DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Xoves, 25 de outubro de 2007 Páx. 17.219

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 198/2007, do 27 de setembro, polo que se establece a ordenación do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 45 que as ensinanzas artísticas teñen como finalidade proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais da música, e no artigo 48 preceptúa que as ensinanzas elementais de música terán as características e a organización que as administracións educativas determinen.

A Comunidade Autónoma de Galicia estableceu o currículo do grao elemental das ensinanzas de música a través do Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establecen os currículos do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música, e o acceso aos devanditos graos, en desenvolvemento do Real decreto 756/1992, do 26 de xuño, polo que se establecen os aspectos básicos dos currículos dos graos elemental e medio das ensinanzas de música.

A experiencia alcanzada desde a promulgación do citado decreto, xunto co desenvolvemento da nova lei de educación, aconsellan establecer un novo marco normativo para a ordenación académica das ensinanzas elementais de música.

A finalidade do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música é promover a autonomía do alumnado para que a súa capacidade de expresión musical adquira a calidade artística necesaria que permita acceder ao grao profesional.

Xa que logo, o presente decreto establece o currículo do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, regula o acceso a estas ensinanzas, así como os requisitos mínimos dos conservatorios elementais de música e dos centros autorizados elementais de música no relativo á relación numérica entre o alumnado e o profesorado, instalacións docentes e número de postos escolares.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Da finalidade e organización das ensinanzas

elementais de música

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto regula o currículo da ensinanza da música do grao elemental consonte o establecido no artigo 48 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. Así mesmo, esta disposición regula os criterios de ingreso ao grao elemental.

3. Este decreto ten igualmente a finalidade de establecer os requisitos mínimos dos conservatorios elementais de música e dos centros autorizados elementais de música no relativo á relación numérica entre o alumnado e o profesorado, instalacións docentes e número de postos escolares.

4. Este decreto é de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia, nos conservatorios de música e nos centros autorizados de música que conten coa autorización para a impartición do grao elemental de música.

Artigo 2º.-Finalidade.

1. A finalidade do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música é promover a autonomía do alumnado para que a súa capacidade de expresión musical adquira a calidade artística necesaria que permita acceder ao grao profesional.

2. A ensinanza da música no grao elemental organízase en catro cursos.

Artigo 3º.-Obxectivos xerais.

O grao elemental das ensinanzas de música ha contribuír a desenvolver no alumnado as seguintes capacidades:

a) Apreciar a importancia da música como linguaxe artística e medio de expresión cultural dos pobos e das persoas.

b) Expresarse con sensibilidade musical e estética para interpretar a música de diferentes épocas e estilos, gozar con ela e enriquecer as propias posibilidades de comunicación e de realización persoal.

c) Coñecer e valorar a importancia da respiración e do dominio do propio corpo no desenvolvemento da técnica instrumental, da calidade do son e da interpretación.

d) Relacionar os coñecementos musicais coas características da escritura e da literatura do instrumento da especialidade, coa finalidade de adquirir as bases que permitan desenvolver a interpretación artística.

e) Interpretar en público, coa necesaria seguridade en si mesmo, para vivir a música como medio de comunicación.

f) Interpretar música en grupo habituándose a escoitar outras voces ou instrumentos, e adaptarse harmonicamente ao conxunto.

g) Ser consciente da importancia do traballo individual e adquirir a capacidade de escoitarse e ser crítico consigo mesmo.

h) Valorar o silencio como elemento indispensable para o desenvolvemento da concentración, a audición interna e o pensamento musical.

i) Ser consciente da importancia dunha escoita activa como base imprescindible na formación de futuros profesionais.

j) Fomentar a utilización do patrimonio musical en xeral, e a do galego en particular, como medio indispensable no enriquecemento da persoa e da súa formación musical.

Artigo 4º.-Especialidades das ensinanzas elementais de música.

O currículo do grao elemental referirase a cada unha das seguintes especialidades:

Acordeón.

Arpa.

Baixo eléctrico.

Clarinete.

Clave.

Contrabaixo.

Fagot.

Frauta traveseira.

Frauta de bico.

Gaita.

Guitarra.

Guitarra eléctrica.

Instrumentos de puga.

Óboe.

Percusión.

Piano.

Saxofón.

Trombón.

Trompa.

Trompeta.

Tuba.

Viola.

Viola da gamba.

Violín.

Violoncello.

Capítulo II

Do currículo

Artigo 5º.-Currículo.

1. As materias correspondentes a cada curso do grao elemental das especialidades e os tempos lectivos son os que se establecen no anexo I deste decreto.

2. Os obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación para as especialidades e materias das ensinanzas elementais de música son os que se establecen no anexo II deste decreto.

3. De acordo co establecido no artigo 121 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, os centros docentes concretarán e complementarán, dentro do proxecto educativo de centro, o currículo das ensinanzas de música do grao elemental mediante a elaboración de concrecións curriculares.

4. O proxecto educativo do centro incluirá, así mesmo, a distribución por cursos dos obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación de cada materia. A devandita distribución non deberá variar para un mesmo grupo de alumnado ao longo do grao.

5. Os departamentos didácticos desenvolverán as programacións da súa actividade docente consonte o currículo e o proxecto educativo do centro.

Artigo 6º.-Materias que constitúen o currículo.

As ensinanzas elementais de música organízanse nas materias seguintes:

1. Materias comúns a todas as especialidades:

a) Linguaxe musical.

b) Educación auditiva e vocal.

2. Materia específica de cada especialidade:

Instrumento.

Capítulo III

Do acceso e a matrícula

Artigo 7º.-Requisitos e proba de acceso.

1. Para acceder ás ensinanzas de grao elemental de música será requisito imprescindible superar unha proba específica de acceso, que garante os principios de igualdade, mérito e capacidade.

2. O procedemento de acceso ao primeiro curso de grao elemental atenderá exclusivamente á avaliación das aptitudes musicais das persoas aspirantes e á idade idónea para iniciar os seus estudos nas especialidades instrumentais. En todo caso, a idade mínima de acceso será de oito anos e a máxima de catorce anos, cumpridos ou por cumprir dentro do ano natural.

3. A proba para avaliar as aptitudes musicais incluirá, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Exercicio para avaliar a aptitude rítmica.

b) Exercicio para avaliar a aptitude auditiva e vocal.

c) Exercicio para avaliar a aptitude psicomotriz.

4. A realización destes exercicios efectuarase de xeito que ningún deles teña carácter eliminatorio. A valoración realizarase considerando tanto cada un dos aspectos sinalados no punto anterior como o conxunto da proba globalmente.

Artigo 8º.-Acceso a outros cursos.

1. Poderase acceder a calquera outro curso do grao elemental sen ter superados os anteriores, sempre que se supere a correspondente proba. En calquera caso, o acceso a outro curso do grao elemental estará supeditado á existencia de prazas vacantes na especialidade solicitada.

2. Estas probas avaliarán, ademais das aptitudes e da idade idónea, a capacidade e os coñecementos dos alumnos e das alumnas para continuar os estudos nas especialidades instrumentais para as que se solicite a praza.

3. En todo caso, para o acceso aos cursos do grao elemental a idade mínima de acceso será de oito anos e a máxima de catorce anos, cumpridos ou por cumprir dentro do ano natural.

Artigo 9º.-Cualificación das probas de acceso.

1. As puntuacións definitivas obtidas polo alumnado nas probas de acceso a calquera dos cursos do grao elemental axustaranse á cualificación numérica de 1 a 10, ata un máximo dun decimal. Cumprirá obter, como mínimo, a cualificación de cinco puntos para superar a proba.

2. A superación da proba de acceso faculta exclusivamente para matricularse no curso académico en que fose convocada.

3. As puntuacións definitivas obtidas na proba de acceso serán as que determinen a matriculación do alumnado.

Artigo 10º.-Matriculación.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá as normas de admisión e matrícula, así como as condicións dos traslados de centro.

2. No caso do alumnado que curse máis dunha especialidade, ou que cambie de especialidade durante o grao elemental, unicamente cursará as materias comúns por unha delas. Unha vez cursadas e superadas nunha especialidade, a cualificación obtida é válida para todas as especialidades.

Artigo 11º.-Matrícula excepcional.

É competencia do consello escolar de cada centro autorizar, con carácter excepcional, a ampliación de matrícula ao curso seguinte do alumnado que, tras a orientación do profesorado, así o solicite, sempre que o informe da totalidade do profesorado do alumno ou da alumna asegure a súa adecuada capacidade de aprendizaxe do curso actual e daquel ao que aspire a acceder.

Capítulo IV

Da avaliación, a promoción e a permanencia

Artigo 12º.-Avaliación.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará o procedemento de avaliación, promoción e permanencia do alumnado, que se axustará ao disposto nos puntos seguintes.

2. A avaliación no grao elemental levarase a cabo tendo en conta os obxectivos e os criterios de avaliación establecidos no currículo.

3. A avaliación da aprendizaxe dos alumnos e das alumnas será continua, cualitativa e integradora, aínda que diferenciada segundo as materias do currículo.

4. A avaliación, supervisada pola xefatura de estudos, realizaraa o conxunto do profesorado do alumno ou da alumna coordinado polo profesor ou a profesora que exerzan a titoría. Este profesorado actuará de xeito integrado ao longo do proceso de avaliación e na adopción de decisións resultantes do devandito proceso.

5. O profesorado avaliará tanto a aprendizaxe dos alumnos e das alumnas como os procesos de ensino e a súa propia práctica docente.

6. Os resultados da avaliación final das materias que compoñen o currículo expresaranse mediante a escala numérica de 1 a 10 sen decimais. Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco, e negativas as inferiores a cinco.

7. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará as condicións para que os centros organicen as oportunas probas extraordinarias co fin de lle facilitar ao alumnado a recuperación de materias con avaliación negativa.

Artigo 13º.-Promoción.

1. O alumnado promoverase ao curso superior cando teña superadas as materias cursadas ou teña avaliación negativa, como máximo, nunha materia.

2. No suposto de que a materia pendente sexa de práctica instrumental, a recuperación da materia deberá realizarse na clase do curso seguinte. No resto dos casos, o alumnado deberá asistir ás clases da materia non superada no curso anterior.

3. A cualificación negativa en dúas ou máis materias dun curso ou de varios impedirá a promoción ao curso seguinte.

4. O alumno ou a alumna que ao remate do cuarto curso tivese pendente de avaliación positiva dúas ou máis materias deberá repetir o curso na súa totalidade. Cando a cualificación negativa se produza nunha materia só cumprirá que realice a materia pendente.

5. En relación co punto anterior, os centros poderán, segundo a súa dispoñibilidade, autorizar a asistencia do alumnado cunha materia pendente, como oínte, ás clases daquelas materias xa superadas.

Artigo 14º.-Permanencia.

1. O límite de permanencia en cada curso de grao elemental será de dous anos, sen que o alumnado poida permanecer máis de cinco anos no devandito grao.

2. Con carácter excepcional, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar a ampliación nun ano da permanencia do alumnado no grao elemental, en supostos de doenza que perturbe substancialmente o desenvolvemento dos estudos ou outros supostos que merezan igual consideración.

Capítulo V

Dos documentos de avaliación

Artigo 15º.-Documentos de avaliación.

1. Son documentos de avaliación das ensinanzas elementais de música o expediente académico persoal, as actas de avaliación e os informes de avaliación individualizados.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ha determinar as características e a validez dos documentos de avaliación aos que fai referencia o punto anterior.

Artigo 16º.-Certificado.

1. O alumnado recibirá, ao finalizar o grao elemental, un certificado expedido pola dirección do centro educativo en que consten os cursos e as materias, así como as cualificacións obtidas.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ha determinar as características e a validez da certificación a que fai referencia este artigo.

Capítulo VI

Dos requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de grao elemental de música

Artigo 17º.-Instalacións.

1. Con carácter xeral, as ensinanzas correspondentes ao grao elemental de música impartiranse nos conservatorios elementais ou profesionais de música, e nos centros autorizados elementais ou profesionais de música.

2. Os centros elementais de ensinanza de música deberán situarse en edificios independentes e contar, como mínimo, coas instalacións seguintes:

a) Unha sala polivalente cunha superficie mínima de 100 metros cadrados destinada, entre outros usos docentes e académicos, á ensinanza e ás actividades instrumentais e vocais de conxunto.

b) Unha superficie de 40 metros cadrados, como mínimo, destinada aos servizos de biblioteca, videoteca e fonoteca, acorde coas necesidades das especialidades que imparta o centro.

c) Un despacho de dirección.

d) Unha secretaría.

e) Unha sala para o profesorado de tamaño adecuado ao número de postos escolares autorizados e nunca inferior a 30 metros cadrados.

f) Aseos e servizos hixiénico-sanitarios en número adecuado á capacidade do centro, tanto para o alumnado como para o profesorado.

g) O número de aulas de ensinanza instrumental individual, cunha superficie mínima de 15 metros cadrados, que se precise para garantir o horario lectivo que se estableza no plan de estudos, tendo en conta o horario de funcionamento do centro, o número de postos escolares e a relación numérica entre o profesorado e o alumnado. As aulas contarán coas calidades acústicas axeitadas.

h) O número de aulas de ensinanza non instrumental, cunha superficie mínima de 25 metros cadrados, que se precise para garantir o horario lectivo que se estableza no plan de estudos, tendo en conta o horario de funcionamento do centro, o número de postos escolares e a relación numérica entre o profesorado e o alumnado.

Artigo 18º.-Postos escolares e relación numérica entre profesorado e alumnado.

1. Os centros elementais de ensinanzas de música terán un mínimo de 80 postos escolares.

2. Os centros elementais de ensinanzas de música impartirán as especialidades que conformen, polo menos, unha familia instrumental.

3. A relación numérica máxima entre o profesorado e o alumnado nos centros elementais de ensinanza de música será:

a) Nas clases de ensinanza non instrumental: 1/13.

b) Nas clases de ensinanza instrumental individual: 1/1.

Disposicións adicionais

Primeira.-Implantación do grao elemental e incorporación a este do alumnado que estea a cursar as ensinanzas reguladas polo Real decreto 756/1992, do 26 de xuño.

1. En cumprimento co establecido no artigo 20 do Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no ano académico 2007-2008 implantaranse os catro cursos do grao elemental e deixarán de impartirse as ensinanzas do grao elemental de música reguladas polo Real decreto 756/1992, do 26 de xuño, polo que se establecen os aspectos básicos do currículo dos graos elemental e medio das ensinanzas de música.

2. O alumnado procedente do plan de estudos regulado polo Real decreto 756/1992, do 26 de xuño, incorporarase ao curso que lle corresponda segundo a nova ordenación establecida neste decreto.

Segunda.-Equivalencia entre as ensinanzas do grao elemental e as reguladas polo Real decreto 756/1992, do 26 de xuño.

1. En cumprimento do establecido no artigo 20 do Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, as certificacións acreditativas do grao elemental de música do plan de estudos regulado polo Real decreto 756/1992, do 26 de xuño, terán os mesmos efectos que as certificacións a que fai referencia o artigo 16º deste decreto.

2. Para estes efectos, as equivalencias entre as ensinanzas do grao elemental recollidas neste decreto e as establecidas polo Real decreto 756/1992, do 26 de xuño, son as seguintes:

Ver referencia pdf "20700D003P007.PDF"

Terceira.-Incorporación do alumnado procedente de plans de estudos anteriores, con materias pendentes.

1. Cando un alumno ou unha alumna teña non superadas dúas ou máis materias do curso que estea a realizar das ensinanzas establecidas no Real decreto 756/1992, do 26 de xuño, incorporarase ao mesmo curso das ensinanzas reguladas por este decreto, que deberá realizar completo.

2. Así mesmo, cando se teña cualificación negativa nunha materia do curso que se estea a realizar das ensinanzas establecidas no Real decreto 756/1992, do 26 de xuño, incorporarase ao curso seguinte das ensinanzas reguladas por este decreto.

3. En relación co punto anterior, a equivalencia das materias do grao elemental dispostas no Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establecen os currículos do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso aos devanditos graos, con distinta denominación ás establecidas neste decreto é a seguinte:

Ver referencia pdf "20700D003P007.PDF"

Cuarta.-Creación de novas especialidades.

A relación de especialidades que se inclúe no artigo 4º deste decreto poderá ser ampliada con outras que, en razón do seu grao de interese etnográfico, histórico ou cultural, estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Quinta.-Alumnado con discapacidade.

1. No marco das disposicións establecidas na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, os centros escolares de nova creación deberán cumprir as disposicións vixentes en materia de promoción da accesibilidade. O resto dos centros deberán adecuarse á devandita lei nos prazos e cos criterios establecidos nela.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas oportunas para a adaptación do currículo ás necesidades do alumnado con discapacidade. En todo caso, esas adaptacións deberán respectar no esencial os obxectivos fixados neste decreto.

Sexta.-Adscrición da materia de educación auditiva e vocal.

Consonte o artigo 4 do Real decreto 989/2000, do 2 de xuño, polo que se establecen as especialidades do corpo de profesorado de música e artes escénicas, se adscribe a elas o profesorado do devandito corpo e se determinan as materias que deberá impartir, a materia de educación auditiva e vocal queda adscrita á especialidade de linguaxe musical.

Sétima.-Adecuación de tempos lectivos.

1. Cando as circunstancias pedagóxicas así o aconsellen e segundo as dispoñibilidades dos centros, o ensino instrumental no grao elemental de todas as especialidades poderá distribuírse en dous períodos lectivos semanais de 30 minutos.

2. Cando as condicións o permitan, o alumnado dunha mesma especialidade recibirá unha clase colectiva de 60 minutos á semana.

Oitava.-Preparación das probas.

1. Para os efectos de preparar o acceso do alumnado ás ensinanzas do grao elemental, e segundo a dispoñibilidade dos centros, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar aos centros que o soliciten un curso ou cursiño preparatorio, previo ao grao elemental e coa duración que se determine, que non terá carácter oficial para os efectos de selección, promoción, permanencia e avaliación do alumnado.

2. En relación co disposto no punto anterior, a eventual superación deste curso por parte do alumnado non lle dará dereito á continuación dos estudos no grao elemental.

Disposición transitoria

Única.-Probas extraordinarias.

Sen prexuízo do establecido na disposición adicional terceira deste decreto, no ano académico 2007-2008 a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá unha proba extraordinaria para o alumnado procedente do plan de estudos anterior, cunha materia pendente, sempre que esta sexa a de música activa, coro ou audicións comentadas.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Quedan derrogados os artigos 1, 2, 3, 4, 5, 6, 11, 13, 14, 15, 16, 17, 18 e 19, así como as disposicións adicionais primeira, segunda e terceira, do Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso aos ditos graos, no relativo á regulación do grao elemental, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días seguintes aos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de setembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "20700D003P007.PDF"

ANEXO II

Linguaxe musical

Introdución

A música constitúe, polas súas características e pola riqueza dos seus elementos, un «obxecto» equivalente ou comparable a un ser humano. A través do ritmo, a música afecta ao individuo a nivel corporal; pola melodía chega á súa afectividade, e pola harmonía e a súa estrutura formal e artística esperta na persoa unha resposta superior de orde mental ou supramental.

Como linguaxe, a música é tan natural para o ser humano como o seu propio idioma e, como tal, pode transmitir impresións, sentimentos e estados de ánimo.

A finalidade da linguaxe musical é o desenvolvemento das capacidades vocais, rítmicas, psicomotoras, auditivas e expresivas, de tal xeito que o código musical se convirta nun instrumento útil e eficaz de comunicación e representación, aspectos básicos que integran a práctica musical igual que en toda actividade lingüística.

A acción pedagóxica, no grao elemental, centrarase en conseguir un dominio da lectura e da escritura que lle permita ao alumnado a autonomía necesaria para seguir afondando na aprendizaxe da linguaxe, sen esquecer que a comprensión auditiva é unha capacidade que se debe desenvolver sistematicamente, por ser o oído a base da recepción musical. Esta preocupación pola práctica auditiva vén potenciada pola inclusión, no grao elemental, da materia de educación auditiva e vocal, que estará profundamente relacionada coa de linguaxe musical.

A aprendizaxe da linguaxe musical baséase na práctica sistemática. Así, proponse desenvolver catro capacidades esenciais: saber escoitar, saber cantar, saber ler e saber escribir, obxectivos básicos que posibilitarán unha formación axeitada para o acceso ao grao profesional. Este proceso hase establecer na seguinte orde: facer, oír/sentir, recoñecer/entender.

A potenciación da memoria debe ser un aspecto básico e imprescindible na formación do futuro profesional, un aspecto que se deberá iniciar, sen dúbida, no grao elemental e que posibilitará as bases para continuar afondando e crecendo nesta capacidade tan importante para o desenvolvemento do futuro músico.

Co fin de potenciar no alumnado unha relación sa e directa coa música cómpre coidar o aspecto metodolóxico, é dicir, a claridade e a limpeza do procedemento que se usa para o guiar e para o inducir a se conectar coa música. A actividade musical deberá planearse, polo tanto, con coidado para que resulte rica e equilibrada. É importante que todo o que o neno ou a nena cante ou escoite posúa unha indiscutible calidade. Trátase de traballar ordenadamente, gradualmente, procurando non saltar dificultades, comprendendo, explicando, establecendo relacións e integrando.

Xa que logo, os aspectos da música do século XX que máis inflúen na actual pedagoxía musical céntranse naqueles que presentan un carácter máis sensorial e directo, aqueles que xorden ao afondar no son, ou sexa, no «polo material» da música, para o expresar coa linguaxe de Willems. Así atopamos, neste momento, a música concreta e electroacústica, a improvisación e o teatro musical, as novas grafías, o taller do son, os instrumentos e dispositivos electrónicos, os instrumentos exóticos, os instrumentos inventados, os obxectos sonoros, os instrumentos tradicionais executados de xeito non convencional; é dicir, todos aquelas pedagoxías e tecnoloxías actuais que propicien un maior achegamento, coñecemento e desenvolvemento musical no alumnado.

Ademais, o folclore musical constitúe un tipo de alimento auditivo-espiritual completo, denso, pero ao mesmo tempo inocuo, capaz de preparar o oído e a sensibilidade, para futuras adquisicións e para unha etapa de madureza, unha riqueza popular accesible que posibilita unha maior interacción no estudo da linguaxe musical.

Obxectivos

-Adquirir os coñecementos esenciais adecuados ao nivel educativo que lle permita ao alumnado enriquecer a súa relación coa música.

-Desenvolver os recursos da voz como vehículo de expresión musical e de satisfacción inmediata, proporcionando as capacidades necesarias para a comprensión dos elementos constitutivos da linguaxe musical.

-Acceder aos códigos rítmicos que require cada nivel da linguaxe musical.

-Coñecer e desenvolver o estudo da equivalencia.

-Adquirir as bases para o desenvolvemento auditivo (melódico, rítmico, formal, etc.).

-Educar a memoria como base para a formación do oído interno e o seu desenvolvemento progresivo.

-Desenvolver a capacidade esencial da escritura como elemento básico da linguaxe musical.

-Propiciar o emprego dunha terminoloxía musical básica que lle permita ao alumnado comunicar os seus coñecementos.

Contidos

Fundamentos do tratamento da voz.

-Respiración, relaxación e afinación.

-A altura: ton, intensidade, cor, duración, etc.

-Sensibilización e práctica vocal dos movementos melódicos tonais.

-Sensibilización e práctica vocal dos movementos melódicos interválicos.

-Interpretación vocal das obras didácticas adecuadas ao nivel con acompañamento pianístico.

-Interpretación vocal de obras didácticas adecuadas ao nivel «a capella».

-Sensibilización, identificación, coñecemento e interpretación dos termos e dos signos que afectan a expresión.

-Improvisación vocal adecuada ao nivel do coñecemento musical do alumnado, con proposta previa.

Fundamentos do tratamento do ritmo.

-Percepción, identificación e interiorización do pulso.

-Percepción e identificación do acento.

-Fórmulas rítmicas básicas.

-Práctica e interiorización do silencio.

-Recoñecemento de unidades métricas binarias, ternarias e cuaternarias.

-Coñecemento, identificación e práctica de:

* Fórmulas rítmicas básicas orixinadas polo pulso binario.

* Signos musicais que modifican a duración.

* Fórmulas rítmicas básicas orixinadas polo pulso ternario.

* Grupos rítmicos ternarios contidos nun pulso binario.

* Grupos rítmicos binarios contidos nun pulso ternario.

* Equivalencias que impliquen pulso=pulso e fracción=fracción.

-Aplicación e práctica de textos a ritmos adecuados ao nivel.

-Práctica da lectura articulada. Práctica de lectura de notas horizontalmente e verticalmente en clave de sol en segunda e fa en cuarta.

-Utilización das claves necesarias para a práctica instrumental.

-Sensibilización e valoración da importancia musical do tempo e da importancia da agóxica e da dinámica na música.

-Improvisación rítmica adecuada ao nivel de coñecemento musical do alumnado, con proposta previa.

Audición.

-Audición e reprodución escrita de movementos melódicos e rítmicos adaptados a cada nivel de coñecemento.

-Sensibilización do feito tonal e modal.

-Identificación auditiva das formas básicas e de composicións escritas en diferentes épocas.

Criterios de avaliación

-Imitar estruturas melódicas e rítmicas breves coa voz e coa percusión. Este criterio de avaliación pretende comprobar o grao de memoria e capacidade de reproducir con fidelidade a mensaxe recibida tanto nos seus aspectos sonoros como na súa realización motriz.

-Recoñecer auditivamente e percutir o pulso dunha obra ou dun fragmento. Con este criterio de avaliación trátase de constatar a percepción do pulso como referencia básica para a execución rítmica.

-Recoñecer e identificar o acento periódico dunha obra ou dun fragmento. Trátase de comprobar a correcta percepción do acento periódico, base do compás, recoñecendo o carácter binario, ternario ou cuaternario deste, e o carácter binario ou ternario de cada pulso.

-Manter o pulso durante períodos breves de silencio. Este criterio de avaliación ten por obxecto lograr unha correcta interiorización do pulso que lle permita unha adecuada execución individual ou colectiva.

-Executar a través da percusión, instrumental ou vocalmente estruturas rítmicas dunha obra ou dun fragmento. Con este criterio de avaliación preténdese constatar a capacidade de encadear diversas fórmulas rítmicas adecuadas ao nivel con toda precisión e dentro dun tempo establecido.

-Reproducir modelos melódicos sinxelos a partir de diferentes alturas. Trátase de comprobar a destreza do alumnado para reproducir un mesmo feito melódico desde calquera sono mantendo correctamente a interválica do modelo.

-Interpretar vocalmente ou ritmicamente pezas escritas utilizando elementos adecuados ao nivel do alumnado. Este criterio de avaliación pretende comprobar a capacidade de relacionar os parámetros espazo-temporais comúns ao discurso sonoro coa súa representación gráfica.

-Entoar unha melodía ou canción tonal con acompañamento e sen el. Ten por obxecto comprobar a capacidade do alumnado para aplicar as súas técnicas de entoación e xusteza de afinación a un fragmento tonal aplicando indicacións expresivas presentes na partitura. De producirse acompañamento instrumental, este non reproducirá a melodía.

-Identificar ou entoar intervalos melódicos maiores, menores e xustos. Este criterio permite detectar o dominio do intervalo por parte do alumnado, como elemento indispensable de aplicación a estruturas tonais ou non.

-Identificar intervalos harmónicos maiores, menores e xustos nun rexistro medio. Procúrase, con este criterio, coñecer a capacidade do alumnado para a audición simultánea entre diferentes relacións interválicas.

-Identificar intervalos harmónicos sinxelos a partir de diferentes alturas. Este criterio de avaliación constatará a capacidade auditiva do alumno ou da alumna para percibir dous sons simultáneos.

-Aplicar un texto a un ritmo sinxelo. Trátase de avaliar, con este criterio, a capacidade do alumnado para asociar ritmos con palabras ou frases de igual acentuación.

-Interpretar cambios sinxelos de compás e identificalos auditivamente. Inténtase verificar a capacidade de realización práctica e a capacidade de percepción auditiva dos cambios de compás.

-Improvisar estruturas rítmicas sobre unha proposta previa. Con este criterio de avaliación preténdese estimular a capacidade creativa do alumnado aplicando libremente fórmulas rítmicas coñecidas.

-Improvisar melodías tonais breves a partir dunha proposta previa. Este criterio pretende comprobar a asimilación por parte do alumno ou da alumna dos conceptos tonais básicos, facendo uso libre dos elementos propostos.

-Describir, logo dunha audición, os trazos característicos das obras escoitadas ou interpretadas. Este criterio de avaliación pretende constatar a capacidade do alumnado para percibir aspectos distintos (rítmicos, melódicos, cadenciais, formais, tímbricos etc.), tras seleccionar os aspectos que se deban identificar ou ben deixando que se identifiquen libremente os aspectos que resulten máis notorios.

Educación auditiva e vocal

Introdución

O obxectivo básico de toda educación musical consiste en aproximar un obxecto tan prezado e estimable como é a música á percepción total do ser humano. A educación auditiva e a educación vocal supoñen un vehículo indispensable para a consecución deste obxectivo.

Historicamente, a formación musical centrouse en dous aspectos fundamentais: por unha banda, a ensinanza dirixiuse aos problemas da adquisición de habilidades de execución vocal ou instrumental e, por outra, intentou afondar no coñecemento relativo á estrutura do discurso musical.

Co devir do tempo, considerouse a posibilidade de que un aspecto que non se tivera en conta no pasado fose susceptible de aprenderse e se incorporara ao feito da aprendizaxe, isto é, o oído musical. Xa que logo, comezouse, dentro da linguaxe musical, a incluír estratexias de desenvolvemento de habilidades auditivas.

Habitualmente considérase o oído musical como unha habilidade indispensable nos desempeños musicais. Dependendo do punto de vista, esta habilidade pódese considerar desde un atributo innato do músico, independentemente da cultura musical á que pertenza, ata o resultado dun meticuloso e ordenado proceso de aprendizaxe relacionado intimamente co coñecemento cultural específico que implica o saber escoitar. Ambos os puntos de vista conflúen na consideración de que a educación auditiva e vocal debe ser propedéutica na formación académica dun músico.

Así mesmo, constitúe un feito equivocado considerar que o instrumentista non necesita cantar. A experiencia vocal halle proporcionar unha dimensión humana máis interiorizada do son físico. Saber cantar con musicalidade halle posibilitar a comprensión dun fragmento e, por tanto, aforrar moito esforzo no proceso de aprendizaxe instrumental. Se o canto é, ademais, polifónico, multiplícanse os poderes pedagóxicos. A plasticidade espacial deste fenómeno polisonoro, polirrítmico, politímbrico e polidinámico achégalle ao alumnado unha dimensión social e artística única e insubstituíble.

O futuro profesional debe ser quen de escoitar e cantar co seu propio corpo físico e emocional, potenciar as súas capacidades perceptivas e coñecer a música integralmente. É dicir, debe poder apreciar e sentir a música non só co intelecto senón tamén cos outros sentidos; de aí que o traballo de desenvolvemento auditivo e vocal estea integrado en tres fases: auditiva, analítica e perceptivo-sensorial.

Xa que logo, o maior esforzo do profesorado deberíase centrar na recuperación dunha percepción espontánea e desinteresada dos sons, a través do aumento -cualitativo e cuantitativo-da estimulación auditiva do alumnado a través do son, da música e das cancións. O folclore musical constitúe un tipo de alimento auditivo-espiritual completo, denso, pero ao mesmo tempo inocuo, capaz de preparar o oído e a sensibilidade para futuras adquisicións e para unha etapa de madureza.

Obxectivos

-Valorar a importancia da memoria como recurso indispensable no desenvolvemento da audición activa.

-Afondar nas bases para o desenvolvemento auditivo (tímbrico, rítmico, melódico, formal, etc.).

-Potenciar a memoria como base para a formación do oído interno.

-Desenvolver o traballo vocal en grupo e coñecer os elementos básicos da interpretación, tendo en conta as normas e as regras que rexen a actividade musical de conxunto.

Contidos

Educación auditiva.

-Sensibilización e recoñecemento dos movementos melódicos.

-Reprodución escrita dos movementos melódicos, rítmicos e melódico-rítmicos.

-Recoñecemento auditivo e reprodución escrita de intervalos melódicos maiores, menores e xustos, que non excedan da oitava.

-Recoñecemento auditivo e reprodución escrita de intervalos harmónicos maiores, menores e xustos, que non excedan da oitava.

-Sensibilización e identificación do modo maior e menor.

-Identificación auditiva da alteración accidental.

-Identificación auditiva da tonalidade: escalas, graos e funcións.

-Coñecemento e identificación dos elementos formais (frases, cadencias, etc.) e das formas básicas. Reprodución escrita dunha composición a dúas voces: o baixo realizarase utilizando os graos tonais.

-Identificación de erros e diferenzas entre un fragmento escrito e un escoitado.

Educación vocal.

-Coñecemento e práctica da respiración, a relaxación e a vocalización, tanto na voz falada como na voz cantada.

-Sensibilización pola afinación e polo empaste.

-A articulación e o fraseo.

-O canon como recurso didáctico para a iniciación coral.

-Práctica da canción popular e da canción de autor a unha, a dúas e tres voces.

-Improvisación vocal con proposta previa.

Criterios de avaliación

-Identificar os erros e as diferenzas existentes entre un fragmento escrito e o escoitado. Este criterio pretende comprobar a capacidade do alumnado para discriminar auditivamente as posibles diferenzas entre o escoitado e o escrito.

-Identificar auditivamente o modo maior e menor dunha obra ou dun fragmento. Preténdese constatar a capacidade do alumnado para recoñecer este fundamental aspecto da audición dándolle elementos para a súa audición intelixente.

-Describir, logo dunha audición, os trazos característicos das obras escoitadas ou interpretadas. Este criterio de avaliación pretende constatar a capacidade do alumnado para percibir aspectos distintos (rítmicos, melódicos, cadenciais, formais, tímbricos etc.), tras seleccionar os aspectos que se deban identificar ou ben deixando que se identifiquen libremente os aspectos que resulten máis notorios.

-Reproducir por escrito fragmentos rítmicos escoitados. Mediante este criterio avalíase a capacidade do alumnado para recoñecer e reproducir aspectos rítmicos coñecidos.

-Reproducir por escrito fragmentos melódicos escoitados. Avaliamos aquí a capacidade de interiorizar e reproducir graficamente movementos melódicos con sentido tonal.

-Recoñecer e reproducir por escrito fragmentos melódico-rítmicos escoitados. Trátase de avaliar a destreza para captar conxuntamente os aspectos melódicos e rítmicos do fragmento escoitado.

-Recoñecer e reproducir por escrito fragmentos musicais a dúas voces. Con este criterio de avaliación compróbase a percepción do alumnado constatando a faceta polifónica da audición.

-Entoar, integrándose no grupo, unha das voces dun canon ou fragmento musical polifónico. Con esta proba trátase de obxectivar a destreza do alumnado para se adaptar musicalmente e sonoramente a un grupo.

-Amosar a capacidade de aprendizaxe progresiva individual nos estudos e os métodos de traballo. Este criterio de avaliación pretende verificar que o alumnado é capaz de aplicar no seu estudo os métodos de traballo e as indicacións do profesorado, desenvolvendo así unha autonomía que lle permita unha certa valoración do rendemento.

Instrumentos

Introdución

Os catro cursos que compoñen o grao elemental configuran unha etapa de suma importancia para o desenvolvemento do futuro instrumentista, xa que ao longo deste período teñen que quedar sentadas as bases dunha técnica correcta e eficaz e, o que é aínda máis importante, duns conceptos musicais que cristalicen, mediando o tempo necesario para a maduración de todo iso, nunha auténtica conciencia de intérprete.

A problemática da interpretación comeza polo correcto entendemento do texto, un sistema de signos recollidos na partitura que, malia o seu continuo enriquecemento ao longo dos séculos, padece -e ha padecer sempre-irremediables limitacións para representar o fenómeno musical como algo esencialmente necesitado de recreación, como algo susceptible de ser abordado desde perspectivas subxectivamente diferentes.

Isto, polo pronto, supón a aprendizaxe -que pode ser previa ou simultánea á práctica instrumental-do sistema de signos propio da música, que se emprega para fixar, aínda que só sexa de maneira ás veces aproximativa, os datos esenciais no papel. A tarefa do futuro intérprete consiste, por tanto, en: aprender a ler correctamente a partitura; penetrar, despois, a través da lectura, no sentido do escrito para poder apreciar o seu valor estético; desenvolver, ao mesmo tempo, a destreza necesaria no manexo dun instrumento para que a execución dese texto musical adquira a súa plena dimensión da mensaxe expresivamente significativa.

Unha concepción pedagóxica moderna debe partir dunha premisa: a vocación musical dun cativo ou dunha cativa pode, en numerosísimos casos, quizá na maioría deles, non estar aínda claramente definida, o que exixe de maneira imperativa que a suma de coñecementos teóricos que se lle deben inculcar e as inevitables horas de práctica ás que se verá sometido ou sometida lle sexan presentadas do xeito tan atractivo e estimulante como sexa posible, para se sentiren cun verdadeiro interese na tarefa que se lles propón e, desa maneira, a súa posible incipiente vocación se vexa reforzada.

A evolución intelectual e emocional na idade en que se realizan os estudos de grao elemental -oito a doce anos, aproximadamente-é moi acelerada; iso implica que as formulacións pedagóxicas, tanto no plano xeral da didáctica como no máis concreto e subxectivo da relación persoal entre profesor ou profesora e alumno ou alumna, deben adecuarse constantemente a esa realidade cambiante que é a personalidade deste último, aproveitar ao máximo a gran receptividade que é característica da idade infantil, favorecer o desenvolvemento dos seus dotes innatos, estimular a maduración da súa afectividade e, simultaneamente, pór ao seu alcance os medios que lle permitan exercer a súa crecente capacidade de abstracción.

A música, como toda linguaxe, faise intelixible a través dun proceso máis ou menos dilatado de familiarización que comeza na primeira infancia, moito antes de que o alumno ou a alumna estean na idade e nas condicións precisas para iniciar estudos especializados de grao elemental. Cando chega ese momento, o alumno ou a alumna, impregnados da música que enche sempre o seu contorno, aprenderon xa a recoñecer pola vía intuitiva os elementos desa linguaxe; posúen, en certo modo, as claves que lles permiten «entendela», aínda cando descoñezan as leis que a rexen, mais precisan posuír os medios para poder «falala», e son estes medios os que lles deben proporcionar o ensino do grao elemental. Xunto co adestramento no manexo dos recursos do instrumento elixido -iso que, de maneira máis ou menos apropiada, chamamos «técnica»-, cómpre encamiñar a conciencia do alumno ou da alumna cara a unha comprensión máis profunda do fenómeno musical e das exixencias que suscita a súa interpretación e, para

iso, cómpre comezar a facerlles observar os elementos sintácticos sobre os que repousa toda estrutura musical, mesmo nas súas manifestacións máis simples, e que a interpretación está funcionalmente ligada a esa estrutura sintáctica en todos os seus aspectos expresivos ou morfolóxicos (dinámica, agóxica, percepción da unidade dos compoñentes formais e da súa totalidade, é dicir, da forma global). Esta elemental «gramática» musical non é senón a aplicación concreta ao repertorio de obras que compoñen o programa que o alumnado debe realizar dos coñecementos teóricos adquiridos noutras disciplinas -linguaxe musical, fundamentalmente-, coñecementos que terán que ser ampliados e afondados no grao profesional mediante o estudo das disciplinas correspondentes.

Neste sentido, é imprescindible que o instrumentista ou a instrumentista aprendan a valorar a importancia que a memoria -o desenvolvemento desa esencial facultade intelectual-ten na súa formación como simple executante e, máis aínda, como intérprete. Convén sinalar que, á marxe desa básica memoria subconsciente, constituída pola inmensa e complexísima rede de accións reflexas, de automatismos sen os cales a execución instrumental sería simplemente impensable, en primeiro lugar só está sabido aquilo que se pode lembrar en todo momento; en segundo lugar, a memorización é un excelente auxiliar no estudo, en canto, entre outras vantaxes, pode supor un considerable aforro de tempo e permite desentenderse nun certo momento da partitura, para centrar toda a atención na correcta solución dos problemas técnicos e nunha realización musical e expresivamente válida e, por último, a memoria xoga un papel de primordial importancia na comprensión unitaria, global, dunha obra, xa que ao

desenvolverse esta no tempo, só a memoria permite reconstruír a coherencia e a unidade do seu devir.

Para acadar estes obxectivos, o instrumentista ou a instrumentista deben chegar a desenvolver as capacidades específicas que lles permitan alcanzar o máximo dominio das posibilidades de toda orde que lles brinda o instrumento da súa elección e sortear constantemente o perigo de que as devanditas capacidades queden reducidas a unha simple exercitación ximnástica.

Acordeón

Obxectivos

O ensino de acordeón no grao elemental terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

-Adoptar unha posición axeitada para a correcta colocación do instrumento que permita o control dos elementos anatómico-funcionais que interveñen na relación do conxunto corpo-instrumento.

-Coordinar cada un dos elementos articulatorios que interveñen na práctica do instrumento.

-Coñecer as características e as posibilidades sonoras do instrumento e sabelas empregar dentro das exixencias do nivel.

-Interpretar un repertorio básico integrado por obras de diferentes estilos, dunha dificultade acorde con este nivel, como solista e como membro dun grupo.

-Controlar a produción e a calidade do son, a través da articulación dixital e da articulación do fol.

Contidos

-Desenvolvemento da sensibilidade auditiva como premisa para a obtención dunha boa calidade do son.

-Desenvolvemento paralelo de ambas as mans dentro da modalidade de instrumento elixida (MIMIII, free bass ou MIMIII/II, «convertor»).

-Estudo dos sistemas de escritura e das grafías propias do instrumento.

-Coordinación, independencia, simultaneidade e sincronización dos elementos articulatorios: dedos, mans, antebrazo/fol, etc. Independencia de mans e dedos: dúas voces ou liñas na mesma man, diferenza entre melodía e acompañamento, e polirritmia.

-Control do son: ataque, mantemento e cesamento do son; regularidade e gradación rítmica e dinámica; simultaneidade e independencia das partes na interpretación de texturas, etc.

-Estudo do fol: posibilidades e efectos, emprego de respiración e ataque, regularidade, dinámica, acentos de antebrazo, brazo, etc.

-Estudo de rexistración: cambios de rexistros durante a interpretación, coñecemento aplicado da función dos rexistros para comprender a relación entre o escrito e o escoitado, rexistración de obras, etc.

-Interpretación de texturas melódicas, ao unísono (MI/III), polifónicas (MI/III), homofónicas (MI-MIII/II), etc.

-Aplicación practica dos conceptos de «posición fixa» e «desprazamento da posición» sobre os manuais; dixitación de pequenos fragmentos en función das súas características musicais; tempo, movementos melódicos, articulación, etc.

-Aprendizaxe dos modos de ataque e articulación dixital (legato, staccato, etc.), da articulación de fol (trémolo de fol, ricochet de fol, etc.) e das combinacións de ambas.

-Utilización da dinámica e efectos diversos.

-Práctica da lectura á vista.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Adquisición de hábitos correctos e eficaces de estudo.

-Iniciación á comprensión das estruturas musicais nos seus niveis (motivos, temas, períodos, frases, seccións, etc.), para chegar a unha interpretación consciente e non simplemente intuitiva.

-Selección progresiva canto ao grao de dificultade dos exercicios, os estudos e as obras do repertorio acordeonístico que se consideren útiles para o desenvolvemento conxunto da capacidade musical e técnica do alumnado.

-Práctica de conxunto.

Arpa

Obxectivos

O ensino da arpa no grao elemental terá como obxectivo contribuír ao desenvolvemento no alumnado das capacidades seguintes:

-Adoptar unha correcta posición corporal, consonte a configuración do instrumento.

-Coñecer as características e as posibilidades sonoras do instrumento e sabelas utilizar dentro das exixencias do nivel.

-Interpretar un repertorio básico integrado por obras de diferentes épocas e estilos, dunha dificultade acorde a este nivel.

Contidos

-Desenvolvemento da sensibilidade auditiva como premisa para a obtención dunha boa calidade de son.

-Iniciación ao coñecemento das dixitacións, en función das conveniencias técnicas e expresivas.

-Estudo da táboa de afinación e exercicios prácticos con aparellos auxiliares e sen eles.

-Práctica de posición fixa.

-Práctica dos pedais e da súa aplicación aos procesos modulantes.

-Práctica de intervalos harmónicos, acordes, escalas e arpexos.

-Desenvolvemento da velocidade.

-Iniciación ás técnicas de efecto e expresión: legatos, sforzandos, articulacións, picados, picados-ligados e soltos (as tres últimas con toda a variedade de técnicas de apagados).

-Técnicas de flexibilidade e balanceo de pulsos e brazos, respiración e relaxación.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Adquisición de hábitos correctos e eficaces de estudo.

-Lectura á vista de obras e fragmentos sinxelos.

-Iniciación á comprensión das estruturas musicais nos seus niveis (motivos, temas, períodos, frases, seccións, etc.), para chegar a unha interpretación consciente e non simplemente intuitiva.

-Selección progresiva canto ao grao de dificultade dos exercicios, os estudos e as obras do repertorio de arpa que se consideren útiles para o desenvolvemento conxunto da capacidade musical e técnica do alumnado.

-Práctica de conxunto.

Clave

Obxectivos

O ensino de clave no grao elemental terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as seguintes capacidades:

-Adoptar unha postura axeitada do corpo que favoreza a actividade do conxunto brazo-antebrazo-man no instrumento.

-Coñecer o mecanismo intenso do instrumento e saber utilizar as súas posibilidades para obter un perfeccionamento gradual da calidade sonora.

-Utilizar as posibilidades expresivas e dinámicas de diversas combinacións de teclados e rexistros.

-Interpretar un repertorio básico que inclúa obras representativas de diversas épocas e de estilos adecuados a este nivel.

Contidos

-Desenvolvemento da sensibilidade auditiva como premisa para a obtención dunha boa calidade de son.

-Aprendizaxe dos modos de ataque e de articulación en relación coa frase e coa textura musical.

-Estudo das dixitacións e estreita conexión coa articulación e o fraseo.

-Práctica de exercicios de independencia e fortalecemento dos dedos.

-Traballo en dous teclados.

-Selección progresiva de exercicios e obras do repertorio clavecinístico propio deste nivel que se consideren útiles para o desenvolvemento conxunto da capacidade musical e técnica do alumnado.

-Coñecemento dos baixos ostinatos sobre os que se construíron determinadas obras.

-Lectura á vista de obras ou fragmentos sinxelos.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Adquisición de hábitos de estudo correctos.

-Iniciación á comprensión das estruturas musicais nos seus niveis (motivos, temas, períodos, frases, seccións, etc.), para chegar a unha interpretación consciente e non simplemente intuitiva.

-Práctica de conxunto.

Frauta de bico

Obxectivos

O ensino da frauta de bico no grao elemental terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

-Adoptar unha posición corporal que permita respirar con naturalidade, e que favoreza a correcta colocación do instrumento e a coordinación entre ambas as mans.

-Control do aire mediante a respiración diafragmática, de xeito que posibilite unha correcta emisión, afinación, articulación e flexibilidade no son.

-Coñecer as características e as posibilidades sonoras do instrumento e sabelas empregar, dentro das exixencias do nivel, en interpretación individual e de conxunto.

-Empregar os reflexos necesarios para corrixir automaticamente a afinación das notas e a calidade do son.

-Comprender o sentido das articulacións como fundamento da expresividade musical do instrumento.

-Interpretar un repertorio básico que inclúa obras representativas de diversas épocas e de estilos adecuados a este nivel.

Contidos

-Desenvolvemento da sensibilidade auditiva como premisa para a obtención dunha boa calidade de son.

-Coñecemento e práctica da dixitación propia de cada frauta.

-Práctica de articulacións e ataques.

-Selección progresiva canto ao grao de dificultade dos exercicios, os estudos e as obras do repertorio de frauta de bico que se consideren útiles para o desenvolvemento do conxunto da capacidade musical e técnica do alumnado.

-Interpretación do repertorio propio do conxunto de frautas dunha dificultade adecuada a este nivel.

-Práctica da improvisación.

-Práctica da lectura á vista.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Adquisición de hábitos correctos e eficaces de estudo.

-Iniciación á comprensión das estruturas musicais nos seus niveis (motivos, temas, períodos, frases, seccións, etc.), para chegar a unha interpretación consciente e non simplemente intuitiva.

-Práctica de conxunto.

Gaita

Obxectivos

O ensino da gaita no grao elemental terá como obxectivo o desenvolvemento das capacidades seguintes:

-Alcanzar un control suficiente do tempero e unha certa práctica na preparación dos elementos da gaita que permitan obter unha correcta afinación e un mínimo de calidade sonora.

-Adquirir unha dixitación e técnica de base que posibilite interpretar un repertorio axeitado para este nivel procedente da tradición musical de Galicia, principalmente, e das cornamusas máis afíns.

-Dominar os recursos básicos de ornamentación e articulación, así como a súa tipificación, clasificación e representación gráfica.

-Demostrar os coñecementos fundamentais sobre a música e a historia deste instrumento, así como a súa situación no contexto da familia das cornamusas.

-Interpretar de memoria o repertorio estudado.

Contidos

-Coñecemento da técnica e ornamentación de base, así como a representación desta.

-Exercicios, estudos e pezas propias deste nivel.

-Experiencia no mantemento, na preparación e na afinación da gaita.

-Cultura xeral sobre a música e a historia do instrumento, así como daqueles máis próximos.

-Práctica e improvisación do preludio.

Guitarra

Obxectivos

O ensino da guitarra no grao elemental terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

-Adoptar unha posición axeitada do corpo respecto do instrumento, que posibilite e favoreza a acción do conxunto brazo-antebrazo-pulso-mans-dedos esquerdos sobre o diapasón, e dos dereitos sobre as cordas.

-Coñecer as características e as posibilidades sonoras do instrumento para conseguir un perfeccionamento continuo da calidade sonora e saber empregalo, dentro das exixencias do nivel, tanto na interpretación individual como na de conxunto.

-Interpretar un repertorio básico integrado por obras de diferentes épocas e estilos, dunha dificultade acorde a este nivel.

Contidos

-Percepción e desenvolvemento das funcións motoras que interveñen na execución guitarrística, e da súa adecuada coordinación.

-Desenvolvemento da habilidade de cada man e da sincronización de ambas.

-Desenvolvemento da sensibilidade auditiva, como factor fundamental para a obtención da calidade sonora.

-Afinación das cordas.

-Desenvolvemento da distancia entre os dedos da man esquerda.

-Principios xerais da dixitación guitarrística e o seu desenvolvemento, para expresar coa maior claridade as ideas e os contidos musicais.

-Traballo da dinámica e da agóxica.

-Emprego das posibilidades tímbricas do instrumento.

-Coñecementos básicos dos recursos da guitarra.

-Aprendizaxe das formas de ataque na man dereita para conseguir progresivamente unha calidade sonora adecuada e realizar planos simultáneos.

-Iniciación á comprensión das estruturas musicais nos seus niveis (motivos, temas, períodos, frases, seccións, etc.), para chegar a unha interpretación consciente e non simplemente intuitiva.

-Desenvolvemento dunha condución clara das voces en obras contrapuntísticas.

-Harmónicos naturais.

-Iniciación á grafía contemporánea.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Adquisición de hábitos de estudo correctos.

-Selección progresiva en canto ao grao de dificultade de exercicios, estudos e obras do repertorio guitarrístico que se consideren útiles para o desenvolvemento conxunto da capacidade musical e técnica do alumnado.

-Práctica de conxunto.

Instrumentos de corda

Violín, viola, violoncello e contrabaixo

Obxectivos

O ensino de instrumentos de corda no grao elemental terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

-Adoptar unha posición corporal que permita a correcta colocación do instrumento e que favoreza o manexo do arco e a actividade da man esquerda, así como a coordinación entre ambos.

-Coñecer as características e as posibilidades sonoras do instrumento e sabelas empregar, dentro das exixencias do nivel, tanto na interpretación individual como na de conxunto.

-Demostrar unha sensibilidade auditiva que permita o control permanente da afinación e o perfeccionamento continuo da calidade sonora.

