DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 15 de outubro de 2007 Páx. 16.769

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 3 de outubro de 2007 pola que se convoca a realización das probas para a obtención dos certificados de profesionalidade en determinadas ocupacións.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, configúrase o marco normativo actual da formación profesional, e recolle como un dos seus fins avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional calquera que fose a forma de adquisición e sinala no seu artigo 8 que os certificados de profesionalidade teñen carácter oficial e validez en todo o Estado e que acreditan as correspondentes cualificacións profesionais a quen os obtivese.

O Real decreto 1506/2003, do 28 de novembro, polo que se establecen as directrices para a obtención dos certificados de profesionalidade expresa que as comunidades autónomas con competencias para a xestión do Plan nacional de formación e inserción profesional publicarán anualmente convocatorias de probas de certificación.

Pola súa parte a Orde TAS/470/2004, do 19 de febreiro, pola que se desenvolve o anterior real decreto, establece as condicións e o procedemento de expedición dos certificados de profesionalidade e no relativo ás probas establece que as persoas traballadoras que aspiren á obtención dun certificado de profesionalidade deberán facer as correspondentes probas de acceso que se realizarán en centros de formación, de traballo en outras entidades que dispoñan das instalacións adecuadas para tal fin de acordo cos requisitos establecidos no correspondente certificado de profesionalidade.

Neste marco normativo, esta orde quérelle dar cumprimento a unha importante demanda social, coa realización das probas para a obtención de certificados de profesionalidade en determinadas ocupacións da formación profesional ocupacional e establece as condicións básicas que estas deben reunir.

Por iso, en virtude do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica e a distribución de competencias da Consellería de Traballo e, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego de Formación Profesional, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten como obxecto convocar as probas, en determinadas ocupacións, para a obtención dun certificado de profesionalidade ou para a acreditación parcial dunha ou varias das súas unidades de competencia en convocatoria única para o ano 2007 na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Artigo 2º.-Prazas, certificados de profesionalidade, unidades de competencia e centros.

Convócanse 50 plazas para a obtención do certificado de profesionalidade en cada unha das ocupacións que se detallan no anexo I. Neste anexo recóllense as unidades de competencia pertecentes a cada certificado de profesionalidade que poden ser susceptibles de certificación individual así como os centros onde se levarán a cabo estas probas.

Por outra banda convócanse 300 plazas para a obtención do certificado de profesionalidade na ocupación de auxiliar de axuda a domicilio. No anexo II recóllense as unidades de competencia pertecentes a este certificado de profesionalidade que poden ser susceptibles de certificación individual así como os centros onde se levarán a cabo estas probas.

Independentemente das plazas sinaladas nos parágrafos anteriores, poderán inscribirse nestas probas, nas ocupacións de traballador forestal e mecánico de vehículos lixeiros, aquelas persoas que participando nas probas de certificación destas ocupacións convocadas no ano 2006, non obtivesen o certificado de profesionalidade completo e desexen obter a certificación da/s unidades de competencia que non superaron.

Artigo 3º.-Requisitos xerais e documentación para acceder á realización das probas.

1. Para acceder á realización das probas exíxense como requisitos xerais para todas as persoas solicitantes:

-Ser español, nacional dalgún dos países da Unión Europea ou nacional doutro dos estados signatarios do acordo sobre o espazo económico europeo ou estranxeiro con permiso de residencia e de traballo ou coa habilitación administrativa correspondente.

Os documentos a través dos cales deberá acreditarse a nacionalidade figuran no anexo IV desta orde.

-Ter 16 anos cumpridos.

-Presentar a solicitude no modelo normalizado que figura no anexo IV.

-Aboar unha taxa de 31,37 euros da cal quedan exentas as persoas traballadoras inscritas como desempregadas nas oficinas de emprego ou aquelas que acrediten unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 por cento. No caso do traballador desempregado deberá acreditar esta situación cunha copia da tarxeta de demanda de emprego, en situación de desemprego, e no caso de discapacidade co certificado ou resolución do organismo competente que acredite a dita discapacidade.

O pagamento da taxa deberase realizar a través do impreso de autoliquidación en calquera da entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para cubrir correctamente o referido impreso é necesario consignar os seguintes datos:

Consellería de Traballo: código 17.

Delegación de Servizos Centrais: código 13.

Servizo de Secretaria Xeral: código 01.

Taxa: denominación participación nas probas para a obtención do certificado de profesionalidade: código 304200.

