DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Venres, 26 de outubro de 2007 Páx. 17.287

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2007 pola que se convoca un curso sobre a policía local e as ordenanzas municipais.

Dentro das actividades programadas para o ano 2007 en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Deputación Provincial de Ourense, anúnciase a realización dun curso sobre a policía local e as ordenanzas municipais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

-Coñecer a normativa básica local, respecto do dereito administrativo e as ordenanzas municipais que afectan o traballo da policía local.

-Saber cal é o desempeño profesional e o papel dos corpos de policía local no control da execución e o cumprimento das ordenanzas.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Ourense.

Destinatarios.

-Persoal das entidades locais da provincia pertencente aos corpos de Policía local.

-Técnicos das entidades locais da provincia que polo seu posto de traballo estean vencellados coa materia obxecto de estudo no curso.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 2 de novembro ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Ourense-Departamento de Formación Continua (fax: 988 38 52 15): rúa Progreso, nº 30, 32003 Ourense; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso desenvolverase durante os días 7, 8, 13, 14 e 15 de novembro de 2007.

O horario será de 16.30 a 20.30 horas, cunha duración de 20 horas lectivas.

Contido.

1. Normas regulamentarias das entidades locais.

-Procedemento para a elaboración das disposicións xerais.

-Requirimentos.

-Clases de normas.

-Regulamentos dos entes locais.

2. Instrucións e ordes de servizo:

-Límite e discrecionalidade administrativa.

3. Ordenanzas de policía e bo goberno.

-O papel dos policías locais.

4. Análise e estudo de determinadas ordenanzas municipais que máis afecten o traballo policial.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos faraa pública o día 5 de novembro a partir das 14.00 horas, tanto a Deputación Provincial de Ourense como a Academia Galega de Seguridade Pública, os interesados poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 986 59 02 42/43/44 (Agasp) e na páxina web http://agasp.xunta.es, ou 988 38 51 42 (Departamento de Formación Continua da Deputación Provincial de Ourense).

Lugar.

O curso desenvolverase nas aulas do centro cultural da Deputación Provincial de Ourense sito na rúa Progreso nº 30.

Certificado de asistencia.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial de Ourense, se é o caso, poderán modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 19 de outubro de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "20800D005P019.PDF"