DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 18 de outubro de 2007 Páx. 16.918

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 195/2007, do 13 de setembro, polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2º, encomenda aos poderes públicos de Galicia a obriga de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, debendo remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitando a participación de todos os galegos e galegas na vida económica, cultural e social.

O artigo 27 da norma estatutaria, no seu número 23º, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter exclusivo, competencias en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais (DOG nº 76, do 23 de abril), que vén ordenar e regular os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais definido como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia. No seu artigo terceiro, a devandita lei define os principios inspiradores do sistema de servizos sociais, entre os cales se contemplan o de responsabilidade pública e o de normalización e integración.

Igualmente, a citada Lei 4/1993, do 14 de abril, inclúe, no seu artigo 5.3º, entre as súas áreas de actuación, as dirixidas ás minusvalideces, á vellez e á comunidade en xeral, ademais de establecer, no seu artigo 13, como programas propios dos servizos sociais de aténción especializada na área de actuación das minusvalideces, entre outros, a supresión de barreiras arquitectónicas, urbanísticas e do transporte, ademais das axudas técnicas e cantos outros sexan favorecedores da súa autonomía persoal e integración social.

Por outra banda, nos últimos anos téñense ditado diferentes disposicións legais no ámbito estatal e autonómico sobre a eliminación de toda clase de barreiras físicas a fin de promover a accesibilidade e a utilización dos espazos públicos por parte de todas as persoas con discapacidade e poder mellorar así a súa calidade de vida. Así, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e en virtude da antedita atribución estatutaria, ditouse a Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 166, do 29 de setembro) posteriormente desenvolvida mediante Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro (DOG nº 41, do 29 de febreiro).

Non obstante, a eliminación de barreiras debe complementarse coa adopción de políticas avanzadas e coa realización de actuacións que promovan que a mobilidade do colectivo de persoas dependentes se faga en condicións de máxima seguranza e conte coa presenza no desprazamento dun/ha monitor/a acompañante que facilite a súa autonomía e desenvolvemento persoal.

O compromiso dos poderes públicos na procura da igualdade real das persoas con discapacidade e dependentes exixe para a súa realización o desenvolvemento de accións concretas que propicien unha política efectiva de integración social.

Neste contexto, resulta oportuno ditar as disposicións específicas que faciliten a mobilidade das persoas discapacitadas e dependentes, mediante o establecemento dunha rede pública de servizos de apoio á mobilidade persoal con presenza dun/ha monitor/a como unha prestación do sistema galego de servizos sociais, finalidade esta que se atopa dentro da área competencial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, de conformidade coas previsións contidas no Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, ao corresponder ao citado departamento da Administración autonómica, entre outras competencias e funcións, o deseño, coordinación, avaliación e xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de benestar, incluíndo as políticas de inclusión social e aténción ás persoas con discapacidade e persoas maiores.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de setembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

OBXECTO, ÁMBITO DE APLICACIÓN E OBXECTIVOS

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta disposición ten por obxecto regular o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes, a definición da súa natureza e características, así como a determinación dos requisitos e do procedemento que permitan o acceso ao seu uso.

2. Para os efectos desta disposición, o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes terá a consideración de servizo publico de carácter social de axuda ao desprazamento programado e non urxente das persoas que reúnan os requisitos expresados neste decreto que, a través dunha rede de responsabilidade pública, se efectúe, en condicións de máxima seguranza, cos medios necesarios e coa presenza dun/ha monitor/a acompañante.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación subxectivo.

1. Poderán ser usuarios/as do servizo as persoas residentes en Galicia que, atopándose nalgunha das situacións que deseguido se indican, teñan recoñecida a imposibilidade de utilización de transportes colectivos de uso xeral.

As situacións que habilitan para solicitar o recoñecemento da condición de usuario/a do servizo son:

a) Ter recoñecida a situación de dependencia en calquera dos seus graos conforme a normativa que sexa de aplicación.

b) Ter recoñecido, conforme a normativa aplicable, un grao de minusvalidez igual ou superior ao 65%.

2. O recoñecemento da condición de usuario/a do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes efectuarase tras a tramitación do procedemento correspondente que se especifica no artigo 6º.

Artigo 3º.-Obxectivos.

1. O establecemento deste servizo ten como obxectivo xeral o de normalizar as condicións de vida, favorecer a autonomía persoal e facilitar a integración social das persoas usuarias.

2. Serán obxectivos específicos desta prestación:

a) Poñer á disposición das persoas con discapacidade e/ou dependentes que teñan dificultades de mobilidade os medios axeitados ás súas necesidades, que lles faciliten a dita mobilidade.

b) Garantir o acceso, en condicións de igualdade efectiva, das persoas con discapacidade e/ou dependentes aos servizos esenciais, favorecendo así a súa comunicación e participación no seu contorno habitual.

c) Dispoñer de recursos para a normalización da realización das actividades instrumentais e básicas da vida diaria por parte das persoas con discapacidade e/ou dependentes.

Artigo 4º.-Contido e prioridades na prestación do servizo.

1. A prestación do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes procurará cubrir as necesidades básicas de desprazamento das persoas usuarias, de acordo coa seguinte orde de prioridades:

a) Acudir a consultas ou tratamentos sanitarios do sistema público e concertado ou das mutualidades de funcionarios públicos, cando o desprazamento non sexa competencia do sistema sanitario.

b) Trasladarse a centros ou equipamentos do sistema de servizos sociais como residencias, centros de día ou outros equipamentos de aloxamento temporal ou permanente aos que deban acudir por seren usuarios/as deles.

c) Acudir a centros ou equipamentos do sistema de servizos sociais que, non tendo carácter de aloxamento, dispoñen de programas e/ou actividades ás cales acoden ou deban acudir por seren usuarios/as deles.

2. A prestación para os supostos establecidos nos puntos b) e c) terá carácter subsidiario cando existan servizos complementarios nos ditos equipamentos sociais.

3. Sempre que estean cubertas as prioridades anteriores, exista dispoñibilidade de medios e, en todo caso, dentro do ámbito do catálogo de prestacións do servizo, este prestarase, así mesmo, para:

a) Realizar as actividades básicas relacionadas coa vida diaria autónoma e co seu desenvolvemento persoal.

b) Asistir a actividades de carácter educativo e formativo.

4. O servizo de apoio aos desprazamentos desenvolverase, con carácter xeral, no espazo de convivencia e relación social máis próximo e necesario para o desenvolvemento persoal e social das persoas usuarias, salvo casos excepcionais que deberán ser obxecto dunha autorización específica polo titular da delegación provincial do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais.

5. A prestación inclúe, así mesmo, a asistencia dun/ha monitor/a acompañante por vehículo, que será a persoa encargada de recoller o/a usuario/a no seu domicilio ou lugar de recollida e de apoialo durante o desprazamento.

CAPÍTULO II

DO RECOÑECEMENTO DA CONDICIÓN DE USUARIO/A DO SERVIZO GALEGO DE APOIO Á MOBILIDADE PERSOAL PARA pERSOAS

CON DISCAPACIDADE E/OU DEPENDENTES

Artigo 5º.-Requisitos dos/as usuarios/as.

1. Os/as interesados/as en obter o recoñecemento da condición de persoa usuaria do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter a súa residencia en Galicia no momento de solicitaren o recoñecemento da condición de persoa usuaria do Servizo Salego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes.

b) Ter recoñecida a situación de dependencia en calquera dos graos conforme a normativa aplicable e/ou recoñecido, tamén conforme a normativa que resulte de aplicación, un grao de minusvalidez igual ou superior ao 65%.

c) A imposibilidade de utilización de transportes colectivos, motivada pola súa situación de dependencia ou discapacidade, acreditada de conformidade co establecido no artigo 6.1º d).

2. A condición de persoa usuaria do Servizo Salego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes perderase cando deixe de ter residencia en Galicia.

Artigo 6º.-Procedemento para o recoñecemento da condición de usuario/a do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes.

1. O procedemento para recoñecer a condición de usuario/a do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes iniciarase por solicitude do interesado ou do seu representante legal. Xunto coas solicitudes, que se formalizarán segundo o modelo que se xunta como anexo I a este decreto, achegarase a seguinte documentación:

a) Copia do documento nacional de identidade do solicitante e do representante legal, se é o caso.

b) Certificado de residencia.

c) Certificado do recoñecemento do grado de minusvalidez e/ou da dependencia.

d) Informe dos servizos sociais de referencia da persoa solicitante ou de profesional habilitado para o efecto en que se certifique a imposibilidade da utilización de transportes colectivos.

e) Copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas do exercicio inmediatamente anterior ao momento da solicitude ou, para o caso de non ter obriga de facer a declaración da renda, declaración responsable de todos os ingresos obtidos no referido período e copia da documentación acreditativa deles.

2. As solicitudes debidamente cubertas presentaranse, en calquera momento do ano, no rexistro da delegación provincial do departamento competente en materia de benestar social da provincia de residencia ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes presentadas serán examinadas pola comisión de avaliación e seguimento, regulada no capítulo seguinte, a cal, para determinar a preferencia no acceso ao servizo, aplicará o seguinte baremo:

a) Por minusvalidez ou dependencia:

-Atoparse nunha situación de gran dependencia: 100 puntos.

-Ter recoñecido un grao de minusvalidez superior ao 75% ou atoparse nunha situación de dependencia severa: 75 puntos.

-Ter recoñecido un grao de minusvalidez superior ao 65% e que non exceda do 75% ou atoparse nunha situación de dependencia moderada: 30 puntos.

b) Por razón de idade:

-Ter cumpridos os 85 anos: 30 puntos.

-Ter cumpridos os 75 anos: 20 puntos.

-Ter cumpridos os 65 anos: 10 puntos.

Nos casos de empate, a comisión de avaliación e seguimento concederá preferencia aos solicitantes de maior idade.

4. Unha vez realizada a valoración das solicitudes, a comisión de avaliación e seguimento elevará unha proposta ao/á delegado/a provincial do departamento competente en materia de benestar social no seu ámbito provincial, que será o/a competente para resolver.

5. O/A delegado/a provincial aprobará a relación provisional de admitidos e lista de espera coa puntuación obtida. Contra a resolución provisional os/as solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo de dez días naturais contados desde a data de publicación da relación provisional. As reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

6. Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a resolución provisional, o/a delegado/a provincial aprobará a relación definitiva de admitidos e a lista de espera.

A resolución pola cal se recoñeza a condición de usuario/a do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes, que non poderá exceder seis meses contados desde a presentación da solicitude, non esgota a vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o titular do departamento da administración autonómica competente en materia de benestar social no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación.

7. Cada tres meses desde a publicación das listas, a comisión de avaliación e seguimento realizará unha nova valoración das solicitudes presentadas nese tempo xunto coa revisión das listas vixentes, elevando nova proposta ao/á delegado/a provincial segundo o procedemento previsto nos números anteriores.

8. Por razóns de urxencia e necesidade debidamente xustificadas e sempre que se puider causar un grave prexuízo á persoa interesada, poderanse establecer formas de acceso provisional ao servizo das persoas que, reunindo os requisitos exixidos para teren a condición de usuario/a do servizo, non posúan, por razóns técnicas, a tarxeta a que se refire o artigo seguinte, sempre que exista dispoñibilidade na prestación do servizo.

Artigo 7º.-Tarxeta de usuario/a.

O recoñecemento da condición de usuario/a acreditarase mediante unha tarxeta chip ou similar en que figurarán os datos persoais e un número de identificación do/a usuario/a. Esta tarxeta, que será persoal e intransferible, deberase presentar cada vez que se utilice o servizo e servirá, así mesmo, como medio de pagamento electrónico, de acordo co establecido no artigo 14º.

Artigo 8º.-Perda da condición de usuario/a do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes.

1. A condición de usuario/a do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes, así como os beneficios inherentes a esta condición, perderanse por calquera das seguintes causas:

a) Por deixar de cumprir os requisitos recollidos no artigo 5º, en virtude da resolución do órgano competente para o recoñecemento da condición, respectando o preceptivo trámite de audiencia.

b) Por vontade do usuario/a, manifestada polo propio usuario/a ou por medio do seu representante legal.

2. Non obstante o establecido no número anterior, poderase solicitar un novo recoñecemento desta condición, segundo o procedemento establecido, de cumprirse de novo os requisitos recollidos no presente decreto.

CAPÍTULO III

DA COMISIÓN DE AVALIACIÓN E SEGUIMENTO DO RECOÑECEMENTO

DA CONDICIÓN DE USUARIO/A DO SERVIZO GALEGO DE APOIO

Á MOBILIDADE PERSOAL PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE

E/OU DEPENDENTES

Artigo 9º.-Creación e composición.

1. No seo de cada delegación provincial do departamento competente en materia de benestar social crearase a comisión de avaliación e seguimento do recoñecemento da condición de usuario/a do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes.

2. Esta comisión estará composta por un número impar de membros cun mínimo de tres, todos eles nomeados polo/a delegado/a provincial de entre funcionarios da delegación provincial respectiva, coa particularidade do previsto no parágrafo seguinte. Actuará como presidente/a a/o xefe/a do servizo con competencias en materia de persoas maiores e persoas con discapacidade da delegación provincial e como secretario/a dela un/ha funcionario/a da delegación provincial.

Entre os restantes membros integrantes da citada comisión figurará un técnico do centro directivo da Administración autonómica con competencias en materia de transportes, nomeado polo titular dela, de entre funcionarios públicos ao seu servizo.

3. Os/as vogais nomeados/as para integraren a comisión de avaliación e seguemento cesarán por remoción acordada polo órgano que os nomeou ou polo transcurso de catro anos desde o seu nomeamento.

Artigo 10º.-Réxime xurídico.

A comisión de avaliación e seguimento actuará de conformidade co sinalado na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en especial no tocante ao réxime dos órganos colexiados.

Artigo 11º.-Funcións.

Á comisión de avaliación e seguimento do recoñecemento da condición de usuario/a do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes corresponderalle:

a) Examinar e valorar as solicitudes e documentación establecidas no artigo 6º, elevando ao/á delegado/a provincial, para a súa aprobación, a proposta de recoñecemento da condición de usuario/a do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes.

b) Determinar o cálculo da participación do/a usuario/a no financiamento do servizo.

CAPÍTULO IV

DETERMINACIÓN DA PARTICIPACIÓN DOS/AS USUARIOS/AS

NO FINANCIAMENTO DO SERVIZO

Artigo 12º.-Criterios xerais.

1. Os/as usuarios/as do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes deberán aboar unha contraprestación económica por cada desprazamento segundo o itinerario demandado, que terá a condición de prezo público.

2. Esta contraprestación determinarase aplicando ao custo real do servizo unha porcentaxe de desconto que será establecida na resolución que outorga a condición de usuario/a do servizo e que se determinará nos termos recollidos no artigo seguinte.

3. O custo real do servizo determinarase en función do número de quilómetros comprendidos no desprazamento demandado polo usuario/a. Para tales efectos, o prezo por quilómetro fíxase para o ano 2007 en 1,40 euros, cantidade que será obxecto de actualización anual de conformidade coa normativa que resulte de aplicación.

Artigo 13º.-Determinación individualizada da porcentaxe de participación dos/as usuarios/as no financiamento do servizo.

A determinación da porcentaxe de participación dos/as usuarios/as no financiamento do servizo expresarase na resolución que recoñece a condición de usuario/a do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes e virá determinada pola capacidade económica persoal do solicitante de conformidade coa seguinte escala:

a) Os/as usuarios/as cuns ingresos iguais ou inferiores ao 75% do indicador público de renda de efectos múltiples poderán facer uso do servizo con total gratuidade.

b) Os/as usuarios/as cuns ingresos superiores ao 75% pero que non excedan do 125% do indicador público de renda de efectos múltiples asumirán ata un máximo do 25% do custo do servizo.

c) Os/as usuarios/as cuns ingresos superiores ao 125% pero que non excedan do 175% do indicador público de renda de efectos múltiples asumirán ata un máximo do 50% do custo do servizo.

d) Os/as usuarios/as cuns ingresos superiores ao 175% pero que non excedan do 250% do indicador público de renda de efectos múltiples asumirán ata un máximo do 75% do custo do servizo.

e) Os/as usuarios/as cuns ingresos superiores ao 250% do indicador público de renda de efectos múltiples asumirán ata un máximo do 100% do custo do servizo.

Artigo 14º.-Pagamento do servizo.

1. A determinación das cantidades que pagarán os/as usuarios/as realizarase en función dos itinerarios demandados, do uso efectivo do servizo e da escala contida no artigo anterior.

2. A tarxeta de usuario/a, prevista no artigo 7º, funcionará para estes efectos como tarxeta intelixente de prepagamento, da cal se descontará o custo do servizo demandado no momento de acceder ao vehículo.

3. Os/as usuarios/as efectuarán os pagamentos do prezo público do servizo nas entidades que colaboren coa Administración autonómica na recadación das taxas e prezos públicos. No momento do pagamento a entidade financeira colaboradora recargará a tarxeta do/a usuario/a na cantidade que corresponda.

CAPÍTULO V

SOBRE A ORGANIZACIÓN E UTILIZACIÓN DO SERVIZO

Artigo 15º.-Prestación do servizo.

A realización efectiva da prestación do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes será efectuada directamente pola Administración autonómica, a través dos seus propios medios, ou ben indirectamente, a través das modalidades establecidas na lexislación de contratos das administracións públicas e, en especial, do contrato de xestión de servizos públicos.

Artigo 16º.-Modo de utilización do servizo.

1. A prestación do servizo acomodarase, na medida do posible, á demanda de desprazamento do/a usuario/a, con independencia de que na determinación dos itinerarios se procure acadar a maior rendibilidade e dimensionamento dos medios empregados nos termos previstos no número 5 deste artigo.

2. Cando os/as usuarios/as precisen a realización dun desprazamento que estea cuberto polo Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes, deberán contactar cunha antelación mínima, sempre que sexa posible, de 48 horas coa unidade competente, indicando o seu número de usuario/a e as circunstancias que sexan necesarias para a organización do servizo.

3. A unidade competente na xestión do servizo analizará e priorizará as peticións do servizo recibidas, dando prioridade, en caso de dúbida, ás solicitudes presentadas con maior antelación.

4. A comunicación da prestación do servizo ou a imposibilidade de realizalo efectuarase coa debida antelación de acordo coa natureza do servizo demandado.

5. Dentro do posible, na organización do servizo e de acordo cos condicionamentos e características da zona procurarase o establecemento de rutas que posibiliten o traslado dun maior número de usuarios/as sen prexuízo de que prime sempre a seguranza, comodidade e rapidez nos traslados.

Artigo 17º.-Requisitos materiais do servizo. Características dos vehículos.

1. O apoio á mobilidade farase en vehículos apropiados que cumpran todas as condicións establecidas na normativa de accesibilidade e supresión de barreiras e conten coas autorizacións pertinentes establecidas na lexislación de transportes, así como as correspondentes en materia de tráfico e seguranza viaria.

2. En calquera caso, os vehículos estarán adaptados para o transporte de persoas en cadeira de rodas e terán unha capacidade máxima de doce prazas útiles de configuración mixta, de maneira que permita unha acomodación flexible ás necesidades do servizo.

3. Os vehículos deberán ter superado todas as revisións técnicas e hixiénicas e non poderán ter unha antigüidade superior aos dez anos desde a súa primeira matriculación.

4. Estarán dotados de teléfono e integrados nun sistema de control e localización GPS e xestión loxística e equipados cun dispositivo para recoller, reter e exportar os datos da tarxeta de cada usuario/a.

Artigo 18º.-Requisitos do persoal do servizo.

1. O persoal condutor dos vehículos dedicados á prestación do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes deberá estar en posesión do permiso de conducir que, de conformidade coa normativa vixente de aplicación, o habilite para a súa condución.

2. A prestación do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes inclúe a asistencia, no desprazamento, dun/ha monitor/a acompañante, como así se estableza no punto quinto do artigo 4º deste decreto.

CAPÍTULO VI

CONTROL E SEGUIMENTO DA PRESTACIÓN

Artigo 19º.-Control e seguimento da prestación.

1. O Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes estará suxeito ao cumprimento do disposto na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, e especificamente á inspección e réxime sancionador en materia de servizos sociais de conformidade co establecido no título VI da dita Lei 4/1993, do 14 de abril, e no Decreto 175/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a dita lei.

2. Os/as usuarios/as quedan obrigados a facilitar aos órganos competentes toda a información económica, fiscal ou técnica que resulte necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da prestación e a continuidade das condicións de acceso e goce dela.

Disposicións adicionais

Primeira.-A prestación dos servizos previstos neste decreto supeditarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes en cada momento.

Segunda.-Non obstante o previsto no artigo 15º, a Administración autonómica poderá encomendar a unha entidade pública institucional dependente dela a xestión do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes, de conformidade co establecido na normativa vixente.

Disposicións transitorias

Primeira.-A prestación do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes farase progresivamente durante o período 2007-2009, atendendo a dispoñibilidade económica e técnica existente para a súa materialización. Para tal efecto, poderanse establecer en áreas territoriais experiencias piloto que sirvan de referencia para facilitar a implantación definitiva e total do servizo en toda Galicia ao termo do período indicado.

Segunda.-En canto non aprobe, a Xunta de Galicia cualificacións específicas ou equivalentes para o desempeño das funcións do persoal acompañante do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes, serán requisitos mínimos para o acceso a estes postos de traballo os seguintes:

a) Estar en posesión do título de graduado en ensino secundario obrigatorio.

b) Acreditar a participación e, se é o caso, a superación dun curso de especialización profesional nas áreas de servizos da vida diaria, de aténción á dependencia ou de calquera outro de carácter semellante.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Por orde do titular do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais, aprobarase o catálogo de prestacións do Servizo Salego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes.

Segunda.-Facúltase o vicepresidente da Igualdade e do Benestar para ditar as normas e tomar as medidas oportunas para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "20200D001P006.PDF"