DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 30 de outubro de 2007 Páx. 17.387

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 24 de outubro de 2007 pola que se amplía o prazo máximo de xustificación dos investimentos realizados ao abeiro da Orde do 11 de maio, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia, e se convocan para o ano 2007.

A Consellería do Medio Rural convocou para o ano 2007 axudas a entidades asociativas que impulsen modelos de utilización de maquinaria e equipamentos de xeito colectivo, reducindo deste xeito o impacto que supoñen os elevados prezos de adquisición e amortización nas explotacións galegas, mediante a Orde do 11 de maio (DOG nº 95, do 18 de maio).

Nesa orde establécese que o prazo máximo de xustificación dos investimentos obxecto da axuda non poderá superar con carácter xeral a data do 31 de outubro de 2007, agás para aqueles investimentos en construcións, que poderán ser xustificados ata o 31 de outubro do ano seguinte.

O mesmo artigo 15º establece na súa redacción as consecuencias derivadas do incumprimento deste prazo, chegando mesmo á perda da subvención concedida.

O atraso na publicación da normativa, xunto coas dificultades e longo prazo de presentación da documentación acreditativa, así como o número elevado de solicitudes, motivou que o proceso de avaliación e resolución dos expedientes se alongase máis alá do previsto, polo que se entende necesario ampliar o prazo máximo establecido na citada orde para a xustificación dos expedientes nesta anualidade.

Por todo o exposto, e de acordo co establecido no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-A presente orde ten por obxecto modificar o parágrafo primeiro do punto 1 do artigo 15 da Orde do 11 de maio de 2007, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia, e se convocan para o ano 2007, que quedaría redactado como segue:

Artigo 15º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente aos investimentos subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde, deberase realizar antes do 30 de novembro do ano en curso, agás os investimentos en construccións que poderán ser xustificados ata o 31 de outubro do ano seguinte.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural