DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Martes, 16 de outubro de 2007 Páx. 16.810

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 3 de outubro de 2007 pola que se convocan axudas para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema galego de I+D+I do ano 2007, en réxime de concorrencia competitiva.

O Estatuto de Galicia recolle no seu artigo 27.19º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia, e crea para lograr este obxectivo o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 21 de setembro de 2006, aprobou o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica - INCITE (2006-2010).

No Decreto 231/2006, do 23 de novembro, indícase que lle corresponde á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o establecido na Lei 12/1993, do 6 de agosto, o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (INCITE) está integrado por tres tipos de programas: programas horizontais, xerais e sectoriais. Os programas xerais están dirixidos particularmente á promoción da actividade innovadora do sistema público de I+D+I, e dos centros tecnolóxicos. Entre eles, o programa xeral de consolidación e estruturación do sistema de I+D+I trata de contribuír á consolidación e especialización competitiva das unidades de investigación, buscando corrixir a excesiva fragmentación e constatable dispersión de capacidades que mingua a potencialidade científica e tecnolóxica do sistema galego de ciencia e tecnoloxía.

A materialización destes obxectivos require de novos instrumentos que potencien a organización competitiva e a dotación dos recursos necesarios para dar un salto significativo na calidade e impacto dos resultados da actividade científica. No INCITE considérase a concesión de axudas a grupos de investigación, baixo a fórmula de contratos programas, como un instrumento que contribúa a dimensionar e cohesionar os grupos de investigación, e potencie a complementariedade das capacidades dispoñibles no sistema. En definitiva, é a aposta por grupos de maior dimensión, interdisciplinares e especializados en liñas de investigación que encaixen entre si e garantan que o sistema galego de ciencia e tecnoloxía atende os temas de maior relevancia para Galicia.

Así mesmo, dentro deste programa inclúense as axudas dirixidas aos centros de investigación con actividade investigadora que poida cualificarse de excelente co fin de dotalos de apoio específico. Recóllese a concesión de axudas en función dun programa por obxectivos que permita estimular a investigación para levar a cabo proxectos altamente competitivos e estratéxicos.

Mediante esta orde convócanse axudas dirixidas aos centros de investigación e grupos de investigación do Sistema Universitario Galego (en adiante SUG) e demais organismos do sistema público de I+D+I. Estas axudas, que recoñecen e premian o esforzo na obtención de resultados de calidade, concédense sobre a base dos resultados contrastables da actividade investigadora e co compromiso de desenvolver un programa por obxectivos particularizado para cada beneficiario da axuda e no que se plasmen os fitos que se agardan obter, necesariamente ligados a unha mellora contrastable nos resultados da actividade investigadora, considerándose a súa renovación en función do cumprimento dos obxectivos fixados. Convócanse, así mesmo, as axudas para o ano 2007, que terán vixencia durante o período 2008-2010. Anualmente, publicarase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria correspondente, en que se establecerán os requisitos e condicións para a súa concesión.

As axudas que se concedan, dado que as actividades de I+D non se realizan por conta ou en colaboración con empresas, non teñen a consideración de axudas do Estado para os efectos do número 1 do artigo 87 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea e do encadramento comunitario sobre axudas de Estado de investigación e desenvolvemento (96/C45/06).

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións, baixo a fórmula de contratos-programa, da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria destinadas a consolidar, dimensionar e incrementar a competitividade dos grupos e centros de investigación do Sistema Galego de I+D+I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas subvencións para o ano 2007 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva destinadas aos beneficiarios que igualmente se especifican no artigo 2º, e que se rexerán polas seguintes bases xerais e as correspondentes bases reguladoras.

3. Esta modalidade de axuda ten o seguinte código de procedemento: IN845A.

Artigo 2º.-Requisitos dos interesados e presentación de solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados segundo a modalidade e dos cales, a título exclusivamente informativo, figuran como anexos III e IV desta orde, a correspondente portada. A solicitude irá acompañada dos documentos que se especifican no correspondente artigo das bases reguladoras. Ademais, os beneficiarios das axudas convocadas nesta orde deberán reunir as condicións exixidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como os requisitos que se establezan no anexo correspondente.

2. Os formularios de solicitude das axudas deberanse obter necesariamente no enderezo da internet: http://www.conselleriaiei.org/dxidi/ ou http://www.xunta.es/servizos.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. De conformidade coa lexislación vixente, o cómputo deste prazo farase de data a data.

Artigo 4º.-Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código indicado no artigo 1, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de I+D+I, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) O teléfono 981 54 10 98 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico info.pxi@xunta.es

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2007.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a consolidación das unidades de investigación, que baixo a modalidade de contrato-programa van dirixidas aos grupos de investigación do SUG e demais organismos públicos de investigación radicados en Galicia, así como aos centros de investigación e innovación da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1º.-Obxecto e réxime da subvención.

Teñen por obxecto a estruturación do sistema galego de I+D+I na procura dunha maior e mellor competitividade realizando unha investigación de calidade. Con este obxecto, estas axudas están encamiñadas a promover a consolidación e o dimensionamento das unidades de investigación do SUG e demais organismos de investigación que desenvolven a súa actividade investigadora en Galicia.

Estas axudas terán vixencia durante o período 2008-2010. Anualmente, publicarase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria correspondente, en que se establecerán os requisitos e condicións para a súa concesión.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican no seguinte cadro, nas cales existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da comunidade autónoma para o ano 2007, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios establecidos nos artigos correspondentes destas bases. Todas as aplicacións están cofinanciadas con fondos Feder e FCI.

Aplicación orzamentaria 2007:

10.02.561B.744.0: 800.000 €.

10.02.561A.740.0: 300.000 €.

10.02.561A.743.0: 100.000 €.

10.02.561A.781.0: 2.000.000 €.

Total: 3.200.000 €.

2. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das que poida conceder esta consellería para o mesmo fin. Ademais, tamén serán incompatibles coas axudas para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG concedidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. En concreto, non poderán ser beneficiarios das axudas convocadas nestas bases os grupos de investigación do SUG que reciban subvención nas modalidades de Grupos de referencia competitivos por actividades de investigación e Unidades de transferencia da citada convocatoria. Así mesmo, serán incompatibles coa subvención para Grupos emerxentes (modalidade d) na convocatoria de 2007 durante a súa vixencia.

Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra destinada ao mesmo fin, calquera que fose a súa natureza, e a entidade que a conceda, sempre que, conxuntamente, non superen o custo total do proxecto.

Artigo 3º.-Beneficiarios e modalidades de axuda.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os grupos de investigación do SUG, organismos públicos de investigación (Consello Superior de Investigacións Científicas, Instituto Español de Oceanografía) e centros de investigación da rede pública sanitaria así como os centros de Innovación e Tecnoloxía.

2. Establécense tres modalidades de axuda.

Modalidade A: nesta modalidade os beneficiarios das axudas son os grupos de investigación do SUG, CSIC, IEO radicados en Galicia e que no momento de publicación desta convocatoria en DOG, estean recoñecidos como tales pola institución ou organismo a que están vinculados.

Para os efectos destas axudas, os grupos de investigación deben constar como mínimo de tres doutores con dedicación completa ao mesmo organismo, dos que un deles debe ter vinculación estatutaria ou contractual estable co organismo público ao que pertence.

Modalidade B: nesta modalidade os beneficiarios das axudas son os grupos de investigación pertencentes ao sistema sanitario público galego. Estes grupos deben estar formalizados diante do organismo do sistema sanitario galego que corresponda, que, no prazo previsto para a presentación de solicitudes, remitirá á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación a relación de grupos de investigación formalizados. Para que se consideren validamente constituídos deberá quedar probada unha traxectoria investigadora conxunta (a través de publicacións, proxectos de investigación, ...) e asumido o compromiso de estabilidade.

Para os efectos destas axudas o grupo de investigación deberá constar como mínimo de 3 membros con dedicación completa ao organismo, sendo requisito ademais que o/a responsable do grupo sexa doutor/a con vinculación estatutaria ou contractual estable ao centro sanitario.

Modalidade C: nesta modalidade os beneficiarios das axudas son os centros de Innovación e Tecnoloxía inscritos no rexistro de centros segundo o establecido no Decreto 2609/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os centros de innovación e tecnoloxía.

Artigo 4º.-Contía das subvencións e conceptos subvencionables.

1. Nas modalidades A e B, as axudas serán de aplicación por unha anualidade, mediante o pagamento dunha contía fixa máis outra variable en función dos indicadores de resultados de investigación segundo o establecido no anexo II, seguindo a seguinte distribución:

a) Módulo fixo: por importe de 12.000 euros anuais.

b) Módulo variable, acumulable ao anterior, en función dos resultados da actividade investigadora segundo a valoración económica asignada a cada resultado recollida no anexo II.

Cando o solicitante sexa un grupo de investigación pertencente ao SUG, a contía máxima da axuda será de 40.000 euros.

Na modalidade C, as axudas serán de aplicación por unha anualidade, establecéndose a contía en función das equivalencias económicas do anexo II.

2. Os conceptos subvencionables son:

1. Custo de persoal investigador ou de apoio (na modalidade A este custo debe referirse a persoal contratado especificamente para o desenvolvemento das accións previstas).

2. Material funxible e pequeno equipamento así como o seu mantemento.

3. Material bibliográfico.

4. Custos de formación do persoal do grupo/centro de investigación.

5. Custos en actividades de mobilidade e difusión científica.

6. Actividades específicas de divulgación do coñecemento.

En ningún caso serán considerados como subcontratación. Non poderán incluírse custos xa financiados a través das subvencións de proxectos concedidos ao abeiro das convocatorias da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 5º.-Formalización das solicitudes.

1. A solicitude constará dos seguintes documentos:

a) Formulario normalizado de solicitude obtido nos enderezos da internet sinalados no artigo 2 das bases xerais, que inclúe a memoria descritiva do solicitante, segundo a modalidade da que se trate. Esta memoria recollerá os resultados de investigación que se vai valorar, sendo estes méritos os indicados e baremados no artigo 10 destas bases.

Nas modalidades A) e B) o formulario de solicitude deberá ser asinado polo coordinador do grupo de investigación e presentarse co visto e prace do representante legal do organismo correspondente. Na modalidade C) debe ser asinado polo representante legal do centro. Esta sinatura supón o compromiso de verificación dos datos que se presentan na solicitude.

Se o solicitante ten presentada solicitude na convocatoria correspondente ao ano 2007 do programa Lucas Labrada, só deberá achegar na memoria os resultados de investigación que non estean recollidos na devandita convocatoria, nomeadamente, o persoal investigador en formación incorporado ao grupo de investigación.

b) Nas modalidades A e B, certificación da composición do grupo emitido pola organismo responsable, indicando código e denominación do grupo ou achegando a ficha normalizada do grupo.

c) Documentación acreditativa dos resultados de investigación que se alegan para o período de referencia.

d) Plan de actuación a desenvolver no período 2007-2010 no que figuren as acción previstas para a mellora contrastable dos seus resultados de investigación, fundamentalmente naqueles ítems en que se amosan as debilidades, incluíndo necesariamente unha cuantificación dos obxectivos para o ano 2008.

e) Nas solicitudes de axudas que procedan de persoal pertencente a centros sanitarios que xestionen as súas actividades de investigación a través de fundacións de interese galego (Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego), o Servizo Galego de Saúde deberá dar o seu visto e prace á solicitude e autorizar a correspondente fundación sanitaria de interese galego para que xestione a subvención. Pola súa banda, o representante legal da fundación deberá asinar a aceptación da devandita xestión.

f) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, utilizando, para estes efectos, o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

g) Declaración opcional do solicitante do compromiso de utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda.

Ademais, no caso de que a solicitude proceda dun organismo de investigación de carácter privado, presentarase a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do CIF do centro solicitante.

b) Copia compulsada do xustificante de alta na Seguridade Social.

c) Copia compulsada do poder bastante co que actúa o representante legal do centro.

d) Copia compulsada do documento nacional de identidade do representante legal do centro.

e) Copia compulsada da escritura de constitución do centro e modificacións, de ser o caso, da persoa xurídica a que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

2. Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da axuda recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Na modalidade A esta declaración deberá ser remitida á Dirección xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación polo organismo a través do cal se presente algunha solicitude, non sendo necesaria máis que unha única declaración, válida para o conxunto de solicitudes presentadas polo seu persoal.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Así mesmo, conforme o establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os documentos exixidos que xa estean en poder da Administración actuante non deberán ser achegados coa solicitude, sempre que nesta se faga constar a data e órgano ou dependencia en que foi presentada a documentación e que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que corresponda.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración Pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Dirección xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 8º.-Instrución do procedemento e tramitación.

1. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase mediante anuncio na páxina web da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (http://www.conselleriaiei.org/dxidi/) o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e cos efectos previstos no artigo 42.1º da citada lei.

2. Adicionalmente, os interesados enviarán, ao número de fax 981-54 10 39 da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, na mesma data de presentación da emenda, unha copia desta documentación, co correspondente selo de presentación no prazo establecido nun rexistro válido.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non-admisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación da subvención ao interesado.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidencia: subdirector/a xeral de xestión do PGDIDT ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de I+D+I.

c) Tres vogais designados polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación entre expertos do sistema galego de ciencia e tecnoloxía.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedarán en reserva para seren atendidos ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 10º.-Criterios de valoración e selección.

O proceso para a determinación da axuda consta de dúas fases. Nunha primeira fase, valoraranse os resultados de investigación achegados polo grupo/centro, conforme os baremos que se detallan a continuación. Feita esta valoración, e nunha segunda fase, realizarase a selección dos beneficiarios das axudas, en función da puntuación acadada e farase unha proposta da súa contía, suxeita ás restricións orzamentarias existentes.

Para a baremación dos resultados de investigación aplicarase o seguinte baremo sobre os méritos alegados polo grupo/centro, segundo a modalidade de que se trate. En todo caso, os resultados de investigación achegados necesariamente terán que circunscribir a algúns dos seguintes ítems:

Modalidade A:

a) Evolución do grupo de investigación (máximo 10 puntos):

Número de membros doutores iniciais do grupo (ano 2001 ou, de ser posterior, ano de constitución do grupo) que permanecen nel:

-Menos de catro doutores: 0,25 puntos.

-Entre catro e seis doutores: 0,7 puntos.

-Máis de seis doutores:1,25 puntos.

Persoal investigador incorporado de forma permanente ao grupo (non computan os membros iniciais del):

-Por cada doutor incorporado: 0,5 puntos.

b) Produtividade científica (máximo 20 puntos):

Sexenios/quinquenios de investigación computados en relación aos doutores do grupo:

-Por doutor con 1 sexenio: 0,5 puntos.

-Por doutor con 2 sexenios: 1,5 puntos.

-Por doutor con 3 ou máis sexenios: 3 puntos.

c) Realización de proxectos de investigación de convocatorias competitivas, sendo o IP membro do grupo de investigación e concedidos entre o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2006 (máximo 25 puntos):

-Proxectos do programa marco da UE (5 puntos).

-Proxectos do Plan Galego e Plan Nacional de I+D (2 puntos) (no caso do Plan Galego só se computan os proxectos que foron concedidos en convocatorias con sistema de avaliación externa).

d) Actividades de transferencia: contratos/convenios de I+D con empresas e/ou administracións públicas, sempre que supoñan actividade de investigación ou servizos de innovación, asinados entre o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2006, e patentes rexistradas e en explotación. Exclúense os servizos tecnolóxicos, as auditorías, informes e demais actividades que non incorporan maior coñecemento ou non supoñen transferencia de coñecemento cara á sociedade (máximo 20 puntos):

-Por cada tramo de 15.000 euros: 0,20 puntos.

-Por cada patente rexistrada: 1 punto.

-Por cada patente en explotación: 3 puntos.

e) Capacidade e compromiso de formación: lectura de teses de doutoramento e bolseiros/contratados mediante convocatorias competitivas de programas específicos de formación de investigadores (FPU, FPI, María Barbeito e similares) nos últimos 6 anos (máximo 20 puntos):

-Por cada tese de doutoramento dirixida e lida: 1 punto.

-Por cada persoal en formación incorporado (ligado a convocatorias distintas): 0,75 puntos.

Modalidade B: grupos de investigación pertencentes ao sistema sanitario público galego:

a) Evolución do grupo de investigación (máximo 10 puntos):

Número de membros iniciais do grupo (no ano 2001 ou, de ser posterior, no ano de constitución do grupo), sendo como mínimo un deles doutor, que permanecen nel:

-Menos de catro membros: 0,20 puntos.

-Entre catro e seis membros: 0,5 puntos.

-Entre sete e dez membros: 1 punto.

-Máis de dez membros: 1,3 puntos.

Persoal investigador doutor incorporado ao longo do período de forma permanente ao grupo (non computan os membros iniciais do mesmo):

-Por cada doutor incorporado: 1 punto.

b) Produtividade científica (máximo 20 puntos):

Publicacións en revistas científicas da correspondente área indexadas no Journal Citation Report. Só se contabilizarán os artigos publicados entre o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2006. No caso de artigos con varios autores non pertencentes ao mesmo grupo de investigación, adscribirase o artigo ao grupo a que pertence a maioría dos coautores e, de non existir a dita maioría, ao grupo o que pertence o primeiro asinante:

-Por cada artigo con factor de impacto do cuartil superior: 1 punto.

-Por cada artigo con factor de impacto do segundo e terceiro cuartil: 0,5 puntos.

c) Realización de proxectos de investigación de convocatorias competitivas, sendo o IP membro do grupo de investigación e concedidos entre o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2006 (máximo 25 puntos):

-Proxectos do programa marco da UE (5 puntos).

-Proxectos do Plan Galego e Plan Nacional de I+D (2 puntos) (no caso do Plan Galego só se computan os proxectos que foron concedidos en convocatorias con sistema de avaliación externa).

d) Actividades de transferencia: contratos/convenios de I+D con empresas e/ou administracións públicas, sempre que supoñan actividade de investigación ou servizos de innovación, asinados entre o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2006, e patentes rexistradas e en explotación. Exclúense os servizos tecnolóxicos, as auditorías, informes e demais actividades que non incorporan maior coñecemento ou non supoñen transferencia de coñecemento cara a sociedade (máximo 25 puntos):

-Por cada tramo de 15.000 euros: 0,20 puntos.

-Por cada patente rexistrada: 1 punto.

-Por cada patente en explotación: 3 puntos.

e) Capacidade e compromiso de formación: lectura de teses de doutoramento e bolseiros/contratados mediante convocatorias competitivas de programas específicos de formación de investigadores (FPU, FPI, María Barbeito e similares) nos últimos 6 anos (máximo 15 puntos):

-Por cada tese de doutoramento dirixida e lida: 1 punto.

-Por cada persoa en formación incorporada (ligada a convocatorias distintas): 0,75 puntos.

Realizada a valoración dos resultados de investigación, a comisión valorará os seguintes ítems podendo outorgar como máximo 5 puntos:

-Carácter multidisciplinar do grupo.

-Participación equilibrada de investigadoras, fundamentalmente nas tarefas de dirección e planificación.

-Compromiso de utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda.

Modalidade C: para a valoración das solicitudes aplicarase o seguinte baremo sobre os méritos alegados polo centro, debéndose circunscribir a algúns dos seguintes:

a) Recursos humanos propios, medida a partir dos seguintes indicadores en relación ao cadro de persoal do centro (máximo 25 puntos):

-Titulados universitarios superiores (contratados para exercer tarefas de I+D que se correspondan á súa titulación): 0,5 puntos.

-Doutores: 1,25 puntos.

b) Capacidade de captación de recursos económicos en I+D+I medida a partir dos ingresos por I+D+I (máximo 30 puntos):

-Ingresos procedentes de financiamento privado (máximo 20 puntos):

Por cada tramo de 250.000 euros: 0,25 puntos.

-Ingresos procedentes de financiamento público (máximo 10 puntos):

Por cada tramo de 250.000 euros: 0,25 puntos.

c) Actividade investigadora: relación de proxectos de investigación de convocatorias competitivas sendo o investigador principal do proxecto persoal do centro (máximo 25 puntos):

-Proxectos do programa marco da UE (5 puntos).

-Proxectos do Plan Galego e Plan Nacional de I+D (2 puntos) (no caso do Plan Galego só se computan os proxectos que foron concedidos en convocatorias públicas.

d) Patentes rexistradas e en explotación (máximo 15 puntos):

-Por cada patente rexistrada: 1 punto.

-Por patente en explotación: 3 puntos.

O período de referencia para as letras b), c) e d) establécese entre o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2006.

Realizada a valoración dos resultados de investigación, a comisión valorará os seguintes ítems podendo outorgar como máximo 5 puntos:

-Presenza equilibrada de investigadoras, fundamentalmente nas tarefas de dirección e planificación.

-Compromiso de utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda.

Previo á elaboración da proposta de solicitudes beneficiarias, a comisión asignará a cada solicitante unha puntuación final normalizada mediante un algoritmo que terá en conta a puntuación máis alta acadada na correspondente anualidade e, se procede no caso dos grupos de investigación, o número de membros e a existencia de desviacións significativas entre grandes áreas nos valores acadados.

Feita a ordenación dos solicitantes para cada unha das modalidades en función da puntuación final acadada, a comisión elaborará a relación de grupos e centros de investigación para os que se propón financiamento así como o importe da axuda a conceder que resultará da aplicación dos criterios de asignación económica que se recollen no anexo II e en función das dispoñibilidades orzamentarias. Tamén se incluirá unha relación de suplentes.

Artigo 11º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro de Innovación e Industria.

2. O conselleiro de Innovación e Industria, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade a desenvolver polo beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. Así mesmo, relacionaranse as solicitudes desestimadas e os motivos da desestimación.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión a instancia do beneficiario, sempre que estea presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto de subvención e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10 desta convocatoria.

Artigo 15º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación desta, sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención farase axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V destas bases.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro de Innovación e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten da disposición adicional segunda do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Comunicar á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, no momento en que sexan beneficiarios de calquera axuda concedida para o mesmo fin, o importe e a duración desta.

Artigo 17º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán solicitar as aclaracións ou informes que consideren oportunos.

2. Admitiranse custos asociados as accións propostas realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2007 ata a data límite de xustificación.

3. Para efectuar o pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. As subvencións concedidas ao persoal investigador das universidades e centros de investigación públicos non dependentes da Xunta de Galicia serán expedidas a través do organismo a que pertence o investigador solicitante, conforme o plan de necesidades da axuda subvencionada e de acordo coa normativa vixente.

Artigo 18º.-Xustificación da subvención.

1. No caso de organismos públicos de investigación, será necesario que antes do 15 de novembro de 2007 se remita certificación expresiva da realización dos gastos correspondentes á subvención outorgada.

2. No caso dos centros de investigación de carácter privado, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación antes do 15 de novembro de 2007.

a) Un resumo da execución da subvención en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gastos.

b) Documentación acreditativa de realización do investimento ou gasto, que consistirá en orixinal e unha copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes de pagamento. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento posteriores ao 31 de decembro do exercicio correspondente.

c) De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de adquisición de material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, por importe superior a 12.000 euros, deberán achegarse:

-Tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

-Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

d) No caso dos custos de persoal, deberá achegarse:

-Certificación emitida polo responsable de persoal co visto e prace do xerente ou director do centro, en que se detalle e especifique a dedicación do persoal propio e contratado ao cumprimento os obxectivos establecidos no contrato-programa.

-Copia compulsada do contrato de traballo, no caso do persoal adicional contratado, con destino específico ao proxecto, na categoría laboral indicada na solicitude

e) No caso de gastos de viaxes relacionados coa execución do proxecto deberá achegarse unha certificación das viaxes realizadas, acompañada da documentación acreditativa de realización do gasto.

f) Certificación expedida pola entidade bancaria en que se sinale o número de conta do beneficiario onde se deba realizar o pagamento.

3. Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento posteriores ao 31 de decembro do exercicio correspondente.

4. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro de Innovación e Industria ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Innovación e Industria.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases haberá que aterse ao establecido no Marco Comunitario sobre axudas estatais de Investigación e Desenvolvemento e Innovación (2006/C 323/01), na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "20000D002P006.PDF"

Ver referencia pdf "20000D003P018.PDF"