DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Mércores, 24 de outubro de 2007 Páx. 17.161

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2007 pola que se convoca un curso para o persoal ao servizo das entidades locais de Galicia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) aprobado para 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso para o persoal ao servizo das entidades locais de Galicia, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Requisitos dos participantes.

Poderán participar nas accións formativas convocadas por esta resolución os empregados públicos e as empregadas públicas destinados na Administración local de Galicia que se encontran en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos para cada un dos cursos relacionados no anexo. No caso dos funcionarios con habilitación de carácter estatal a situación de expectativa de destino equipárase para estes efectos á de servizo activo pero terán preferencia os funcionarios que se atopen nesta última situación fronte aos primeiros.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda.-Acceso ás actividades, datas e lugares de realización.

Poderá participar o persoal que cumpra os requisitos específicos e as preferencias exixidas para cada curso no anexo. A participación nos cursos que teñan lugar en horario de traballo quedará condicionada á autorización das persoas responsables dos centros directivos.

Os cursos realizaranse coa duración e condicións que para cada un deles se indican no anexo. A información será actualizada na páxina web da EGAP, http://www.egap.xunta.es.

Terceira.-Solicitudes.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es, de acordo co disposto na base 4ª desta resolución, non sendo admisibles outros modelos de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecidos no punto anterior ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As persoas solicitantes de cursos de teleformación deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

-Ordenador con conexión á internet.

-Calquera navegador web co plugin de flash.

-Conta de correo electrónico especificada na solicitude.

e) As solicitudes cubertas adecuadamente de acordo coa base 4ª entenderanse presentados na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matrícula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, poderán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 30 ou correo electrónico ao enderezo local.egap@xunta.es, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Deberá utilizarse exclusivamente unha das modalidades de remisión. No caso de encontrárense varias solicitudes dunha mesma persoa só serán considerados os datos achegados a través da internet.

g) O prazo de presentación de solicitudes rematará o 29 de outubro de 2007.

Cuarta.-Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da aplicación informática de matrícula en liña da Escola Galega de Administración Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través do número de teléfono 981 54 63 23, o fax: 981 54 62 57 ou do enderezo de correo electrónico matricula.egap@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Quinta.-Criterios de selección.

a) Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 30 de xaneiro de 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 27, do 7 de febreiro) e, de ser o caso, os criterios específicos que se establezan para cada acción formativa sinalados no anexo.

b) A EGAP poderá solicitar en calquera momento nos centros directivos dos cales dependan os solicitantes un informe acreditativo da veracidade dos datos declarados polo solicitante e da adecuación do perfil do solicitante ao contido do curso.

c) Así mesmo poderá ser solicitado o asesoramento dos profesores na materia dos cursos cando sexa conveniente para unha mellor selección e a homoxeneización do grupo de alumnos, para o que poderán ser establecidas probas previas de nivel.

d) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignados a eles mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

e) Procurarase que estea representado o maior número posible de entidades locais.

Sexta.-Publicación das relacións do persoal seleccionado.

a) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da súa páxina web http://www.egap.xunta.es unha relación provisional das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión, serán informados da súa selección a través do correo electrónico. As persoas que non figuren na relación, non foron seleccionadas, por iso ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6º b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) A EGAP solicitará, de ser o caso, ao centro directivo a que está adscrita a persoa preseleccionada ou á xefatura de persoal da entidade correspondente a documentación acreditativa da veracidade dos datos contidos na solicitude así como a certificación de que a materia do curso ten relación co posto de traballo.

c) O persoal preseleccionado só poderá renunciar ao curso por causa de forza maior suficientemente xustificada, necesidade do servizo ou outras causas xustificadas sempre que así o acredite documentalmente a persoa responsable do departamento administrativo en que desenvolva o seu labor ou a través dun documento que acredite o feito alegado. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de 3 días hábiles anteriores ao inicio do curso co fin de cubrir a vacante. A renuncia non xustificada ou non acreditar documentalmente a causa que a produce suporá a exclusión do seleccionado nas convocatorias do ano seguinte, de acordo co disposto na Resolución do 30 de xaneiro de 2007 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

d) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da súa páxina web http://www.egap.xunta.es a lista definitiva de admitidos ao curso. A persoa seleccionada deberá comunicarlle á persoa responsable do seu centro directivo a selección na actividade en caso de coincidir co horario de traballo, pois neste suposto deberá contar coa súa autorización, que terá que presentarlle ao comezo do curso ao responsable da actividade formativa ou á EGAP. Por necesidades do servizo ou causas debidamente motivadas poderá negarse a asistencia ao curso, circunstancia que debe ser comunicada á EGAP.

e) Non serán admitidos en ningún caso cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Sétima.-Asistencia aos cursos.

Durante a realización das actividades formativas levarase un control permanente de asistencias a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

Oitava.-Certificados.

a) Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.

b) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causa xustificada, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou a persoa responsable do curso nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 15% das horas lectivas. As ausencias, aínda xustificadas, superiores ao 15% do total das horas lectivas suporán a perda do dereito á expedición do diploma.

c) A falta de asistencia a un número de horas superior ao 15% das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso senón que os participantes poderán ser excluídos das convocatoria das actividades formativas da EGAP durante o prazo dun ano contado desde a finalización do curso.

d) Para poder superar os cursos de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

-Asistencia á sesión presencial de apertura, se a houbese.

-Adecuada realización das actividades que o titor ou a titora propoña. Estas deben constar como aprobadas nos prazos que estipulen as titorías.

-Lectura detallada dos contidos do curso. Cada curso ten uns contidos teóricos que deben ser revisados na plataforma. En cada curso estimarase un tempo mínimo que será comunicado antes polas titorías ao seu inicio.

O alumnado deberá superar unha proba final, de carácter presencial, que terá lugar nas dependencias da EGAP. Para poder obter o diploma é necesario obter un aprobado nesa proba e cumprir os demais requisitos con anterioridade.

d) Para que quede coñecemento e constancia no seu expediente, as persoas participantes nos cursos terán que facilitarlles unha copia das certificacións recibidas aos servizos de persoal do centro directivo ao cal estean adscritos.

Novena.-Facultades da EGAP.

a) A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e a xestión dos cursos, e pode suprimir algún, ampliar novas edicións da programación ou programar outros cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Así mesmo, correspóndelle á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

b) A EGAP poderá modificar o desenvolvemento e os contidos dos cursos, as datas e os lugares, así como todas as continxencias que poidan xurdir.

c) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración

Pública

ANEXO

Curso de modelos de goberno nos entes locais.

Código: LMG.

1. Obxectivos.

Analizar os modelos de goberno e Administración local desenvolvidos en diferentes comunidades autónomas desde a Constitución de 1978, cunha mirada posta nos modelos de goberno e Administración local dos países de noso contorno.

Os contidos do curso farán especial fincapé no estudo dos modelos de organización da Administración local en diferentes comunidades autónomas e no seu desenvolvemento normativo, no rendemento da xestión local ao fío do desenvolvemento da autonomía local, no papel do alcalde e a dirección pública local, e en cuestións legais e normativas de actualidade que afectan o desenvolvemento dos modelos de goberno e Administración local en España.

2. Destinatarios.

Persoal da Administración local, cargos electos locais, persoal das universidades e profesionais que actúen no ámbito da Administración local.

Terán preferencia os cargos electos e o persoal da Administración local e dentro desta os funcionarios con habilitación de carácter estatal, os dos grupos A e B e o persoal laboral asimilado.

3. Desenvolvemento.

Duración: 20 horas.

Lugar de realización: Santiago de Compostela, sede da EGAP.

Datas: o 7, 8, 12, 21 e 22 de novembro 2007.

Horario: das 16.00 ás 20.00h.

Prazas: 35.

4. Contido.

Día 7: modelos de goberno local en perspectiva comparada I.

Día 8: modelos de goberno local en perspectiva comparada II. O ámbito directivo local en Europa.

Día 12: o caso vasco: o modelo institucional de organización territorial do País Vasco; o borrador de anteproxecto da Lei municipal de Euskadi; goberno e dirección pública local en Euskadi: o borrador da Lei de emprego público de Euskadi.

Día 21: o caso de Galicia: rendementos institucionais do goberno local: a) O rendemento lexislativo autonómico sobre réxime local. b) Análise das propostas sobre a organización do nivel territorial local. c) O novo mapa político local: a formación do goberno nas entidades locais despois das eleccións municipais de 2007. d) O alcance da produción e provisión dos servizos públicos locais.

Día 22: o caso catalán: o rendemento do funcionamento municipal en Cataluña. Resultados do Observatorio do goberno local.