DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Luns, 29 de outubro de 2007 Páx. 17.330

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 22 de outubro de 2007 pola que se modifica a do 31 de xaneiro, pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas á prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria.

A Orde do 31 de xaneiro de 2007, pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas á prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria (DOG nº 27, do 7 de febreiro), establece, no seu artigo 7, un importe total dispoñible para o exercicio 2007 de 22.428.862,18 € destinado ao financiamento das subvencións que, ao abeiro desta, poderán ser concedidas aos solicitantes, «sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias». De conformidade co disposto neste precepto xa foi incrementado sucesivamente o importe destinado a financiar estas subvencións polas contías adicionais de 6.256.802,64 € e de 1.208.364,00 €, a través das correspondentes ordes de modificación, de datas do 23 de abril de 2007 (DOG nº 83, do 30 de abril) e do 12 de xullo de 2007 (DOG nº 141, do 20 de xullo).

En consecuencia, como existen dispoñibilidades orzamentarias que poden ser utilizadas para os mesmos fins, procedentes dunha xeración de crédito financiada coas achegas económicas estatais á Comunidade Autónoma de Galicia para a atención ás persoas en situación de dependencia, cómpre ampliar o importe dos créditos correspondentes ao exercicio 2007 destinados ao financiamento das subvencións que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 31 de xaneiro de 2007, na contía adicional de 9.644.127,67 €, coa finalidade de facer chegar estas subvencións ao maior número de beneficiarios posible e en contía suficiente para garantir unha adecuada atención ás persoas en situación de dependencia por parte dos servizos sociais de atención primaria das corporacións locais.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase o importe total correspondente ao exercicio 2007 destinado ao financiamento das subvencións que se van conceder ao abeiro da Orde do 31 de xaneiro de 2007, pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas á prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria, na seguintes contías e aplicacións orzamentarias:

05.31.313C.460.5 por importe de 2.644.127,67 €.

05.31.313C.460.6 por importe de 7.000.000,00 €.

2. Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte da súa publicación.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar