DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 10 de outubro de 2007 Páx. 16.586

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 193/2007, do 4 de outubro, polo que se regulan os termos da xestión do treito Alto de Santo Domingo-enlace de Cea, da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52.

A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos fundamentais a mellora da ordenación do territorio da comunidade autónoma. Para acadar tal obxectivo, cómpre dotar a Galicia dunha ampla rede de infraestruturas viarias, que actúen como elementos vertebradores do territorio.

Por outra banda, o Goberno autonómico persegue impulsar o desenvolvemento económico equilibrado e sostible de Galicia, reforzando a cohesión socio-territorial para corrixir os desequilibrios internos, favorecendo a dinamización das zonas con menor desenvolvemento económico en Galicia. Para acadar este obxectivo xenérico a Xunta de Galicia ten os obxectivos específicos de priorizar o investimento en infraestruturas, impulsar o desenvolvemento do tecido económico e empresarial endóxeno e o desenvolvemento de turismo sostible de xeito diferenciado respecto a outras comarcas máis favorecidas.

Considerando como eixe fundamental a rede que une Santiago de Compostela e Ourense, adoptáronse os mecanismos necesarios para establecer a colaboración entre as diferentes administracións.

Tras o acordo entre as administracións autonómica e central para a construción dunha autoestrada entre Santiago de Compostela e Ourense, o Ministerio de Fomento abordou a execución dun primeiro treito entre Santiago de Compostela e o Alto de Santo Domingo, asumindo a Xunta de Galicia a execución do treito restante desde o Alto de Santo Domingo ata a conexión coa autovía A-52. Con este obxecto, creouse a Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A., Aceousa, e, mediante o Decreto 432/2003, do 5 de decembro, regulouse a construción, explotación e conservación e os termos da xestión por aquela sociedade do treito cuxa construción asumira a Administración autonómica.

Este decreto ten por obxecto a aprobación das tarifas no mesmo importe que as establecidas para o treito de autoestrada de titularidade estatal, entre Santiago de Compostela e o Alto de Santo Domingo, o que permite asegurar a adecuación daquelas a prezos de mercado, ademais de manter a necesaria coherencia da actuación da Administración autonómica coa estatal, todo isto no marco dos acordos subscritos no seu día.

Por outra parte, e ante a próxima entrada en funcionamento do primeiro treito da autoestrada autonómica, o que vai do Alto de Santo Domingo ao enlace de Cea, faise preciso regular un réxime específico que permita a asunción pola Administración autonómica das peaxes establecidas para o devandito treito. E isto sen prexuízo da posterior adopción das medidas que, por proposta das consellerías de Economía e Facenda e de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, se estimen oportunas para regular con carácter definitivo o modelo de xestión da autoestrada e a modificación do Decreto 432/2003 e a dos instrumentos de colaboración subscritos coa Administración xeral do Estado e coa sociedade Aceousa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de outubro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbanse as tarifas de aplicación no treito Alto de Santo Domingo-enlace de Cea, correspondente á autoestrada de titularidade autonómica entre Alto de Santo Domingo e a A52:

Vehículos lixeiros: 0,0729 €/km, máis IVE.

Vehículos pesados 1 0,1229 €/km, máis IVE.

Vehículos pesados 2 0,1457 €/km, máis IVE.

Artigo 2º

No treito da autoestrada Alto de Santo Domingo, enlace de Cea, a sociedade pública Aceousa percibirá como ingresos propios as contías que se deriven da aplicación das tarifas aprobadas pola Administración ao percorrido efectivo realizado polos usuarios. As devanditas contías serán aboadas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, non sendo, pois, de aplicación o pagamento da peaxe por parte dos usuarios. Neste termos, este decreto modifica o Decreto 432/2003, unicamente no extremo citado, mantendo vixente o resto das súas previsións.

Disposición adicional

As consellerías de Economía e Facenda e de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, logo de realización dos correspondentes estudos, elevaranlle ao Consello da Xunta de Galicia unha proposta conxunta de medidas dirixidas a regular, con carácter definitivo, o modelo de xestión da autoestrada Alto de Santo Domingo-A52, e da modificación do Decreto 432/2003 e dos instrumentos de colaboración subscritos coa Administración xeral do Estado e coa sociedade Aceousa.

Disposición transitoria

En tanto non se subscriba un novo intrumento de colaboración coa sociedade Aceousa, que desenvolva o previsto na disposición adicional, será de aplicación o convenio vixente en todos aqueles aspectos que non contradigan o establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de outubro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes