DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 15 de outubro de 2007 Páx. 16.750

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de setembro de 2007 pola que se declara de interese galego a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura e se inscribe no Rexistro Auxiliar de Fundacións deste protectorado.

Visto o expediente tramitado por instancia da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura para a súa declaración de interese galego e a conseguinte inscrición no Rexistro Auxiliar de Fundacións de Interese Galego.

Resultando que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola súa Orde do 26 de xullo de 2007, Diario Oficial de Galicia do 7 de agosto, clasificou de interese galego a devandita fundación e adscribiuna á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en virtude da correspondente escritura pública de constitución do 24 de maio de 2007.

Atendendo a que a referida escritura pública de constitución contén os estatutos da fundación cos requisitos exixidos polo artigo 12 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Considerando que os fins, a dotación fundacional e os demais elementos organizativos e normas reguladoras da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura cumpren cos requisitos e condicións establecidos pola mencionada Lei 12/2006, así como polas normas de xeral aplicación que determina a Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións.

Considerando que este expediente o promoveron persoas lexitimadas para iso, e que na súa tramitación se cumpriron os requisitos legais e regulamentarios exixidos, tanto pola lexislación autonómica vixente en materia de fundacións de interese galego coma polas normas básicas estatais de xeral aplicación.

Esta consellería, consonte o disposto no artigo 32.3º do regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e logo do informe da asesoría xurídica deste departamento,

RESOLVE:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura e inscribir a escritura pública da súa constitución no Rexistro Auxiliar de Fundacións deste protectorado, de conformidade co disposto nos artigos 52.4º, 54 e 55 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e cos efectos previstos no artigo 5 desta lei.

Segundo.-Esta disposición, que pon fin á vía administrativa de acordo co establecido no artigo 109 c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá ser recorrida potestativamente mediante recurso de reposición no prazo dun mes ante a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben impugnada directamente ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria