DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 23 de outubro de 2007 Páx. 17.058

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 196/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de danza.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 45 que as ensinanzas artísticas teñen como finalidade proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais da danza, e no artigo 48 preceptúa que as ensinanzas elementais de danza terán as características e a organización que as administracións educativas determinen.

A Comunidade Autónoma de Galicia estableceu o currículo do grao elemental das ensinanzas de danza mediante o Decreto 260/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental das ensinanzas de danza, en desenvolvemento do Real decreto 755/1992, do 26 de xuño, polo que se establecen os aspectos básicos do currículo do grao elemental das ensinanzas de danza.

A experiencia alcanzada desde a promulgación do citado decreto, xunto co desenvolvemento da nova lei de educación, aconsellan establecer un novo marco normativo para a ordenación académica das ensinanzas elementais de danza.

A finalidade do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de danza é a de promover a autonomía do alumnado para que a súa capacidade de expresión dancística adquira a calidade artística necesaria que permita acceder ao grao profesional.

Xa que logo, este decreto establece o currículo do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de danza para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, regula o acceso a estas ensinanzas, así como os requisitos mínimos dos conservatorios elementais de danza e dos centros autorizados elementais de danza no relativo á relación numérica entre estudantes e profesorado, instalacións docentes e número de postos escolares.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Da finalidade e a organización das ensinanzas elementais

de danza

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto regula o currículo da ensinanza de danza do grao elemental consonte o establecido no artigo 48 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. Así mesmo, esta disposición regula os criterios de ingreso no grao elemental.

3. Este decreto ten igualmente a finalidade de establecer os requisitos mínimos dos conservatorios elementais de danza e dos centros autorizados elementais de danza no relativo á relación numérica entre estudantes e profesorado, instalacións docentes e número de postos escolares.

4. Este decreto é de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia, nos conservatorios de danza e nos centros autorizados de danza que conten coa autorización para a impartición do grao elemental de danza.

Artigo 2º.-Finalidade.

1. A finalidade do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de danza é promover a autonomía do alumnado para que a súa capacidade de expresión dancística adquira a calidade artística necesaria que permita acceder ao grao profesional.

2. A ensinanza de danza no grao elemental organízase en catro cursos.

Artigo 3º.-Obxectivos xerais.

O grao elemental das ensinanzas de danza debe contribuír a desenvolver no alumnado as seguintes capacidades:

a) Apreciar a importancia da danza como linguaxe artística e medio de expresión cultural dos pobos e das persoas.

b) Coñecer e valorar o dominio do propio corpo e a súa importancia no desenvolvemento da técnica e da expresión artística.

c) Relacionar os coñecementos musicais cos códigos de movemento aprendidos co fin de adquirir as bases que permitan desenvolver a interpretación artística.

d) Desenvolver a memoria como medio indispensable para a formación artística dos bailaríns e das bailarinas.

e) Recoñecer a importancia da concentración previa á interpretación artística como punto de partida para unha correcta execución.

f) Participar con actitude de interese, atención e respecto, asumindo os papeis que rexen a interpretación escénica, e valorar a importancia da actitude do público na transmisión da música e da danza, tanto nas aprendizaxes de aula e nas complementarias como nas extraescolares.

g) Asistir a manifestacións escénicas relacionadas coa danza e a música, para formar a súa cultura dancística e iniciar o desenvolvemento do seu criterio artístico.

h) Desenvolver a creatividade e a expresión artística do alumnado mediante a improvisación individual de pequenas variacións, co fin de que se apliquen os coñecementos adquiridos a partir das pautas indicadas polo profesorado.

i) Aplicar a sensibilidade corporal para a obtención dunha calidade de movemento e dunha interpretación rica en expresividade.

j) Fomentar a utilización do patrimonio dancístico e musical en xeral, e a do galego en particular, como medio indispensable no enriquecemento da persoa e da súa formación artística.

Capítulo II

Do currículo

Artigo 4º.-Currículo.

1. As materias correspondentes a cada curso do grao elemental e os tempos lectivos son os que se establecen no anexo I deste decreto.

2. Os obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación das ensinanzas elementais de danza son os que se establecen no anexo II deste decreto.

3. De acordo co establecido no artigo 121 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, os centros docentes concretarán e complementarán, dentro do proxecto educativo de centro, o currículo das ensinanzas de danza do grao elemental mediante a elaboración de concrecións curriculares.

4. O proxecto educativo do centro incluirá, así mesmo, a distribución por cursos dos obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación de cada materia. A devandita distribución non deberá variar para un mesmo grupo de alumnado ao longo do grao.

5. Os departamentos didácticos deben desenvolver as programacións da súa actividade docente consonte o currículo e o proxecto educativo do centro.

Artigo 5º.-Materias que constitúen o currículo.

As ensinanzas elementais de danza organízanse nas materias seguintes:

Danza clásica.

Danza de carácter.

Danza galega.

Introdución á danza contemporánea.

Introdución á danza española e ao baile flamenco.

Música.

Capítulo III

Do acceso e matrícula

Artigo 6º.-Requisitos e proba de acceso.

1. Para acceder ás ensinanzas de grao elemental de danza será requisito imprescindible superar unha proba específica de acceso, que garante os principios de igualdade, mérito e capacidade.

2. O procedemento de acceso ao primeiro curso de grao elemental atenderá exclusivamente á avaliación das aptitudes físicas e expresivas das persoas aspirantes en relación coa danza, co seu sentido musical e coa idade idónea para iniciar estes estudos.

3. A proba para avaliar as aptitudes dancísticas incluirá, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Exercicios que permitan valorar a amplitude articular e a flexibilidade muscular das extremidades e do tronco.

b) Exercicios de coordinación corporal que permitan valorar a capacidade psicomotriz das persoas aspirantes.

c) Exercicios de salto para medir a potencia dos membros inferiores.

d) Exercicios de carácter musical para valorar as aptitudes musicais das persoas aspirantes.

4. A realización destes exercicios efectuarase de xeito que ningún deles teña carácter eliminatorio. A valoración realizarase considerando tanto cada un dos aspectos sinalados no punto anterior como o conxunto da proba globalmente.

Artigo 7º.-Acceso a outros cursos.

1. Poderase acceder a calquera outro curso do grao elemental sen ter superados os anteriores, sempre que se supere a correspondente proba. En calquera caso, o acceso a outro curso do grao elemental estará supeditado á existencia de prazas vacantes nos respectivos cursos.

2. Estas probas avaliarán, ademais das aptitudes dancísticas e da idade idónea, a capacidade e os coñecementos dos alumnos e das alumnas para continuaren os estudos no curso en que se solicite a praza.

Artigo 8º.-Cualificación das probas de acceso.

1. As puntuacións definitivas obtidas polo alumnado nas probas de acceso a calquera dos cursos do grao elemental axustaranse á cualificación numérica de 1 a 10, ata un máximo dun decimal, e é necesario obter, como mínimo, a cualificación de 5 puntos para superar a proba.

2. A superación da proba de acceso faculta exclusivamente para matricularse no curso académico en que fose convocada.

3. As puntuacións definitivas obtidas na proba de acceso serán as que determinen a matriculación do alumnado.

Artigo 9º.-Matriculación.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá as normas de admisión e matrícula, así como as condicións dos traslados de centro.

Artigo 10º.-Matrícula excepcional.

É competencia do consello escolar de cada centro autorizar, con carácter excepcional, a ampliación de matrícula ao curso seguinte ao alumnado que, logo de orientación do profesorado, así o solicite, sempre que o informe da totalidade do profesorado do alumno ou da alumna asegure a súa adecuada capacidade de aprendizaxe do curso actual e do que aspire a acceder.

Capítulo IV

Da avaliación, a promoción e a permanencia

Artigo 11º.-Avaliación.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará o procedemento de avaliación, promoción e permanencia do alumnado, que se axustará ao disposto nos puntos seguintes.

2. A avaliación no grao elemental levarase a cabo tendo en conta os obxectivos e os criterios de avaliación establecidos no currículo.

3. A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua, cualitativa e integradora, aínda que diferenciada segundo as materias do currículo.

4. A avaliación, supervisada pola xefatura de estudos, realizaraa o conxunto do profesorado do alumno ou da alumna coordinado polo profesor ou a profesora que desempeñen a titoría. Este profesorado actuará de xeito integrado ao longo do proceso de avaliación e na adopción de decisións resultantes do devandito proceso.

5. O profesorado avaliará tanto a aprendizaxe dos alumnos e as alumnas como os procesos de ensino e a súa propia práctica docente.

6. Os resultados da avaliación final das materias que compoñen o currículo expresaranse mediante a escala numérica de 1 a 10 sen decimais. Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco, e negativas as inferiores a cinco.

7. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará as condicións para que os centros organicen as oportunas probas extraordinarias co fin de lle facilitar ao alumnado a recuperación de materias con avaliación negativa.

Artigo 12º.-Promoción.

1. O alumnado promoverase ao curso superior cando teña superadas as materias cursadas ou teña avaliación negativa, como máximo, nunha materia, agás que esta sexa a de danza clásica. Neste último suposto cumprirá repetir a totalidade do curso.

2. No caso de materias pendentes, a recuperación da materia deberá realizarse na clase do curso seguinte, se esta forma parte del. No resto dos casos, o alumnado deberá asistir ás clases da materia non superada no curso anterior.

3. A cualificación negativa en dúas ou máis materias dun curso ou de varios impedirá a promoción do alumnado ao curso seguinte.

4. O alumnado que ao remate do cuarto curso tivese pendente de avaliación positiva dúas ou máis materias deberá repetir o curso na súa totalidade. Cando a cualificación negativa se produza nunha materia só será necesario realizar a materia pendente.

5. En relación co punto anterior, os centros poderán, segundo a súa dispoñibilidade, autorizar a asistencia do alumnado cunha materia pendente ás clases das materias xa superadas.

Artigo 13º.-Permanencia.

1. O límite de permanencia en cada curso de grao elemental será de dous anos, sen que o alumnado poida permanecer máis de cinco anos no devandito grao.

2. Con carácter excepcional, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar a ampliación nun ano da permanencia no grao elemental, en supostos de doenza que perturbe substancialmente o desenvolvemento dos estudos ou outros supostos que merezan igual consideración.

Capítulo V

Dos documentos de avaliación

Artigo 14º.-Documentos de avaliación.

1. Son documentos de avaliación das ensinanzas elementais de danza o expediente académico persoal, as actas de avaliación e os informes de avaliación individualizados.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ha determinará as características e a validez dos documentos de avaliación as que fai referencia o punto anterior.

Artigo 15º.-Certificado.

1. O alumnado recibirá, ao finalizar o grao elemental, un certificado expedido pola dirección do centro educativo en que consten os cursos e as materias, así como as cualificacións obtidas.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará as características e a validez da certificación a que fai referencia este artigo.

Capítulo VI

Dos requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de grao elemental de danza

Artigo 16º.-Instalacións.

1. Con carácter xeral, as ensinanzas correspondentes ao grao elemental de danza impartiranse nos conservatorios elementais ou profesionais de danza e nos centros autorizados elementais ou profesionais de danza.

2. Os centros elementais de ensinanza de danza deberán situarse en edificios independentes e contar, como mínimo, coas instalacións seguintes:

a) Unha aula para música, cunha superficie mínima de 30 metros cadrados.

b) Unha superficie de 40 metros cadrados, como mínimo, destinada aos servizos de biblioteca, videoteca e fonoteca, acorde coas necesidades das ensinanzas que imparta o centro.

c) Un espazo de usos polivalentes acondicionado para representacións de danza, cunha superficie non inferior a 100 metros cadrados, unha altura mínima de 3 metros e pavimento flotante.

d) Un despacho de dirección.

e) Unha secretaría.

f) Unha sala para o profesorado de tamaño adecuado ao número de postos escolares autorizados e nunca inferior a 30 metros cadrados.

g) Aseos e servizos hixiénico-sanitarios en número adecuado á capacidade do centro, tanto para o alumnado como para o profesorado.

h) Vestiarios, con duchas, adecuados á capacidade do centro.

i) Unha dependencia para almacenaxe de vestiario e material adecuada ás necesidades do centro.

j) Gabinete médico.

k) O número de aulas destinadas a clases de danza, cunha superficie mínima de 70 metros cadrados, que se precise para que poida garantirse o horario lectivo que se estableza no plan de estudos, tendo en conta o horario de funcionamento do centro, o número de postos escolares e a relación numérica entre o profesorado e o alumnado. As devanditas aulas terán unha altura mínima de 3 metros e pavimento flotante.

Artigo 17º.-Postos escolares e relación numérica entre profesorado e alumnado.

1. Os centros elementais de ensinanzas de danza terán un mínimo de 80 postos escolares.

2. No grao elemental de danza manterase, como máximo, unha relación numérica entre profesorado e alumnado de 1/17.

Disposicións adicionais

Primeira.-Implantación do grao elemental e incorporación a este do alumnado que estea a cursar as ensinanzas reguladas polo Real decreto 755/1992, do 26 de xuño.

1. En cumprimento do establecido no artigo 20 do Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no ano académico 2007-2008 implantaranse os catro cursos do grao elemental e deixarán de impartirse as ensinanzas do grao elemental de danza reguladas polo Real decreto 755/1992, do 26 de xuño, polo que se establecen os aspectos básicos do currículo do grao elemental das ensinanzas de danza.

2. O alumnado procedente do plan de estudos regulado polo Real decreto 755/1992, do 26 de xuño, incorporarase ao curso que lle corresponda segundo a nova ordenación establecida neste decreto.

Segunda.-Equivalencia entre as ensinanzas do grao elemental e as reguladas polo Real decreto 755/1992, do 26 de xuño.

1. En cumprimento do establecido no artigo 20 do Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, as certificacións acreditativas do grao elemental de danza do plan de estudos regulado polo Real decreto 755/1992, do 26 de xuño, terán os mesmos efectos que as certificacións as que fai referencia o artigo 15 deste decreto.

2. Para estes efectos, as equivalencias entre as ensinanzas do grao elemental recollidas neste decreto e as establecidas polo Real decreto 755/1992, do 26 de xuño, son as seguintes:

Ver referencia pdf "20500D001P006.PDF"

Terceira.-Incorporación do alumnado procedente de plans de estudos anteriores con materias pendentes.

1. Cando un alumno ou unha alumna teñan non superadas dúas ou máis materias do curso que estean a realizar das ensinanzas establecidas no Real decreto 755/1992, do 26 de xuño, incorporaranse ao mesmo curso das ensinanzas reguladas por este decreto, que deberán realizar completo.

2. Así mesmo, cando se teña cualificación negativa nunha materia do curso que se estea a realizar das ensinanzas establecidas no Real decreto 755/1992, do 26 de xuño, incorporarase ao curso seguinte das ensinanzas reguladas por este decreto.

3. En relación co punto anterior, a equivalencia das materias do grao elemental dispostas no Decreto 260/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental das ensinanzas de danza con distinta denominación ás establecidas neste decreto son:

Ver referencia pdf "20500D001P006.PDF"

Cuarta.-Alumnado con discapacidade.

1. No marco das disposicións establecidas na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, os centros escolares de nova creación deberán cumprir as disposicións vixentes en materia de promoción da accesibilidade. O resto dos centros deberán adecuarse á devandita lei nos prazos e cos criterios establecidos nesta.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas oportunas para a adaptación do currículo ás necesidades do alumnado con discapacidade. En todo caso, estas adaptacións deberán respectar no esencial os obxectivos fixados neste decreto.

Quinta.-Adscrición das materias do currículo.

Consonte o artigo 4 do Real decreto 989/2000, do 2 de xuño, polo que se establecen as especialidades do corpo de profesorado de música e artes escénicas, se adscriben a elas os profesores e as profesoras do devandito corpo e se determinan as materias que deberán impartir, as materias establecidas no artigo 6 deste decreto non incluídas no anexo I do precitado Real decreto 989/2000, do 2 de xuño, quedan adscritas como se indica:

Ver referencia pdf "20500D001P006.PDF"

Sexta.-Preparación das probas.

1. Para os efectos de preparar o acceso do alumnado ás ensinanzas do grao elemental, e segundo a dispoñibilidade dos centros, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar os centros que o soliciten un curso ou cursiño preparatorio, previo ao grao elemental e coa duración que se determine, que non terá carácter oficial para os efectos de selección, promoción, permanencia e avaliación do alumnado.

2. En relación co disposto no punto anterior, a eventual superación do devandito curso por parte do alumnado non lle dará dereito á continuación dos estudos no grao elemental.

Disposición transitoria

Única.-Probas extraordinarias.

Sen prexuízo do establecido na disposición adicional terceira deste decreto, no ano académico 2007-2008 a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá unha proba extraordinaria para o alumnado procedente do plan de estudos anterior, cunha materia pendente, sempre que esta sexa a de danza de carácter.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Queda derrogado o Decreto 260/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental das ensinanzas de danza, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días seguintes aos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de setembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "20500D001P006.PDF"

ANEXO II

Danza clásica

Introdución

Tras un proceso que comeza na cultura europea occidental nos albores do Renacemento, o balé cristaliza como forma artística definida entre os séculos XVII e XIX. Deste fúndase e universalízase a que hoxe en día é chamada danza clásica, cimento de todas as expresións cultas do baile na sociedade moderna.

A danza clásica, no seu termo común, ou máis correctamente balé académico, é hoxe a disciplina universal de base que todo bailarín e bailarina debe posuír en primeiro lugar, para poder realizar, crear ou transmitir despois calquera tipo de danza escénica. A súa técnica é unha verdadeira linguaxe do movemento rítmico humano, e adquírese, como calquera forma ou idioma de expresión ou comunicación, de xeito gradual e progresiva; a súa aprendizaxe desenvolve no alumnado o coñecemento e dominio do seu corpo, facendo deste o instrumento da súa expresión artística.

A execución e interpretación da danza clásica ou académica supón unha preparación e total dominio do corpo para que a práctica dos diferentes estilos reflicta o seu valor estético e adquiran unha mensaxe significativa no artístico superando a mera calistenia.

A formación e desenvolvemento destas capacidades exixe un longo proceso no cal resulta imprescindible a sistematización do estudo, cunha dedicación diaria que precisa da tutela permanente do profesorado. Este proceso de ensinanza e aprendizaxe, polas súas propias características especiais, localízase sempre no ámbito da escola.

Os contidos do grao elemental concéntranse na aprendizaxe dos elementos fundamentais da técnica do balé académico para a correcta colocación do corpo, que permita o desenvolvemento dunha base sólida das cualidades físicas e expresivas. A célula básica deste proceso de ensinanza e aprendizaxe é a clase de balé, entendida hoxe en día nas súas diversas modalidades de complexidade e segundo o esquema historicamente aceptado, barra e centro, que tivo a súa orixe na definición manual de Carlo Blasis. A clase organízase arredor dos seguintes aspectos:

* A estirada e suxeición controlada de todo o corpo.

* A elasticidade controlada das articulacións de cadeira e outros puntos anatómicos.

* O control primeiro e a flexibilidade despois, das costas como elemento axial básico.

* O desenvolvemento controlado das resistencias e musculación do corpo e as extremidades inferiores.

* O control da pelve.

* O desenvolvemento da postura chamada tecnicamente en dehors (sic. cara a fóra) como punto de partida do vocabulario corporal do balé.

* O desenvolvemento do pé en canto á súa forza, estirada e capacidade como punto de soporte dinámico; a súa utilización como elemento de transición, pausa e descanso.

* O maior dominio do plie (sic. dobrado), en canto á elasticidade e estirada pola súa conveniencia na obtención dun rendemento óptimo do equilibrio e a flexibilidade.

* O dominio da coordinación interior e rítmica de todos os movementos (cabeza, brazos e pernas).

* O descubrimento do propio equilibrio corporal.

* O desenvolvemento do emprego dinámico do espazo nos exercicios mediante a utilización progresiva de desprazamentos ao tempo que se incentiva a coordinación das partes do corpo.

* A aprendizaxe da respiración correcta tanto no tempo como na dinámica específica do exercicio para obter o seu máximo rendemento.

O aproveitamento óptimo do grao elemental reverte sobre o futuro bailarín e a futura bailarina como a célula de preparación básica capaz de situalo en condicións de afrontar coñecementos máis complexos e específicos das distintas ramas da danza e o balé. É por isto que o balé académico imprime no alumnado o rigor e os condicionantes técnicos de apertura a outras expresións, entendendo que, pola súa antigüidade e grao de madurez na didáctica, o balé é o berce histórico natural de todas as ramas da danza culta e escénica, independentemente de que, nas súas manifestacións artísticas terminais, aparezan moi diferenciadas entre si. O cimento formativo do artista da danza pasa necesariamente pola iniciación progresiva que se establece neste grao elemental.

Obxectivos

-Adoptar unha correcta colocación do corpo que permita unha base técnica sólida, a través da realización de exercicios no chan, na barra e no centro.

-Coordinar os movementos das pernas, o torso, a cabeza e os brazos de xeito progresivo nos exercicios de cada nivel.

-Realizar os exercicios na barra cunha correcta colocación e coordinación das partes do corpo, como base de futuras complexidades técnicas.

-Realizar no centro os exercicios traballados na barra e amosar un control do eixe corporal que permita o desenvolvemento técnico posterior.

-Amosar sentido do equilibrio na execución dos exercicios como preparación da técnica do xiro.

-Coñecer os pequenos saltos, a través do estudo das súas fases: o pulo, a fixación e a recepción, para acadar a elasticidade e a forza necesarias na execución das combinacións deste nivel.

-Realizar pequenas variacións, diagonais e desprazamentos para comprender a importancia dunha utilización axeitada do espazo.

-Ser consciente da importancia da respiración na execución de exercicios e na interpretación da danza para acadar un movemento harmonioso.

-Executar con sentido rítmico e musicalidade os exercicios correspondentes ao grao para acadar a súa coordinación co movemento.

-Coñecer a terminoloxía propia da linguaxe da danza académica, mediante a explicación e a descrición de cada paso para facilitar as combinacións destes e a súa aplicación coreográfica.

-Utilizar a percepción visual para aprender a primeira vista un paso, un exercicio ou un conxunto deles, mediante a realización de combinacións que permitan o desenvolvemento da capacidade memorística.

-Aplicar a sensibilidade corporal para a obtención dunha calidade de movemento e dunha interpretación rica en expresividade.

-Desenvolver a creatividade e a expresión artística do alumnado mediante a improvisación, de xeito individual, de pequenas variacións, co fin de que aplique os coñecementos adquiridos a partir das pautas indicadas polo profesorado.

-Fomentar a asistencia a manifestacións escénicas relacionadas coa danza para formar o alumnado na cultura da danza e iniciar o desenvolvemento do seu criterio artístico.

Contidos

-Coñecemento do corpo e a súa correcta colocación.

-Coordinación de brazos, pernas e cabeza na execución dos movementos.

-Traballo da respiración e da dinámica para obter unha boa calidade de movemento.

-Exercicios no chan, na barra e no centro.

-Realización de movementos para o desenvolvemento do en dehors, o equilibrio, a elasticidade e a forza.

-Toma de conciencia da importancia do correcto repartimento do peso do corpo no traballo sobre unha e dúas pernas.

-O relevé: traballo para o fortalecemento de pés e pernas.

-Traballo do eixe corporal e da coordinación de cabeza, brazos e torso, na preparación e na execución dos xiros en dehors e en dedans.

-Realización de exercicios en que se traballen as fases dos pequenos saltos sobre unha e dúas pernas.

-Exploración do espazo nos seus planos, nas súas direccións, nos seus niveis e traxectos, etc., a través de exercicios ou variacións individuais, por parellas ou en grupo.

-Percepción, identificación e interiorización das estruturas rítmicas dos pasos.

-Toma de conciencia da importancia da precisión na execución da danza, de xeito individual e en grupo.

-Coñecemento da utilidade dos pasos básicos e da súa terminoloxía.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Utilización da improvisación para o desenvolvemento da creatividade.

-A coordinación e a súa función no movemento, en relación coa intención expresiva.

-A expresividade e a sensibilidade corporal como elemento imprescindible na interpretación.

-Asistencia e participación en manifestacións escénicas relacionadas coa danza.

-Mantemento de xeito continuo e rigoroso da disciplina estética e da conduta na clase.

-Realización de traballos teóricos, comentarios e debates sobre actividades propostas.

Criterios de avaliación

-Realizar todos os exercicios que compoñen a barra dunha clase de balé deste nivel que o profesor ou a profesora marquen no momento. Con este criterio, valorarase se o alumnado acadou unha correcta colocación, o control sobre o peso do corpo, a coordinación de pernas, brazos e cabeza..., para a obtención dunha base sólida que lle permita máis adiante realizar exercicios máis avanzados.

-Realizar no centro os exercicios estudados na barra que o profesor ou a profesora marquen no momento. Este criterio pretende comprobar se o alumnado tomou conciencia da colocación do eixe corporal, do seu equilibrio, da coordinación de pernas, torso e cabeza e da correcta distribución dos movementos no espazo.

-Reproducir un exercicio de port de bras. Este criterio pretende comprobar a correcta colocación dos brazos e a súa coordinación coa ollada, a cabeza e a respiración.

-Realizar pequenas variacións de pasos que inclúan os exercicios fundamentais da técnica do xiro en dehors e en dedans. Con este criterio, comprobarase o control do eixe corporal, o sentido do equilibrio e a coordinación de torso, brazos, pernas e cabeza.

-Realizar exercicios de pequenos saltos sobre unha e dúas pernas que o profesor ou a profesora marquen no momento. Este criterio pretende comprobar o control e a suxeición do demi-plié no pulo e na recepción do salto, o control e a suxeición do torso, e a correcta utilización da pelve e das cadeiras neste.

-Coñecer e recoñecer os pasos básicos aprendidos e entender o seu vocabulario técnico. Este criterio de avaliación permite comprobar se o alumnado aprendeu o nome dos pasos e o seu significado técnico na danza.

-Realizar pequenas variacións que inclúan desprazamentos polo espazo. Con este criterio búscase observar o sentido do alumnado con respecto ao espazo, ás dimensións e ás direccións.

-Realizar no centro pequenas variacións con ritmos diferentes que o alumnado debe memorizar e reproducir. Este criterio pretende comprobar a súa memoria e o seu sentido rítmico.

-Realizar unha improvisación dun fragmento musical que o pianista toque no momento, a partir dunha escoita previa. A través deste criterio, comprobarase se o alumnado desenvolveu a súa creatividade e expresión artística, así como tamén a musicalidade, a sensibilidade e o correcto emprego do espazo.

En todos os exercicios valorarase o correcto emprego da respiración, así como a capacidade artística, a sensibilidade e a musicalidade do alumnado.

Danza de carácter

Introdución

Desde o inicio da historia, a primeira forma de comunicación das persoas foi a través do movemento. O ritmo vital da persoa lévaa a expresarse a través da danza. Xorde así a danza do pobo, a danza tradicional. Posteriormente, nos albores do século XVII, cristaliza un novo xeito de danza, o que hoxe se coñece como danza clásica.

Da necesidade de incorporar a danza folclórica tradicional á danza académica xorde a danza de carácter, que utiliza os pasos da danza tradicional e emprega o èpaulement e port de bras dunha forma máis estilizada.

A formación dos bailaríns e das bailarinas debe ir encamiñada a un concepto global de artista, cunha cultura complementaria á especialidade que desenvolva despois, para que así poidan encarar o traballo profesional desde a perspectiva dun coñecemento amplo da danza, como unha arte con moitas ramas e formas de expresión.

A danza de carácter nos dous primeiros cursos do grao elemental, entendida non como especialidade, senón como parte da formación global do futuro bailarín ou bailarina, contribúe así ao desenvolvemento das capacidades técnicas e expresivas recollidas nos obxectivos deste nivel de estudo, fomentando a musicalidade e intensificando o sentido do ritmo, a flexibilidade e a percepción coreográfica. Non existe, xa que logo, contradición de base entre os coñecementos de balé académico e os de danza de carácter, senón que, polo contrario, compleméntase ambos, porque da súa interrelación deriva unha calidade de movementos máis depurada e un maior enriquecemento expresivo do alumnado.

Os contidos centraranse, esencialmente, no coñecemento e no estudo das danzas tradicionais de Polonia, Rusia e Italia que lle permitan ao alumnado experimentar vivencias con formas coreográficas.

Obxectivos

-Coñecer a importancia das danzas de Rusia, Polonia e Italia no repertorio clásico, a súa orixe e os seus ritmos, a través da visión de danzas de diversos tipos.

-Coordinar os movementos de pernas, torso, cabeza e brazos para empregar o épaulement, a través da realización de exercicios de port de bras típicos destas danzas, combinados con camiñadas e pasos básicos, tanto coa zapatilla como cos zapatos de carácter.

-Comprender a importancia dos recursos sonoros que acompañarán as danzas a través de primeiras experiencias, coas palmas, as pandeiretas e os zapatos de carácter.

-Executar con sentido rítmico e musical os pasos básicos aprendidos mediante variacións coreográficas, tanto coa zapatilla como cos zapatos, que axuden a introducir o estilo e que permitan un recoñecemento de termos elementais.

-Comprender a importancia dunha utilización axeitada do espazo en cada un dos exercicios, introducindo variacións coreográficas simples, en grupo ou en parella.

-Aplicar os coñecementos técnicos da danza clásica nas combinacións de exercicios de danzas de carácter, para comprender a colocación básica.

-Utilizar a percepción visual para aprender a primeira vista un paso, un exercicio ou un conxunto deles, mediante a realización de combinacións que permitan o desenvolvemento da capacidade memorística.

-Amosar unha sensibilidade corporal e musical que capacite a execución básica dunha danza, para a obtención dunha interpretación rica en expresión, sen a perda da colocación e o porte necesarios.

-Adquirir consciencia da importancia da respiración na execución do exercicio e na interpretación da danza para obter o seu máximo rendemento e a máxima calidade interpretativa.

-Fomentar a asistencia a manifestacións escénicas relacionadas coa danza para formar o alumnado na cultura da danza e iniciar o desenvolvemento do seu criterio artístico.

Contidos

-Coñecemento teórico do vestiario, o estilo e a orixe da polca, a polonesa, a tarantela e a danza rusa.

-Exercicios de pés, brazos e cabeza, cos èpaulement específicos para cada danza.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Estudo de variacións breves, facendo énfase no fraseo e na terminación dos pasos, a intención expresiva, os acentos e os matices musicais.

-Coordinación cos zapatos e coas palmas, no caso da danza rusa, e coa pandeireta na tarantela.

-Estudo das danzas de estrutura simple para o desenvolvemento da capacidade de bailar coordinadamente en grupo ou en parella, con énfase na relación entre os intérpretes e na súa proxección espacial.

-Montaxe básica de danzas.

-Emprego da improvisación para o desenvolvemento da creatividade. A coordinación e a súa función no movemento en relación coa intención expresiva.

-Disciplina, respecto e actitude positiva nas clases.

-Asistencia e participación en manifestacións escénicas relacionadas coa danza.

-Realización de traballos teóricos, comentarios e debates sobre actividades propostas.

Criterios de avaliación

-Coñecer a importancia das danzas de Rusia, Polonia e Italia no repertorio clásico, a súa orixe e os seus ritmos básicos. Este criterio de avaliación pretende comprobar que o alumnado comprende os contidos teóricos explicados.

-Executar exercicios de pés e pernas básicos dentro do estilo de cada danza. Este criterio pretende observar o coñecemento e a asimilación por parte do alumnado dos pasos básicos de cada danza.

-Interpretar pequenas variacións de son coa pandeireta, os pitos, as palmas e os zapatos de carácter, xunto cos pasos básicos. Este criterio pretende comprobar o nivel de destreza, a coordinación e o sentido rítmico do alumnado, sen perder a colocación de mans, brazos e costas.

-Coñecer as posicións dos brazos e as súas combinacións básicas, segundo o estilo de danza. Este criterio pretende comprobar se o alumnado executa correctamente as posicións dos brazos dentro do estilo.

-Realizar, seguindo as indicacións do profesor ou da profesora, os exercicios iniciais da técnica do zapato de carácter. Este criterio pretende comprobar a colocación do corpo, o control e a suxeición das costas, e a correcta posición dos pés.

-Executar sobre un fragmento musical variacións coreográficas marcadas polo profesor ou pola profesora que deben ser elaboradas con pasos elementais e básicos, e os seus respectivos brazos e recursos sonoros. Este criterio de avaliación pretende comprobar a coordinación de movementos e a súa execución técnica dentro do ritmo.

-Realizar pequenas variacións que inclúan desprazamentos, así como danzas en parella e en grupo. Con este criterio, búscase observar o sentido do alumnado con respecto ao espazo, ás dimensións e ás direccións, así como a relación entre os intérpretes e a súa proxección espacial.

-Camiñar tanto con zapato coma con zapatilla. Con este criterio, búscase iniciar a coordinación de todos os movementos, o porte e a elegancia dentro do estilo elixido.

-Memorizar pequenas variacións coreográficas marcadas polo profesor ou pola profesora. Con este criterio, preténdese comprobar a capacidade do alumnado para aprender a primeira vista e memorizar un paso, un exercicio ou un conxunto deles.

-Improvisar danzas sinxelas, empregando o ritmo e o fraseo musical axeitado, creatividade, espazo, recursos técnicos e instrumentais, así como os coñecementos básicos adquiridos. Con este criterio preténdese observar a capacidade creativa, o concepto de estilo, o grao de comprensión coreográfica e de comunicación que posúe o alumnado.

-Reproducir e interpretar un exercicio de saúdo adecuado a este nivel sobre un fragmento musical. Este criterio pretende comprobar o desenvolvemento artístico, expresivo e musical do alumnado.

En todos os exercicios valorarase o correcto emprego da respiración, así como a capacidade artística, a sensibilidade e a musicalidade do alumnado.

Danza galega

Introdución

Galicia posúe unha gran variedade e riqueza de danzas, enraizadas na sociedade e na cultura, grazas ao seu desenvolvemento en festas e romarías ao longo da súa historia.

Da necesidade de formar o futuro bailarín ou bailarina en todas as facetas dancísticas e artísticas posibles xorde o estudo máis específico da danza tradicional galega, entendida non como especialidade, senón como parte da formación global do futuro bailarín ou bailarina.

O obxectivo fundamental desta ensinanza é introducir os fundamentos básicos do folclore galego, desde un punto de vista teórico e práctico: orixe, estilos, traxes e pasos básicos.

A incorporación desta materia nas ensinanzas do grao elemental pretende contribuír, así, ao desenvolvemento e á recuperación das danzas tradicionais do pobo, mediante a súa aplicación máis estilizada neste nivel de estudo, fomentando no alumnado o interese polo folclore e a tradición e intensificando o sentido do ritmo e a percepción coreográfica. Os contidos céntranse, fundamentalmente, nos coñecementos básicos dos pasos dentro do ritmo e do estilo da muiñeira e da xota, como complemento da formación académica.

Obxectivos

-Coñecer e recoñecer distintos tipos de danzas folclóricas tradicionais de Galicia mediante exercicios con ritmos de muiñeira e xota, para obter un coñecemento xeral da riqueza do folclore galego.

-Coñecer as posicións básicas dos pés, das pernas e dos brazos nas danzas galegas.

-Executar con sentido rítmico e musical os pasos básicos da muiñeira, mediante variacións coreográficas que permitan a obtención do estilo, empregando a técnica de pernas e brazos, e a súa coordinación co torso e coa cabeza.

-Comprender a importancia dunha utilización axeitada do espazo en cada un dos exercicios, introducindo variacións coreográficas simples, en grupo ou en parella.

-Utilizar a percepción visual para aprender a primeira vista un paso, un exercicio ou un conxunto deles, mediante a realización de distintas combinacións que permitan o desenvolvemento da capacidade de memoria.

-Amosar unha sensibilidade corporal e musical que capacite a execución básica dunha danza, para a obtención dunha interpretación rica en expresión e creatividade, sen a perda do estilo.

-Adquirir consciencia da importancia da respiración na execución do exercicio e na interpretación da danza para acadar o máximo rendemento e un movemento harmonioso.

-Fomentar o interese polo folclore galego: traxes, costumes, tradición e instrumentos.

-Fomentar a asistencia a manifestacións escénicas relacionadas coa danza para formar o alumnado na cultura da danza e iniciar o desenvolvemento do seu criterio artístico.

Contidos

-Estudo da orixe histórica das danzas galegas e a súa clasificación.

-Práctica e execución dos pasos básicos das danzas galegas (muiñeira ou xota), por parella ou en grupo.

-Recursos técnicos necesarios: paseos, puntos, picados e voltas.

-Interpretación de variantes coreográficas: danzar en espello, danzar ao contrario, abrir e pechar rodas, etc.

-Coordinación e colocación de brazos e cabeza.

-Identificación dos instrumentos que acompañan as danzas (pandeiro, pandeireta, gaita, etc.).

-Coñecemento dos traxes e significado sociocultural das danzas galegas máis representativas.

-Adestramento permanente e progresivo da memoria.

-Montaxe de danzas sinxelas.

-Emprego da improvisación para o desenvolvemento da creatividade.

-A coordinación e a súa función no movemento en relación coa intención expresiva.

-Disciplina, respecto e actitude positiva nas clases.

-Asistencia e participación en manifestacións escénicas relacionadas coa danza.

-Realización de traballos teóricos, comentarios e debates sobre actividades propostas.

Criterios de avaliación

-Coñecer a riqueza e a variedade do folclore galego, a súa orixe, a súa indumentaria e os seus ritmos básicos. Con este criterio de avaliación búscase que o alumnado coñeza as danzas tradicionais galegas e que recoñeza os estilos básicos, a través da súa visión (traxes e pasos) e da súa audición (ritmos).

-Demostrar o coñecemento básico de varios ritmos: muiñeira e xota. Este criterio pretende comprobar o sentido rítmico do alumnado.

-Demostrar o coñecemento dos recursos técnicos de pés e pernas: paseos, puntos, picados e voltas. Este criterio pretende observar se o alumnado interioriza a técnica elemental.

-Executar sobre un fragmento musical variacións coreográficas marcadas polo profesor ou pola profesora e elaboradas con pasos elementais e básicos, e os seus respectivos brazos. Este criterio de avaliación pretende comprobar a coordinación de movementos e a súa execución técnica dentro do ritmo.

-Realizar exercicios que inclúan desprazamentos, así como danzas en parella e en grupo, e as súas variantes. Con este criterio búscase observar o sentido do alumnado con respecto ao espazo, ás dimensións e ás direccións, así como a relación entre os intérpretes e a súa proxección espacial.

-Memorizar pequenas variacións coreográficas marcadas polo profesor ou pola profesora. Con este criterio preténdese comprobar a capacidade do alumnado para aprender a primeira vista e memorizar un paso, un exercicio ou un conxunto deles.

-Improvisar danzas sinxelas, empregando ritmo e fraseo musical axeitado, creatividade, espazo e recursos técnicos, así como os coñecementos básicos adquiridos. Con este criterio preténdese observar a capacidade creativa, o concepto de estilo e o grao de comprensión coreográfica e de comunicación que posúe o alumnado.

En todos os exercicios valorarase o correcto emprego da respiración, así como a capacidade artística, a sensibilidade e a musicalidade do alumnado.

Introdución á danza contemporánea

Introdución

A danza contemporánea xurdiu como consecuencia dun proceso cultural e artístico de inconformismo social.

É a finais do século XIX e a comezos do XX cando xorden figuras como Isadora Duncan, Ruth St. Denis, Loie Fullerm, etc., que exploran as posibilidades expresivas dos seus corpos. A súas danzas eran sinxelas e estreitamente relacionadas coa natureza, con clara tendencia de retorno ao auténtico.

É coa xeración posterior cando se consolida esta especialidade, con figuras como Marha Graham, Doris Humphey, Merce Cunningham e José Limón, que foron, pola súa vez, titulares dunha técnica coreográfica ben definida por cada un deles.

A inclusión desta materia no currículo do grao elemental de danza xorde, ademais da necesidade de que o alumnado coñeza dun xeito moi xeral en que consiste esta especialidade de danza, que se comeza a estudar como tal no grao profesional. Tendo un coñecemento básico desta materia, os alumnos e as alumnas poderán escoller de xeito máis obxectivo se queren optar á especialidade de danza contemporánea, no caso de continuar os estudos de danza no grao profesional.

A danza contemporánea é unha especialidade para a que cómpre unha madureza física e intelectual e, xa que logo, a visión neste curso é moi xeral e globalizadora.

Obxectivos

-Coñecer de xeito teórico e visual as distintas técnicas de danza contemporánea para favorecer a súa orientación.

-Improvisar formas libres de danza con sentido coreográfico para incentivar a creatividade do alumnado.

-Abordar, de xeito práctico e moi xeral, as técnicas de danza contemporánea que sexan máis acordes coa idade e a madureza do alumnado: Limón, Cunnighan, Release, etc.

-Realizar con sentido rítmico e musicalidade os exercicios e os movementos que configuran a danza.

-Expresarse libremente, a través de improvisacións dirixidas, para acadar a elaboración dunha linguaxe propia.

-Demostrar, a través da realización de pequenas coreografías, o entendemento das posibilidades interpretativas do bailarín ou da bailarina en relación co espazo.

-Fomentar a asistencia a manifestacións escénicas relacionadas coa danza para formar o alumnado na cultura da danza e iniciar o desenvolvemento do seu criterio artístico.

Contidos

-Exercicios no chan: diferenciación da forza e das sensacións das partes do corpo.

-Deseño do espazo, utilizando os tres planos (baixo, medio e alto), a partir da naturalidade do xesto.

-Accións dentro dos planos espaciais individuais: diante, detrás, abaixo, arriba, lento, rápido, simétrico, asimétrico, etc.

-Práctica da improvisación libre, con e sen obxectos, individuais e en pequenos grupos.

-Construción de frases coreográficas sinxelas.

Criterios de avaliación

-Realización dalgún exercicio teórico e comparativo das técnicas estudadas. Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado comprendeu as características específicas de cada unha destas técnicas.

-Realización dun exercicio de exploración espacial. Con este criterio valorarase a asimilación dos planos espaciais por parte do alumnado.

-Improvisar individualmente unha variación libre, a partir dun fragmento musical proposto. Este criterio de avaliación pretende comprobar o desenvolvemento creativo do alumnado.

-Interpretar unha frase coreográfica creada polo alumno ou pola alumna. Con este criterio comprobarase a súa capacidade creativa e interpretativa, así como a súa sensibilidade artística e a musicalidade.

En todos os exercicios valorarase o correcto emprego da respiración, así como a capacidade artística, a sensibilidade e a musicalidade do alumnado.

Introdución á danza española e ao baile flamenco

Introdución

A danza española, tal e como se entende hoxe en día, é a síntese do patrimonio folclórico, a escola bolera e o flamenco, nun proceso de estilización, codificación e didáctica que discorreu no tempo e que vai desembocar nun cuarto estilo: a danza estilizada e o clásico español.

A formación do bailarín e da bailarina debe ir encamiñada dun concepto global de artista, cunha cultura complementaria á especialidade que desenvolva despois, para que así poida encarar o traballo profesional desde a perspectiva dun coñecemento amplo da danza, como unha arte con moitas ramas e formas de expresión. A inclusión desta materia no currículo de grao elemental de danza xorde, ademais, da necesidade de que o alumnado coñeza, dun xeito moi xeral, en que consiste esta especialidade de danza, que se comeza a estudar como tal no grao profesional. Tendo un coñecemento básico desta materia, o alumnado poderá escoller de xeito máis obxectivo se quere optar á especialidade de danza española, no caso de continuar ou non os estudos de danza no grao profesional.

Os contidos desta materia céntranse, fundamentalmente, no coñecemento teórico e visual dos catro estilos que conforman a danza española (escola bolera, flamenco, folclore e danza estilizada) e os seus recursos escénicos e sonoros: palillos, saia, palmas e zapatos de tacón, entre outros. A práctica desta materia centrarase no inicio experimental aos fundamentos básicos, técnicos e de estilo, tanto da escola bolera coma do flamenco.

Obxectivos

-Coñecer a importancia da danza española, a súa orixe e as súas vertentes (escola bolera, folclore, escola flamenca e danza estilizada), a través da visión de distintos tipos de danzas de cada estilo e desde un punto de vista teórico.

-Coordinar os movementos de pernas, torso, cabeza e brazos para iniciar o estilo da escola bolera e do flamenco, a través da realización de exercicios de brazos e torso, combinados con camiñadas e pasos básicos, tanto coa zapatilla como cos zapatos de tacón.

-Comprender a importancia dos recursos sonoros que acompañarán as danzas, a través de primeiras experiencias cos palillos, as palmas e os zapatos de tacón.

-Executar con sentido rítmico e musical os pasos básicos aprendidos mediante variacións coreográficas, tanto coa zapatilla como cos zapatos, que axuden a introducir o estilo da danza española e que permitan un recoñecemento inicial de termos técnicos elementais.

-Coñecer e recoñecer de xeito visual e musical danzas folclóricas tradicionais españolas, experimentando algún exercicio inicial para obter un maior coñecemento da riqueza do folclore español.

-Comprender a importancia dunha utilización axeitada do espazo en cada un dos exercicios, introducindo variacións coreográficas simples, en grupo ou parella.

-Aplicar os coñecementos técnicos da danza clásica nas combinacións de exercicios de escola bolera, para comprender a colocación básica do corpo na danza española académica.

-Utilizar a percepción visual para aprender a primeira vista un paso, un exercicio ou un conxunto deles, mediante a realización de distintas combinacións que permitan o desenvolvemento da capacidade memorística.

-Amosar unha sensibilidade corporal e musical que capacite a execución básica e a improvisación dunha danza con estilo español, para a obtención dunha interpretación rica en expresión, sen a perda da colocación e do porte necesarios.

-Adquirir consciencia da importancia da respiración na execución do exercicio e na interpretación da danza, para obter o seu máximo rendemento e a máxima calidade interpretativa.

-Fomentar a asistencia a manifestacións escénicas relacionadas coa danza para formar o alumnado na cultura da danza e iniciar o desenvolvemento do seu criterio artístico.

Contidos

-Percepción básica do carácter e do estilo da danza española e dos seus diferentes estilos.

-Estudo das posicións de brazos.

-Práctica dos palillos: carretilla, posticeos e primeiras combinacións.

-Coordinación de brazos, torso e cabeza.

-Pasos básicos da escola bolera.

-Pequenas variacións de danzas en parella e en grupo.

-Exercicios de pés e pulsos para o inicio do estudo do zapateado.

-Iniciación ao acompañamento rítmico con palmas.

-Iniciación ao estudo do xiro das mans e á técnica da saia.

-Aprendizaxe de variacións breves que conteñan, entre outros elementos, formas de andar (lentas e rápidas), paradas e remates, voltas simples, co apoio sonoro das palmas e do zapato, facendo énfase no fraseo e na terminación dos pasos, a intención expresiva, os acentos e matices musicais.

-Iniciación a ritmos de flamenco adecuados a este nivel.

-Inicio teórico e visual na variedade e na riqueza do folclore español.

-Inicio teórico e visual no repertorio do clásico español.

-Disciplina, respecto e actitude positiva nas clases prácticas, teóricas e de visión.

-Asistencia e participación en manifestacións escénicas relacionadas coa danza.

Criterios de avaliación

-Coñecer a importancia da danza española e das súas catro vertentes dentro do mundo da danza. Este criterio de avaliación pretende comprobar se o alumnado comprende os contidos teóricos explicados.

-Interpretar pequenas variacións de son cos palillos (carretillas, posticeos e combinacións). Este criterio pretende comprobar o nivel de destreza, calidade de son e sentido rítmico do alumnado, sen perder a colocación de mans, brazos e costas.

-Coñecer as posicións de brazos e as súas combinacións básicas. Este criterio pretende comprobar se o alumnado recoñece os braceos típicos da danza española.

-Recoñecer os nomes de pasos básicos da escola bolera. Segundo este criterio, o alumnado deberá demostrar se aprendeu os nomes dalgúns pasos e que sabe como desenvolvelos.

-Executar sobre un fragmento musical variacións coreográficas marcadas polo profesor ou pola profesora, e elaboradas con pasos elementais e básicos e cos seus respectivos braceos ou toques de palillos (escola bolera). Este criterio de avaliación pretende comprobar a coordinación de movementos (pasos, corpo, brazos, cabeza e palillos) e a súa execución técnica dentro do ritmo.

-Coñecer a riqueza e a variedade do folclore español. Con este criterio de avaliación búscase que o alumnado coñeza as danzas tradicionais españolas e que recoñeza, a través da súa visión ou audición, a comunidade autónoma a que pertence.

-Realizar pequenas variacións que inclúan desprazamentos, así como danzas en parella e en grupo. Este criterio de avaliación pretende facer énfase na relación entre os intérpretes e na súa proxección espacial, e demostrar na danza unha identificación e incorporación do carácter e do estilo, tanto da escola bolera como do folclore.

-Realizar, seguindo as indicacións do profesor ou da profesora, os exercicios iniciais da técnica do zapateado. Este criterio pretende comprobar a correcta colocación do corpo, o control e a suxeición das costas, a flexión dos xeonllos e a calidade sonora dos pés.

-Realizar, seguindo as indicacións do profesor ou da profesora, os exercicios de brazos e mans específicos para a iniciación do flamenco. Este criterio pretende comprobar se o alumnado executa o xiro de mans e o movemento dos brazos, sen perder a colocación das costas.

-Realizar, seguindo as indicacións do profesor ou da profesora, os exercicios de iniciación á técnica da saia, no caso das alumnas. Este criterio pretende comprobar se o alumnado comprende o modo de empregar a saia na danza estilizada e no flamenco.

-Demostrar o coñecemento básico de diversos ritmos flamencos a través das palmas. Este criterio pretende comprobar o sentido rítmico do alumnado e o coñecemento dalgúns ritmos de flamenco.

-Camiñar tanto con zapato como con zapatilla. Con este criterio búscase iniciar a coordinación de todos os movementos, o porte e a elegancia dentro do estilo elixido.

-Coñecer e recoñecer de xeito visual e musical o estilo da danza estilizada. Este criterio pretende comprobar se o alumnado recoñece o estilo da danza estilizada en vídeos amosados polo profesor ou a profesora.

-Memorizar pequenas variacións coreográficas marcadas polo profesor ou pola profesora. Con este criterio preténdese comprobar a capacidade do alumnado para aprender a primeira vista e memorizar un paso, un exercicio ou un conxunto deles.

-Improvisar danzas sinxelas, empregando ritmo e fraseo musical axeitado, creatividade, espazo, recursos técnicos e instrumentais, así como os coñecementos básicos adquiridos. Con este criterio preténdese observar a capacidade creativa, o concepto de estilo e o grao de comprensión coreográfica e de comunicación que posúe o alumnado.

-Reproducir e interpretar un exercicio de braceo ou saúdo adecuado a este nivel sobre un fragmento musical. Este criterio pretende comprobar o desenvolvemento artístico, expresivo e musical do alumnado.

En todos os exercicios valorarase o correcto emprego da respiración, así como a capacidade artística, a sensibilidade e a musicalidade do alumnado.

Música

Introdución

A maior difusión e presenza da música na experiencia cultural do noso tempo reclama unha sólida formación musical como elemento indispensable na educación dos futuros bailaríns e bailarinas. Con ela preténdese que o alumnado sexa capaz de observar, analizar e apreciar as realidades sonoras, en concreto, a realidade musical producida tanto por instrumentos como pola propia voz humana. É dicir, búscase desenvolver a capacidade de escoita activa e de interpretación propia.

A música, como manifestación artística das relacións sonoro-temporais, presenta unha total correspondencia co mundo da danza, o movemento e a linguaxe corporal. De feito, a danza representou, desde as súas orixes, a vivencia corporal da música: a imaxe plástica que expresa o contido do pensamento musical. Esta correspondencia entre música, danza e plástica supón, de feito, a sinestesia máis antiga e frutífera da historia das manifestación artísticas.

A educación musical contribúe decisivamente á adquisición e ao desenvolvemento de capacidades básicas recollidas nos obxectivos xerais do grao elemental de danza, tales como:

-Unha mellor comprensión das relacións espacio-temporais e da súa vinculación coa organización formal da linguaxe sonora.

-Unha correcta coordinación de movementos a través do sentido rítmico.

-Unha sensibilidade corporal para expresar coa precisión necesaria a dinámica e o fraseo en relación coas exixencias do estilo.

Educar na percepción musical -escoita activa- implica a sensibilización do alumnado ao mundo sonoro, principalmente ao seu contorno. Como prolongación, deberase iniciar no coñecemento da música como expresión dunha cultura. Para a súa valoración, é imprescindible coñecer e comprender a linguaxe musical: diferenciación da altura, duración, ritmo, identificación de frases musicais, formas, etc.

No referente á expresión musical, a aprendizaxe realízase a través da voz, da práctica instrumental con instrumentos de técnicas non complexas e da percusión corporal. O canto é o vehículo axeitado para desenvolver a expresión e a comunicación, pola fusión que se produce entre a música e a linguaxe. De feito, é un elemento básico do comportamento musical cotián do alumnado. A formación instrumental, pola súa parte, favorece o desenvolvemento tanto das capacidades auditivas e motrices coma da cooperación. As idades que comprende o grao elemental de danza son idóneas para o desenvolvemento do sentido do ritmo, que encontra un perfecto aliado na danza.

En resumo, a educación musical no grao elemental de danza proponse preparar o alumnado, non como intérprete, senón como auditor e receptor da música, como realizador expresivo e creativo e como coñecedor dos rudimentos da técnica e da linguaxe musical.

Obxectivos

-Valorar a música como instrumento da creación coreográfica, mediante a análise da relación do movemento co ritmo, a melodía e a forma musical.

-Demostrar a coordinación corporal necesaria para a correcta comprensión e interpretación rítmica, utilizando as destrezas de asociación e disociación correspondentes.

-Percibir o silencio como elemento estruturador do son, e incorporalo á análise das producións musicais escoitadas ou interpretadas.

-Interpretar obras musicais sinxelas, tanto coa voz como cos instrumentos escolares, para comprender mellor os parámetros que rexen a composición musical.

-Improvisar estruturas melódico-rítmicas sinxelas mediante o uso da voz, da percusión corporal ou de instrumentos, para favorecer o desenvolvemento da creatividade, de xeito individual e colectivo.

-Gozar da escoita activa e realizar correctamente as actividades que se propoñan como apoio á audición musical, empregando a linguaxe musical, a práctica instrumental e vocal, e o movemento.

-Desenvolver a audición interior e a representación mental da música, interpretando de memoria ritmos e melodías que conduzan a unha mellor comprensión dos parámetros musicais.

-Participar nas actividades musicais con actitude de interese, atención e respecto, asumir os papeis que rexen a interpretación escénica e valorar a importancia da actitude do público na transmisión da música e da danza.

-Desenvolverse con facilidade no manexo de partituras sinxelas, para o coñecemento e o gozo da música, aplicando a terminoloxía apropiada para se referir ao feito musical.

Contidos

A aprendizaxe dos contidos realizarase de xeito globalizador e partirase, sempre que sexa posible, das experiencias que posúa o alumnado, potenciando a súa actividade construtiva.

A práctica vocal e instrumental, a percusión corporal, a escoita activa e o movemento serán os procedementos para empregar na aprendizaxe da linguaxe musical.

Ritmo.

-Pulso e acento.

-Métrica: anacruse, punto, signos de prolongación, fórmulas rítmicas básicas, síncopes e contratempo.

-Recoñecemento de unidades métricas binarias, ternarias e cuaternarias.

-Lectura fluída en clave de sol e coñecemento a nivel teórico doutras claves.

-Polirritmias sinxelas en compás binario.

-Coñecemento, identificación e práctica de grupos rítmicos ternarios contidos nun pulso binario.

-Coñecemento, identificación e práctica de grupos rítmicos binarios contidos nun pulso ternario.

-Improvisación de estruturas rítmicas sinxelas con proposta previa. Ritmos de danza: polca, valse, polonesa, tarantela, pasodobre, muiñeira, xota, etc.

Voz.

-Respiración, emisión e impostación.

-Control postural, relaxación e descontracción muscular.

-Notas naturais e alteradas.

-Intervalos sinxelos para introducir a noción do acorde que se empregará na práctica vocal e instrumental.

-Clasificación das voces.

-Exercicios vocais e interpretación de cancións, coidando especialmente a entoación.

-Canto ao unísono e polifonías sinxelas, a cappella ou con acompañamento.

-Improvisación de estruturas melódicas sinxelas con proposta previa.

Audición.

-Sensibilización e recoñecemento dos movementos melódicos.

-Ton e semitón.

-Sensibilización dos modos maior e menor.

-Coñecemento da tonalidade.

Formas musicais.

-Coñecemento das secuencias de fraseo, células, motivos, frases, signos de repetición elementais, etc.

-Procedementos compositivos de frases: repetición, imitación e variación; pregunta-resposta; tensión e repouso; conclusivo e suspensivo.

-Formas básicas: lied, canon e rondó.

Dinámica e agóxica.

-Termos básicos de expresión e a súa interpretación.

Música no tempo.

-Escoita activa de obras musicas representativas da historia da música, así como de música folclórica, con especial atención ao folclore galego, apoiada pola realización de actividades globalizadoras baseadas na práctica vocal, instrumental ou de movemento.

Criterios de avaliación

-Recoñecer o pulso e o acento dunha obra musical, tanto nunha audición como nunha interpretación. Con este criterio trátase de constatar a percepción destes contidos como referencia básica para a execución rítmica e para a correcta percepción do acento periódico e os compases binarios, ternarios e cuaternarios.

-Manter o pulso durante períodos breves de silencio. Ten por obxectivo lograr unha correcta interiorización do pulso, que permita unha adecuada execución individual ou colectiva.

-Imitar estruturas melódicas e rítmicas breves coa voz e coa percusión. Este criterio pretende comprobar o grao de memoria e a capacidade de reproducir con fidelidade a mensaxe recibida, tanto nos seus aspectos sonoros como na súa realización motriz.

-Interpretar de xeito individual coa voz, con instrumentos, con percusión corporal ou con movemento fragmentos de obras coas que se traballara na aula. Trátase de comprobar no alumnado o grao de aproveitamento das actividades realizadas na aula, estimulando a súa responsabilidade polo traballo ben feito.

-Reproducir por escrito fragmentos rítmicos sinxelos. Mediante este criterio preténdese comprobar a capacidade do alumnado de recoñecer aspectos rítmicos e a asimilación da grafía musical.

-Ler internamente un fragmento melódico proposto e reproducilo de memoria coa voz ou con instrumentos. Con este criterio trátase de comprobar a capacidade do alumnado de reproducir e memorizar imaxes sonoras de carácter melódico-rítmico, a partir da observación e da comprensión da partitura.

-Improvisar secuencias rítmicas e melódicas a partir dunha proposta previa adecuada ao nivel. Con este criterio avalíase, por unha banda, a interiorización do fraseo polo alumnado e, pola outra, preténdese estimular a súa capacidade creativa.

Describir con posterioridade a unha audición os trazos característicos das obras escoitadas ou interpretadas. Este criterio de avaliación pretende constatar a capacidade do alumnado para percibir os aspectos (rítmicos, melódicos, formais, tímbricos, etc.) que constitúen a obra musical, aplicando a terminoloxía apropiada para referirse a estes.