-Interpretar un repertorio básico integrado por obras de diferentes épocas e estilos, dunha dificultade acorde con este nivel.

Contidos

-Produción do son: cordas ao aire, empregando todo o arco e distintas lonxitudes de arco.

-Posición do instrumento e do arco: control muscular.

-Desenvolvemento da sensibilidade auditiva como premisa para a obtención dunha boa calidade de son.

-Coñecemento dos golpes de arco básicos e do vibrato como elementos de expresión musical.

-Estudo das posicións e os elementos de expresión musical.

-Estudo das posicións.

-Desenvolvemento do movemento horizontal do brazo dereito (cantabile) e do movemento perpendicular dos dedos da man esquerda, así como da coordinación entre ambos.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Adquisición de hábitos de estudo correctos e eficaces.

-Lectura á vista de obras ou fragmentos sinxelos.

-Iniciación á comprensión das estruturas musicais nos seus niveis (motivos, temas, períodos, frases, seccións, etc.), para chegar a unha interpretación consciente e non simplemente intuitiva.

-Selección progresiva canto ao grao de dificultade de exercicios, estudos e obras do repertorio que se consideren útiles para o desenvolvemento conxunto da capacidade musical e técnica do alumnado.

-Práctica do conxunto.

Instrumentos de música moderna

Baixo eléctrico e guitarra eléctrica

Obxectivos

O ensino do baixo eléctrico e da guitarra eléctrica no grao elemental terá como obxectivo contribuír a desenvolver nos alumnos e nas alumnas as capacidades seguintes:

-Adoptar unha correcta posición básica no instrumento como base indispensable para un axeitado desenvolvemento instrumental.

-Coñecer as características técnicas do instrumento introducindo os accesorios, os efectos e o material de amplificación e de ecualización.

-Interpretar un repertorio básico integrado por obras dos xéneros musicais que forman parte da música moderna e o jazz.

Contidos

-Desenvolvemento da habilidade de cada man e a sincronización de ambas.

-Técnicas básicas da man dereita con puga e con dedos.

-Coñecementos básicos dos recursos do instrumento.

-Controis de volume e ton.

-Pastillas e pedais.

-Introdución á obtención do son por medio da ecualización e a amplificación.

-Iniciación ao sistema de posicións e aos cifrados.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Elección dun repertorio progresivo canto ao grao de dificultade do repertorio adaptado ao instrumento.

-Práctica de conxunto.

Instrumentos de puga

Obxectivos

O ensino de instrumentos de puga no grao elemental terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

-Adoptar unha posición axeitada do corpo respecto do instrumento que posibilite e favoreza a acción do conxunto brazo-antebrazo-pulso-mans-dedos esquerdos sobre o diapasón, e os dereitos sobre a puga e as cordas.

-Coñecer as características e as posibilidades sonoras do instrumento e sabelas empregar, dentro das exixencias do nivel, tanto na interpretación individual como na de conxunto.

-Utilizar, sempre dentro das exixencias do nivel, as articulacións da puga posibles nestes instrumentos.

-Interpretar un repertorio básico integrado por obras de diferentes épocas e estilos, dunha dificultade acorde con este nivel.

Contidos

-Desenvolvemento da sensibilidade auditiva como premisa para a obtención dunha boa calidade do son.

-Coñecemento do diapasón e do funcionamento da man esquerda.

-Coordinación entre ambas as mans.

-O diapasón na bandurra e na mandolina: as súas características.

-Práctica da afinación con aparellos auxiliares e sen eles.

-Práctica das articulacións da puga (directa, indirecta, alzapuga, batido, etc.), tendo en conta as calidades dos sons que se vaian emitir.

-Práctica da lectura á vista.

-Iniciación na comprensión das estruturas musicais nos seus niveis (motivos, temas, frases, sección, etc.), para conseguir sentar as bases dunha interpretación consciente.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Adquisición de hábitos de estudo correctos e eficaces.

-Selección progresiva canto ao grao de dificultade de exercicios, estudos e obras do repertorio que se consideren útiles para o desenvolvemento conxunto da capacidade musical e técnica do alumnado.

-Práctica do conxunto.

Instrumentos de vento madeira

Frauta traveseira, óboe, clarinete, fagot e saxofón

Obxectivos

O ensino de instrumentos de vento madeira no grao elemental terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumando as capacidades seguintes:

-Adoptar unha posición corporal que permita respirar con naturalidade e que favoreza a correcta colocación do instrumento e a coordinación entre ambas as mans.

-Controlar o aire mediante a respiración diafragmática e os músculos que forman a embocadura, de xeito que posibilite unha correcta emisión, afinación, articulación e flexibilidade do son.

-Saber empregar con precisión os reflexos necesarios para corrixir de forma automática a afinación das notas e a calidade do son.

-Coñecer as características e as posibilidades sonoras do instrumento e sabelas empregar, dentro das exixencias do nivel, tanto na interpretación individual como na de conxunto.

-Demostrar unha sensibilidade auditiva que permita o control permanente de afinación e o perfeccionamento continuo da calidade sonora.

-Emitir un son estable, en toda a extensión do instrumento, comezando a empregar o vibrato e os matices para lle dar cor e expresión á interpretación musical.

-Coñecer a montaxe e a fabricación das lingüetas e poder rebaixalas para o seu correcto funcionamento (instrumentos de lingüeta dobre).

-Interpretar un repertorio básico integrado por obras de diferentes épocas e estilos, dunha dificultade acorde a este nivel.

Contidos

-Práctica da relaxación e respiración para o desenvolvemento da capacidade pulmonar.

-Fortalecemento dos músculos faciais.

-Exercicios de respiración sen instrumento e con el (notas tidas controlando a afinación, calidade do son e dosificación do aire).

-Desenvolvemento da sensibilidade auditiva como premisa para a obtención dunha boa calidade de son.

-Práctica de escalas e intervalos (terceiras, cuartas), controlando a emisión do aire en diferentes articulacións.

-Emisión do son en relación coas dinámicas e alturas.

-Desenvolvemento da flexibilidade nos saltos, nas articulacións, nos trinos, etc.

-Práctica de conxunto con outros instrumentos para desenvolver a afinación, o axuste e a precisión rítmica.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Adquisición de hábitos de estudo correctos e eficaces.

-Lectura á vista de obras e de fragmentos sinxelos.

-Iniciación á comprensión das estruturas musicais nos seus niveis (motivos, temas, períodos, frases, seccións, etc.), para chegar a unha interpretación consciente e non simplemente intuitiva.

-Selección progresiva canto ao grao de dificultade de exercicios, estudos e obras do repertorio que se consideren útiles para o desenvolvemento conxunto da capacidade musical e técnica do alumnado.

Instrumentos de vento metal

Trompa, trompeta, trombón e tuba

Obxectivos

O ensino de instrumentos de vento metal no grao elemental terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

-Adoptar unha posición corporal que permita respirar con naturalidade e que favoreza a correcta colocación do instrumento e a coordinación entre ambas as mans.

-Controlar o aire mediante a respiración diafragmática e os músculos que forman a embocadura, de xeito que posibilite unha correcta emisión, afinación, articulación e flexibilidade do son.

-Saber utilizar con precisión os reflexos necesarios para corrixir automaticamente a afinación das notas e a calidade do son.

-Coñecer as características e as posibilidades sonoras do instrumento e sabelas utilizar, dentro das exixencias do nivel, tanto na interpretación individual como na de conxunto.

-Demostrar unha sensibilidade auditiva que permita o control permanente da afinación e o perfeccionamento continuo da calidade sonora.

-Interpretar un repertorio básico integrado por obras representativas de diferentes estilos, dunha dificultade acorde con este nivel.

Contidos

-Práctica da relaxación e da respiración para o desenvolvemento da capacidade pulmonar.

-Fortalecemento dos músculos faciais.

-Desenvolvemento da sensibilidade auditiva como premisa para a obtención dunha boa calidade de son.

-Estudos de emisión do son.

-Principios básicos de dixitación.

-Práctica das articulacións.

-Traballo da dinámica.

-Desenvolvemento da flexibilidade dos labios, coa práctica de intervalos ligados e con posicións fixas.

-Estudo da boquilla.

-Utilización de instrumentos afíns que, por tamaño, faciliten a posterior aprendizaxe da tuba, do trombón (bombardino ou trombón de pistóns) e da trompeta (cornetín ou corneta de pistóns).

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Adquisición de hábitos de estudo correctos e eficaces.

-Lectura á vista de obras ou fragmentos sinxelos.

-Iniciación á comprensión das estruturas musicais nos seus niveis (motivos, temas, períodos, frases, seccións, etc.), para chegar a unha interpretación consciente e non simplemente intuitiva.

-Selección progresiva canto ao grao de dificultade de exercicios, estudos e obras de repertorio que se consideren útiles para o desenvolvemento conxunto da capacidade musical e técnica do alumnado.

-Práctica de conxunto.

