DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Venres, 26 de outubro de 2007 Páx. 17.285

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2007 pola que se convocan dous cursos sobre atención nos servizos de emerxencia.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de dous cursos sobre atención nos servizos de emerxencia, conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

A formación do persoal integrante dos servizos de protección civil, dos bombeiros e da garda civil, que nos seus centros de destino teñan instalados terminais remotos do 112, que lles permitan un mellor desenvolvemento da súa actividade na atención de chamadas de urxencia e emerxencias.

Segunda.-Destinatarios.

-Persoal integrante dos servizos de protección civil que teñan instalados terminais remotos do 112.

-Bombeiros pertencentes a parques que teñan instalados terminais remotos do 112.

-Gardas civís que presten servizos en acuartelamentos que teñan instalados terminais remotos do 112.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: vinte e sete (27) cada curso.

2. Duración e data: 22 horas lectivas por curso, o primeiro o 26 e 27 o segundo o 28 e 29 de novembro de 2007.

O horario será o seguinte:

-Mañás: das 9.30 ás 14.00 horas.

-Tardes: das 16.00 ás 20.00 horas.

3. Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos solicitantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar a solicitude que figura na páxina web http://agasp.xunta.es, ou cuberta á máquina ou con letra moi clara, a solicitude que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 20 de novembro de 2007.

4. As solicitudes deberán vir asinadas polo/a xefe/a do organismo a que estea adscrito o solicitante e co selo deste. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As solicitudes deberán tramitarse facendo uso do modelo de solicitude que aparece na páxina web: http://agasp.xunta.es, ou ben enviarse por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ao fax 986 59 09 88, ou poden presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

No curso trataranse os seguintes temas:

-A comunicación nun centro de emerxencias.

-A comunicación oral.

-A comunicación escrita.

-A comunicación por radio.

-A responsabilidade legal.

-Os terminais remotos do 112, funcionamento e coordinación.

-Servicio 112 de Galicia.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente ao inicio do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión consultando a páxina web http://agasp.xunta.es, ou ben chamando ao teléfono 986 59 02 46.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 15 de outubro de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "20800D004P017.PDF"