DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 15 de outubro de 2007 Páx. 16.752

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 5 de outubro de 2007 pola que se convocan os Premios Nacionais do Deporte Galego 2006/2007.

A Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, establece, no seu artigo 11, entre as competencias da Administración autonómica en relación co deporte, a de efectuar convocatorias de ámbito autonómico para outorgar premios, distincións e axudas á realización de actividades promotoras do deporte encamiñadas a mellorar a presenza do deporte galego nas distintas competicións ou manifestacións deportivas.

En cumprimento da citada disposición e coa finalidade de outorgar público testemuño de recoñecemento ás traxectorias máis destacadas nos diferentes ámbitos do deporte galego, convócanse os Premios Nacionais do Deporte Galego 2006/2007.

En exercicio das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

Convócanse os Premios Nacionais do Deporte Galego 2006/2007 nas seguintes modalidades:

Premio ao/á mellor deportista.

Premio ao/á mellor deportista discapacitado/a.

Premio ao mellor equipo.

Premio ao/á mellor xuíz/a-árbitro/a.

Premio ao/á mellor adestrador/a.

Premio ao mellor labor informativo.

Premio á mellor iniciativa en deporte escolar.

Premio á mellor iniciativa deportiva en deporte base.

Premio á mellor iniciativa en deporte tradicional.

Premio á revelación.

Premio á traxectoria no deporte.

O xurado determinará, de entre todos e todas os/as premiados/as, aquel ao que se lle atribuirá o Premio Nacional do Deporte Galego 2006/2007.

Así mesmo, cando concorran circunstancias excepcionais, o xurado poderá outorgar, por unanimidade e ata un máximo de tres, distincións excepcionais non previstas nas modalidades recollidas no punto primeiro desta orde.

Artigo 2º.-Candidatos/as.

1. Poderán ser candidatos/as a persoa, grupo de persoas, organismos públicos ou privados que se distinguisen pola súa especial achega ao deporte galego de acordo coas modalidades establecidas no artigo anterior.

As candidaturas deberán ser propostas polas federacións deportivas galegas, clubs ou asociacións deportivas e entidades locais ou por calquera outro organismo ou entidade pública ou privada relacionada co deporte galego. Os candidatos non poderán postularse a si mesmos.

2. Os membros do xurado poderán propoñer candidaturas aos premios.

Artigo 3º.-Documentación e prazos de presentación.

1. As candidaturas deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Solicitude, seguindo o modelo adxunto, na que se formula a candidatura e se sinalan as razóns que a motivan, con declaración expresa de aceptación destas bases.

-Datos de identificación e enderezo dos candidatos ou candidatas propostos en cada unha das modalidades.

A referida documentación poderá presentarse no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia (edif. administrativo de San Caetano, s/n 15781, Santiago de Compostela) ou no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Deporte.

Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de candidaturas será de quince días naturais contados desde o seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Xurado.

1. O xurado estará composto polos seguintes membros:

Presidenta: conselleira de Cultura e Deporte, quen poderá delegar no secretario xeral da Consellería de Cultura e Deporte.

Vicepresidenta: directora xeral para o Deporte.

Secretario: designado pola Consellería de Cultura e Deporte.

Vogais:

-Subdirector xeral para o Deporte.

-Xefes/as de servizo provinciais de Deporte (Pontevedra, A Coruña, Lugo e Ourense).

-Dous/dúas deportistas de recoñecido prestixio, nomeados/as pola conselleira de Cultura e Deporte.

2. A actividade do xurado non será retribuída, sen prexuízo do dereito a percibir indemnizacións xeradas polos gastos derivados de desprazamentos para asistir ás reunións e aos actos organizados con motivo deste, nos termos previstos no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

3. O réxime xurídico para a constitución e funcionamento do xurado será o establecido no capítulo segundo do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O acordo do xurado no que outorgue os diferentes premios será publicado na web www.deportegalego.eu.

Artigo 5º.-Entrega de premios.

1. A Consellería de Cultura e Deporte organizará unha gala de entrega dos Premios Nacionais do Deporte Galego 2006/2007, na que se lles fará entrega aos galardoados, en cada unha das modalidades, dun trofeo conmemorativo e dun diploma acreditativo do galardón outorgado.

2. A entrega dos premios realizarase nun acto de carácter público institucional.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2007.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

Ver referencia pdf "19900D003P008.PDF"