DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Venres, 19 de outubro de 2007 Páx. 16.969

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 11 de outubro de 2007 pola que se convoca a habilitación de doce prazas de persoal técnico para o exercicio de actuacións comprobatorias das condicións de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo.

Polo Decreto 138/2007, do 5 de xullo, estableceuse o procedemento e réxime da habilitación do persoal técnico público dependente da Xunta de Galicia para o exercicio das actuacións comprobatorias das condicións materiais e técnicas de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo radicados en Galicia, en colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social, conforme o establecido no artigo 9.2º e 9.3º e a disposición adicional décimo quinta da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

O artigo 4 do citado decreto establece que o persoal que, reunindo os requisitos establecidos nel, pretenda obter a habilitación, dirixirá a correspondente solicitude á Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Procede, polo tanto, abrir un prazo de presentación de solicitudes par obter a citada habilitación.

Por iso, en virtude do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica e a distribución de competencias da Consellería de Traballo, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócase a habilitación de doce prazas de persoal técnico para o exercicio das actuación comprobatoria das condicións materiais ou técnicas de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo radicados en Galicia.

Artigo 2º.-Requisitos.

Poderán participar nesta convocatoria de carácter voluntario os funcionarios ou funcionarias, dos grupos A ou B da Xunta de Galicia que estean adscritos ou adscritas a algún dos centros provinciais de Seguridade e Saúde Laboral e que cumpran dentro do prazo de presentación de solicitude os requisitos exixidos no artigo 3 do Decreto 138/2007, do 5 de xullo.

Artigo 3º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. Os interesados presentarán as súas solicitudes en calquera das formas establecidas no artigo 38.4º la Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixidas á Dirección Xeral de Relacións Laborais, dentro do prazo de vinte días contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A solicitude deberá ir acompañada daquela documentación que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 desta orde, así como a xustificación do punto 2º letra c) do artigo 4 do Decreto 138/2007, do 5 de xullo.

Artigo 4º.-Resolución.

1. O conselleiro de Traballo, por proposta da titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, logo de informe da xefatura do respectivo centro e da Subdirección Xeral de Seguridade e Saúde, emitirá resolución en que se autorice a habilitación, tendo en conta os criterios establecidos no número 2º do artigo 4 do Decreto 138/2007, do 5 de xullo.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución de habilitación será de tres meses contados a partir do remate do prazo de convocatoria, podendo os interesados entender desestimadas as súas solicitudes no caso de silencio administrativo.

3. As resolucións notificaránselles aos interesados e destas darase traslado aos centros provinciais correspondentes e á Administración xeral do Estado, a través da Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Artigo 5º.-Documento acreditativo da habilitación.

1. A Dirección Xeral de Relacións Laborais emitirá a correspondente credencial ou tarxeta de identificación que será persoal e intransferible e onde constará a denominación: técnico/a habilitado/a (artigo 9.2º e 9.3º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais) e que deberá conter os seguintes datos: cabeceira oficial en que figuren as seguintes inscricións: Xunta de Galicia. Consellería de Traballo. Dirección Xeral de Relacións Laborais, número de tarxeta, nome e apelidos do titular e data de expedición.

2. O uso deste documento por parte do funcionario correspondente está limitado ao exercicio das funcións comprobatorias a que se refire o artigo 1º desta orde.

3. A identificación deberá ser mostrada nas visitas correspondentes ás actuacións comprobatorias das condicións materiais ou técnicas de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo radicados en Galicia que realicen os técnicos habilitados.

4. O titular do documento procederá á súa devolución no momento en que a habilitación perda a súa validez, por calquera das causas establecidas no artigo 10 do Decreto 138/2007, do 5 de xullo.

Artigo 6º.-Dilixencia no libro de visitas.

O persoal técnico habilitado poderá expedir dilixencia de actuación no Libro de Visitas que debe existir en cada centro de traballo facendo constar o seu nome e apelidos e a condición de persoal técnico habilitados, así como a súa sinatura.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Relacións Laborais para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde e para realizar os anuncios das posibles convocatorias posteriores de novos técnicos habilitados que deberán ser publicadas no taboleiro de anuncios da consellería, das catro delegacións provincias e dos catro centros de seguridade e saúde laboral. Nas ditas convocatorias observaranse os prazos e procedementos para resolver recollidos nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2007.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo