DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Venres, 19 de outubro de 2007 Páx. 16.970

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2007 pola que se convoca o curso de formación continua Técnicas de redacción xurídica para o persoal da Xunta de Galicia.

Aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2007 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2º da Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso de formación continua Técnicas de redacción xurídica para o ano 2007 cuxas bases, características e contido son detallados nos anexos desta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Bases

1ª.-Requisitos dos participantes.

Poderán participar nas accións formativas convocadas por esta resolución os empregados públicos e as empregadas públicas destinados na Administración da Xunta de Galicia que se encontran en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos no anexo II. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, sempre que non desempeñen postos na Administración xeral, que disporá das súas propias e exclusivas convocatorias.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

2ª.-Acceso ás actividades, datas e lugares de realización.

Poderá participar o persoal que cumpra os requisitos específicos e as preferencias exixidas nos anexos II e III. A participación nos cursos que teñan lugar en horario de traballo quedará condicionada á autorización das persoas responsables dos centros directivos.

O curso realizarase coa duración e condicións que se indican no anexo II. A información será actualizada na páxina web da EGAP, <http://egap.xunta.es>.

3ª.-Solicitudes.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP <http://egap.xunta.es>, de acordo co disposto na base 4ª desta resolución, e non serán admisibles outros modelos de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecidos ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As solicitudes cubertas adecuadamente de acordo coa base 4ª entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matrícula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, poderán remitirlle á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico ao enderezo , sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

e) Deberá utilizarse exclusivamente unha das modalidades de remisión.

No caso de se encontraren varias solicitudes dunha mesma persoa só serán considerados os datos achegados a través da internet.

f) O prazo de presentación de solicitudes rematará o 9 de novembro de 2007.

4ª.-Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da aplicación informática de matrícula en liña da Escola Galega de Administración Pública, que poden encontrar no enderezo da internet <http://egap.xunta.es/matricula>.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán obterse e cubrirse ata as 14.00 horas da data de finalización dos prazos de presentación de solicitudes.

d) No caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través do número de teléfono 981 54 63 40, o fax: 981 54 63 30 ou o enderezo de correo electrónico , que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

5ª.-Criterios de selección.

a) Os criterios selectivos que se empregarán son os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 30 de xaneiro de 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 27, do 7 de febreiro) e, de ser o caso, os criterios específicos que se establezan para cada acción formativa sinalados no anexo III.

b) A EGAP poderá solicitar en calquera momento nos centros directivos dos cales dependan os solicitantes un informe acreditativo da adecuación do perfil do solicitante ao contido do curso.

c) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos, poderá completarse o número de alumnos asignados mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

6ª.-Publicación das relacións do persoal seleccionado.

a) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP http://www.egap.xunta.es unha relación provisional das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico. As persoas que non figuren na relación, non foron seleccionadas, polo que ocupan un posto máis afastado na listaxe de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6º.b da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) A EGAP solicitaralle, no seu caso, ao centro directivo no que está adscrito a persoa preseleccionada ou xefatura de persoal da entidade correspondente a documentación acreditativa da veracidade dos datos contados na solicitude, así como a certificación de que a materia do curso ten relación co posto de traballo.

c) O persoal preseleccionado só poderá renunciar ao curso por causa de forza maior suficientemente xustificada, necesidade do servizo ou outras causas xustificadas sempre que así se acrediten documentalmente pola persoa responsable do departamento administrativo en que desenvolva o seu labor ou a través dun documento que acredite o feito alegado. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de 3 días hábiles anteriores ao inicio do curso co fin de cubrir a vacante. A renuncia non xustificada ou non acreditada documentalmente a causa que a produce, suporá a exclusión do seleccionado nas convocatorias do ano seguinte, de acordo co disposto na Resolución do 30 de xaneiro de 2007 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

d) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP http://www.egap.xunta.es a listaxe definitiva de admitidos ao curso. A persoa seleccionada deberá comunicarlle á persoa responsable do seu centro directivo a selección na actividade no caso de coincidir co horario de traballo, pois neste suposto deberá contar coa súa autorización, que terá que presentarlle ao comezo do curso ao responsable da actividade formativa ou á EGAP. Por necesidades do servizo ou causas debidamente motivadas poderá negarse a asistencia ao curso, circunstancia que debe ser comunicada á EGAP.

e) Non serán admitidos en ningún caso cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

7ª.-Asistencia aos cursos.

Durante a realización da actividade formativa levarase un control permanente de asistencias a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe no curso terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

8ª.-Certificados.

a) Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade e dedicación no desenvolvemento do curso. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.

b) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou a persoa responsable do curso nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 15% das horas lectivas. As ausencias aínda xustificadas superiores ao 15% do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma.

c) A falta de asistencia dun número de horas superior ao 15 % das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso, senón que os participantes poderán ser excluídos das convocatorias das actividades formativas da EGAP durante o prazo dun ano contado desde a finalización do curso.

d) Para que quede coñecemento e constancia no seu expediente, as persoas participantes no curso terán que facilitarlles unha copia das certificacións recibidas aos servizos de persoal do centro directivo ao cal estean adscritos.

9ª.-Facultades da EGAP.

a) A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión do curso, e pode suprimilo e ampliar novas edicións cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia, para o que informará o grupo de traballo da Comisión Autonómica de Formación Continua. Así mesmo, correspóndelle á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

b) A EGAP poderá modificar o desenvolvemento e os contidos do curso, as datas e os lugares, así como todas as continxencias que poidan xurdir.

c) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a EGAP resérvase o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

Ver referencia pdf "20300D006P010.PDF"