DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Venres, 19 de outubro de 2007 Páx. 16.966

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 9 de outubro de 2007 pola que se amplía o prazo de xustificación do investimento realizado ao abeiro da Orde do 23 de abril de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a renovación de instalacións eléctricas de baixa tensión no interior de edificios e vivendas habitadas na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007 (IN410B).

A Consellería de Innovación e Industria ditou a Orde do 23 de abril de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a renovación de instalacións eléctricas de baixa tensión en edificios e vivendas habitadas na Comunidade Autónoma de Galicia, (Diario Oficial de Galicia nº 85, do 3 de maio de 2007).

Na citada disposición establécese como requisito indispensable para o libramento de axudas a presentación da documentación acreditativa do investimento realizado antes do 30 de outubro de 2007.

Tendo en conta o elevado número de solicitudes presentadas e o dilatado proceso de avaliación dos proxectos e resolución dos respectivos expedientes, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación dos investimentos levados a cabo polos solicitantes.

En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Ampliar o prazo para a execución e xustificación dos investimentos ou actuacións subvencionables ao abeiro da orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de abril de 2007 ata o 30 de novembro de 2007.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2007.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria