DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Venres, 26 de outubro de 2007 Páx. 17.280

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

RESOLUCIÓN conxunta do 25 de outubro de 2007, da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde e da Dirección Xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde, pola que se ordena a publicación do acordo subscrito pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e SAE, polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional con vínculo estatutario fixo nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

No marco da mesa sectorial da negociación do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, despois do proceso negociador, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e SAE acadaron o acordo polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional con vínculo estatutario fixo nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, que foi asinado polos representantes da Consellería de Sanidade e as citadas organizacións sindicais o día 21 de xuño de 2007.

O acordo anexo tivo lugar con base no disposto no artigo 37 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, pola que se regulan os órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, modificado pola Lei 18/1994, do 30 de xuño e de acordo co previsto no artigo 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco de persoal estatutario dos servizos de saúde.

O contido do acordo é o que figura como anexo a esta resolución, que foi autorizado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 25 de outubro de 2007.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVEN:

Dispoñer a publicación do acordo polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional con vínculo estatutario fixo nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2007.

Cayetano Rodríguez Escudero Antonio José Fernández Paniagua

Secretario xeral do Servizo Director xeral da División de

Galego de Saúde Recursos Humanos e Desenvolvemento

Profesional do Servizo Galego de Saúde

Acordo sobre réxime extraordinario de carreira profesional do persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitario de formación profesional.

Bases do acordo sobre réxime extraordinario de carreira profesional do persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional.

O acordo sobre mellora retributiva e profesional do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, asinado na Mesa Sectorial o 1 de outubro de 2003 e publicado no Diario Oficial de Galicia do 28 de novembro de 2003, prevé que durante a súa vixencia (2003-2006) se negociará na propia mesa o deseño da carreira profesional do persoal de xestión e servizos e sanitario de formación profesional, co fin de facer efectivo o dereito ao seu desenvolvemento profesional con base nos coñecementos, experiencia e cumprimento dos obxectivos da organización, e de conformidade cos criterios e principios que no futuro establecese o estatuto marco e a lexislación vixente no seu momento.

Neste momento xa está incorporado ao ordenamento xurídico o mandato de establecer sistemas de carreira profesional para este colectivo; en concreto, polo artigo 40 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco e polo artigo 59 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia. O estatuto marco, por outra parte, introduce un concepto retributivo novidoso, e exclusivo ata o momento dentro da estrutura xeral e básica dos funcionarios públicos, para a relación funcionarial de carácter especial do persoal estatutario: o complemento de carreira destinado a retribuír o grao acadado na carreira profesional.

Os sistemas de carreira hoxe vixentes para o persoal do Servizo Galego de Saúde -Decreto 155/2005, do 9 de xuño, para o persoal das categorías de licenciados sanitarios, Acordo do 4 de xullo de 2006 para o persoal diplomado sanitario- teñen por obxecto fundamental e inmediato a regulación dun sistema extraordinario de encadramento nos sucesivos graos, baseado no recoñecemento da traxectoria profesional do persoal actualmente fixo e da súa achega ao sistema -mediante a correspondente avaliación- e no obxectivo de progresar na homologación do réxime xurídico do persoal do organismo. Con estas bases e antecedentes procede regulamentar o réxime extraordinario de carreira profesional do persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional.

1. Obxecto.

a) Implantar un réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario fixo das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional do Servizo Galego de Saúde, mediante o seu encadramento inicial en catro graos de carreira profesional, como recoñecemento ao desenvolvemento acadado en canto a coñecementos, experiencia, responsabilidade e mellor adecuación das competencias e calidades persoais aos obxectivos do organismo.

b) Introducir, na estrutura retributiva deste colectivo, o complemento de carreira previsto polo estatuto marco.

2. Seguimento.

Para levar a efecto o desenvolvemento deste acordo, constituirase unha comisión de seguimento en que estarán representadas as organizacións asinantes e a Administración. Corresponderalle á dita comisión, ademais doutras intervencións expresamente referidas no clausulado, realizar o seguimento das medidas que se adopten para a aplicación do acordo e resolver as cuestións que xurdan na súa interpretación e execución.

Particularmente analizará os supostos de aplicación de graos derivados de incidencias pola prestación de servizos en distintas categorías.

3. Ámbito de aplicación.

Persoal estatutario fixo, das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, con praza en propiedade no Servizo Galego de Saúde.

4. Principios xerais.

O réxime extraordinario de carreira profesional a que se refire este acordo configúrase con base nos seguintes principios:

a) Voluntariedade: a participación no sistema é voluntaria e só procede por solicitude do interesado.

b) Gradualidade: o progreso na carreira profesional concrétase na aplicación dalgún dos graos que se definen neste acordo.

c) Personalidade: o recoñecemento do grao ten carácter persoal e individual.

d) Progresividade: o acceso aos diferentes graos é progresivo e sucesivo, de tal xeito que o acceso ao grao superior só se realizará coa acreditación previa do recoñecemento do grao inmediatamente inferior.

e) Mérito e competencia profesional: o recoñecemento do desenvolvemento profesional realízase en atención á experiencia do profesional e á avaliación favorable dos seus méritos.

f) Irreversibilidade: o grao recoñecido a un profesional ten carácter irreversible e consolidable no ámbito do Servizo Galego de Saúde.

g) Efectos retributivos: o recoñecemento dun grao implica o dereito a percibir o complemento de carreira na contía correspondente.

h) Excepcionalidade: o réxime extraordinario ten carácter excepcional e será de aplicación por unha soa vez aos profesionais comprendidos no seu ámbito de aplicación.

5. Graos de carreira profesional. Encadramento neles.

1. Estrutura

O sistema extraordinario de recoñecemento de desenvolvemento profesional, e de encadramento nos graos de carreira profesional, estrutúrase en catro graos (I a IV).

2. Período de servizos prestados para o acceso.

Para acceder aos sucesivos graos será preciso ter completados, no día inmediatamente anterior á data de efectos a que se refire a cláusula 11, en xornada ordinaria, os seguintes períodos de servizos prestados (como persoal estatutario, na categoría de acceso á carreira, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde):

a) Categorías de licenciados (grupo A).

Grao I: 5 anos.

Grao II: 12 anos.

Grao III: 19 anos.

Grao IV: 25 anos.

b) Categorías de diplomados (grupo B).

Grao I: 5 anos.

Grao II: 12 anos.

Grao III: 19 anos.

Grao IV: 25 anos.

c) Categorías de técnicos superiores (grupo C).

Grao I: 5 anos.

Grao II: 12 anos.

Grao III: 19 anos.

Grao IV: 25 anos.

d) Categorías de técnicos (grupo D).

Grao I: 5 anos.

Grao II: 12 anos.

Grao III: 19 anos.

Grao IV: 25 anos.

e) Outro persoal (grupo E).

Grao I: 5 anos.

Grao II: 12 anos.

Grao III: 19 anos.

Grao IV: 25 anos.

3. Tratamento da promoción interna.

Cómputo adicional de servizos que se prestasen como persoal fixo noutras categorías en todos os graos.

Os principios xerais que inspiran esta regulación e que deben servir de guía para a súa aplicación son os seguintes.

3.1. Acceso e progreso na carreira profesional.

3.1.1. Poderá solicitarse o acceso en varias categorías, nas cales se prestasen servizos para o Servizo Galego de Saúde como persoal estatutario fixo, sempre que se está en activo no Servizo Galego de Saúde nunha delas.

3.1.2. Con carácter xeral, o persoal incluído no ámbito de aplicación do acordo accederá ao grao I, e progresará na carreira, na categoría na cal estea en situación de activo ou asimilada (reserva de posto) no primeiro prazo de presentación de solicitudes que se abra en execución do acordo.

3.1.3. Poderá completarse a carreira na categoría en que se inicie con independencia de que no futuro se acceda a outra categoría por promoción interna.

3.2. Aspectos retributivos (complemento de carreira):

3.2.1. O complemento de carreira resultante dos graos recoñecidos percibirase con independencia do cambio de categoría derivado da promoción interna temporal ou fixa.

3.2.2. No suposto de que se teñan recoñecidos graos en diversas categorías, cada grao da categoría de grupo superior absorbe un grao das categorías de grupo inferior.

3.3. Medidas de adaptación:

Coa finalidade de que os procesos de promoción interna non prexudiquen a carreira profesional deste colectivo, adoptaranse as seguintes medidas:

3.3.1. Poderá solicitarse adicionalmente o recoñecemento do grao I, e progresar posteriormente na carreira, noutras categorías do ámbito de aplicación do acordo nas cales prestase servizos como persoal estatutario fixo nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

3.3.2. O persoal que se incorpore no futuro a outra categoría como persoal fixo, polos procedementos de promoción interna, poderá progresar no recoñecemento de graos na categoría orixinaria consonte a secuencia temporal establecida no acordo; e isto con independencia de que optase pola situación de excedencia nesta, e sempre que se atope en activo na categoría a que accedeu por promoción interna. Este persoal poderá iniciar a súa carreira profesional na nova categoría consonte o sistema que no seu momento se estableza.

A comisión de seguimento, con carácter previo á apertura dos sucesivos prazos de solicitude de graos, determinará os termos concretos en que se executarán as medidas referidas, para a súa incorporación ás correspondentes resolucións de apertura de prazo. Para tales efectos atenderase o principio xeral de que o mesmo período de servizos non sexa computado para progresar na carreira de dúas categorías.

Para solicitar o recoñecemento dos sucesivos graos requirirase estar en situación de activo ou asimilada (reserva de posto), no prazo de presentación de solicitudes, nalgunha das categorías incluídas no ámbito de aplicación do acordo.

3.4. Tratamento dos servizos prestados en varias categorías.

3.4.1. En atención á súa natureza de retribución persoal, o complemento de carreira resultante dos graos recoñecidos percibirase e manterase con independencia dos cambios de categoría que resulten dos procesos de promoción interna. Porén, o complemento de carreira de cada grao absorberá o complemento de carreira correspondente a un grao da outra ou outras categorías en que se teñan graos recoñecidos.

3.4.2. Para a valoración dos servizos prestados noutra categoría distinta á que se opta teranse en conta as seguintes áreas funcionais:

-Sanitaria.

-Administrativa.

-Mantemento.

-Hostalaría.

-Informática.

Os servizos prestados nas categorías de celador/a, persoal de servizos xerais, pinche, pasador/a de ferro e lavandeiro/a serán valorados como mesma área funcional nas áreas funcionais sanitaria, administrativa e de mantemento.

Os servizos prestados nas categorías de grupo técnico, grupo de xestión, grupo administrativo, grupo auxiliar da función administrativa e persoal de servizos xerais serán valorados indistintamente nas áreas funcionais administrativas e informática.

Os servizos prestados na categoría de telefonista serán valorados indistintamente nas áreas funcionais administrativa e de mantemento.

a) Para incorporarse ao réxime extraordinario de carreira (grao I), e progresar a cada grao, ademais da totalidade dos servizos prestados na categoría de acceso (como fixo ou temporal, incluíndo os servizos prestados por promoción interna temporal), computaranse adicionalmente os servizos que se prestaron como persoal fixo noutras categorías da mesma área funcional que a categoría de acceso, de acordo coa seguinte escala (referencia 100%: servizos na categoría de acceso á carreira profesional):

-Mesmo ou superior grupo de clasificación (por nivel de titulación: A,B,C,D ou E): 100 %.

-Grupo inferior en un nivel: 85%.

-Grupo inferior en dous niveis: 70%.

-Grupo inferior en tres niveis: 55%.

-Grupo inferior en catro niveis: 35%.

b) Os servizos prestados como persoal fixo en categorías de distinta área funcional computarán para acceder ao grao I de acordo coa seguinte escala (referencia 100%: servizos na categoría de acceso):

-Mesmo ou superior grupo de clasificación (por nivel de titulación: A, B, C, D ou E): 90%.

-Grupo inferior en un nivel: 75%.

-Grupo inferior en dous niveis: 60%.

-Grupo inferior en tres niveis: 45%.

-Grupo inferior en catro niveis: 25%.

3.4.3. O cómputo de servizos noutras categorías, e a conseguinte porcentaxe, realizarase respecto á categoría en que se tiña nomeamento como persoal fixo.

O cómputo dos servizos prestados en categorías inferiores para o acceso ou progreso na carreira dunha categoría superior requirirá estar en situación de activo ou asimilada (reserva de posto) na categoría superior.

3.4.4. Os servizos prestados como persoal funcionario ou laboral nas institucións sanitarias transferidas ao Servizo Galego de Saúde, polo persoal integrado no réxime estatutario en virtude dos procesos de homologación tramitados polo Servizo Galego de Saúde, considéranse como prestados nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde para os efectos do previsto no punto 2.

6. Acceso ao sistema. Requisitos.

Para acceder ao recoñecemento dos graos I e sucesivos, na data dos efectos a que se refire a cláusula 11, os profesionais deberán cumprir ou estar en condicións de cumprir no día inmediatamente anterior os requisitos seguintes:

a) Posuír a condición de persoal estatutario fixo da categoría en que se solicite o acceso á carreira, con praza en propiedade nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

b) Estar en situación de activo ou asimilada na dita categoría, de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco.

c) Acreditar o tempo de experiencia profesional, na mesma categoría, a que se refire a cláusula anterior para cada grao.

d) Ter acreditado o grao inmediatamente inferior ao solicitado, para os casos do grao II e sucesivos, sen prexuízo do establecido no punto 3.3.2 destas bases.

e) Obter avaliación favorable.

f) Presentar solicitude de recoñecemento do grao en tempo e forma.

7. Criterios de avaliación.

1. O recoñecemento dos sucesivos graos requirirá a avaliación favorable dos méritos do interesado relacionados cos seguintes aspectos do seu desenvolvemento profesional:

a) Desempeño do posto.

b) Formación.

c) Docencia e investigación.

d) Compromiso coa organización.

a) Desempeño do posto: valorarase o nivel de desempeño nas actividades principais dos postos e/ou, segundo o caso, as actividades de colaboración.

b) Valoración en todo caso e, como mínimo, da formación continuada acreditada e a derivada do Plan de formación das administracións públicas.

c) Actividade docente.

d) Compromiso coa organización. Entre outras, consideraranse relacionadas con este aspecto do desenvolvemento profesional as seguintes actividades: participación en comités internos, na elaboración de protocolos de mellora dos procedementos de traballo, proxectos institucionais; exercicio de funcións de dirección, xefatura, coordinación e supervisión; así como outros aspectos de formación complementaria (mestrados e cursos superiores e de especialización relacionados coas funcións propias do posto de traballo, curso básico de prevención de riscos laborais, e formación en materia de xestión e organización sanitaria).

2. A comisión de seguimento deste acordo determinará, para a súa publicación, os méritos e baremos aplicables para o acceso aos sucesivos graos, dentro da estrutura básica fixada no punto anterior e en atención ao grupo e categoría profesional e ao nivel de implantación do sistema.

Para a fixación dos baremos atenderase ao desenvolvemento profesional individual na súa globalidade, de forma que poderán establecerse fórmulas que permitan compensar o maior ou menor desenvolvemento dos diversos aspectos da actividade profesional.

3. O Servizo Galego de Saúde, ou os órganos directivos das institucións adscritas a el, poderán determinar actividades ou requirimentos específicos, dentro dos propios de cada grupo ou categoría, que serán especialmente considerados nos baremos e no proceso de avaliación. A relevancia na avaliación destas actividades ou requirimentos específicos estará condicionada á súa difusión ou publicación previa.

8. Supostos excepcionais.

Prescindirase dos méritos vinculados directamente co desempeño do posto, na correspondente avaliación, no caso dos profesionais que permanecesen nalgunha das seguintes situacións:

a) Situación de servizos especiais a que se refire o artigo 64 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

b) Os períodos de permisos por dereitos sindicais.

c) Excedencia por coidado de familiares.

d) Licenza por maternidade.

e) Incapacidade temporal.

9. Órganos de avaliación.

1. Comités de avaliación: constituiranse comités de avaliación en cada institución sanitaria e, de ser o caso, nivel asistencial. O número de comités e a súa composición determinaraos a comisión de seguimento deste acordo.

Correspóndelles aos comités avaliar os méritos dos solicitantes adscritos á institución e emitir as propostas de resolución.

2. Créase a Comisión Técnica de Avaliación, de carácter paritario, integrada por un representante designado por cada unha das organizacións sindicais asinantes do acordo e idéntico número de membros designados pola Administración, exercendo a presidencia un representante da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde.

Correspóndelle á Comisión Técnica de Avaliación:

a) Realizar o seguimento dos procesos de avaliación e fixar criterios de xeral aplicación.

b) Emitir informe, previamente a que se dite a correspondente resolución, sobre as avaliacións negativas realizadas polos comités, así como sobre calquera solicitude de recoñecemento de grao que lle sexa sometida facultativamente pola División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional.

A comisión, motivadamente, poderá asumir a avaliación dos méritos de determinados colectivos de solicitantes, particularmente, daqueles que, por atoparse en situacións que impliquen desvinculación da actividade asistencial, non poidan someterse ao sistema xeral de avaliación.

10. Efectos do recoñecemento.

O recoñecemento do desenvolvemento profesional outorgaralles aos profesionais os seguintes dereitos:

a) A súa constancia para os efectos do currículo.

b) A acceder ao grao superior sempre que se acrediten os demáis requisitos exixidos.

c) Á percepción do complemento de carreira na contía correspondente ao grao de encadramento.

11. Desenvolvemento do sistema.

O recoñecemento extraordinario da carreira profesional ao persoal estatutario fixo e con praza en propiedade no Servizo Galego de Saúde, pertencente á correspondente categoría de xestión e servizos ou sanitaria de formación profesional, e o conseguinte encadramento nos sucesivos graos, realizarase nunha única vez e nun único procedemento no ano de efectividade para cada un dos graos e colectivos, de conformidade coa seguinte secuencia:

-Grao I: efectos de 1 de xullo de 2007.

-Grao II: efectos de 1 de xullo de 2008.

-Grao III: efectos de 1 de xullo de 2009.

-Grao IV: efectos de 1 de xullo de 2010.

12. Procedemento de recoñecemento do grao de carreira profesional.

Por resolución da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional iniciarase o procedemento para o recoñecemento do correspondente grao.

A dita resolución determinará en todo caso:

a) O baremo aplicable, de conformidade co que se establece na cláusula 7.

b) O prazo de presentación de solicitudes, que será como mínimo de vinte días hábiles.

c) A documentación que deberá presentar o solicitante.

d) O procedemento de avaliación, nos termos previsto neste acordo.

As solicitudes serán resoltas nos tres meses seguintes á finalización do prazo para a súa presentación. Caso de non notificarse a resolución nese prazo, entenderanse desestimadas.

13. Complemento de carreira.

Establécese, para o colectivo incluído no ámbito de aplicación deste acordo, e como retribución complementaria de carácter fixo, o complemento de carreira destinado a retribuír o grao recoñecido de carreira profesional. As contías anuais do complemento, resultantes do progreso na carreira tras a implantación do sistema, serán as seguintes:

Ver referencia pdf "20800D003P012.PDF"

A Administración, logo de acordo da Comisión de Seguimento, poderá dispoñer a percepción da contía anual nun único pagamento.

Contías 2012: actualización.

As contías no exercicio 2012 calcularanse sobre as contías do ano 2011, actualizadas cos incrementos respectivos que se establezan nas leis de orzamentos dos anos 2008, 2009, 2010 e 2011. A partir de 2013 as contías terán as actualizacións anuais previstas nas leis.

14. Cláusulas adicionais.

Primeira.-O complemento de carreira absorberá os complementos persoais transitorios de conformidade coa normativa orzamentaria.

Segunda.-O persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde que desempeñe un posto de traballo da relación de postos de traballo do Servizo Galego de Saúde ou da Consellería de Sanidade, persoal estatutario designado como alto cargo das referidas estruturas, e persoal estatutario en postos directivos das institucións sanitarias do organismo autónomo, percibirán o complemento de carreira correspondente ao grao de desenvolvemento profesional que teñan recoñecido consonte este réxime extraordinario.

Terceira.-O persoal estatutario fixo do grupo A con nomeamento orixinario de persoal técnico superior (non sanitario), persoal médico xeral ou outros licenciados sanitarios, que actualmente veña desempeñando unha praza de facultativo especialista de área (psicólogo/a clínico/a especialista de área, médico/a xeral en praza de especialista) por diversas resolucións do Servizo Galego de Saúde e como consecuencia da presentación dun título de especialista en ciencias da saúde, accederá ao réxime extraordinario ao abeiro e de conformidade co previsto neste acordo.

A contía do seu complemento de carreira, e o procedemento para obter avaliación favorable, serán os establecidos no Decreto 155/2005 para o persoal das categorías de licenciados sanitarios. Os servizos prestados acreditados que lle serviron para obter a prazas de especialista, computarían para os efectos deste acceso.

Cuarta.-Ao persoal técnico en sistemas de información que con motivo da creación da categoría e por mor das normas de integración se integrou nun grupo de clasificación superior ao de orixe, computaránselle os servizos prestados sen solución de continuidade no Servizo Galego de Saúde como do grupo resultante da integración.

Quinta.-Os profesionais da categoría de técnico superior ou de grao medio non sanitarios, que ocupen prazas con data anterior á convocatoria de oferta de emprego extraordinaria vehiculada por mor da Lei 16/2001, en títulos universitarios ou especialidades formativas derivadas dos postos obxecto de selección temporal, e que non foron ofertadas para acceso fixo, poderán optar polo acceso ao réxime de carreira previsto neste acordo, sempre que accedan á praza fixa desta categoría no Servizo Galego de Saúde na primeira convocatoria que se realice.

Poderán solicitar o acceso ao réxime de carreira previsto neste acordo, no prazo dun mes desde a data da toma de posesión da praza, nas mesmas condicións ca o resto do persoal de xestión e servizos.

Sexta.-Os funcionarios e laborais transferidos das corporacións locais que non optaron pola integración ao réxime estatutario terán acceso ao sistema ordinario de carreira profesional que se regule para o persoal estatutario.

Aplicaranse a estes funcionarios e laborais transferidos das corporacións locais os contidos dos acordos retributivos acadados para o resto do persoal laboral e funcionario da Xunta de Galicia.

Para facilitar o acceso do persoal anterior a este réxime extraordinario de carreira profesional, tramitarase unha nova oferta de integración no réxime estatutario á entrada en vigor deste acordo, que permita a este colectivo incorporarse ao réxime extraordinario nas mesmas condicións ca o resto de persoal.

Sétima.-O persoal interino que acceda a prazas no Servizo Galego de Saúde na vixente oferta de emprego terá especial consideración no acceso ao sistema ordinario de carreira profesional que se regule.

Oitava.-Mediante orde da Consellería de Sanidade determinaranse os requisitos e o sistema de avaliación para o acceso ao recoñecemento previo do nivel profesional en termos semellantes aos recollidos neste acordo, tras o remate dos procesos previstos no Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade, para o persoal fixo o 31-12-2005, que optase pola súa integración no réxime estatutario, nas categorías de persoal de xestión e servizos e persoal sanitario de formación profesional.

Así mesmo, determinará o procedemento para a presentación de solicitudes e recoñecemento do nivel de desenvolvemento profesional con determinación do alcance e a efectividade deste, tendo en conta os efectos económicos seguintes:

Grao I: efectos de xullo de 2008.

Grao II: efectos de xullo de 2009.

Grao III: efectos de xullo de 2010.

Grao IV: efectos de xullo de 2011.

Novena.-O sistema ordinario de carreira profesional negociarase para ser aplicado en xullo de 2008.