DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Venres, 19 de outubro de 2007 Páx. 16.966

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 9 de outubro de 2007 pola que se amplía o prazo de xustificación do investimento realizado ao abeiro da do 14 de marzo pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a substitución de guindastres-torre desmontables para obras na Comunidade Autónoma de Galicia, no ano 2007 (IN420A).

A Consellería de Innovación e Industria ditou a Orde do 14 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a substitución de guindastres-torre desmontables para obras na Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 61, do 27 de marzo de 2007).

Na citada disposición establécese como requisito indispensable para o libramento de axudas a presentación da documentación acreditativa do investimento realizado antes do 30 de outubro de 2007.

Tendo en conta o elevado número de solicitudes presentadas e o proceso de avaliación dos proxectos e resolución dos respectivos expedientes, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación dos investimentos levados a cabo polos solicitantes.

En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Ampliar o prazo para a execución e xustificación dos investimentos ou actuacións subvencionables ao abeiro da orde da Consellería de Innovación e Industria do 14 de marzo de 2007 ata o 20 de novembro de 2007.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2007.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria