicitude segundo modelo oficial.

-Fotocopia cotexada do DNI.

O sorteo para a posesión dos postos correspondentes terá lugar no refuxio da Freixa (Ponteareas) o día 11 de xaneiro de 2008, ás 11.00 horas, á vista das solicitudes que para este fin se reciban no Servizo de Conservación da Natureza, rúa Benito Corbal, 47-5º andar (Pontevedra), desde o día seguinte ao da publicación desta normativa ata as 14.00 horas do día 19 de novembro de 2007.

A zona de pesca está comprendida entre a ponte do ferrocarril e a praia da Moscadeira, cun número de 48 estacadas.

Cada solicitante elixirá, logo de presentación do DNI, pola orde obtida no sorteo.

De acordo co número obtido no sorteo, cada pescador retirará un lote de permisos de 4ª categoría para toda a temporada, logo de pagamento do prezo público que corresponda e da presentación da licenza de pesca.

A cada posto de pesca deberán optar catro pescadores, xuntándose na mesma solicitude. Se se comprobase que o nome dun pescador aparece reflectido en máis dunha solicitude, procederase á súa anulación.

Os permisos serán persoais e intransferibles, polo que ningún pescador poderá facer uso doutro permiso que non fose o seu propio, nin pescar desde un posto distinto a aquel que figura no seu permiso.

Se quedase algún posto vacante, sortearase entre os pescadores que, por razón do sorteo e estando incluídos nel, non tiveran opción de escoller posto, sempre que o número de solicitudes supere o número de postos autorizados e que se indican no anexo desta resolución.

Non se cambiará ningún posto despois da elección do sorteo.

Os pescadores que teñan pendente o pagamento dalgunha sanción administrativa da lexislación de pesca non poderán optar ao sorteo das estacadas.

Xunto cos permisos entregaranse uns libros de rexistro de capturas, que deberán ser debidamente cubertos e deberán estar sempre á disposición dos axentes de Conservación da Natureza. O cumprimento deste requisito será indispensable para optar ao sorteo da próxima temporada.

Pontevedra, 3 de outubro de 2007.

Juan Francisco Froján Fontán

Delegado provincial Pontevedra

Ver referencia pdf "21000D008P015.PDF"