DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Luns, 29 de outubro de 2007 Páx. 17.330

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 10 de outubro de 2007 pola que se aproba definitivamente a modificación puntual 06/06 (solo de espazo libre privado a solo viario para enlace cunha pasarela sobre o río Sil), do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello do Barco de Valdeorras (Ourense).

O Concello do Barco de Valdeorras remite o proxecto de modificación puntual referido, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello do Barco de Valdeorras dispón de Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 27 de xuño de 2003 e publicado no BOP nº 170, do 26 de xullo e no DOG nº 147, do 31 de xullo.

I.2. O réxime aplicable ao solo urbano, de conformidade coa disposición transitoria primeira da Lei 9/2002, para o planeamento non adaptado, (Plan xeral, redactado ao abeiro da Lei 1/1997, do solo de Galicia), é o do solo urbano da Lei 9/2002, sen prexuízo de respectar a ordenación establecida no planeamento en vigor.

I.3. A ordenación vixente cualifica a zona afectada pola modificación como espazo libre privado, vencellado á ordenanza 0-3 do solo urbano.

I.4. Antecedentes da tramitación:

-O Pleno da Corporación na súa sesión do 11 de xaneiro de 2007 acordou a aprobación inicial da modificación puntual 06-06, que posteriormente foi sometida a información polo prazo dun mes mediante anuncio publicado no DOG nº 22, do 31 de xaneiro de 2007, e nos xornais La Voz de Galicia e La Región o 19 de xaneiro de 2007.

-Constan informes favorables do arquitecto municipal e da secretaría do Concello do Barco de Valdeorras do 14 de marzo e do 26 de abril de 2007, respectivamente.

-O 23 de marzo de 2007, emitiu informe o director xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, sinalando que non é necesario someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual.

-Consta informe favorable do director xeral de Patrimonio Cultural do 16 de marzo de 2007.

-Consta informe da Confederación Hidrográfica do Norte do 20 de abril de 2007, sinalando que a zona da modificación se encontra en zona de policía da marxe esquerda do río Sil e da marxe dereita do rego de Viloira e afectada polo Plan de canalización do río Sil.

-O Pleno do Concello, en sesión do 2 de maio de 2007, aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 06/06 do PXOM.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Con data do 9-10-2007 a Dirección Xeral de Urbanismo elevou un informe -proposta en que se fan as seguintes consideracións para os efectos da aprobación definitiva deste expediente:

-A modificación ten por obxecto facer viable a creación dunha pasarela sobre o río Sil, sendo preciso o cambio de cualificación do solo destinado a espazo libre privado para destinalo a viario. A pasarela, non prevista no plan xeral, comunicaría a zona vella do Barco de Valdeorras co núcleo de Viloira, facilitando o acceso aos centros administrativos situados na Casa Grande de Viloira. Esta finalidade pode considerarse axustada ao que dispón o artigo 94.1º da Lei 9/2002.

-Polo que atinxe ás competencias desta consellería en materia de urbanismo non se aprecian circunstancias que impidan a aprobación definitiva da modificación puntual. Non obstante, a execución da pasarela axustarase ás condicións expresadas no informe do organismo da conca do río Sil que consta no expediente.

II.2. De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da Lei 9/2002 e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De conformidade co punto 5 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual 06/06, do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello do Barco de Valdeorras.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Teceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2007.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes