DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Martes, 09 de outubro de 2007 Páx. 16.413

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2007, da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificada pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta secretaría dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2007.

A. Javier Ferreira Fernández

Secretario xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei de Galicia 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, na súa reunión do día 24 de setembro de 2007, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro.-De conformidade coas negociacións previas realizadas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, do 20 de marzo de 2007, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas sobre a Lei de Galicia 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais, ambas as dúas partes acordan o seguinte:

A Xunta de Galicia comprométese a interpretar o disposto no artigo 8.3º da Lei de Galicia 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais, no sentido de que o deber de adiantar o peche dos establecementos comerciais e de permanecer pechados os días a que se refire este artigo é un deber que se enmarca, tanto na necesaria conciliación da vida familiar e persoal que lles corresponde ás empresas comerciais, como no réxime de liberdade de horarios recollido na Lei 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais. O Goberno de Galicia manifesta a súa intención de promover as medidas oportunas para o cumprimento deste deber por parte das empresas.

Segundo.-Publicar este acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro.-Comunicarlle este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2º da Lei orgánica do Tribunal Constitucional.

Madrid, 24 de setembro de 2007.

Elena Salgado Méndez Anxo Manuel Quintana González

Ministra de Administracións Vicepresidente da Igualdade

Públicas e do Benestar