DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Venres, 19 de outubro de 2007 Páx. 16.972

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2007 pola que se convoca un curso sobre A potestade sancionadora e o procedemento administrativo sancionador en colaboración coa Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2007 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, un curso sobre A potestade sancionadora e o procedemento administrativo sancionador, conforme ás seguintes bases:

1. Destinatarios.

Funcionarios da Xunta de Galicia dos grupos A, B e C, preferentemente que realicen tarefas relacionadas coa instrución dos expedientes sancionadores.

2. Obxectivos.

Procurar o coñecemento teórico e práctico da normativa en materia de procedemento administrativo sancionador.

3. Contido.

Módulo 1. O principio de legalidade en materia sancionadora.

Módulo 2. O principio de tipicidade.

Módulo 3. O principio de non bis in idem: problemática das relacións especiais de suxeición.

Módulo 4. O principio de personalidade no dereito administrativo sancionador. Capacidade para a imputación das infraccións. Causas de exención. Responsabilidade solidaria e subsidiaria.

Módulo 5. A problemática da responsabilidade das persoas xurídicas. Personalidade dos órganos reitores e directivos das persoas xurídicas.

Módulo 6. O principio de proporcionalidade. Circunstancias agravantes e atenuantes. O concurso de normas e o concurso de infraccións.

Módulo 7. Dereito sancionador comunitario. Principios da potestade sancionadora comunitaria.

Módulo 8. A prescrición das infraccións e sancións. A infracción continuada.

Módulo 9. Cuestións relacionadas co procedemento administrativo sancionador. Ámbito de aplicación da Lei 30/1992. Translación dos principios do dereito penal.

Módulo 10. Iniciación do procedemento. Formas de inicio e posición xurídica do denunciante. Actuacións previas. Medidas cautelares.

Módulo 11. Presunción de inocencia e carga da proba. Presunción de validez das actas subscritas por funcionarios públicos. Valoración da proba. Alegacións.

Módulo 12. A responsabilidade civil derivada da infracción. A responsabilidade da Administración polo resarcimento dos danos e prexuízos causados polo infractor.

Módulo 13. A resolución sancionadora: a súa motivación e notificación. Congruencia e cambio de cualificación.

Módulo 14. A caducidade do procedemento sancionador. O caso dos procedementos que non teñen previsto prazo de caducidade. A suspensión do procedemento sancionador. Executividade e suspensión das sancións en vía administrativa.

Módulo 15. A impugnación en vía administrativa das sancións e a súa executividade. Aspectos prácticos da defensa da Administración na impugnación da resolución sancionadora na orde contencioso-administrativa. Especial referencia ao control xurisdicional. A actividade probatoria no proceso contencioso-administrativo.

4. Datas e horario.

De luns a xoves, horario de tarde, entre os días 19 a 29 de novembro de 2007.

A duración do curso será de 24 horas.

5. Prazas: 20.

6. Solicitudes:

a) O persoal que desexe participar nos cursos que se convocan nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula en liña que pode atopar no portal web da EGAP no seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/matricula.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán observar en todo momento as persoas solicitantes.

c) O formularios cubertos adecuadamente no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula entenderanse presentados na EGAP.

d) No caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información á hora de presentar a solicitude, pode dirixirse á EGAP a través do enderezo de correo electrónico matricula.egap@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Para máis información pode chamar aos teléfonos 981 54 62 39/41 ou 981 54 58 91.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 29 de outubro de 2007.

8. Selección.

Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 30 de xaneiro de 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 27, do 7 de febreiro).

A selección dos participantes será realizada pola Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, a quen corresponde a dirección e responsabilidade académica do curso.

A EGAP publicará na súa páxina web os admitidos neste curso.

9. Desenvolvemento.

O curso convocado desenvolverase na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), situada na rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Asistencia aos cursos.

a) O persoal seleccionado non poderá renunciar ao curso, salvo por causa de forza maior suficientemente xustificada, necesidades do servizo ou causas xustificadas manifestadas documentalmente pola persoa responsable do departamento administrativo no que desenvolve o seu labor. A renuncia xunto coa credencial da súa causa deberá ser enviada por escrito á EGAP cunha antelación de 7 días hábiles, sempre que for posible, antes do comezo do curso co fin de cubrir a vacante. A renuncia ou abandono non xustificado debidamente suporá a exclusión do seleccionado das convocatorias do ano en curso e das do ano seguinte, de acordo co disposto na resolución do 30 de xaneiro de 2007 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

b) Durante a realización das actividades formativas levarase un control permanente de asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencias as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

12. Certificados.

a) Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade e dedicación no desenvolvemento do curso. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.

b) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións do curso. Calquera ausencia non xustificada ou xustificada insuficientemente implicará a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso.

Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou persoa responsable do curso nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 15% das horas lectivas.

c) Para que quede coñecemento e constancia no seu expediente, as persoas participantes nos cursos terán que facilitarlle unha copia das certificacións recibidas ao servizo de persoal do centro directivo ao que estean adscritos.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración

Pública