DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Luns, 29 de outubro de 2007 Páx. 17.333

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2007 pola que se convoca un curso de apoio terrestre ás aeronaves de emerxencias.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de apoio terrestre ás aeronaves de emerxencias, conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Conseguir que os integrantes dos servizos de protección civil adquiran coñecementos de apoio desde terra ás operacións que levan a cabo os pilotos das aeronaves e sexan conscientes das dificultades destes para executar as manobras. Coñecendo os elementos aeronáuticos e a súas limitacións, o persoal de terra poderá adoptar as medidas de precaución adecuadas.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos integrantes dos servizos de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que realizaran o curso básico de protección civil e teñan coñecementos de cartografía.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: vinte e sete (27).

2. Duración e data: 4 horas lectivas o 29 de novembro de 2007.

3. Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública de Galicia. Avda. da Cultura, s/n, A Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá cubrir a solicitude que figura na páxina web http://agasp.xunta.es ou enviar cuberta a máquina ou con letra moi clara a solicitude que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 23 de novembro de 2007.

4. As solicitudes deberán estar asinadas polo/a responsable da correspondente unidade de protección civil e co selo desta, e no caso de haber máis dunha solicitude do mesmo servizo, relacionadas por orde de preferencia. Estes requisitos serán indispensables para ser admitido no curso.

5. As solicitudes deberán tramitarse facendo uso do modelo de solicitude que aparece na páxina web: http://agasp.xunta.es, ou ben enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ao fax 986 59 09 88, ou poden presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

No curso trataranse os seguintes temas:

1. Coordenadas para a determinación dun punto no terreo e a súas características:

-Coordenadas angulares.

-Coordenadas UTM.

2. Relación entre a súas coordenadas e a distancia entre dous puntos.

3. Relevo do terreo e a súa representación no plano. Interpretación das curvas de nivel.

4. Escalas redutoras: numéricas e gráficas.

5. Manexo dun equipo GPS manual:

-Configuración das características da saída de datos no equipo.

-Lectura dunha coordenada.

-Erros no sistema GPS.

-Erros propios dun posicionamento absoluto neste sistema.

6. Helicóptero:

-Principio básico de funcionamento.

-Fases do voo.

7. Meteoroloxía:

-Nubes.

-Visibilidade horizontal.

-Vento.

8. Punto de toma:

-Axuda na localización do punto de toma.

-Tamaño da área.

-Obstáculos cerca da área.

-Inclinación.

-Obxectos soltos.

-Facilidade de acceso.

-Tipos de misión realizados polo helicóptero do 112 de Galicia.

-Como facilitar a localización aos membros da tripulación do helicóptero.

-Comunicación directa co helicóptero.

-Seguridade do punto de toma.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente á realización do curso. Tamén se pode comprobar a admisión consultando a páxina web: http://agasp.xunta.es, ou ben chamando ao teléfono 986 59 02 46.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, en máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 15 de outubro de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "20900D007P009.PDF"