DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Luns, 29 de outubro de 2007 Páx. 17.335

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2007, da Dirección Xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se inicia o procedemento para o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional do Servizo Galego de Saúde.

De conformidade co acordo da mesa sectorial do 21 de xuño de 2007, sobre réxime extraordinario de carreira profesional do persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia con data 25 de outubro de 2007, corresponde a este centro directivo iniciar mediante resolución o procedemento para o recoñecemento extraordinario dos sucesivos graos no momento en que proceda consonte a secuencia temporal de implantación do sistema.

O persoal estatutario fixo, das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, ao que lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do Estatuto marco (transitoriamente Real decreto lei 3/1987 e normativa complementaria), pode acceder ao grao I con efectos do 1 de xullo de 2007.

En consecuencia, tras o acordo acadado no seo da comisión de seguimento prevista na disposición segunda do acordo, na súa reunión do 22 de outubro de 2007

RESOLVO:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto iniciar o procedemento para o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional a determinado colectivo de persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, con apertura do prazo para a presentación de solicitudes.

Segundo.-Ámbito de aplicación e requisitos.

Poderá solicitar o recoñecemento do grao I o persoal estatutario fixo, das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, ao que lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do Estatuto Marco (transitoriamente Real decreto lei 3/1987 e normativa complementaria).

Os solicitantes deberán reunir ademais os seguintes requisitos:

a) Ter prestados polo menos cinco anos de servizos na mesma categoría no réxime estatutario. Sen prexuízo do anterior, os servizos prestados noutras categorías computaranse de acordo co establecido na norma 5.3 do citado acordo.

Para estes efectos computaranse os servizos prestados baixo outro réxime xurídico, previos á resolución de integración no réxime estatutario.

b) Estar en situación de activo ou asimilada (reserva de posto), de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco.

Para valorar o cumprimento dos requisitos a) e b) atenderase á data do 30 de xuño de 2007.

O persoal laboral e funcionario con vínculo de fixeza que, como consecuencia da próxima oferta de integración realizada pola Consellería de Sanidade, resulte integrado no réxime estatutario nas correspondentes categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, accederá ao grao I nas mesmas condicións que o persoal estatutario. Para iso, a orde de integración abrirá o prazo de solicitudes de acceso cos mesmos requisitos que os contidos neste procedemento.

Terceiro.-Prazo de presentación e modelo de solicitude.

O profesional deberá presentar a solicitude a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, advertindo que na folla de solicitude debe figurar o selo de rexistro, quedando os orixinais en poder da administración e expedindo copia para o interesado. A solicitude deberá dirixirse ao comité de avaliación da institución sanitaria en que teña praza en propiedade, no prazo que se inicia o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 30 de novembro de 2007.

Cada participante deberá cubrir unha única solicitude axustándose necesariamente ao modelo que figura como anexo I desta resolución.

O modelo de solicitude está publicado na páxina web do Sergas (www.sergas.es).

Cuarto.-Documentación que debe achegarse coa solicitude.

a) Certificado acreditativo de cinco anos de servizos prestados ou tempo de servizos prestados en varias categorías equivalentes (norma 5.3.4 do acordo).

Non será preciso presentar certificado de servizos prestados no caso dos solicitantes que teñan prestado na institución de destino actual os cinco anos de servizos requiridos para o acceso ou tempo equivalente (promoción interna). Noutro caso, o solicitante deberá presentar o certificado ou certificados, emitidos polos centros correspondentes, que sexan precisos para completar o dito período.

b) Autoavaliación/relación de méritos.

A autoavaliación deberá axustarse necesariamente ao modelo que figura como anexo II desta resolución. O modelo está publicado na páxina web do Sergas (www.sergas.es).

O nivel de desempeño da actividade profesional será autoavaliado tendo en conta o posto que se desempeña actualmente e os servizos prestados no mesmo co límite máximo de cinco anos ata a data da convocatoria.

c) Documentación acreditativa dos méritos correspondentes a outras actividades: formación continuada; actividade docente e compromiso coa organización. Deberán xuntarse as certificacións acreditativas correspondentes.

O solicitante poderá presentar a documentación que considere oportuna á vista do baremo (téñase en conta o máximo de cinco créditos resultante destas actividades).

Non resulta preciso acreditar todas as actividades realizadas, xa que as futuras resolucións que inicien o prazo para acceder aos sucesivos graos posibilitarán, novamente, a presentación de documentación adicional.

Quinto.-Avaliación.

Avaliaranse os seguintes aspectos da actividade e desenvolvemento profesional:

1. Nivel de desempeño nas actividades principais, directas e/ou de colaboración, do posto de traballo, relacionadas no anexo III (máximo 8 créditos).

O comité de avaliación correspondente da institución sanitaria solicitará do correspondente xefe, supervisor ou coordinador un informe de conformidade ou desconformidade sobre a autoavaliación (anexo II) realizada polo solicitante respecto ao nivel persoal de desempeño do posto (baixo, normal ou alto). En caso de desconformidade coa autoavaliación, o responsable do informe deberá pronunciarse entre un dos tres niveis referidos de cumprimento.

Os representantes da institución no comité de avaliación emitirán o informe naqueles supostos en que non resulte posible a avaliación dun xefe, supervisor ou coordinador.

O nivel de desempeño outorgaralle ao solicitante as seguintes puntuacións: baixo (6 créditos); normal (7 créditos); alto (8 créditos).

Os solicitantes que acaden 7 créditos obterán avaliación favorable, polo que non será necesario acreditar méritos adicionais. De resultar a avaliación do nivel de desempeño cualificada cunha puntuación baixa (6 puntos), seralle comunicado ao traballador para que poda presentar méritos complementarios, se é o caso.

2. Actividades acreditadas: máximo 5 créditos.

a) Formación continuada para a actividade profesional:

Valorarase a asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento acreditados para profesións sanitarias pola Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde, ou pola Comisión Autonómica. Estes cursos valoraranse sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría, e para as categorías sanitarias.

Valoraranse tamén os cursos de formación e perfeccionamento realizados ao abeiro do acordo nacional de formación continuada das administracións públicas e/ou do plan de formación continuada do Servizo Galego de Saúde, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría.

Valoraranse igualmente os cursos finalizados con posterioridade ao 1 de xullo de 2002, relevantes para o desempeño das correspondentes funcións, convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Inem, Cruz Vermella, colexios oficiais, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde.

Os cursos valoraranse por créditos. De non figuraren créditos, a equivalencia será por cada 10 horas 1 crédito.

Para a formación universitaria posgraduada non se terá en conta a citada data de referencia (1 de xullo de 2002).

Excepcionalmente, aos profesionais que non superasen a avaliación e que non poidan acreditar a realización de cursos con posterioridade á data indicada, a comisión técnica de avaliación poderá solicitarlles e valorar outros cursos das mesmas características que os anteriores, sen límite de data.

b) Actividade docente de formación continuada: docencia en cursos realizados ao abeiro do acordo nacional de formación continua das administracións públicas ou do plan de formación continuada do Servizo Galego de Saúde. A puntuación resultará dos créditos asignados ao curso, e á correspondente participación individual en número de horas. A equivalencia será por cada 5 horas 1 crédito.

Así mesmo, valorarase a docencia para a obtención de títulos oficiais, acreditada a través do correspondente recoñecemento. A equivalencia será de 1 crédito por curso.

c) Compromiso coa organización:

-Participación en comités internos, na elaboración de protocolos de mellora de procedementos de traballo e proxectos institucionais, debidamente acreditada pola dirección do órgano administrativo correspondente: (1 crédito por cada actividade ou protocolo).

-Exercicio de funcións de dirección, xefatura, e coordinación debidamente acreditadas pola dirección do órgano administrativo correspondente: (1 crédito por ano).

-Outros aspectos de formación complementaria:

-Curso básico de prevención de riscos laborais (1 crédito).

-Formación en materia de xestión e organización sanitaria (1 crédito por curso).

Sexto.-Comités de avaliación.

Constituiranse en cada xerencia de Atención Primaria e Atención Especializada dous comités de avaliación:

-Comité de avaliación das categorías sanitarias de formación profesional.

-Comité de avaliación das categorías de xestión e servizos.

Na área sanitaria de Ferrol constituiranse catro comités seguindo este criterio, diferenciando atención primaria e especializada.

Correspóndelles aos comités avaliar os méritos dos solicitantes adscritos á institución e emitir as propostas de resolución.

Estes comités estarán compostos polos seguintes membros:

Desempeñarán a presidencia do comité de avaliación, a dirección-xerencia de área, de primaria, ou especializada, ou o membro do equipo directivo en quen delegue:

As persoas titulares das vogalías dos comités de avaliación por xerencia, serán nomeados da seguinte forma:

-Catro vocais designados pola Administración entre o persoal fixo con destino definitivo na institución e das categorías obxecto de avaliación, dos cales tres serán das categorías maioritarias.

-Un director/a do equipo directivo relacionado coas actividades das profesións que se van avaliar.

-Un vogal designado por cada unha das organizacións sindicais asinantes do acordo.

Actuará como secretario un técnico da función administrativa do servizo de persoal, nomeado pola xerencia que actuará con voz pero sen voto.

A xerencia poderá designar como asistentes técnicos a profesionais dunha categoría moi específica por consideralo necesario para resolver a avaliación, cando así o acorde por maioría o comité de avaliación.

Sétimo.-Proceso de avaliación e propostas de resolución.

a) Os comités de avaliación, unha vez realizada a avaliación do nivel de desempeño nas actividades principais do posto de traballo de conformidade co establecido na disposición quinta, e valorando a formación continuada cando e na medida que sexa procedente para superar a avaliación, dirixirán a este centro directivo proposta favorable de recoñecemento do grao I respecto aos solicitantes que acaden os 7 créditos precisos.

Coa dita proposta remitirase certificación sobre a presentación da solicitude en prazo e sobre o cumprimento dos requisitos básicos establecidos na disposición segunda desta resolución.

b) Os comités remitirán á comisión técnica de avaliación (persoal de xestión e servizos e sanitario de formación profesional), con sede nas dependencias deste centro directivo, as solicitudes e documentación anexa nos seguintes supostos:

-Cando o resultado da avaliación do nivel de desempeño nas actividades principais do posto de traballo e da formación continuada non sexa suficiente para acadar os 7 créditos e superar a avaliación.

-Cando se trate de solicitantes que se atopen en situacións que impliquen desvinculación da actividade profesional propia da súa categoría.

-Cando se trate de solicitantes que non reúnan os requisitos básicos para o recoñecemento do grao ou se aprecie calquera impedimento para ese recoñecemento.

-Calquera outro suposto en que, por causas debidamente motivadas, consideren que o solicitante non se pode someter ao sistema xeral de avaliación dos propios comités.

c) A comisión técnica de avaliación formulará as súas propostas sobre recoñecemento de grao con base en criterios de xeral aplicación previamente fixados. En todo caso, calquera proposta de desestimación do recoñecemento, baseada nunha avaliación negativa, virá precedida dun período de alegacións habilitado para que o profesional presente as alegacións que coide oportunas e/ou o seu currículo profesional.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2007.

Antonio José Fernández Paniagua

Director xeral da División de Recursos Humanos

e Desenvolvemento Profesional

Ver referencia pdf "20900D008P011.PDF"

ANEXO III

Actividades principais (directas ou de colaboración)

1. Persoal de xestión e servizos.

As áreas funcionais recollidas neste anexo son as comúns no Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo das adaptacións que se publiquen en cada centro.

A comisión técnica de avaliación pronunciarase sobre as actividades das categorías que non se recollan neste anexo, no seu caso.

Categorías do grupo A

-Bibliotecario/a: área administrativa.

Xestión da biblioteca.

-Enxeñeiro/a superior: área de mantemento.

Elaboración de informes.

-Grupo técnico da función administrativa: áreas administrativa/informática.

Funcións de apoio técnico de nivel superior.

Elaboración de informes e propostas.

-Técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información: áreas administrativa/informática.

Participación no deseño das estratexias de sistemas e tecnoloxías da información.

Xestión e coordinación de proxectos de sistemas e tecnoloxías de información.

-Técnico/a superior en bioloxía: áreas administrativa/informática.

Elaboración de informes e procedementos dentro dos diferentes laboratorios e gabinetes de medio ambiente, propios da súa titulación.

-Técnico/a superior en organización e administración sanitaria: áreas administrativa/informática.

Elaboración de informes propios da súa titulación.

-Técnico/a superior en psicoloxía: áreas administrativa/informática.

Elaboración de informes e procedementos propios da súa titulación.

Categorías do grupo B

-Enxeñeiro/a técnico/a industrial: área de mantemento.

Emisión de informes técnicos.

-Grupo de xestión da función administrativa: áreas administrativa/informática.

Elaboración de informes.

Xestión dos procedementos administrativos.

-Profesor/a EXB: área administrativa/sanitaria.

Impartir clases aos nenos ingresados de acordo cos programas escolares establecidos.

-Técnico/a de grao medio en organización e administración sanitaria: áreas administrativa/informática.

Elaboración de informes propios da súa titulación.

-Técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información: áreas administrativa/informática.

Administración/explotación dos sistemas e tecnoloxías da información.

Participación na análise, deseño e implantación de sistemas e tecnoloxías da información.

-Traballador/a social : áreas administrativa/sanitaria.

Atención á demanda e formalización de documentos de traballo social.

Categorías do grupo C

-Cociñeiro/a: área de hostalaría.

Elaboración e condimentación de comidas e o seu racionamento.

