DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 15 de outubro de 2007 Páx. 16.766

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2007, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2008.

Segundo establece o artigo 34 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), os sorteos de permisos de pesca en coutos realizaranse nos servizos provinciais de Conservación da Natureza, segundo a normativa que fixe a Dirección Xeral de Conservación da Natureza para cada tempada.

De conformidade co anterior, as normas dos sorteos de permisos de pesca en coutos para a tempada 2008 serán as seguintes:

Número de sorteos.

En cada servizo provincial de Conservación da Natureza realizaranse dous sorteos, un para permisos de salmón e outro para permisos de troita, incluíndose neste último, de ser o caso, os permisos de reo, de pesca intensiva e de pesca sen morte. Deste xeito, o número total de sorteos será de oito.

Tipos de solicitudes.

Para cada sorteo, poderán presentarse solicitudes individuais ou en grupo, cun máximo de tres solicitantes por grupo.

Os impresos de solicitude estarán dispoñibles nos servizos provinciais de Conservación da Natureza, nesta dirección xeral ou na páxina web http://medioambiente.xunta.es/formularios.jsp.

Quen participe só poderá figurar nunha solicitude para cada un dos sorteos.

Presentación das solicitudes.

Poderán presentarse solicitudes escritas no modelo antes sinalado ou por medio dunha aplicación informática dispoñible na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/.

Na admisión de solicitudes aplicaranse as seguintes normas:

1. Solicitudes por escrito.

Presentaranse nun servizo provincial de Conservación da Natureza ou mediante calquera dos procedementos descritos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Tanto nas solicitudes individuais coma nas solicitudes en grupo, deberá figurar a sinatura de cada solicitante. Así mesmo, a cada solicitude xuntaráselle unha copia do DNI de cada solicitante.

Ás solicitudes presentadas dentro do prazo establecido pero que sexan recibidas polo servizo provincial logo do sorteo, asignaráselles un número de elección ao final da listaxe.

2. Solicitudes telemáticas.

Para o acceso ao formulario será necesario introducir o número de DNI e mais o da licenza de pesca fluvial, a vixente ou calquera outra de anos anteriores. Para solicitudes en grupo será preciso introducir tanto o número de DNI coma o da licenza da totalidade de participantes.

O enderezo para notificacións será o que figura na licenza.

3. Duplicidade de solicitudes nun mesmo sorteo.

O acceso ás solicitudes telemáticas quedará bloqueado logo de que estea rexistrada unha primeira solicitude.

No caso de que un mesmo DNI conste nunha solicitude telemática e mais nunha solicitude escrita, anularase a solicitude telemática.

No caso de que un mesmo DNI conste en varias solicitudes escritas, anularanse as máis antigas, prevalecendo sempre a última data de rexistro de entrada.

No caso de solicitudes en grupo, as anulacións afectarán unicamente a aqueles DNI repetidos.

Non se considerarán duplicidades cando as solicitudes presentadas teñan por obxecto diferentes sorteos.

4. Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución e rematará o 17 de novembro de 2007 ás 14.00 horas.

5. Consulta da admisión de solicitudes.

As solicitudes admitidas, logo da súa introdución na aplicación informática, poderán ser consultadas na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/. Para acceder á consulta será preciso introducir o número de DNI e mais o da licenza de pesca fluvial.

Realización dos sorteos.

En cada sorteo, as solicitudes numeraranse correlativamente, comezando polo 1, segundo a orde de entrada na aplicación informática.

Os sorteos serán públicos. En cada sorteo disporase dun conxunto de números coincidentes cos das solicitudes. Do conxunto de números extraerase un aleatoriamente. A solicitude que se corresponda co número extraído será a primeira en elixir, continuándose a elección por orde correlativa ata rematar a listaxe e seguir a partir do 1.

Os sorteos terán lugar nos servizos provinciais de Conservación da Natureza o día 14 de decembro de 2007 ás 12.00 da mañá.

Resultados dos sorteos.

Os resultados dos sorteos poderán consultarse na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/. Para acceder á consulta será preciso introducir o número de DNI e mais o da licenza de pesca.

Así mesmo, a cada solicitante notificaráselle o día e mais o rango horario en que poderá escoller os permisos. No caso de solicitudes en grupo só recibirá a notificación quen figure en primeiro lugar.

Elección de permisos.

Para a elección de permisos, os servizos provinciais establecerán grupos de coutos. A listaxe dos grupos de coutos será exposta no taboleiro de anuncios de cada servizo provincial e na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/. Xunto coas notificacións dos resultados dos sorteos remitirase unha copia desta listaxe.

Á hora da escolla, cada solicitante só poderá seleccionar dous permisos en cada grupo de coutos, dos cales só un poderá corresponderse cun sábado, domingo ou festivo. Nos sorteos de salmón de Lugo e Pontevedra só se poderá escoller un permiso por cada grupo de coutos.

Na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ poderá consultarse en tempo real o número de permisos dispoñibles en cada couto e para cada xornada de pesca.

A escolla poderá realizarse por calquera dos seguintes medios:

1. Persoalmente no servizo provincial que corresponda, na data e dentro do rango horario que se sinalen na notificación.

2. Mediante chamada telefónica ao número que se indique na notificación, na cal tamén se sinalarán a data e rango horario en que deberá realizarse esta chamada.

3. Directamente na páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/. Para acceder a este servizo deberase introducir o número de DNI, o número de licenza e unha clave subministrada para tal efecto xunto coa notificación do resultado dos sorteos. O servizo de reserva pola internet estará dispoñible para cada usuario na data e rango horario que se sinalen na notificación. Rematando o rango horario sen terse producido a escolla, o usuario non terá dispoñible o servizo durante os horarios de reservas telefónicas, é dicir, en xornadas laborables entre as 9.00 e as 14.00. Fóra destas horas, calquera usuario que non escollese na súa quenda poderá escoller de entre os permisos dispoñibles en cada momento.

Unha vez confirmada unha reserva por calquera dos medios previstos, non poderá ser modificada ou anulada polo solicitante.

Segunda venda de permisos.

Unha vez rematada a escolla, os permisos sobrantes e aqueles non retirados nos prazos fixados serán incluídos nun segundo proceso de escolla.

Xunto coa notificación dos resultados do sorteo facilitaranse as datas e a horas de comezo e remate da segunda venda.

As normas en canto aos grupos de coutos e ao número de permisos por grupo serán as mesmas que anteriormente.

O procedemento de escolla será unicamente a través da páxina web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/, cos mesmos requisitos de acceso que anteriormente. O servizo de reserva pola internet estará dispoñible para todos os participantes no sorteo a partir da data e hora de inicio.

Venda libre.

Os permisos non escollidos e aqueles non retirados nos prazos fixados serán postos á venda nos servizos provinciais de Conservación da Natureza ata 10 días naturais antes do comezo da tempada en cada couto de pesca. Para a adquisición destes permisos non será preciso ter participado no sorteo.

Manteranse as mesmas normas que no sorteo, non obstante, os límites en canto ao número de permisos por grupo serán diarios, de tal xeito que unha determinada persoa só poderá adquirir permisos unha vez ao día. O servizo de reserva pola internet estará dispoñible as 24 horas do día, logo de introducir o número de DNI e mais o da licenza de pesca.

Rematando o prazo anterior, os permisos dispoñibles poranse á venda de conformidade co disposto no artigo 35 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio).

Expedición de permisos.

No prazo de 10 días naturais, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha entidade bancaria e recollidos no servizo provincial.

En cada servizo provincial facilitaranse os impresos de liquidación de prezos públicos/privados, necesarios para o pagamento do importe dos permisos nas oficinas bancarias autorizadas. Así mesmo, estes impresos serán remitidos xunto coas notificacións dos resultados dos sorteos. Os permisos teñen carácter persoal e intransferible; cada titular de permisos debe realizar o pagamento individualmente, mesmo nos casos de solicitudes en grupo.

Nos casos en que non se retiren os permisos persoalmente, o pagamento deberá acreditarse remitíndolle por fax ao servizo provincial a copia para a Administración do impreso de liquidación debidamente formalizado. Nestes casos, os permisos serán remitidos por correo ao enderezo que conste na solicitude.

Outras normas.

A normativa de funcionamento dos coutos será a que estableza a orde anual que regula os períodos hábiles de pesca e normas relacionadas con ela nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2008. Os permisos serán outorgados con esta condición e sen que os posibles cambios na normativa poidan dar lugar a cambios de permisos, agás no caso concreto de que se prohiba a práctica da pesca na data ou no couto obtido.

Segundo o establecido no artigo 7.3º do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997), os permisos de pesca teñen carácter persoal e intransferible. Logo da expedición dun permiso, non se poderá anular nin transferir a outra persoa nin obter o reintegro do seu importe, agás no caso previsto no parágrafo anterior. En todo caso, cando proceda o reintegro do importe, será preciso presentar unha solicitude escrita á que se xunte unha copia do impreso de pagamento no que figuren os datos do titular do permiso.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2007.

Xosé Benito Reza Rodríguez

Director xeral de Conservación da Natureza