Percusión

Obxectivos

O ensino da percusión no grao elemental terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

-Coñecer as características de todos os instrumentos que constitúen a familia da percusión e as súas posibilidades sonoras para utilizalas, dentro das exixencias do nivel, tanto na interpretación individual como na colectiva.

-Aplicar unha sensibilidade auditiva que valore por igual, en toda a gama de instrumentos, a exixencia da calidade sonora.

-Interpretar un repertorio de conxunto de diferentes estilos adecuado ás dificultades deste nivel.

Contidos

-Desenvolvemento da habilidade de cada man e do xogo coordinado de ambas.

-Desenvolvemento da sensibilidade auditiva como premisa para coñecer, valorar e empregar toda a riqueza e a diversidade tímbrica que posúen os instrumentos que integran a sección.

-Desenvolvemento da versatilidade necesaria para tocar simultánea ou sucesivamente distintos instrumentos.

-Coñecementos básicos da forma de produción do son en cada instrumento (tipos de baquetas, dedos, mans, etc.).

-Principios xerais sobre os cambios de mans.

-Aprendizaxe dos modos de ataque.

-Estudo dos instrumentos de «pequena percusión», con especial fincapé en todos aqueles que se poidan tocar directamente coa man (bongó, pandeiro, tumbadora, etc.).

-Desenvolvemento da práctica de conxunto como medio indispensable para adquirir a percepción simultánea da diversidade tímbrica característica da percusión.

-Aprendizaxe elemental da caixa, o xilófono e os timbais como instrumentos básicos para o desenvolvemento rítmico, melódico e auditivo (afinación); estudos de dificultade progresiva nestes instrumentos.

-Estudo de obras de nivel elemental para conxunto de percusión que reúnan unha gama ampla e variada de instrumentos con intercambio sistemático dos instrumentos que integren o conxunto.

-Práctica da improvisación en grupo.

-Práctica da lectura á vista para favorecer a flexibilidade de adaptación ás características de escritura para os instrumentos.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Adquisición de hábitos de estudo correctos e eficaces.

Piano

Obxectivos

O ensino de piano no grao elemental terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

-Adoptar unha posición axeitada do corpo con respecto ao instrumento que posibilite e favoreza a acción do conxunto brazo-antebrazo-man sobre o teclado.

-Coñecer as características e as posibilidades sonoras do instrumento, e sabelas empregar dentro das exixencias do nivel.

-Coñecer as épocas que abrangue a literatura pianística ao longo da súa historia e as exixencias que suscita unha interpretación estilisticamente correcta.

-Amosar un grao de desenvolvemento técnico que permita abordar, dentro das exixencias do nivel, os estilos de escritura posibles nun instrumento da capacidade polifónica do piano.

-Interpretar un repertorio de obras representativas das épocas e os estilos dunha dificultade adecuada ao nivel.

Contidos

-Desenvolvemento da percepción interna da propia relaxación, así como dos indispensables esforzos musculares que require a execución instrumental, e procura dun equilibrio satisfactorio entre ambos os factores.

-Bases dunha utilización consciente do peso do brazo.

-Desenvolvemento da habilidade de cada man e do xogo coordinado de ambas.

-Planificación do traballo da técnica, tendo en conta os seguintes principios xerais:

* Práctica da técnica dixital dirixida a incrementar a independencia, a velocidade, a resistencia e a capacidade de diversificación dinámica, partindo dos movementos das articulacións dos dedos.

* Estudo dos movementos posibles a partir das articulacións do brazo (pulso, cóbado, ombro), tales como caídas, lanzamentos, desprazamentos laterais, movementos circulares e de rotación, e toda a combinatoria que permiten.

* Percepción clara de que a interacción permanente deses tipos de accións constitúen a base de toda técnica pianística eficaz.

-Estudo dos principios da dixitación pianística e o seu desenvolvemento, en función da complexidade progresiva das dificultades que cumpra resolver.

-Desenvolvemento da sensibilidade auditiva como premisa para a obtención dunha boa calidade de son.

-Aprendizaxe dos modos de ataque e de articulación en relación coa dinámica, a condución da frase e a densidade da textura musical.

-Desenvolvemento da capacidade de obter simultaneamente sons de distinta intensidade entre ambas as mans ou entre os dedos dunha mesma man, tratando de alcanzar unha diferenciación dinámica que resulta indispensable nun instrumento polifónico coma o piano, xa se trate da relación entre melodía e acompañamento, ou xa de formas contrapuntísticas de maior ou menor complexidade.

-Coñecemento e práctica dos pedais.

-Iniciación á comprensión das estruturas musicais nos seus niveis (motivos, temas, períodos, frases, seccións, etc.), para chegar a unha interpretación consciente e non simplemente intuitiva.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Desenvolvemento de hábitos correctos e eficaces de estudo, estimulando a concentración, o sentido de autocrítica e a disciplina no traballo.

-Selección progresiva canto ao grao de dificultade dos exercicios, os estudos e as obras do repertorio pianístico que se consideren útiles para o desenvolvemento conxunto da capacidade musical e técnica do alumnado.

-Práctica de conxunto.

Viola da gamba

Obxectivos

O ensino da viola da gamba no grao elemental terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

-Adoptar unha posición corporal que permita a correcta colocación do instrumento e que favoreza o manexo do arco e da actividade da man esquerda, así como a coordinación entre ambos.

-Coñecer as características e as posibilidades sonoras do instrumento para conseguir un perfeccionamento continuo da calidade sonora e saber empregalo, dentro das exixencias do nivel, tanto na interpretación individual como na de conxunto.

-Demostrar unha sensibilidade auditiva que permita o control permanente da afinación.

-Interpretar un repertorio básico integrado por obras de diferentes épocas e estilos dunha dificultade acorde a este nivel.

Contidos

-Desenvolvemento da sensibilidade auditiva como premisa para a obtención dunha boa calidade de son.

-Principios básicos das posicións dos dedos, das posicións no mastro e do manexo do arco.

-Desenvolvemento da conciencia corporal necesaria para comprender a incidencia dos movementos no manexo do instrumento.

-Sensibilización do brazo dereito para obter un ataque xusto, seguridade rítmica e flexibilidade nos cambios de arco.

-Sensibilización do brazo esquerdo para desenvolver a axilidade e a afinación, e facilitar a ornamentación.

-Desenvolvemento da improvisación.

-Introdución á práctica da interpretación histórica.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Adquisición de hábitos de estudo correctos e eficaces.

-Iniciación á comprensión das estruturas musicais nos seus niveis (motivos, temas, períodos, frases, seccións, etc.), para chegar a unha interpretación consciente e non simplemente intuitiva.

-Selección progresiva canto ao grao de dificultade de exercicios, estudos e obras do repertorio que se consideren útiles para o desenvolvemento conxunto da capacidade musical e técnica do alumnado.

-Práctica de conxunto.

Criterios de avaliación comúns a todos os instrumentos

-Ler textos a primeira vista con fluidez e comprensión. Este criterio de avaliación pretende constatar a capacidade do alumnado para se desenvolver con certo grao de autonomía na lectura dun texto.

-Memorizar e interpretar textos musicais empregando a medida, a afinación, a articulación e o fraseo adecuados ao seu contido. Este criterio de avaliación pretende comprobar, a través da memoria, a correcta aplicación dos coñecementos teórico-prácticos da linguaxe musical.

-Interpretar obras de acordo cos criterios do estilo correspondente. Este criterio de avaliación pretende comprobar a capacidade do alumnado para empregar o tempo, a articulación e a dinámica como elementos básicos da interpretación.

-Describir logo dunha audición os trazos característicos das obras escoitadas. Con este criterio, preténdese avaliar a capacidade para percibir e relacionar cos coñecementos adquiridos os aspectos esenciais de obras que o alumnado poida entender segundo o seu nivel de desenvolvemento cognitivo e afectivo, aínda que non as interprete por seren novas para el ou por resultaren aínda inabordables pola súa dificultade técnica.

-Amosar nos estudos e nas obras a capacidade de aprendizaxe progresiva individual. Este criterio de avaliación pretende verificar se o alumnado é capaz de aplicar no seu estudo as indicacións do profesorado e, con elas, desenvolver unha autonomía progresiva de traballo que lle permita valorar correctamente o seu rendemento.

-Interpretar en público, como solista e de memoria, obras representativas do seu nivel no instrumento, con seguridade e control da situación. Este criterio de avaliación trata de comprobar a capacidade de memoria e autocontrol, e o dominio da obra estudada. Así mesmo, pretende estimular o interese polo estudo e fomentar as capacidades de equilibrio persoal que lle permitan enfrontarse con naturalidade ante un público.

-Actuar como membro dun grupo e manifestar a capacidade de tocar ou cantar, ao mesmo tempo que escoita e se adapta ao resto dos instrumentos ou das voces. Este criterio de avaliación presta atención á capacidade do alumnado para adaptar a súa afinación, precisión rítmica, dinámica, etc., á dos seus compañeiros ou compañeiras nun traballo común.