Control integral do empratado.

-Controlador/a de subministracións: áreas administrativa/informática.

Manexo de aplicacións e control de materiais.

-Grupo administrativo da función administrativa: áreas administrativa/informática.

Elaboración e tramitación de documentos administrativos.

Manexo de aplicacións informáticas.

-Técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información: áreas administrativa/informática.

Atención funcional e/ou técnica dos sistemas e tecnoloxías de información.

Tarefas operativas e técnicas de mantemento de plataformas e sistemas de información.

Categorías do grupo D

-Albanel: área de mantemento.

Mantemento xeral das instalacións no que ao seu oficio se refire.

-Auxiliar administrativo: áreas administrativa/informática.

Tramitación de documentación administrativa.

Manexo de aplicacións informáticas.

-Azafata de relacións públicas: áreas administrativa/informática.

Información e acollida/acompañamento de pacientes e familiares.

-Calefactor/a: área de mantemento.

Vixilancia, mantemento e limpeza das centrais (e demais elementos) térmicas e frigoríficas ao seu cargo.

-Carpinteiro/a: área de mantemento.

Formalización dos partes de traballo encomendados, así como dar saídas de material de almacén e velar pola súa reposición.

-Condutor/a: áreas de mantemento/sanitaria/administrativa.

Realización dos traballos propios da súa especialidade en relación cos vehículos da institución.

-Condutor/a de instalacións: área de mantemento.

Realización dos traballos propios da súa especialidade.

-Costureiro/a: área de hostalaría.

Costura e provisión da roupa.

-Electricista: área de mantemento

Vixilancia, mantemento e limpeza das instalacións eléctricas do centro

-Fontaneiro/a: área de mantemento.

Vixilancia, mantemento e limpeza das instalacións de fontanaría, augas e cristais.

-Fotógrafo/a: áreas administrativa/informática.

Revelado, montaxes de ampliación dos seus traballos.

-Gobernante/a: área de hostalaría.

Xestión e control do almacén (de lenzaría ou cociña).

-Mecánico/a: área de mantemento.

Atención e mantemento de maquinaria, aparellos e instalacións no que ao seu oficio se refire.

-Operador/a de máquina impresora: áreas sanitaria/administrativa/mantemento/hostalaría.

Formalización da documentación de xestión e control e manexo das ferramentas informáticas.

-Perruqueiro/a: áreas sanitaria/administrativa/mantemento/hostalaría.

Formalización dos partes de traballo encomendados (cortado, afeitado, rasurado).

-Persoal de servizos xerais: áreas administrativa/sanitaria/mantemento/informática.

Traslado, axuda na mobilización de pacientes e atención ao usuario.

Tramitación de documentación administrativa e manexo de aplicacións informáticas.

-Pintor/a: área de mantemento.

Formalización dos partes de traballo encomendados, así como dar saídas de material de almacén e velar pola súa reposición.

-Telefonista: áreas de mantemento/administrativa.

Atención da centraliña e xestión do buscapersoas.

Categorías do grupo E

-Celador/a: áreas sanitaria/administrativa/mantemento.

Traslado, axuda na mobilización de pacientes e atención ao usuario.

Traslado de materiais, obxectos e documentación.

-Fogoneiro/a: área de mantemento.

Formalización dos partes de traballo encomendados, así como dar saídas de material de almacén e velar pola súa reposición.

-Lavandeiro/a e pasador/a de ferro: áreas sanitaria/administrativa/mantemento/hostalaría.

Recollida, selección, clasificación e distribución da roupa.

-Limpiador/a: área de hostalaría.

Limpeza dos locais da institución.

-Peón: área de mantemento.

Formalización dos partes de traballo encomendados, así como dar saídas de material de almacén e velar pola súa reposición.

-Pinche de cociña: áreas sanitaria/administrativa/mantemento/hostalaría.

Tarefas de acondicionamento previo dos víveres, empratado, distribución e limpeza.

2. Persoal sanitario de formación profesional.

Grupo C

-Técnico/a superior (hixiene bucodental):

Formalización de documentación sanitaria e informativa:

Pacientes.

Control de calidade de equipos.

-Técnico/a superior (imaxe para o diagnóstico. radioterapia. Laboratorio. Anatomía patolóxica).

Formalización de documentación sanitaria.

Pacientes.

Mostras.

Control de calidade de equipos.

Grupo D

-Auxiliar de enfermaría en función de técnico/a:

Formalización de documentación sanitaria.

-Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría:

Formalización de documentación sanitaria.

Apoio aos coidados de enfermaría (paciente, material, instrumental.