2. Ademais destes requisitos xerais a persoa solicitante deberá cumprir algún dos seguintes requisitos:

A) Que mediante experiencia laboral lograse todas ou parte das competencias profesionais correspondentes ao perfil da ocupación cuxa certificación se solicite.

Esta experiencia laboral tería que ser realizada nos 10 años anteriores á publicación desta convocatoria, de forma ininterrompida ou alterna e contar polo menos, cun determinado número de anos de experiencia laboral que é a que se sinala para cada certificado de profesionalidade no anexo I e II desta resolución.

Para os efectos de comprobar este requisito deberá presentarse, segundo o caso:

a) Persoas traballadoras por conta allea:

-Un certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social onde conste a vida laboral, ou da mutualidade laboral a que estea afiliado, así como a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación.

-Certificación da empresa onde adquirira a experiencia laboral, en que conste especificamente a categoría, duración do contrato, a actividade desenvolvida e o período en que se desenvolven a dita actividade ou, de ser o caso, contrato de traballo en que figure a actividade desenvolvida

b) Persoas traballadoras por conta propia:

-Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou da mutualidade laboral en que estivese afiliado, onde conste o período de cotización no réxime especial de traballadores autónomos.

-Certificación de alta no imposto de actividades económicas e declaración responsable de non estar dado de baixa no dito imposto, segundo o modelo que figura no anexo V.

-Memoria descritiva, realizada polo interesado, das actividades desenvolvidas durante o exercicio profesional.

B) Que mediante outras vías non formais de formación lograse todas ou parte das competencias profesionais correspondentes ao perfil profesional da ocupación de que se solicita a certificación.

Para os efectos de comprobar este requisito deberá presentarse diploma ou certificación da entidade de formación onde consten os contidos e a duración. Este certificado ou diploma pode incorporar calquera tipo de información que poida servir para relacionalos coas actividades do sector profesional e do certificado de profesionalidade de que se quere obter a certificación ou acreditación dalgunha das súas unidades de competencia.

Artigo 4º.-Axudas e compensacións económicas.

1. As persoas participantes nas probas terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a estas.

2. No caso de persoas desempregadas, terán dereito á obtención das axudas de transporte, aloxamento e manutención. O seu importe, será o establecido para os alumnos participantes no Plan nacional de formación e inserción profesional regulado polo Real decreto 631/1993, do 3 de maio, e polo artigo 17 da Orde ministerial do 13 de abril de 1994, modificada pola Orde TAS/466/2002, do 11 de febreiro.

Artigo 5º.-Solicitude de acceso ás probas.

1. A solicitude para participar nas probas deberá formalizarse a través do modelo que figura no anexo IV, acompañada da documentación acreditativa correspondente, no prazo de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Boletín Oficial del Estado.

2. A solicitude poderá presentarse no rexistro da Consellería de Traballo, así como por calquera das formas establecidas polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro; de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A solicitude poderá realizarse por unidades de competencia ou polo certificado de profesionalidade completo e para unha soa ocupación.

4. Os aspirantes deberán acreditar estar en posesión dos requisitos establecidos no artigo 3º no momento que finalice o prazo de presentación de instancias.

5. A relación provisional das persoas solicitantes, con indicación de se cumpren ou non os requisitos que figuran no artigo 3º desta orde, quedará exposta no taboleiro de anuncios do centro onde se vai realizar a proba e na páxina web http://traballo.xunta.es, no prazo máximo de tres meses, desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

6. Os aspirantes poderán presentar, no mesmo centro, reclamacións e/ou emenda dos erros indicados na dita relación provisional no prazo de 10 días.

7. A relación definitiva de persoas solicitantes que cumpren os requisitos publicarase no taboleiro de anuncios do centro e na páxina web http://traballo.xunta.es.

Artigo 6º.-Admisión de candidatos.

1. Se o número de solicitudes excede as prazas ofertadas, farase unha selección de conformidade co baremo recollido no anexo III.

2. En caso de empate a selección farase por orden de entrada no rexistro. No caso de persistir o empate realizarase un sorteo.

3. A relación provisional de aspirantes seleccionados para realizar as probas exporase no taboleiro de anuncios do centro e na páxina web http://traballo.xunta.es no prazo de 10 días.

4. O aspirantes poderán presentar reclamacións a esta listaxe provisional no prazo de 10 días.

5. As listaxes definitivas de admitidos deberanse expor no taboleiro de anuncios do centro e na páxina web http://traballo.xunta.es.

6. Ante esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Traballo no prazo dun mes desde a publicación das listaxes definitivas.

7. Aqueles aspirantes que non fosen seleccionados ou fosen excluídos poderán solicitar, a devolución das taxas aboadas para a participación nas probas de acceso, de acordo co modelo que figura no anexo VI, ata o prazo máximo dun mes desde o día seguinte ao da publicación das listaxes definitivas de seleccionados.

Artigo 7º.-Comisións de avaliación.

1. Para cada ocupación a Dirección Xeral de Formación e Colocación nomeará comisións de avaliación.

2. Cada comisión de avaliación estará composta por tres profesionais expertos cunha experiencia laboral de polo menos cinco anos na ocupación nos últimos 10 anos, dos cales, ata dous, poderán acreditarse a través da docencia nesta.

En todo caso, estes expertos deberán estar en exercicio, polo menos un deles non debe ser docente e un deles actuará como presidente.

3. Cada comisión contará, ademais, cun secretario designado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, sen voto, encargado de destruír os cardernos das probas aplicadas e de remitir a acta á Administración convocante para que incorpore os resultados ao Rexistro Territorial e ao Rexistro Xeral do Servizo Público de Emprego Estatal.

4. As comisións de avaliación terán as seguintes funcións:

-Aplicar aos aspirantes as probas de certificación

-Redactar a acta final das probas que deberá estar asinada por todos os membros da comisión de avaliación e na que constará a relación de aspirantes que participaron nas ditas probas e a súa cualificación de apto ou non apto para cada unha das unidades de competencia do certificado de profesionalidade correspondente.

5. Os membros das comisións de avaliación recibirán, como compensación económica pola asistencia efectiva a estas, as cantidades que se fixan no anexo VI da Orde TAS /470/2004, do 19 de febreiro, pola que se desenvolve o Real decreto 1506/2003, polo que se establecen as directrices sobre os certificados de profesionalidade.

Artigo 8º.-Características das probas.

1. O contido da proba terá como referente o real decreto polo que se establece o certificado de profesionalidade da ocupación correspondente, recollido nos anexos I e II.

2. Realizarase unha proba teórica e outra práctica para cada unha das unidades de competencia que compoñen os certificados de profesionalidade obxecto desta convocatoria.

3. As probas conterán en todo caso os contidos necesarios que permitan evidenciar que o aspirante acadou as distintas competencias que se especifican no certificado de profesionalidade ou na unidade de competencia correspondente.

Artigo 9º.-Calendario de celebración das probas.

O calendario de realización das probas para cada certificado de profesionalidade farase publico no taboleiro de anuncios de cada un dos centros que teña asignada a realización da proba e na páxina web http://traballo.xunta.es, no prazo dun mes desde a publicación das listas definitivas.

Artigo 10º.-Publicación dos resultados das probas.

1. A comisión de avaliación publicará os resultados da avaliación no taboleiro de anuncios do centro onde se realizase a proba e na páxina web http://traballo.xunta.es, de maneira que sexa facilmente accesible a todos os interesados. Contra os resultados provisionais desta avaliación poderán presentarse reclamacións ante a comisión de avaliación no prazo de 10 días.

2. A cualificación definitiva das probas publicarase no taboleiro de anuncios do centro e na páxina web http://traballo.xunta.es.

3. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante o director xeral de Formación e Colocación no prazo dun mes contado desde a publicación das cualificacións definitivas.

Artigo 11º.-Expedición e rexistro.

1. O certificado de profesionalidade expedirase a quen supere a totalidade das probas establecidas para a súa obtención.

2. A avaliación positiva dunha ou varias unidades de competencia dará dereito á súa acreditación a través de créditos ocupacionais.

3. A expedición dos certificados de profesionalidade e dos créditos ocupacionais correspóndelle á Consellería de Traballo e terá validez en todo o Estado.

4. Na Subdirección Xeral das Cualificacións da Consellería de Traballo existirá un rexistro onde se inscribirán os créditos ocupacionais e os certificados de profesionalidade. Este rexistro efectuarase de acordo co establecido na Orde TAS/470/2004 pola que se establecen as directrices sobre certificados de profesionalidade.

Artigo 12º.-Identificación do crédito orzamentario.

As accións realizadas no marco desta orde serán confinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Administración xeral do Estado, e farase con cargo á aplicación orzamentaria 16.03.241A.229.

Disposición adicional

En todo o non previsto nesta disposición será de aplicación o Real decreto 1506/2003, do 28 de novembro, polo que se establecen as directrices para a obtención dos certificados de profesionalidade e a Orde TAS/470/2004, do 19 de febreiro, pola que se desenvolve o anterior real decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para ditar as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2007.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

Ver referencia pdf "19900D009P025.PDF"