DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 30 de outubro de 2007 Páx. 17.384

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 200/2007, do 11 de outubro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado do acondicionamento da estrada OU-101 Ourense-Maceda, treito: acceso parque tecnolóxico-Maceda. Clave OU/02/003.01.2.

Con data do 23 de maio de 2005, o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, aprobou o proxecto de trazado do acondicionamento da estrada OU-101 Ourense-Maceda, treito: acceso parque tecnolóxico-Maceda. Clave: OU/02/003.01.2.

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, considerando xustificada a referida declaración pola mellora dos tempos de percorrido entre Ourense e Maceda, como pola súa incidencia na seguridade viaria ao acondicionar e reordenar os accesos á estrada OU-101 no treito parque tecnolóxico-Maceda.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de outubro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios que se concretan no expediente administrativo instruído, para os efectos de expropiación no proxecto de trazado do acondicionamento da estrada OU-101 Ourense-Maceda, treito: acceso parque tecnolóxico-Maceda. Clave: OU/02/003.01.2.

Santiago de Compostela, once de outubro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial Obras Públicas

e Transportes